Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2023 Páx. 43519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama, sito nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña) e promovido por Green Stone Renewable IV, S.L. (expediente IN408A 2020/076).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Stone Renewable IV en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Meirama, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 18.5.2020, Green Stone Renewable IV, S.L. solicitou a autorización administrativa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 22.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos dos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, da súa solicitude. O 25.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos

Terceiro. O 29.12.2020, remitiuse ao órgano ambiental o documento de inicio ambiental presentado polo promotor. O 25.3.2021, finalizado o período de consultas, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de novembro.

Cuarto. O 16.3.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 22.11.2021, Green Stone Renewable IV, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009.

Sexto. O 6.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Sétimo. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Oitavo. O 10.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Meirama á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para continuar a tramitación.

Noveno. Mediante o Acordo do 27 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Meirama, denominado para os efectos de tramitación Meirama (76), nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.11.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cerceda e A Laracha), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Cerceda, Concello da Laracha, Telefónica de España, SAU, Reganosa, Energías de Portugal, Nedgia, UFD, ADIF, Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Red Eléctrica de España, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 26.12.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 17.11.2022 e o 2.1.2023, Concello de Cerceda o 28.11.2022, Telefónica de España, SAU o 24.11.2022, Reganosa o 25.11.2022, Nedgia, S.A. o 14.12.2022 e o 21.3.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 22.12.2022, ADIF o 30.11.2022, AEMET o 30.11.2022 e Red Eléctrica de España, S.A. o 22.12.2022.

Augas de Galicia informou das afeccións á zona de servidume por parte de determinados elementos do parque e da súa liña de evacuación que non darían cumprimento ao indicado no artigo 7.3 do Regulamento do dominio público hidráulico.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informou que o proxecto do parque eólico afectaría o radar meteorolóxico que AEMET ten en Monte Cedeira.

Red Eléctrica de España, S.A. informou da necesidade de modificación do trazado da liña de evacuación do parque eólico para o cumprimento das distancias regulamentarias.

Os concellos de Cerceda e da Laracha emitiron informe o 28.11.2022 e un escrito de alegacións o 22.12.2022, respectivamente, en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, vías de comunicación, entre outros). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, cabe indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. O 5.1.2023, a Xefatura Territorial emitiu informe sobre o informe sobre a solicitude de autorización administrativa da instalación de produción de enerxía, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e Concello de Cerceda.

Cumprida a tramitación ambiental, o 19.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que fixo pública polo Anuncio do 19 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15 , do 23 de xaneiro de 2023).

Décimo terceiro. O 31.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo cuarto. O 22.2.2023, Green Stone Renewable IV, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Así mesmo, presentou declaración responsable indicando os organismos cuxas afeccións na configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifican as afeccións xa informadas e, por tanto, non é necesario presentar novas separatas.

Entre a documentación achegada, a promotora inclúe un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental.

Estas modificacións están motivadas polos condicionados emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, Red Eléctrica de España, S.A., Augas de Galicia e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e consisten, en esencia, no desprazamento do aeroxerador ME04 xunto co seu vieiro de acceso, a redución das alturas de buxa dos aeroxeradores de 132 m a 82 m, así como a modificación no trazado de varios treitos da LAT 30 kV e accesos aos apoios desta.

Décimo quinto. O 10.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Cerceda, Concello da Laracha, Deputación Provincial da Coruña, Reganosa Servicios, S.L., Axencia Estatal de Meteoroloxía, Red Eléctrica de España, SAU e UFD Distribución Electricidad, S.L.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Estatal de Meteoroloxía o 4.4.2023, Red Eléctrica de España, SAU o 17.4.2023, UFD Distribución Electricidad, S.L. o 15.3.2023 e Augas de Galicia o 24.4.2023.

O informe da Axencia Estatal de Meteoroloxía condiciona a aceptación final destas posicións (localización e dimensións) á realización de estudos específicos que mostren a súa compatibilidade coa operación do radar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 16.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto sectorial refundido achegado polo promotor, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Décimo sétimo. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. O 9.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, solicitou informe ao órgano ambiental co obxecto de que valore a modificación presentada e ratifique a validez da declaración ambiental ou informe ambiental xa emitido ou, de ser o caso, indique os trámites ambientais que sexa preciso realizar.

Así mesmo, o 18.4.2023 e 19.4.2023 solicitáronse informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, ao respecto da modificación proposta.

Recibidos os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia, o 24.4.2023 remítense ao órgano ambiental para a emisión do informe solicitado.

O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións do proxecto presentadas pola promotora o 22.2.2023, emitiu informe onde se indica que «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Meirama 76 e os informes recibidos o 24.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo tales informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo o informe do xestor da rede do 28.7.2021.

Vixésimo. Así mesmo, o 7.4.2023 a promotora achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, a xefatura territorial remitiu, o 3.4.2023, informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

a) «A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico e a súa liña de evacuación conta cun estudo de sinerxías e efectos acumulativos incluído como anexo K ao estudo de impacto ambiental, cunha zona de estudo de 5 km (15 km para o estudo de impacto paisaxístico) dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto As Encrobas, Meirama, Singular Arteixo, Singular Cerceda, Singular Inditex, Singular Laracha, O Picoto, Pedrarrubia, Pena Galluda, Carboeiro, Coto Loureiro, Gasalla, Legre, Monte Inxeiro, Monte San Bartolomé, Monteagudo, Pedra Queimada, Solpor, Teixos, Chan de Paraños, Pico Cedeira e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 19.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Cerceda e A Laracha, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia informou, o 23.12.2022, sobre as afeccións ao dominio público hidráulico das instalacións do parque eólico e a súa liña de evacuación.

e) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 21.12.2022, favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, de determinada documentación e información relativo a aspectos que se relacionan no informe.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou, o 22.12.2022, que a instalación do parque eólico Meirama-76 e a súa infraestrutura de evacuación, no ámbito forestal afectará exclusivamente montes privados de particulares. A execución do proxecto suporá a corta do arboredo na área de afección, principalmente masas produtoras de piñeiro e eucalipto, polo que haberá que ter en conta o establecido no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada.

Para a determinación das afeccións o promotor deberá ter en conta, ademais das superficies do pleno dominio e das servidumes que operen para cada elemento construtivo de acordo coa súa normativa sectorial, as superficies necesarias para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia. Tamén haberá que ter en conta a delimitación das faixas de xestión de biomasa consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, co condicionante de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

g) O 21.11.2022 a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable sobre a realización do proxecto co condicionante do mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais...). No expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 5.12.2022, segundo o cal o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores que, pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar a AEIP-10-09 Monte do Xalo, as rutas de sendeirismo e os miradoiros mencionados anteriormente, e os núcleos de poboación. Aínda que non é viable ocultar ou apantallar os aeroxeradores desde a maioría dos puntos de observación (agás nos núcleos rurais), esta incidencia visual non supón (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico.

O proxecto incorpora un EIIP cuxo contido se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG, ben que as medidas de integración paisaxística deben completarse segundo determinadas indicacións.

h) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 30.12.2022 un informe favorable, debéndose ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

i) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 27.10.2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Meirama, denominado para efectos de tramitación Meirama (76), nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña) (expediente IN408A/2020/076).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Cerceda e A Laracha e na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

j) Con respecto á imposibilidade de acceso á documentación ambiental doutras instalacións distintas que aínda están en tramitación, cómpre indicar que no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia poden consultarse aqueles expedientes de instalacións de xeración eléctrica que se atopan en período de información ao público. Una vez rematado o prazo legal correspondente, os expedientes serán accesibles para aqueles que teñan a condición de interesados neses expedientes, nos termos establecidos na la Lei 39/2015, do procedemento administrativo común, sen prexuízo doutras vías de acceso á información pública que están ao dispor dos cidadáns en xeral.

k) En canto ás alegacións sobre unha suposta ausencia de estudo de potencial eólico, o proxecto de execución das instalacións do parque eólico exposto ao público contén, como anexo II, un estudo do potencial eólico da zona de implantación.

l) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

m) No que respecta á existencia de instalacións utilizadas polos medios de prevención dos incendios forestais, no caso de ser necesaria algunha actuación sobre esas instalacións, o promotor deberá seguir as indicacións que estableza a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

n) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

ñ) No que respecta ás distancias aos núcleos de poboación, o proxecto foi admitido a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Por conseguinte, resulta de aplicación a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da dita lei, polo que a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado será de 500 m.

No informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 20.4.2022, recóllese que, unha vez comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal da Laracha aprobado definitivamente o 30.6.2003 e normas subsidiarias de planeamento de Cerceda aprobadas definitivamente o 26.6.1996) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

o) Con respecto aos beneficios para a sociedade xerados polo parque eólico que se proxecta, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, da saúde e da economía.

p) En canto aos cambios nos usos do solo xerados pola aprobación do plan de interese autonómico, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

q) En relación coa superficie delimitada pola poligonal do PE, esta é soamente unha referencia da superficie na cal se sitúan as instalacións, sen que implique unha afección ao terreo nas zonas sen instalacións ou viarios.

A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vieiros.

r) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

s) En particular, en referencia á afección as terras vinculadas a PAC, a instalación do parque non afecta a superficie agraria, coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

t) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

u) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

v) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Meirama, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 19.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Meirama 76, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Meirama.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndenlle ao órgano substantivo o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Meirama, sito nos concellos de Cerceda e A Laracha (A Coruña) e promovido por Green Stone Renewable IV, S.L., para unha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Meirama, composto polo documento Parque eólico Meirama modificado (21 MW) e as súas infraestruturas de evacuación, nos termos municipais de Cerceda e A Laracha (A Coruña) (Febreiro 2023), asinado polo enxeñeiro técnico industrial Carlos Valiño Colás, colexiado 4851 do Cogitiar o 5.4.2023, con visado VIZA232883.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Stone Renewable IV, S.L.

Enderezo social: avenida del Brillante, núm. 32, 14012 Córdoba.

Denominación: parque eólico Meirama.

Potencia instalada: 21 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 21 MW.

Produción neta: 68.149,20 MWh/ano.

Concellos afectados: Cerceda e A Laracha (A Coruña).

Orzamento de execución material: 27.110.866,79 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

541.024,89

4.781.322,71

2

536.859,35

4.783.918,93

3

537.746,14

4.785.248,56

4

539.431,62

4.785.111,04

5

540.413,70

4.786.382,61

6

542.501,92

4.785.903,99

7

543.652,90

4.784.611,99

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

ME 01

542.024,00

4.784.182,00

ME 02

540.473,00

4.783.843,00

ME 03

540.847,00

4.783.279,00

ME 04

539.101,00

4.783.481,00

ME 05

539.850,00

4.782.935,00

ME 06

540.693,00

4.783.553,00

Coordenadas do centro de control e seccionamento do parque eólico:

Centro de control e seccionamento

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

539.956,00

4.783.211,00

2

539.962,00

4.783.206,00

3

539.954,00

4.783.198,00

4

539.949,00

4.783.203,00

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

540.744,00

4.783.432,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

‒ 6 aeroxeradores, modelo Vestas V136, catro deles (ME 02, 04, 05 e 06) de 3,45 MW de potencia unitaria, 82 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor, e dous deles (ME 01 e 03) de 3,60 MW de potencia unitaria, 82 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor, todos eles cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 5.500 kVA de relación de transformación de 0,69/30 kV, coa súa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

‒ Rede eléctrica soterrada a 30 kV, composta por 3 circuítos colectores soterrados constituídos por cables unipolares tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al).

‒ Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e a subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores será con condutor de Cu-50 mm2 e a do centro de seccionamento de Cu-150 mm2.

‒ Rede de comunicacións constituída por condutor de fibra óptica.

‒ Unha torre de medición de 82 m de altura.

‒ Un centro de seccionamento de 30 kV, que recollerá a enerxía xerada no parque para a súa evacuación mediante unha liña aero-subterránea de 30 kV, composto por: celas de medida e protección de liña, un transformador de servizos auxiliares, un grupo electróxeno e un sistema de control de recollida de datos e envío de ordes, sinais e alarmas.

‒ Liña de alta tensión aero-subterránea de 30 kV, de 13,247 km para evacuar a enerxía xerada no parque eólico con inicio no centro de seccionamento do parque Meirama e fin na subestación Meirama 30/220 kV, con tres treitos soterrados en gabia, con cables RHZ1 2x(3x1x400) mm2 (Al) + H16 e de lonxitudes 0,020 km, 0,494 km e 0,779 km, e dous treitos aéreos en LA-280 de lonxitudes 6,759 km e 5,159 km.

‒ Instalación de transformación en Meirama 30/220 kV.

• Para o sistema de 220 kV establecerase un esquema dunha posición liña-trafo en intemperie composto por unha posición de transformación equipada cos elementos de manobra, medida e protección precisos. O transformador de potencia será trifásico con relación de transformación 30/220 kV e potencia 24 MVA ONAN.

• Posición de liña composta de tres (3) transformadores de intensidade, un (1) interruptor automático tripolar de corte en intemperie, tres (3) seccionadores de columnas sen posta á terra, tres (3) transformadores de tensión indutivos para medida e protección, tres (3) pararraios tipo autoválvula en 220 kV.

• Transformador de servizos auxiliares 220/0,4 kV de 100 kVA e grupo de conexión Dyn11.

• Posta á terra da instalación que estará dotada de malla de terra soterrada a 0,80 m de profundidade.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Stone Renewable IV, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 205.661 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado ou autorización da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 19.1.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.4, 4.1.5 e 4.1.6 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais