Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38910

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Castro Valente, sito nos concellos da Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2020/066).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Castro Valente.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Castro Valente, sito nos concellos da Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., cunha potencia de 18 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 124.000 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data do 25.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e Instituto de Estudos do Territorio de acordo aos puntos 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral as autorizacións da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, así como o condicionado técnico favorable de Rede Eléctrica de España, S.A. para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Con data do 30.4.2020 o promotor, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Castro Valente, sito nos concellos da Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña). Con data do 14.10.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009 e con data do 27.10.2020 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou o xustificante da taxa da autorización administrativa.

2. Con data do 29.1.2021, esta dirección xeral procedeu a solicitar os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. Con data do 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que «os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable» e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. Con data do 3.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no que indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos a consultar durante a fase de información pública.

5. Mediante a Resolución do 29 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Castro Valente, situado nos concellos de Pontecesures, Valga, A Estrada (Pontevedra) e Padrón (A Coruña), e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Pontecesures, Valga, A Estrada e Padrón), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello da Estrada, Concello de Valga, Concello de Pontecesures e Concello de Padrón.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) o 29.10.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 5.11.2021, 11.3.2022 e o 19.1.2022 e o 18.5.2022, Retegal S.A o 27.12.2021 e Cellnex Telecom, S.A. o 25.10.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

A Axencia Galega de Infraestruturas no seu informe do 18.5.2022 indica que informa «favorablemente o proxecto de interese autonómico e a separata do proxecto de execución do parque eólico Castro Valente con estrita suxeición, esta última, ao condicionado técnico que se achega xunto co presente informe.

Previo á execución das obras, o promotor deberá solicitar a preceptiva autorización ao servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra».

7. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Estrada, Concello de Valga, Concello de Pontecesures e Concello de Padrón.

Como consecuencia dun primeiro informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 17.1.2022, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. eliminou o aeroxerador PV3.3.

Formalizada a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 28 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

8. Con data do 26.12.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o proxecto de execución e as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública e a tramitación do expediente.

9. Con data do 12.1.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou a documentación técnica refundida requirida mencionada no antecedente de feito oitavo.

En concreto, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presenta o proxecto de execución do parque eólico Castro Valente e separatas para os seguintes organismos: Concello da Estrada, Concello de Padrón, Cellnex Telecom, S.A., Retegal, S.A. e Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa).

Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou declaración responsable na que comunica que «entre a documentación presentada, non se inclúe separata para os concellos de Valga e Pontecesures, dado que estes concellos unicamente están afectados pola poligonal do parque eólico e esta non sufriu modificacións respecto da incluída no proxecto sometido a información pública mediante resolución do 29 de setembro de 2021».

Asemade, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou declaración responsable na que comunica que «entre a documentación presentada, non se inclúe separata para a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) dado que non hai modificación ás afeccións xa informadas durante a tramitación do expediente (informe de data 18 de maio de 2022), polo que non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico».

10. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral requiriulle ao promotor documentación complementaria ao detectar os servizos técnicos unha posible interferencia da posición do aeroxerador nº 3 (despois da remuneración dos aeroxeradores, que corresponde co inicialmente denominado PV3.4 durante o procedemento de información pública) coa LAT SET Lousame-SET Tibo de Red Eléctrica de España, S.A. (REE).

11. Con data do 14.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou unha separata técnica para Red Eléctrica de España S.A, a cal foi remitida o 15.3.2023.

12. Con data do 16.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A., a causa da interferencia recollida no antecedente de feito décimo, achegou unha modificación do proxecto de execución, así como un documento de valoración ambiental onde se despraza o aeroxerador nº 3 para evitar a afección mencionada.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Red Eléctrica de España, S.A., Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello da Estrada e Concello de Padrón.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) o 1.2.2023, Red Eléctrica de España, S.A. o 28.3.2023 e Retegal, S.A. o 13.2.2023.

O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Con data do 28.3.2023 Red Eléctrica de España, S.A. informou desfavorablemente a posición do aeroxerador nº 3 por non cumprir as distancias mínimas á LAT SET Lousame-SET Tibo.

Con data do 29.3.2023 o promotor respondeu que con data do 16 de marzo de 2023 achegou un proxecto refundido no que modifica a posición do aeroxerador nº 3 para cumprir coa distancia mínima de seguridade.

14. Con data do 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais procedeu a solicitar a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 33.7 ao órgano competente en materia do territorio como consecuencia do desprazamento do aeroxerador nº 3 mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

Con data do 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe requirido onde se indica que: «todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable existentes».

15. Con data do 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais procedeu a solicitar a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ao órgano competente en materia ambiental achegando os documentos «Valoración ambiental. Modificación do Parque Eólico Castro Valente. Marzo 2023» e o proxecto de execución remitido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

Posteriormente, con data do 17.4.2023 esta dirección xeral remitiu a antedita documentación técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con data do 21.4.2023 a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu informe indicando que: «as modificacións presentadas do proxecto non xeran efectos significativos, sendo compatibles coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, polo que se emite informe favorable, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e as que foran recollidas no condicionado do informe do 7.10.2022, así como na declaración de impacto ambiental».

Con data do 21.4.2023 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe indicando que «as modificacións propostas para o Proxecto do Parque Eólico Castro Valente non modifican o contido do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data do 22.11.2022, polo que se informan de xeito favorable».

16. Con data do 30.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. achegou o documento Proxecto técnico administrativo construtivo modificado. Parque eólico Castro Valente, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 30.3.2023 e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20230983 do 30.3.2023 e unha declaración responsable na que indica que: «se procedeu a visar o mesmo proxecto (o cal se entregou o 16 de marzo de 2023) sen que se producise ningunha modificación no documento, unicamente se incorporou o «Anexo. Cumprimento de distancias entre aeroxeradores e LAT 220 kV DC Lousame-Tibo «e modificando o tipo de visado colexial polo de «Proxecto de Execución».

17. O 4.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

18. O Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, requiriulle unha addenda ao promotor en relación a aspectos vinculados á instalación na provincia da Coruña. O promotor remitiu o documento «Adenda proxecto técnico administrativo construtivo modificado. Parque eólico Castro Valente» asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 14.4.2023 e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20231175 do 14.4.2023.

O 17.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito décimo sexto e a antedita addenda, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

19. Con data do 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre a modificación das características do proxecto presentada por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. o 17.3.2023 e mencionada no antecedente de feito décimo quinto onde se indica que «á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Castro Valente e os informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental, ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os ditos informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 18 MW, segundo os informes do xestor da rede do 18.4.2020 e do 25.8.2021.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais