Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40329

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Frieira 220/132/20 kV substitución AT-III, 220/132 kV, 120 MVA, no concello de Padrenda (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2023/072-3).

Feitos:

1. O 29.3.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Frieira 220/132/20 kV substitución AT-III, 220/132 kV, 120 MVA, no concello de Padrenda (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/072-3.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado subestación Frieira 220/132/20 kV substitución AT-III, 220/132 kV, 120 MVA, asinado o 15.3.2023 pola enxeñeira industrial Isabel López Ferrer (colexiada núm. 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202301577, con data do 17.3.2023, e no que figura un orzamento total de 201.500 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a renovación do autotransformador de potencia AT-III 220/132 kV de 100 MVA, mediante a substitución por un transformador 220/132 kV de 120 MVA que actualmente é un reposto estratéxico. Esta substitución ven motivada polo mal estado do transformador actual.

2. O 28.4.2023, a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente o informe e proposta seguintes:

• Informe emitido o 27.4.2023 polos servizos técnicos da Xefatura Territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Proposta ditada o 28.4.2023 pola Xefatura Territorial, en que se informa de xeito favorable a petición formulada por UFD, no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPERN.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Frieira 220/132/20 kV substitución AT-III, 220/132 kV, 120 MVA, no concello de Padrenda (Ourense), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Frieira 220/132/20 kV substitución AT-III, 220/132 kV, 120 MVA, asinado o 15.3.2023 pola enxeñeira industrial Isabel López Ferrer (colexiada núm. 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, con núm. 202301577, con data do 17.3.2023, e no que figura un orzamento total de 201.500 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais