DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44251

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Paraño Oeste, sito nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense) e promovido por Eólica Galenova, S.L.U. (expediente IN661A DXIEM-02/11).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólica Galenova, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Paraño Oeste (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 50 MW, promovido por Torre de Hércules, S.L.

Segundo. O 22.6.2011, Torre de Hércules, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 29.11.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 21 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 41, do 28 de febreiro).

Cuarto. Pola Resolución do 8 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros, do parque eólico Paraño Oeste (DOG núm. 163, do 28 de agosto).

Quinto. Mediante a Resolución do 7 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do parque eólico Paraño Oeste a favor de Eólica Galenova, S.L.U. (en diante, a promotora).

Sexto. O 16.11.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial para o proxecto do parque eólico Paraño Oeste. Posteriormente, o 1.3.2021, o 3.3.2021 e o 4.3.2021, a promotora achegou documentación complementaria.

A modificación consistiu en esencia na substitución do modelo de aeroxerador previsto no proxecto. Deste modo, o parque eólico estaría constituído por 14 aeroxeradores SG 3.4-132 cunha potencia nominal unitaria 3.550 kW, o que supón unha potencia total instalada de 49,7 MW.

Sétimo. O 6.5.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación, a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de xuño de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o referido parque eólico e, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 27 de xullo de 2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Noveno. O 23.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Paraño Oeste e das súas infraestruturas de evacuación.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región, todos eles do 5 de outubro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Beariz), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo primeiro. En vista da Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, pola Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región, todos eles do 10.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Beariz e Forcarei), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo segundo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Beariz, Concello de Forcarei, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Siemens Gamesa.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Cellnex Telecom, S.A. o 20.10.2021, Concello de Beariz o 21.10.2021, Concello de Forcarei o 26.10.2021 e o 25.4.2022, Retegal, S.A. o 8.10.2021, servizos de Montes de Pontevedra o 10.12.2021 e de Ourense o 16.12.2021, remitidos pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

O informe do Servizo de Montes de Ourense fixo referencia a unha posible afección a un punto de auga para a extinción de incendios forestais con medios aéreos que se atopa no monte de Fixó e Pardesoa, a menos de 500 m do aeroxerador núm. 13, cerca do límite co monte de Alén. Asemade, tanto o Servizo de Montes de Ourense coma o de Pontevedra consideraron que o proxecto debería contar co informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

O 7.12.2021 a Dirección Xeral de Defensa do Monte, recibido o informe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da provincia de Ourense, emitiu informe favorable sobre a realización do proxecto construción do parque eólico Paraño Oeste.

Os concellos de Beariz e Forcarei, ademais do condicionado no seu caso, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (utilidade pública do proxecto, plan sectorial eólico de Galicia, declaración do interese autonómico do proxecto, entre outros). A promotora deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, hai que indicar que hai cuestións que pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver), e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución é dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Paraño Oeste declarado iniciativa empresarial prioritaria, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos é de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 29.10.2021, a Xefatura Territorial de Ourense emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico. Así mesmo, o 27.4.2022 a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo cuarto. O 10.10.2022, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo quinto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Beariz, Concello de Forcarei, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 15.7.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, no cambio de trazado en diversos tramos dos vieiros do parque eólico, achegando a correspondente documentación para a súa avaliación.

Cumprida a tramitación ambiental, o 16.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 16 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 229, do 1 de decembro).

Décimo sexto. O 18.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida coa configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sétimo. O 1.2.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida a que fai referencia o antecedente de feito anterior, xunto cunha declaración responsable en que indica a non presentación de novas separatas técnicas refundidas en canto que as modificacións durante a tramitación da declaración de impacto ambiental non introducen aspectos relevantes respecto aos condicionados técnicos xa emitidos.

Décimo oitavo. O 8.3.2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra requiriu á promotora o correspondente visado para a autorización administrativa de construción, presentando, o 10.3.2023, o proxecto de execución refundido do parque eólico Paraño Oeste e conexión de evacuación. Xaneiro 2023, asinado o 9.3.2023 por Juan José González Fernández e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 10.3.2023, co núm. 20230692.

Décimo noveno. O 15.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo. O 21.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 29.6.2020 e do 22.12.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG núm. 92, do 15 de maio), pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.11.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse os informes sectoriais das administracións afectadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Federación Ecoloxista Galega.

No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situados na súa contorna, en tramitación ou explotación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

2. No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluídas liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Paraño Oeste comparte infraestruturas de evacuación con parques eólicos que xa están en explotación, o que supón unha significativa redución dos impactos ambientais xerados, en comparación cos posibles impactos resultantes se se implantasen novas infraestruturas específicas na súa totalidade para o parque eólico Paraño Oeste.

3. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, os servizos de Montes de Pontevedra e Ourense emitiron informe con datas 10.12.2021 e 16.12.2021, respectivamente, en que establecen o correspondente condicionado para o desenvolvemento do proxecto con respecto á normativa aplicable en materia de montes e forestal. Así mesmo, os servizos de Montes de Ourense e de Pontevedra emitiron, con datas 16.12.2021 e 14.1.2022 respectivamente, o certificado de aproveitamentos de masas forestais do proxecto do parque eólico Paraño Oeste.

En todo caso, en relación coa posible compatibilidade ou prevalencia entre aproveitamentos de montes, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de concorrencia de utilidades ou interese público e trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia a realización dos trámites correspondentes e a resolución que teña lugar, conforme o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, dentro do procedemento de tramitación da declaración de utilidade pública a que fai referencia.

4. Igualmente, as alegacións de carácter urbanístico propias do procedemento polo que se aproba o proxecto sectorial do parque eólico como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23.6.2021, onde se indica que todas as posicións cumpren coa distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

5. En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, afeccións que en ningún caso se estenden a toda a poligonal do parque. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

6. Respecto ás alegacións sobre que se trata dun procedemento de gran complexidade técnico-xurídica, o que provoca unha feble posición dos particulares afectados respecto dos dereitos de participación nel, a falta de información, difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado nos antecedentes de feito décimo e décimo primeiro, nos cales se recolle a publicación efectuada durante o trámite de información pública.

Así mesmo, o acordo da xefatura territorial recollido no dito antecedente, e a documentación obxecto da información pública, estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense), así como na Xefatura Territorial de Pontevedra, na Xefatura Territorial de Ourense, na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

7. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

8. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

9. No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

10. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

11. Ao respecto da alegación vinculada á preservación da nitidez e calidade da imaxe (seeing) no contorno do observatorio astronómico Forcarei, está sen concretar o grao de afección. Entre os potenciais efectos medibles sobre o ambiente, no estudo de impacto ambiental do proxecto inclúese o estudo específico ao impacto acústico do proxecto. Anexo 2. Relativo ao estudo acústico parque eólico Paraño Oeste. Conforme a Lei 1367/2007 e o Decreto 1367/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, ao respecto dos límites da zonificación acústica compróbase que os niveis rexistrados no punto de control establecido na dirección onde se sitúa o observatorio son inferiores aos valores admisibles na normativa. Cómpre sinalar que a distancia e a orografía do lugar favorecen a súa redución.

12. No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

13. En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Paraño Oeste, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo quinto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Paraño Oeste, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo este documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Paraño Oeste.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Paraño Oeste, sito nos concellos de Beariz (Ourense) e Forcarei (Pontevedra) e promovido por Eólica Galenova, S.L.U., para unha potencia de 49,7 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Paraño Oeste, composto polo documento Proxecto de execución refundido do parque eólico Paraño Oeste e conexión de evacuación. Xaneiro 2023, asinado o 9.3.2023 por Juan José González Fernández e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 10.3.2023, co núm. 20230692.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eólica Galenova, S.L.U.

Domicilio social: Paseo de la Castellana, 140, 6º C, 28046 Madrid.

Denominación: parque eólico Paraño Oeste.

Potencia instalada: 49,7 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 49,7 MW.

Produción neta estimada: 145,96 Gwh/ano.

Concellos afectados: Beariz (Ourense) e Forcarei (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 36.190.797 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

557.387,00

4.706.785,00

B

554.875,00

4.705.698,00

C

554.875,00

4.705.138,00

D

556.976,00

4.702.069,00

E

558.041,00

4.702.069,00

F

560.564,00

4.706.591,00

G

560.375,00

4.706.785,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PÑW-01

559.212,00

4.706.482,00

PÑW-04

558.401,00

4.706.524,00

PÑW-05

558.210,00

4.705.869,00

PÑW-06

558.374,00

4.705.532,00

PÑW-07

558.318,00

4.705.033,00

PÑW-08

558.249,00

4.704.503,00

PÑW-09

558.125,00

4.703.764,00

PÑW-10

558.187,00

4.703.393,00

PÑW-11

557.551,00

4.705.206,00

PÑW-13

556.402,00

4.705.369,00

PÑW-14

556.139,00

4.704.287,00

PÑW-15

556.354,00

4.704.028,00

PÑW-16

556.573,00

4.703.745,00

PÑW-17

556.810,00

4.703.506,00

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre

meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM1

558.985,00

4.706.700,00

TM2

558.133,00

4.703.119,00

Coordenadas da subestación:

SET

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Transformador

556.576,00

4.703.609,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 14 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG 3.4-132, de 3.550 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de torre de 114 metros e cun diámetro de rotor de 132 metros.

– 14 centros de transformación, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, formados por transformadores de 3.900 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,69/30 kV, celas de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede subterránea a 30 kV, con condutor tipo RHZ1 18/30kV Al, para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e a subestación transformadora 30/220 kV.

– Dúas torres meteorolóxicas de 120 m de altura.

– Subestación transformadora 30/220 kV, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 50/55 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV, equipos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Conexión da subestación transformadora 30/220 kV do parque eólico coa LAT 220 kV sub. Albarellos a P.E. Cando (liña existente que discorre próxima ao parque eólico), entre os seus apoios 41 e 42, mediante a instalación dun apoio intermedio denominado N2 e un van aéreo destensado entre este e un apoio de paso aero-subterráneo denominado N1, do que partirá un tramo subterráneo ata a subestación transformadora 30/220 kV do parque eólico. Desta forma, o van 41-42 da LAT 220 kV Sub. Albarellos a P.E. Cando quedará dividido en dous vans: 41-N2 (201,61 m) e N2-42 (210,96 m). O novo apoio N2 será un apoio de aliñación-amarre.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólica Galenova, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 270.460 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.13 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán, dentro do seu respectivo ámbito territorial, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais