Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40303

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Treboada e as súas infraestruturas de evacuación (LAT 220 kV-SET Treboada-SET Trives), sito nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Wind Grower, S.L. (expediente IN408A 2019/078).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Wind Grower, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Treboada e a súa liña de evacuación, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3.10.2019, Wind Grower, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto interese autonómico (PIA) para o parque eólico Treboada e a súa liña de evacuación, sito nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo).

Segundo. O 7.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante Lei 8/2009). O 22.5.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 24.9.2020, esta dirección xeral solicitou o informe recollido no artigo 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano competente en materia do territorio.

Cuarto. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial (PIA).

Quinto. O 16.11.2020, esta dirección xeral solicitou informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural atendendo á declaración da Ribeira Sacra como BIC de acordo co Decreto 166/2018, do 27 de decembro, remitíndolle copia do proxecto.

O 15.2.2021, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa: «O proxecto do parque eólico Treboada localiza parte das súas infraestruturas moi próximas á zona de amortecemento da Ribeira Sacra, aínda que pola planimetría se aprecia que os aeroxeradores e a torre meteorolóxica se atopan fóra do ámbito protexido».

Sexto. O 24.9.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu o documento de inicio ambiental presentado polo promotor para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

Sétimo. O 29.1.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

Oitavo. O 20.4.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

Noveno. O 17.8.2021, esta dirección xeral remitiulle o proxecto do parque eólico de Treboada e a súa infraestrutura de evacuación á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, Xefatura Territorial de Ourense) para a continuación da tramitación.

Décimo. Mediante o Acordo do 2 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Treboada e liña de evacuación, situado nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos de Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Castro Caldelas, e A Pobra de Trives. E permaneceu exposto nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial de Ourense e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello da Pobra de Trives, Concello de Castro Caldelas, Concello de Chandrexa de Queixa, Concello de San Xoán de Río, Deputación Provincial de Ourense, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Red Eléctrica España, Unión Fenosa Distribución (empresa de distribución eléctrica) e Telefónica.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe o 25.11.2021, Retegal o 24.10.2021, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.) o 18.10.2021, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 7.10.2022, Deputación Provincial de Ourense o 26.10.2021, Unión Fenosa Distribución o 18.10.2021, Telefónica o 29.9.2021 e Concello de San Xoán de Río o 26.10.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 12.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Amigos da Terra, Adega, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Concello de Castro Caldelas, Concello da Pobra de Trives, Concello de Chandrexa de Queixa e Concello de San Xoán de Río.

Cumprida a tramitación ambiental, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Treboada, nos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) (expediente 2018/0042) (DOG núm. 230, do 2 de decembro).

Décimo cuarto. O 10.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo quinto. O 12.3.2023, a promotora presenta acordo de compartición de infraestruturas comúns de evacuación á subestación Trives 220 kV, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Décimo sexto. O 14.3.2023 e 28.3.2023, o promotor presentou declaración responsable onde indica que a documentación refundida non modificou as afeccións xa informadas polos diferentes organismos e empresas, achegando ademais o proxecto de execución refundido do parque eólico Treboada e liña de evacuación (versión 2), redactado por Luis Antonio González-Viso Pulido, colexiado nº 1575 do ICOII de Galicia e con número de visado 20230950, do 28.3.2023.

Décimo sétimo. O 31.3.2023, esta dirección xeral requiriulle á Xefatura Territorial de Lugo e á Xefatura Territorial de Ourense informe técnico sobre o proxecto de execución refundido recollido no antecedente anterior.

Décimo oitavo. O 5.4.2023, a Xefatura Territorial de Lugo e, o 10.4.2023, a Xefatura Territorial de Ourense emitiron informes sobre o proxecto refundido, recollido no antecedente décimo sétimo, de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50,00 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.11.2019 e 24.3.2021, respectivamente.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello de San Xoán de Río. Tamén se recibiron informes das organización ecoloxistas Sociedade Galega de Historia Natural e da Federación Ecoloxista Galega.

2. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no antecedente de feito cuarto.

3. No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, ámbito que se amplía ata os 10-15 km para o estudo da paisaxe.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluídas liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Treboada comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Ventumelo e Orballeira, entre outros, o que non impide que cada un dos parques teña carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía e, ao mesmo tempo, supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

4. Polo que respecta aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras e forestais, debe indicarse que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, afeccións que en ningún caso se estenden a toda a poligonal do parque. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

5. En canto á alegación relativa a que se trata dun procedemento de gran complexidade técnico-xurídica, o que provoca unha feble posición dos particulares afectados respecto dos dereitos de participación nel, cabe sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos. Cabe engadir que, tal e como se recolle nesta resolución, mediante o Acordo do 2 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Treboada e liña de evacuación, situado nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río. Esta resolución e a documentación obxecto da información pública remitiuse para exposición nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río e na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e na Xefatura Territorial de Ourense da daquela Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

6. No que respecta á falta de avaliación estratéxica do desenvolvemento eólico actual e á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

7. Polo que respecta á suposta vulneración da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, debe sinalarse que consta a emisión dos informes favorables, un da Xefatura Territorial de Lugo da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e outro da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

8. En canto ás afeccións e prexuízos para a poboación da contorna, cabe sinalar que a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu informe en que considera satisfeitos os requirimentos feitos en relación co seu ámbito competencia, que teñen que ver, entre outros, con aspectos que poden afectar a poboación da contorna, como campos electromagnéticos, ruídos, gases, e indica a necesidade de tomar medidas para os receptores do efecto pestanexo que superen o limiar das 8 h anuais de afección. O promotor sinala, pola súa banda, os beneficios que a construción e explotación do parque terán na zona de implantación, como creación de emprego, impostos sobre a obra e a actividade, o pagamento do canon eólico, que redundará en parte de forma directa nos concellos en que se implante, pagamento de rendas anuais a propietarios, etc.

9. No que respecta á alegación presentada por varios promotores sobre a posible interferencia da subestación Treboada e LAT Treboada-Trives coa súa liña de evacuación, debemos indicar que, posteriormente á presentación desta alegación, se presentou ante esta dirección xeral un acordo acadado entre os promotores para evacuar a enerxía conxuntamente a través da subestación do parque eólico de Treboada.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 28.12.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Treboada, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Treboada, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Treboada.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Treboada, sito nos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Wind Grower, S.L., cunha potencia de 50,00 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Treboada, composto polo documento Proxecto de execución refundido do parque eólico Treboada e liña de evacuación (versión 2), asinado o 27.3.2023 polo enxeñeiro industrial Luis Antonio González-Viso Pulido, colexiado núm. 1.575 do ICOIIG, e con visado núm. 20230950, do 28.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Wind Grower, S.L.

Enderezo social: r/ Cala Bona, 19, 07009 Palma.

Denominación: parque eólico Treboada e liña de evacuación.

Potencia instalada: 50,00 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 50,00 MW.

Produción neta: 140,320 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 105.510 h.

Concellos afectados: Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo).

Orzamento de execución por contrata: 44.008.215 euros.

Coordenadas indicadas no proxecto que definen a poligonal do parque:

Poligonal

Parque eólico Treboada

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

Vértice A

639219

4698030

Vértice B

639219

4693164

Vértice C

640205

4693164

Vértice D

640205

4690243

Vértice E

641823

4690243

Vértice F

641823

4688315

Vértice G

634897

4688315

Vértice H

634897

4691765

Vértice I

635886

4691765

Vértice J

635886

4691945

Vértice K

631906

4694788

Vértice L

634888

4699758

Coordenadas previstas en proxecto para os aeroxeradores:

ID

Aeroxerador (Proxecto)

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

T-1

636.010,00

4.696.033,00

2

T-2

635.720,00

4.695.616,00

3

T-3

635.304,00

4.694.990,00

4

T-4

634.996,00

4.694.630,00

5

T-5

634.437,00

4.694.294,00

6

T-6

636.235,00

4.689.611,00

7

T-7

635.918,00

4.689.392,00

8

T-8

635.669,00

4.689.112,00

9

T-9

635.390,00

4.688.835,00

10

T-10

637.925,00

4.692.225,00

11

T-11

637.864,00

4.691.852,00

12

T-12

638.183,00

4.691.340,00

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Parque eólico Treboada

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

TM-T1

635645

4695353

TM-T2

636575

4689666

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Parque eólico Treboada

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

1

639198,7

4693093,9

Características técnicas recollidas no proxecto:

• 12 aeroxeradores modelo Vestas V150 de 4,2 MW de potencia unitaria (10 unidades) e de 4,0 MW de potencia unitaria (2 unidades), cunha altura de buxa de 105 m e 150 m de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia nacelle dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 5.150 kVA e relación de transformación 0,72/30 kV e os correspondentes equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque (SET), composta por tres circuítos con condutores tipo HEPRZ1 18/30kV Al, de sección variable segundo o treito; o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores T-1, T-2, T-3, T-4 e T-5 coa SET, o circuíto 2 para a interconexión dos aeroxeradores T-6, T-7, T-8 e T-9 coa SET, o circuíto 3 para a interconexión dos aeroxeradores T-10, T-11 e T-12 coa SET.

• Subestación Treboada 220/30 kV: coa seguinte configuración: i) Parque a nivel de 220 kV en intemperie (AIS) con aparellaxe convencional en configuración de simple barra, coas seguintes posicións: (1) posición de barras para 8 posicións, (1) posición de liña 220 Treboada-Trives, (1) posición de transformación (T1) 220/30 con trafo de potencia 50/60 MVA ONAN/ONAF (para PE Treboada), (1) posición de transformación (T2) 220/30 con trafo de potencia 50/60 MVA ONAN/ONAF (para PE Promotor 2), (1) posición de liña 220 SET Neboada-SET Treboada (recibe enerxía procedente promotores 3, 4 e 5), (1) Posición de liña 220 para promotor 7, (1) Posición de liña 220 para promotor 8, (1) Posición de liña 220 para promotor 9, (1) Posición de liña 220 reserva; ii) dous transformadores de potencia (T1 e T2) de 50/60 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 220/30 kV. iii) Sistema a 30 kV, con tecnoloxía GIS, coas seguintes posicións: barras 30 kV transformador T1 (PE Treboada), barras 30 KV transformador T2 (PE promotor 2), celas de liña chegada para PE Treboada, celas de liña para PE promotor 2, cela de liña para transformador T1 (PE Treboada), cela de liña para transformador T2 (PE promotor 2), (2) celas de medida, celas bancos de condensadores, cela transformador SSAA (de 100 kVA, RT 30/0,42 kV) iv) (2) reactancias intemperie 30 kV, equipamento da subestación con sistema de control e proteccións, sistema de medida, sistema de telecomunicacións, sistema de posta á terra e sistema de seguridade e demais elementos auxiliares.

• Liña de evacuación: LAT 220 kV, de 4.643 m de lonxitude, en simple circuíto (S/C), con condutor dúplex tipo LA-545 sobre 18 apoios metálicos de celosía, con orixe no pórtico da subestación colectora Treboada e fin nunha nova posición de liña na subestación Trives 220.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Wind Grower, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 330.062,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. O promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial, xunto coa documentación para a solicitude da autorización de explotación, o certificado do fabricante en que conste a limitación mecánica da potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo e Ourense inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

12. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

13. Con carácter previo ao inicio de obras o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

14. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

15. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

16. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

17. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

18. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais