Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41220

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 18 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L. (expediente IN661A 2011/18-4.)

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 18 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Dos Cotos.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L. (expediente IN661A 2011/18-4), cunha potencia de 30 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Tiraventos, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 156.663 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, condicionados da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

6. Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) que a promotora deberá cumprir, antes do inicio das obras deberá dispoñer de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Confederación Hidrográfica Galicia Costa.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Dos Cotos.

2. O 28.6.2011, Tiraventos, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

3. O 13.8.2020, Tiraventos, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

4. O 15.7.2021, Tiraventos, S.L. presentou unha nova solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

5. O 29.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á Tiraventos, S.L. o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

6. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. O 21.10.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Dos Cotos (núm. expediente IN661A 2011/18-4), promovido por Tiraventos, S.L., e pola Resolución do 25.10.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao citado parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

8. Mediante a Resolución do 15.12.2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do Parque Eólico Dos Cotos, sito no concello de Cerdedo-Cotobade, da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.12.2021 e no xornal Faro de Vigo do 22.12.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Cerdedo-Cotobade), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñiblea na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

9.En vista da Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguranza xurídica, pola Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 67, do 6.4.2022, no xornal Faro de Vigo do 6.4.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Cerdedo-Cotobade), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello de Cerdedo-Cotobade, Deputación de Pontevedra, Telefónica España, S.A. e Unión Fenosa Distribución.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) (19.1.2022), Axencia Galega de Infraestruturas (19.1.2022, 6.5.2022 e 21.2.2023), Retegal (7.1.2022), Cellnex Telecom, S.A. (21.2.2022), Concello de Cerdedo-Cotobade (11.1.2022 e 14.1.2022), Telefónica España, S.A. (11.1.2022).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Cerdedo-Cotobade.

Cumprida a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, formulou a declaración de impacto ambiental (DIA), que se fixo pública polo Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 16.11.2022 (DOG núm. 225, 25 de noviembre).

12. O 28.2.2023 Tiraventos, S.L. presentou o proxecto refundido denominado Proxecto refundido parque eólico Dos Cotos. Enero 2023, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José Alberto Rama Mosquera, colexiado núm. 1245 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Galicia, e visado o 23.2.2023 con núm. de visado 20230527, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

13. O 5.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, recollido no antecedente de feito décimo oitavo.

14.O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 30 MW, segundo o informe do xestor da rede do 8.10.2019 e 6.4.2020.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais