DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44271

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Paraño Oeste, sito nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense) e promovido por Eólica Galenova, S.L.U. (expediente IN661A DXIEM-02/11).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Paraño Oeste.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Paraño Oeste, sito nos concellos de Beariz (Ourense) e Forcarei (Pontevedra), para unha potencia de 49,7 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólica Galenova, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 270.460 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.13 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán, dentro do seu respectivo ámbito territorial, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 50 MW, promovido por Torre de Hércules, S.L.

2. O 22.6.2011, Torre de Hércules, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

3. O 29.11.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 21 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 41, do 28 de febreiro).

4. Pola Resolución do 8 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros, do parque eólico Paraño Oeste (DOG núm. 163, do 28 de agosto).

5. Mediante a Resolución do 7 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do parque eólico Paraño Oeste a favor de Eólica Galenova, S.L.U. (en diante, a promotora).

6. O 16.11.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial para o proxecto do parque eólico Paraño Oeste. Posteriormente, o 1.3.2021, o 3.3.2021 e o 4.3.2021, a promotora achegou documentación complementaria.

A modificación consistiu en esencia na substitución do modelo de aeroxerador previsto no proxecto. Deste modo, o parque eólico estaría constituído por 14 aeroxeradores SG 3.4-132 cunha potencia nominal unitaria 3.550 kW, o que supón unha potencia total instalada de 49,7 MW.

7. O 6.5.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación, a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de xuño de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o referido parque eólico e, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 27 de xullo de 2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

9. O 23.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

10. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Paraño Oeste e das súas infraestruturas de evacuación.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región, todos eles do 5 de outubro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Beariz), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

11. En vista da Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, pola Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región, todos eles do 10 de marzo de 2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Beariz e Forcarei), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

12. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Beariz, Concello de Forcarei, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Siemens Gamesa.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Cellnex Telecom, S.A. o 20.10.2021, Concello de Beariz o 21.10.2021, Concello de Forcarei o 26.10.2021 e o 25.4.2022, Retegal, S.A. o 8.10.2021, servizos de Montes de Pontevedra o 10.12.2021 e de Ourense o 16.12.2021, remitidos pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

O informe do Servizo de Montes de Ourense fixo referencia a unha posible afección a un punto de auga para a extinción de incendios forestais con medios aéreos que se atopa no monte de Fixó e Pardesoa, a menos de 500 m do aeroxerador núm. 13, cerca do límite co monte de Alén. Asemade, tanto o Servizo de Montes de Ourense coma o de Pontevedra consideraron que o proxecto debería contar co informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

O 7.12.2021, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, recibido o informe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da provincia de Ourense, emitiu informe favorable sobre a realización do proxecto construción do parque eólico Paraño Oeste.

Os concellos de Beariz e Forcarei, ademais do condicionado no seu caso, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (utilidade pública do proxecto, plan sectorial eólico de Galicia, declaración do interese autonómico do proxecto, entre outros). A promotora deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, hai que indicar que hai cuestións que pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver), e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución é dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Paraño Oeste declarado iniciativa empresarial prioritaria, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos é de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

13. O 29.10.2021, a Xefatura Territorial de Ourense emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico. Así mesmo, o 27.4.2022 a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

14. O 10.10.2022, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

15. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Beariz, Concello de Forcarei, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 15.7.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, no cambio de trazado en diversos tramos dos vieiros do parque eólico, achegando a correspondente documentación para a súa avaliación.

Cumprida a tramitación ambiental, o 16.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 16 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 229, do 1 de decembro).

16. O 18.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida coa configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

17. O 1.2.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida a que fai referencia o antecedente de feito anterior, xunto cunha declaración responsable en que indica a non presentación de novas separatas técnicas refundidas en canto que as modificacións durante a tramitación da declaración de impacto ambiental non introducen aspectos relevantes respecto aos condicionados técnicos xa emitidos.

18. O 8.3.2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra requiriu á promotora o correspondente visado para a autorización administrativa de construción, presentando, o 10.3.2023, o proxecto de execución refundido do parque eólico Paraño Oeste e conexión de evacuación. Xaneiro 2023, asinado o 9.3.2023 por Juan José González Fernández e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 10.3.2023, co núm. 20230692.

19. O 15.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

20. O 21.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 29.6.2020 e do 22.12.2020.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais