Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40321

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Treboada e as súas infraestruturas de evacuación (LAT 220 kV-SET Treboada-SET Trives), sito nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Wind Grower, S.L. (expediente IN408A 2019/078).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Treboada.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Treboada, sito nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Wind Grower, S.L., cunha potencia de 50,00 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Wind Grower, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 330.062,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. O promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial, xunto coa documentación para a solicitude da autorización de explotación, o certificado do fabricante en que conste a limitación mecánica da potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo e Ourense inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

12. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

13. Con carácter previo ao inicio de obras o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

14. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

15. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

16. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

17. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

18. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 3.10.2019, Wind Grower, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto interese autonómico (PIA) para o parque eólico Treboada e a súa liña de evacuación, sito nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo).

2. O 7.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante Lei 8/2009). O 22.5.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 24.9.2020, esta dirección xeral solicitou o informe recollido no artigo 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano competente en materia do territorio.

4. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial (PIA).

5. O 16.11.2020, esta dirección xeral solicitou informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural atendendo á declaración da Ribeira Sacra como BIC de acordo co Decreto 166/2018, do 27 de decembro, remitíndolle copia do proxecto.

O 15.2.2021, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa: «O proxecto do parque eólico Treboada localiza parte das súas infraestruturas moi próximas á zona de amortecemento da Ribeira Sacra, aínda que pola planimetría se aprecia que os aeroxeradores e a torre meteorolóxica se atopan fóra do ámbito protexido».

6. O 24.9.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu o documento de inicio ambiental presentado polo promotor para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

7. O 29.1.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

8. O 20.4.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

9. O 17.8.2021, esta dirección xeral remitiulle o proxecto do parque eólico de Treboada e a súa infraestrutura de evacuación á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, Xefatura Territorial de Ourense) para a continuación da tramitación.

10. Mediante o Acordo do 2 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Treboada e liña de evacuación, situado nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos de Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Castro Caldelas, e A Pobra de Trives. E permaneceu exposto nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial de Ourense e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello da Pobra de Trives, Concello de Castro Caldelas, Concello de Chandrexa de Queixa, Concello de San Xoán de Río, Deputación Provincial de Ourense, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Red Eléctrica España, Unión Fenosa Distribución (empresa de distribución eléctrica) e Telefónica.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe o 25.11.2021, Retegal o 24.10.2021, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.) o 18.10.2021, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 7.10.2022, Deputación Provincial de Ourense o 26.10.2021, Unión Fenosa Distribución o 18.10.2021, Telefónica o 29.9.2021 e Concello de San Xoán de Río o 26.10.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 12.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Amigos da Terra, Adega, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Concello de Castro Caldelas, Concello da Pobra de Trives, Concello de Chandrexa de Queixa e Concello de San Xoán de Río.

Cumprida a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Treboada, nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) (expediente 2018/0042) (DOG núm. 230, do 2 de decembro).

14. O 10.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

15. O 12.3.2023, a promotora presenta acordo de compartición de infraestruturas comúns de evacuación á subestación Trives 220 kV, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

16. O 14.3.2023 e 28.3.2023, o promotor presentou declaración responsable onde indica que a documentación refundida non modificou as afeccións xa informadas polos diferentes organismos e empresas, achegando ademais o proxecto de execución refundido do parque eólico Treboada e liña de evacuación (versión 2), redactado por Luis Antonio González-Viso Pulido, colexiado nº 1575 do ICOII de Galicia e con número de visado 20230950, do 28.3.2023.

17. O 31.3.2023, esta dirección xeral requiriulle á Xefatura Territorial de Lugo e á Xefatura Territorial de Ourense informe técnico sobre o proxecto de execución refundido recollido no antecedente anterior.

18. O 5.4.2023, a Xefatura Territorial de Lugo e, o 10.4.2023, a Xefatura Territorial de Ourense emitiron informes sobre o proxecto refundido, recollido no antecedente décimo sétimo, de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50,00 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.11.2019 e 24.3.2021, respectivamente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais