DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44225

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo), promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/040).

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Galenergy, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Maxal, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 12.6.2019, a promotora Galenergy, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo).

Segundo. Con data do 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, a Lei 8/2009). O 29.7.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. Con data do 19.5.2020, esta dirección xeral procedeu a solicitar os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme á Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Cuarto. Con data do 25.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 22.6.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

Sexto. Con data do 2.9.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental xunto coas consultas realizadas, emitido aos efectos de que realicen o correspondente estudo de impacto ambiental o que fai referencia o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Sétimo. O 23.12.2020 a promotora, Galenergy, S.L. presentou o estudo de impacto ambiental, atendendo ao recollido no documento de alcance emitido.

Oitavo. Con data do 15.1.2021 a promotora, Galenergy, S.L. solicitou a declaración de utilidade pública.

Noveno. Mediante Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Maxal, emprazado nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/40).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.3.2021 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 5.3.2021. Así mesmo, remitiuse para a exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Rodeiro, Antas de Ulla e Taboada) e permaneceu exposto nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación) e das súas xefaturas territoriais de Pontevedra e de Lugo, e na Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión, S.A., Enerfín, Augas de Galicia, Concello de Antas de Ulla, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Pontevedra e Deputación Provincial de Lugo.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Retegal, S.A., o 7.3.2021; Augas de Galicia, o 17.3.2021; Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o 8.11.2021; Deputación Provincial de Pontevedra, o 10.5.2021, e Deputación Provincial de Lugo, o 11.3.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto, de non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con data do 14.12.2021, a promotora remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 2.12.2021 para a instalación do parque eólico, que estableceu as correspondentes condicións.

Décimo segundo. O 2.6.2022, Galenergy, S.L. presentou os documentos definitivos adaptados, de acordo co prescrito no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e as modificacións introducidas consisten basicamente nos desprazamentos dos aeroxeradores (MX01, MX04, MX05) e da torre de medición, cambios das infraestruturas asociadas, modificación dos accesos aos aeroxeradores MX01 e MX02, motivadas polos informes sectoriais durante a tramitación.

Décimo terceiro. O 23.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo cuarto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada e Concello de Antas de Ulla.

Cumprida a tramitación ambiental, o 24.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 25 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

Décimo quinto. Con data do 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución refundido e as separatas técnicas, así como os arquivos shape e Excel coa configuración definitiva do parque eólico, resultantes como consecuencia das diversas condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. Con data do 31.1.2023, Galenergy S.L presentou a súa resposta ao requirimento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais achegando unha declaración responsable sobre a non necesidade de elaboración ou modificación de ningunha das separatas dos organismos afectados que emitiron informes durante o proceso de información pública, e declarou que para as seguintes empresas e organismos non se modifican as afeccións respecto das condicións xa emitidas durante o proceso de información pública e, por tanto, non e necesario solicitar un novo informe sobre as condicións técnicas: Concello de Antas de Ulla, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada, Retevisión, Retegal, Deputación Provincial de Pontevedra, Deputación Provincial de Lugo, Augas de Galicia, Enervento (Enerfín, Grupo Elecnor), Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Asemade, contesta que o resto da documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo segundo foi presentada o 2.6.2022.

Décimo sétimo. O 23.2.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo oitavo. Con data do 10.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

Décimo noveno. Con data do 20.3.2023, Galenergy, S.L presentou o proxecto do parque recollido no antecedente de feito décimo segundo con visado do proxecto de execución, coa seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico Maxal, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado núm. 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co núm. 20230793.

Vixésimo. O 30.3.2023, os servizos de Enerxía e Minas das xefaturas territoriais de Lugo e de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron informe sobre o proxecto refundido do parque eólico recollido no antecedente de feito décimo noveno, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW, segundo os informes do xestor da rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo); no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Maxal con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW, ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos e das liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou de distintos promotores, mesmo compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013, cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, compre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, compre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Compre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 24.11.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun Plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio.

As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico.

En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta con informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo recollidos nos antecedentes.

No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 10.3.2023, recóllese que unha vez comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do concello de Rodeiro, aprobado definitivamente o 2.3.2009; as normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada do 26.7.1994; a delimitación de solo urbano do 14.3.1977 e as cinco delimitacións de núcleo rural do concello de Antas de Ulla) e as coordenadas dos nove aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito oitavo, no cal se recollen as diferentes publicacións da Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Maxal, situado nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo) e promovido por Galenergy, S.L.

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos (Rodeiro, Antas de Ulla e Taboada) e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nas xefaturas territoriais de Lugo e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial e na propia Vicepresidencia Primeira.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Ás alegacións relacionadas coa titularidade e coas características dos bens e dereitos afectados (localización, extensión, tipo de aproveitamentos,...), así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas, durante o procedemento expropiador fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 24.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Maxal, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 24.11.2022, e recollida no antecedente décimo cuarto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Maxal, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Maxal.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental:

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo), promovido por Galenergy, S.L., para unha potencia de 40,5 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Maxal, composto polo documento do proxecto de execución do parque eólico Maxal, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado núm. 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co núm. 20230793.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Galenergy, S.L.

Enderezo social: avda. Compostela, 11, entresollado, 27200 Palas de Rei (Lugo).

Denominación: parque eólico Maxal.

Potencia instalada: 40,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 40,5 MW.

Produción neta: 120.722 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.981 h.

Concellos afectados: Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo).

Orzamento de execución material: 43.972.501,74 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

588.100

4.733.500

b

588.100

4.728.100

c

594.000

4.728.100

d

594.000

4.729.500

e

590.500

4.733.500

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

MX01

589.415,00

4.731.778,00

MX02

589.797,00

4.732.480,00

MX03

591.150,00

4.730.575,60

MX04

591.471,00

4.731.114,00

MX05

588.461,20

4.729.651,10

MX06

591.397,00

4.728.842,00

MX07

592.786,00

4.729.181,00

MX08

593.033,60

4.728.874,80

MX09

593.675,40

4.729.099,90

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

592.439,00

4.729.062,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET Maxal

591.067,00

4.729.074,00

Coordenadas da envolvente da subestación:

Envolvente subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

591.110,33

4.729.143,33

P2

591.143,07

4.729.105,54

P3

591.067,49

4.729.040,06

P4

591.034,75

4.729.077,85

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 9 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG 4.5-145 de 4.500 kW de potencia nominal unitaria cunha altura de buxa de 127,5 metros e cun diámetro de rotor de 145 metros.

– 9 centros de transformación, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, formados por transformadores de 5.500 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,69/30 kV, celas de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV, con condutor tipo HEPRZ1 18/30 kV Al + H16/25, para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e a subestación transformadora 30/132 kV.

– Subestación transformadora 30/132 kV, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 45/50 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV, equipamentos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 127,5 metros de altura.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica, subestación, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galenergy, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 327.153 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás que a promotora deberá, previamente ao inicio das obras, elaborar documentación para dar cumprimento ao requirido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e obter o informe favorable da dita dirección xeral.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicións e cos informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou na norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 24.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo cuarto, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais