DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44280

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a memoria preliminar do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga.

A Carballa da Rocha declarouse monumento natural mediante o Decreto 45/2007, do 1 de marzo.

Este espazo protexido está situado no concello de Rairiz de Veiga, en plena comarca da Limia, na provincia de Ourense. Inclúe tanto a Carballa da Rocha, fermoso exemplar de Quercus robur L., que acada os 31,3 m de altura, coma outros carballos de tamén notorias dimensións que a acompañan, e conta cunha superficie de 0,64 hectáreas.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que foran expresamente declarados como tales.

Segundo indica o artigo 59 da mesma lei, os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio, denominado plan de xestión, no que se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

Finalmente, a disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece que a tramitación dos plans de xestión de espazos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non teñan iniciado a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei realizaranse, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose os contidos dos instrumentos de planificación ao previsto no artigo 60.1. O instrumento de planificación será aprobado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

O día 7 de xullo de 2023 a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o Acordo de inicio para a elaboración do plan de xestión deste monumento natural.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se realizará unha consulta pública a través do portal web da Administración competente, na cal se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca a:

a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Os obxectivos da norma.

d) As posibles solucións alternativas regulamentarias e non regulamentarias.

En relación cos problemas que pretende solucionar, o plan de xestión, tras un diagnóstico da situación actual do monumento natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir o espazo. O plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a súa declaración como espazo protexido.

Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro

Abrir un período de participación ao público da memoria preliminar do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo

Durante o citado prazo poderase consultar a memoria preliminar do Plan na seguinte ligazón do Portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas?langId=gl_ES

Así como na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. Alegacións

As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Memoria preliminar do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha».

2. Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural