Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2023 Páx. 40662

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que, consonte o que establece a Orde do 27 de decembro de 2022, se amplía ao mes de xullo de 2023 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, establecida na Orde do 30 de agosto de 2022, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na Área de transporte metropolitano de Vigo, e nos ferroviarios integrados na Área de transporte metropolitano de Ferrol.

O 29 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (CIM) do 27 de decembro de 2022, pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2023 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

O artigo 3 da referida Orde da CIM do 27 de decembro de 2022, baixo a epígrafe ámbito temporal de aplicación establece que, no suposto de que a Administración xeral do Estado confirme o mantemento dunha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, aplicable ao longo do ano 2023, ou a parte do dito exercicio, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, poderá acordarse a aplicación das bonificacións que se establecen na presente orde ao novo período temporal acordado pola Administración xeral do Estado nos termos que prevé a disposición derradeira segunda desta orde.

Pola súa parte, esta última disposición habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que a Administración xeral do Estado manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño. De feito, mediante as resolucións do 24 de xaneiro e do 23 de febreiro de 2023 (DOG do 31 de xaneiro e do 28 de febreiro) ampliouse o dito prazo de aplicación ao mes de febreiro e ao período abranguido entre os meses de marzo e xuño de 2023, respectivamente.

Igualmente, a disposición derradeira primeira desta orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueles outros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol.

Neste sentido, o 27 de xuño de 2023 o Consello de Ministros acordou manter un sistema de minoración adicional das tarifas análogo ao que establecera o Real decreto lei 20/2022, do 27 de decembro, de medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína e de apoio á reconstrución da illa de La Palma e outras situacións de vulnerabilidade; en síntese, esta axuda permite bonificar o 30 % do prezo do transporte urbano e interurbano de competencia autonómica ou municipal naquelas comunidades e concellos que acorden unha bonificación adicional do 20 %.

Nesta situación, tendo en conta a analoxía do novo acordo do Consello de Ministros coa efectuada nas regulacións previas, e considerando a data da aprobación da dita norma e, por tanto, o prazo mínimo de que se dispón para lles facilitar ás persoas usuarias o mantemento sen interrupción das bonificacións que veñen resultando de aplicación con base nas ordes anteriores, resulta preciso habilitar a súa continuidade durante o vindeiro mes de xullo, de xeito que se estableza un período de transición en canto a Administración xeral do Estado instrúa o procedemento a que se fai referencia no dito real decreto lei. Esta ampliación resulta coherente, ademais, coas efectuadas logo da publicación das ordes da CIM do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022, que estableceron a aplicación dunha minoración adicional do 50 %.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 27 de decembro de 2022, ao se manteren as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante o mes de xullo de 2023 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, acordadas nas resolucións do 28 de decembro de 2022.

Á vista do exposto, e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas.

O financiamento desta minoración adicional durante o mes de xullo de 2023 realizarase nos mesmos termos que establece o artigo 5 da Orde da CIM do 27 de decembro de 2022, con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2023.09.02.512A.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o mes de xullo de 2023 a minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde da CIM do 30 de agosto de 2022. Cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

1. Ampliar ao mes de xullo de 2023 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada polas ordes da CIM do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022.

2. Aplicar, durante o mesmo período indicado no número anterior, as minoracións acordadas, con base na Orde da CIM do 27 de decembro de 2022, mediante as resolucións do 28 de decembro de 2022, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade