Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2023 Páx. 43541

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama, sito nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña) e promovido por Green Stone Renewable IV, S.L. (expediente IN408A 2020/076).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Meirama, sito no concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña) e promovido por Green Stone Renewable IV, S.L., para unha potencia de 21 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Stone Renewable IV, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 205.661 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado ou autorización da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 19.1.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.4, 4.1.5 e 4.1.6 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderá dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Primeiro. O 18.5.2020, Green Stone Renewable IV, S.L. solicitou a autorización administrativa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 22.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos dos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, da súa solicitude. O 25.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos

Terceiro. O 29.12.2020, remitiuse ao órgano ambiental o documento de inicio ambiental presentado polo promotor. O 25.3.2021, finalizado o período de consultas, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de novembro.

Cuarto. O 16.3.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 22.11.2021, Green Stone Renewable IV, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009.

Sexto. O 6.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sétimo. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Oitavo. O 10.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Meirama á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, Xefatura Territorial) para continuar a tramitación.

Noveno. Mediante o Acordo do 27 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Meirama, denominado para os efectos de tramitación Meirama (76), nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.11.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cerceda e A Laracha), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Cerceda, Concello da Laracha, Telefónica de España, S.A.U., Reganosa, Energías de Portugal, Nedgia, UFD, ADIF, Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Red Eléctrica de España, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 26.12.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 17.11.2022 e o 2.1.2023, Concello de Cerceda o 28.11.2022, Telefónica de España, S.A.U. o 24.11.2022, Reganosa o 25.11.2022, Nedgia, S.A. o 14.12.2022 e o 21.3.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 22.12.2022, ADIF o 30.11.2022, AEMET o 30.11.2022 e Red Eléctrica de España, S.A. o 22.12.2022.

Augas de Galicia informou das afeccións á zona de servidume por parte de determinados elementos do parque e a súa liña de evacuación que non cumprirían o indicado no artigo 7.3 do Regulamento do dominio público hidráulico.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informou que o proxecto do parque eólico afectaría o radar meteorolóxico que AEMET ten en Monte Cedeira.

Red Eléctrica de España, S.A. informou da necesidade de modificación do trazado da liña de evacuación do parque eólico para o cumprimento das distancias regulamentarias.

Os concellos de Cerceda e da Laracha emitiron informe o 28.11.2022 e un escrito de alegacións o 22.12.2022, respectivamente, nos cales formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, vías de comunicación, entre outros). O promotor respondeu a estas cuestións. Ao respecto destas, cabe indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. O 5.1.2023, a Xefatura Territorial emitiu informe sobre a solicitude de autorización administrativa da instalación de produción de enerxía, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e Concello de Cerceda.

Cumprida a tramitación ambiental, o 19.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que fixo pública polo Anuncio do 19 de xaneiro de 2023 (DOG nº 15, do 23 de xaneiro).

Décimo terceiro. O 31.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo cuarto. O 22.2.2023, Green Stone Renewable IV, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Así mesmo, presentou declaración responsable indicando os organismos cuxas afeccións na configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifican as afeccións xa informadas e, por tanto, non é necesario presentar novas separatas.

Entre a documentación achegada, a promotora inclúe un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental.

Estas modificacións están motivadas polos condicionados emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, Red Eléctrica de España, S.A., Augas de Galicia e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e consisten, en esencia, no desprazamento do aeroxerador ME04 xunto co seu vieiro de acceso, a redución das alturas de buxa dos aeroxeradores de 132 m a 82 m,así como a modificación no trazado de varios treitos da LAT 30 kV e accesos aos apoios desta.

Décimo quinto. O 10.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Cerceda, Concello da Laracha, Deputación Provincial da Coruña, Reganosa Servicios, S.L., Axencia Estatal de Meteoroloxía, Red Eléctrica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.L.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Estatal de Meteoroloxía o 4.4.2023, Red Eléctrica de España, S.A.U. o 17.4.2023, UFD Distribución Electricidad, S.L. o 15.3.2023 e Augas de Galicia o 24.4.2023.

O informe da Axencia Estatal de Meteoroloxía condiciona a aceptación final destas posicións (localización e dimensións) á realización de estudos específicos que mostren a súa compatibilidade coa operación do radar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 16.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto sectorial refundido achegado pola promotora, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Décimo sétimo. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. O 9.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, solicitou informe ao órgano ambiental co obxecto de que valore a modificación presentada e ratifique a validez da declaración ambiental ou informe ambiental xa emitido ou, se é o caso, indique os trámites ambientais que sexa preciso realizar.

Así mesmo, o 18.4.2023 e 19.4.2023 solicitáronse informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, ao respecto da modificación proposta.

Recibidos os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, o 24.4.2023 remítense ao órgano ambiental para a emisión do informe solicitado.

O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións do proxecto presentadas pola promotora o 22.2.2023, emitiu informe onde se indica que «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Meirama 76 e os informes recibidos o 24.04.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os ditos informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo o informe do xestor da rede do 28.7.2021.

Vixésimo. Así mesmo, o 7.4.2023 a promotora achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais