Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41196

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L. (expediente IN661A 2011/18-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Tiraventos, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Dos Cotos (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Dos Cotos.

Segundo. O 28.6.2011, Tiraventos, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Terceiro. O 13.8.2020, Tiraventos, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Cuarto. O 15.7.2021, Tiraventos, S.L. presentou unha nova solicitude de modificación substancial para o parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Quinto. O 29.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á Tiraventos, S.L. o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sexto. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sétimo. O 21.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Dos Cotos á Xefatura Territorial de Pontevedra para a seguir da tramitación.

Oitavo. O 21.10.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Dos Cotos (núm. expediente IN661A 2011/18-4), promovido por Tiraventos, S.L., e pola Resolución do 25.10.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao citado parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Noveno. Mediante a Resolución do 15.12.2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sométense a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade, da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.12.2021 e no xornal Faro de Vigo do 22.12.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Cerdedo-Cotobade), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo. En vista da Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguranza xurídica, pola Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 67, do 6.4.2022, e no xornal Faro de Vigo do 6.4.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Cerdedo-Cotobade), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello de Cerdedo-Cotobade, Deputación de Pontevedra, Telefónica España, S.A. e Unión Fenosa Distribución.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) (19.1.2022), Axencia Galega de Infraestruturas (19.1.2022, 6.5.2022 e 21.2.2023), Retegal (7.1.2022), Cellnex Telecom, S.A. (21.2.2022), Concello de Cerdedo-Cotobade (11.1.2022 e 14.1.2022), Telefónica España, S.A. (11.1.2022).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 26.5.2022, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo terceiro. O 8.7.2022 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Cerdedo-Cotobade.

Cumprida a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA)que se fixo pública polo Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 16.11.2022 (DOG núm. 225, do 25 de novembro).

Décimo quinto. O 10.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 28.2.2023, Tiraventos, S.L. presentou o proxecto refundido denominado Proxecto refundido parque eólico Dos Cotos. Xaneiro 2023, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José Alberto Rama Mosquera, colexiado núm.1245 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Galicia e visado o 23.2.2023 con núm. de visado 20230527, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

Décimo sétimo. O 14.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Telefónica España, S.A., Fenosa, Deputación de Pontevedra, Concello de Cerdedo-Cotobade e Augas de Galicia.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas (24.3.2023), Telefónica España, S.A. (15.3.2023), Unión Fenosa Distribución (16.3.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo oitavo. O 29.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra realizou un requirimento á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 3.4.2023, a promotora presentou o proxecto refundido denominado Proxecto refundido parque eólico Dos Cotos. Marzo 2023, asinado polo enxeñeiro industrial José Alberto Rama Mosquera (colexiado núm. 1245 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co núm. 20231025, do 3.4.2023.

O proxecto inclúe declaración responsable do cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación ás instalacións recollidas nel, segundo o establecido na letra b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria.

Décimo noveno. O 5.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, recollido no antecedente de feito décimo oitavo.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 30 MW, segundo o informe do xestor da rede do 8.10.2019 e 6.4.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 13.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación no cal se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«Respecto das alegacións que se refiren á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, publicándose o Acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación.

Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Respecto das alegacións que se refiren á fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible, mediante o fraccionamento, evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles, en explotación ou autorizados, atópanse os parques eólicos Serra do Cando, Monte do Ceo, Monte do Seixo-Cando e Acibal. Así mesmo, no raio de 10 km en torno ao parque eólico Dos Cotos existen sete parques eólicos en tramitación o de nova solicitude, Monte do Pé, Coto Aguado, Coto do Carballal, Anduriña, Zudreiro, Monte Peón, Portovidros, Campos da Rosas e Edreira I, dos que un deles se atopa no raio de 5 km.

Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11.12.2013 cando di que “(…) unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11.12.2013, “ non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, a enerxía xerada nos aeroxeradores do parque eólico Dos Cotos, en fase de tramitación, LAT de 66 kV PE Dos Cotos-SE Pontesampaio, que sae da subestación do parque eólico ata a subestación de transformación de Pontesampaio, é obxecto de proxecto e tramitación ambiental independente a través dunha avaliación ambiental simplificada.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental, convén indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Así mesmo, cómpre indicar que o proxecto técnico de execución e de xeito resumido o estudo de impacto ambiental teñen en conta os recursos eólicos presentes cuantificándoos nunha produción neta anual estimada de 120.459 Mwh, equivalentes a 4.015 horas de funcionamento.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe referirse ás diferentes resolucións desta xefatura territorial polas que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do parque eólico Dos Cotos para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, puidesen presentar as súas alegacións.

Estas resolucións publicáronse no Diario Oficial de Galicia, no xornal Faro de Vigo, na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e remitíronse ao Concello afectado de Cerdedo-Cotobade para a súa exposición ao público no taboleiro de anuncios, segundo o recollido nos antecedentes de feito primeiro e segundo deste informe.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública en concreto, aos titulares recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluída na resolución de información pública, para que as persoas notificadas puidesen presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que considerasen oportunas.

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, hai que indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do que, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes das seguintes administracións: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu, o 3.5.2022, un primeiro informe sobre o estudo de impacto ambiental do parque eólico Dos Cotos, en que concluía que non era posible determinar con total seguridade que non se producirían efectos negativos sobre os valores naturais con base na documentación dispoñible xa que o estudo de impacto ambiental non achegaba os contidos mínimos necesarios para avaliar correctamente os impactos do parque eólico.

Por tanto, require a corrección dos defectos atopados, en concreto ás afeccións sobre as masas frondosas autóctonas e as zonas húmidas existentes na zona de afección, e a mellora do seu contido, tendo en conta unha serie de directrices sobre os estudos de avifauna e quirópteros e inventarios de flora e doutros grupos faunísticos. Asemade, exixe o cumprimento do punto 18.5 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo de Galicia, mediante a elaboración dun estudo con datos sólidos da presenza de lobos na área de influencia, así como unha avaliación e seguimento das afeccións sobre a poboación de lobos.

En contestación ao requirido, a promotora achegou nova documentación (Contestación ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en relación co expediente del parque eólico Dos Cotos; Anexo 1 Actualización da información sobre o lobo no contorno do parque eólico Dos Cotos. Valoración de efectos ambientais.

Novembro 2021; Anexo 2 Estudo anual sobre a actividade de aves no parque eólico Dos Cotos 2020; Anexo 2.1 Estudo ornitolóxico do parque eólico Dos Cotos en fase preoperacional. Outubro 2011; Anexo 2.2 Estudo anual sobre a actividade de aves no parque eólico Dos Cotos 2020; Anexo 3 Cartografía complementaria) que, en conxunto, para a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dá resposta suficiente ás observacións feitas, segundo o reflectido no informe emitido por esa Dirección Xeral o 12.8.2022.

Tras realizar a avaliación da documentación achegada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural conclúe que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, e que é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre que se garanta o cumprimento das medidas que se recollen na documentación presentada e as consideracións feitas, entre outros, sobre os hábitats de interese comunitario, as especies protexidas, a avifauna e quirópteros e o lobo.

A DIA inclúe no punto 4.1 Condicións particulares 2. Ademais, no que respecta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no seu segundo informe para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (…) e quirópteros (…), así como ás actuacións que desenvolverá no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas.

En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, logo de varias propostas de modificación e alternativas ao proxecto para evitar afeccións aos elementos do patrimonio cultural, emitiu, o 6.9.2022, informe favorable sobre o proxecto do parque eólico Dos Cotos, debéndose ter en conta as consideracións e condicionantes que recolle o seu informe, en concreto ao referido ao foxo do lobo das Brañeiras e ao outeiro do Coto do Facho.

Esa dirección xeral exixe a realización da totalidade dos traballos de construción baixo control arqueolóxico, así como un seguimento especial naquelas zonas que non puideron ser prospectadas axeitadamente e, no caso de que se constate a existencia de novos bens arqueolóxicos, avaliaranse o impactos sobre eles primando a súa conservación.

En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio refire que os aeroxeradores serán visibles, entre outras localizacións, desde distintos miradoiros, áreas de especial interese paisaxística (en diante AEIP), roteiros o e Camiño de Santiago, na súa ruta Camiño de Santiago Portugués, que discorre polo centro da cidade de Pontevedra. Neste senso, unha vez corrixido e mellorado o contido do estudo de impacto e integración paisaxística (en diante EIIP), o Instituto de Estudos do Territorio conclúe que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores pola súa forma e altura, que os fan visibles desde unha ampla extensión de terreos a longas distancias, pero esta incidencia non supón un impacto crítico no seu conxunto, tendo en conta as propostas mitigadoras do impacto que propón a promotora nas distintas zonas de afección e a adopción das medidas preventivas e correctoras que se avalían nos seus informes (10.2.2022, 28.3.2022, 5.5.2022 e 6.7.2022).

En relación coa afección ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe. Sinala que durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán terse en conta as directrices sinaladas no seu informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe para, entre outras medidas, reducir ou evitar o arrastre de sedimentos aos leitos dos ríos durante os movementos de terras e o tránsito da maquinaria, impedir a contaminación das augas superficiais ou subterráneas por acumulación de substancias e non afectar os niveis freáticos que poidan afectar as captacións existentes durante a execución das gabias e dos alicerces, consideracións ás que a promotora dá a súa conformidade.

En concreto, respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia refire que constan 11 captacións na contorna de ámbito de actuación (500 m ao redor das obras) inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia e que se afecta un depósito de auga, respecto do cal a promotora se compromete a restituír o servizo e garantir a súa continuidade durante as obras. Indícase, expresamente, que no caso de afectar algunha das captacións de augas inscritas, como consecuencia das actuacións propostas, debe preverse a súa reposición, consideracións ás que a promotora dá a súa conformidade.

Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na zona de servidume e policía de leitos, incluíndo zonas de fluxo preferente e zonas asolagables, así como calquera captación ou vertedura se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, previa ao inicio das obras.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana a través do ambiente en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos; ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores; residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalación e no mantemento destas e os residuos xerados na súa eliminación; electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto shadow flicker.

Respecto do ruído, refire que o nivel de ruído acadado na situación preoperacional cumpre, en todo caso, os limiares establecidos na lexislación vixente. A estimación de valores en fase de funcionamento obtén niveis sonoros dentro dos indicados pola lexislación vixente segundo os limiares das áreas acústicas definidas no Real decreto 1367/2007. Para o caso de das poboacións próximas acádanse valores inferiores na hipótese máis desfavorable.

En canto aos efectos sinérxicos ou acumulativos, os valores acadados permiten concluír que non é previsible que se produzan efectos acumulativos nas poboacións mais próximas ao parque, salvo no caso de obras conxuntas, para o que debería comprobarse a posible repercusión.

Neste senso, para controlar os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque a declaración de impacto ambiental recolle a obriga de executar un plan de seguimento do nivel do ruído ao abeiro do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, tomando como base o recollido no estudo de impacto ambiental e as consideracións feitas polo órgano ambiental.

Respecto dos campos electromagnéticos, o estudo e estimación de valores referentes aos niveis de campos magnéticos mediante simulación na subestación eléctrica, nas celas de medida, no transformador e no interruptor e ao respecto da liña soterradas de 30 kV acadan valores por debaixo dos limiares indicados no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas. En canto aos valores de campo eléctrico nas liñas eléctricas soterradas, son nulos debido ao efecto de pantalla do terreo e dos condutores e a súa conexión á terra.

Respecto do efecto pestanexo de sombras, para valorar a súa zona de influencia a empresa promotora analizouno sobre as vivendas ou outras edificacións situadas dentro do raio de 1,5 km desde cada aeroxerador. A modelización empregada conclúe que ningunha das edificacións supera os limiares considerados.

Respecto aos posibles efectos sinérxicos ou acumulativos de pestanexo de sombras con respecto a outros parques, a Dirección Xeral de Saúde Pública conclúe que non se prevén debido á non superposición de sombras nas poboacións do contorno ao parque eólico.

En relación co impacto económico negativo xerado polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.10.2021, recóllese que: “ Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cotobade aprobadas definitivamente o 25.2.1997) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable”.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, serán tidas en conta para a emisión do informe a que refire o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural de Pontevedra emite informe, o 21.2.2022, en que indica a incidencia da instalación na masa forestal segundo os montes veciñais en man común (en adiante MVMC) afectados: comunidades de Carballedo, Rebordelo, Viascón, Borela, Loureiro e Augasantas. Este Servizo, de xeito resumido, indica no seu informe que a localización dos aeroxeradores e demais infraestruturas necesarias para o seu funcionamento debe evitar a corta innecesaria de arboredo para non romper a continuidade das masas forestais e para que o valor forestal destes montes non se vexa afectado, especialmente nas CMVMC.

Establece que as superficies de afección do parque ao medio forestal virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polo xerador de enerxía eólica e as demais infraestruturas do parque eólico, polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei de montes de Galicia e máis da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión da biomasa.

Indica a necesidade de constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que produzan, almacenen ou transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo e das edificacións e camiños que se constrúan. Arredor do aeroxerador e das demais estruturas do proxecto deberase cumprir a normativa de prevención de incendios forestais. Considera que como no parque eólico existirán instalacións que implican certo risco de ocasionar un incendio forestal e na zona de actuación existe un punto fixo de vixilancia contra os incendios forestais, o proxecto debería contar co informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte, á cal lle corresponde establecer as limitacións e condicións de uso segundo a normativa vixente en materia de prevención e defensa de incendios e cambios de uso en terreos queimados.

Neste senso só convén indicar que a Dirección Xeral de Defensa do Monte, tendo en conta as consideracións de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais de prevención afectadas, emite informe favorable, o 21.10.2022, sobre a realización do proxecto.

O Servizo de Montes de Pontevedra precisa no seu informe que será necesario o informe sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas, por afectaren montes veciñais en man común. En relación coa modificación dos usos do solo, procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas.

Tamén lembra no mencionado informe que, neste tipo de proxectos e dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación (solo rústico de protección de infraestruturas) á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

No que atinxe ás alegacións sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, o 14.10.2022 ese Servizo emite informe favorable sobre a compatibilidade do aproveitamento forestal do proxecto sempre que se cumpra a lexislación vixente e se teñan en conta os condicionantes citados no seu informe. Respecto á afección de servidume aeronáutica, as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espazo aéreo e augas xurisdicionais son as que indica o Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, e toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (en diante AESA), entidade encargada do seu control, que solicitará o propia promotora ante AESA quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública e a RBDA; erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, se é o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondente á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características. No que respecta ás compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, en caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En relación coas parcelas que se incluirán na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44 da Lei 8/2009 especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

Por último, non se admiten as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 de devandita lei.

Respecto daquelas que refiren contra o Anuncio do 11.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Dos Cotos, a canle para recorrer á avaliación de impacto ambiental efectuada será tras a autorización administrativa previa e de construción».

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Dos Cotos, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Dos Cotos, considerando que o proxecto e ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecera o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Dos Cotos.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L., para unha potencia de 30 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Dos Cotos, composto polo documento Proxecto refundido parque eólico Dos Cotos. Marzo 2023, asinado polo enxeñeiro industrial José Alberto Rama Mosquera (colexiado núm. 1245 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co núm. 20231025, do 3.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Tiraventos, S.L.

Enderezo social: Cantón Grande, núm. 6, 6º, 15003 A Coruña.

Denominación: parque eólico Dos Cotos.

Potencia instalada: 30 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 30 MW.

Produción neta: 120.459 MWh/ano.

Concellos afectados: Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 21.094.888,48 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

539.389,00

4.702.283,00

2

539.418,00

4.702.502,00

3

540.524,90

4.703.133,60

4

541.402,00

4.702.256,50

5

541.204,00

4.702.070,00

6

540.969,00

4.701.709,00

7

541.140,00

4.701.610,00

8

541.349,00

4.701.610,00

9

541.454,00

4.701.771,00

10

541.522,00

4.701.799,00

11

541.944,00

4.701.653,00

12

542.379,50

4.701.239,10

13

542.815,00

4.700.235,00

14

542.257,00

4.699.050,00

15

542.177,00

4.699.050,00

16

540.846,50

4.699.589,50

17

540.654,70

4.699.948,70

18

541.361,00

4.701.296,00

19

541.320,00

4.701.592,00

20

541.189,00

4.701.557,00

21

540.996,00

4.701.613,00

22

540.877,00

4.701.700,00

23

540.898,00

4.701.826,00

24

539.771,00

4.702.054,00

25

539.559,00

4.701.967,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

539.619,00

4.702.357,00

2

540.471,00

4.702.830,00

3

540.904,00

4.699.910,00

4

541.785,00

4.700.604,00

5

542.110,00

4.699.294,00

6

542.471,00

4.700.033,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

542.031,45

4.700.306,20

ENV A

542.002,50

4.700.300,70

ENV B

542.020,30

4.700.333,50

ENV C

542.060,40

4.700.311,70

ENV D

542.042,60

4.700.278,90

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 6 aeroxeradores de 5 MW de potencia nominal unitaria, de 125 m de altura da buxa, de 150 m de diámetro de rotor.

• 6 centros de transformación de 7.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,720/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

• Rede de media tensión de 30 kV soterrada, formada por tres (3) circuítos con cables RHZ1 H-16 18/30kV 1xAl de 150 e 240 mm2 segundo o tramo, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a Subestación. A mesma gabia incluirá cablaxe de terra de Cu de 50 mm².

• Subestación transformadora 30/66 kV, con edificio de control, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador de potencia 30/66 kV de 45 MVA e un módulo híbrido tipo PASS (GIS) de 66 kV con saída á liña de evacuación.

• Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, subestación, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Tiraventos, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 365.547 euros, dos cales 156.663 corresponden á fase de obras e 208.884 á fase de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), Tiraventos, S.L. efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, Tiraventos, S.L. deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) que a promotora deberá cumprir antes do inicio das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Confederación Hidrográfica Galicia Costa.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

8. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, Tiraventos, S.L. disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir os requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos e de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais