Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2023 Páx. 40665

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que acorda anotar no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia a táboa policromada da igrexa parroquial de Santa Baia de Bolaño, sita no concello de Castroverde.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O artigo 1 deste precepto legal establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 14 da LPCG regula o Censo do Patrimonio Cultural do seguinte xeito:

1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, mentres non sexan declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do Patrimonio Cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e da comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do Patrimonio Cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

O artigo 83.1 da LPCG establece que integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, de especial relevancia, de interese para Galicia.

Ademais o informe realizado polos servizos técnicos do Servizo de Inventario do Patrimonio Cultural propón a inclusión deste ben no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Polo tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 19.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do Patrimonio Cultural.

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia a táboa policromada da igrexa parroquial de Santa Baia de Bolaño, sita no concello de Castroverde, cuxa descrición figura no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución do Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

Nome: táboa policromada da igrexa de Santa Baia de Bolaño.

Localización: sancristía da igrexa de Santa Baia de Bolaño, no concello de Castroverde.

Descrición histórica: segundo a tradición oral, o frontal procedería da igrexa do mosteiro de San Martiño de Bolaño, extinto cenobio asentado nas inmediacións da actual igrexa parroquial e fundado non máis tarde do ano 897. Chegou a contar cun hospital e as súas edificacións foron desaparecendo paulatinamente ao longo da Época Moderna ata perderse na súa totalidade a principios do século XX, momento en que se derruíron os restos da capela que estaba en pé e se aproveitaron como material de obra para a actual sancristía. Podería ser entón cando esta peza pasou a custodiarse na igrexa parroquial.

Descrición física: trátase dun frontal de altar lígneo e polícromo de 205 cm de ancho, por 86,5 cm. de alto e un grosor de 2,5 cm. O frontal está composto de dúas táboas de madeira, non determinada á primeira vista, dispostas horizontalmente e de diferente tamaño, e a superior ten menos altura que a inferior. A unión realízase por unha xunta con macho e femia reforzada por 4 colas de miñato na parte posterior, das cales só se conservan dúas delas. Posteriormente, con toda probabilidade, nalgún momento do século XX foron engadidos 2 listóns de madeira de 85 cm de altura que sobresaen pola parte superior do frontal. O perímetro do conxunto presenta un lixeiro rebaixe na madeira o que, unido á falta de preparación e ausencia de restos pictóricos parece indicar a existencia dun marco, hoxe desaparecido.

Descrición artística: a nivel iconográfico, o conxunto presenta unha ornamentación pictórica que lembra a propia dun frontal téxtil: con motivos florais, floreiros, aguias bicéfalas, pavos reais e cervos. Aprécianse dúas franxas diferenciadas: un rectángulo central, con fondo amarelo, e ao redor unha franxa con motivos florais diferenciados sobre unha preparación de cor vermella.

Cronoloxía: en función desta ornamentación pódese ofrecer unha data aproximada que abranguería do 1550 ao 1650. En todo caso, plena Época Moderna.

Estado de conservación: presenta a ausencia de dúas colas de miñato que servían de unión ás táboas, ademais da rotura da xunta de unión horizontal na parte traseira do frontal. Probablemente, estas circunstancias causaron a intervención para a estabilización do frontal mediante o engadido de dous listóns de madeira en vertical. En canto ao punto de vista pictórico, aprécianse faltas de pintura e de preparación, máis significativas no extremo dereito do rectángulo central da táboa inferior e na banda lateral de decoración floral do conxunto. Tamén se aprecian evidencias de ataques de insectos xilófagos nalgúns puntos do conxunto.