Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Castro Valente, sito nos concellos da Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2020/066).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Iberdrola Renovables Galicia, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Castro Valente, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 30.4.2020 o promotor, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Castro Valente, sito nos concellos da Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña). Con data do 14.10.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009 e con data do 27.10.2020 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou o xustificante da taxa da autorización administrativa.

Segundo. Con data do 29.1.2021, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Terceiro. Con data do 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que «os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable» e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. Con data do 3.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no que indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos a consultar durante a fase de información pública.

Quinto. Mediante a Resolución do 29 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Castro Valente, situado nos concellos de Pontecesures, Valga, A Estrada (Pontevedra) e Padrón (A Coruña), e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Pontecesures, Valga, A Estrada e Padrón), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello da Estrada, Concello de Valga, Concello de Pontecesures e Concello de Padrón.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) o 29.10.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 5.11.2021, 11.3.2022 e o 19.1.2022 e o 18.5.2022, Retegal, S.A. o 27.12.2021 e Cellnex Telecom, S.A. o 25.10.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

A Axencia Galega de Infraestruturas no seu informe do 18.5.2022 indica que informa «favorablemente o proxecto de interese autonómico e a separata do proxecto de execución do parque eólico Castro Valente con estrita suxeición, esta última, ao condicionado técnico que se achega xunto co presente informe.

Previo á execución das obras, o promotor deberá solicitar a preceptiva autorización ao servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra».

Sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Estrada, Concello de Valga, Concello de Pontecesures e Concello de Padrón.

Como consecuencia dun primeiro informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 17.1.2022, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. eliminou o aeroxerador PV3.3.

Cuberta a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 28 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

Oitavo. Con data do 26.12.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o proxecto de execución e as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública e a tramitación do expediente.

Noveno. Con data do 12.1.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou a documentación técnica refundida requirida mencionada no antecedente de feito oitavo.

En concreto, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presenta o proxecto de execución do parque eólico Castro Valente e separatas para os seguintes organismos: Concello da Estrada, Concello de Padrón, Cellnex Telecom, S.A., Retegal, S.A. e Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa).

Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou declaración responsable na que comunica que «entre a documentación presentada, non se inclúe separata para os concellos de Valga e Pontecesures, dado que estes concellos unicamente están afectados pola poligonal do parque eólico e esta non sufriu modificacións respecto da incluída no proxecto sometido a información pública mediante a Resolución do 29 de setembro de 2021».

Asemade, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou declaración responsable na que comunica que «entre a documentación presentada, non se inclúe separata para a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dado que non hai modificación ás afeccións xa informadas durante a tramitación do expediente (informe do 18 de maio de 2022), polo que non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico».

Décimo. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral requiriulle ao promotor documentación complementaria ao detectar os servizos técnicos unha posible interferencia da posición do aeroxerador nº 3 (despois da remuneración dos aeroxeradores, que corresponde co inicialmente denominado PV3.4 durante o procedemento de información pública) coa LAT SET Lousame-SET Tibo de Red Eléctrica de España, S.A. (REE).

Décimo primeiro. Con data do 14.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou unha separata técnica para Red Eléctrica de España, S.A., a cal foi remitida o 15.3.2023.

Décimo segundo. Con data do 16.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A., a causa da interferencia recollida no antecedente de feito décimo, achegou unha modificación do proxecto de execución, así como un documento de valoración ambiental onde se despraza o aeroxerador nº 3 para evitar a afección mencionada.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Red Eléctrica de España, S.A., Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello da Estrada e Concello de Padrón.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa) o 1.2.2023, Red Eléctrica de España, S.A. o 28.3.2023 e Retegal, S.A. o 13.2.2023.

O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron e, de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Con data do 28.3.2023, Red Eléctrica de España, S.A. informou desfavorablemente a posición do aeroxerador nº 3 por non cumprir as distancias mínimas á LAT SET Lousame-SET Tibo.

Con data do 29.3.2023, o promotor respondeu que, con data do 16 de marzo de 2023, achegou un proxecto refundido no que modifica a posición do aeroxerador nº 3 para cumprir coa distancia mínima de seguridade.

Décimo cuarto. Con data do 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 33.7 ao órgano competente en materia do territorio como consecuencia do desprazamento do aeroxerador nº 3 mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

Con data do 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe requirido onde se indica que «todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable existentes».

Décimo quinto. Con data do 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais procedeu a solicitar a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ao órgano competente en materia ambiental achegando os documentos «Valoración ambiental. Modificación do parque eólico Castro Valente. Marzo 2023» e o proxecto de execución remitido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

Posteriormente, con data do 17.4.2023, esta dirección xeral remitiu a antedita documentación técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con data do 21.4.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu informe indicando que «as modificacións presentadas do proxecto non xeran efectos significativos, sendo compatibles coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, polo que se emite informe favorable, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e as que foran recollidas no condicionado do informe do 7.10.2022, así como na declaración de impacto ambiental».

Con data do 21.4.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe indicando que «as modificacións propostas para o proxecto do parque eólico Castro Valente non modifican o contido do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 22.11.2022, polo que se informan de xeito favorable».

Décimo sexto. Con data do 30.3.2023 Iberdrola Renovables Galicia, S.A., achegou o documento Proxecto técnico administrativo constructivo modificado. Parque eólico Castro Valente, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 30.3.2023 e visado no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20230983 do 30.3.2023 e unha declaración responsable na que indica que «se procedeu a visar o mesmo proxecto (o cal se entregara o 16 de marzo de 2023) sen que se producise ningunha modificación no documento, unicamente se incorporou o «Anexo. Cumprimento de distancias entre aeroxeradores e LAT 220 KV DC Lousame-Tibo» e modificando o tipo de visado colexial polo de «Proxecto de Execución».

Décimo sétimo. O 4.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo oitavo. O Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación requiriulle unha addenda ao promotor en relación a aspectos vinculados á instalación na provincia da Coruña. O promotor remitiu o documento «Addenda proxecto técnico administrativo construtivo modificado. Parque eólico Castro Valente» asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 14.4.2023 e visado no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20231175 do 14.4.2023.

O 17.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito décimo sexto e a antedita addenda, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo noveno. Con data do 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre a modificación das características do proxecto presentada por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. o 17.3.2023 e mencionada no antecedente de feito décimo quinto onde se indica que «á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Castro Valente e os informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental, ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os ditos informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 18 MW, segundo os informes do xestor da rede do 18.4.2020 e do 25.8.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Castro Valente (IN408A 2020/066) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas de evacuación situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a ubicación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias medioambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

3. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico.

4. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe un novo, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia se entenderá aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Castro Valente, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022, e recollida no antecedente de feito sétimo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Castro Valente, nos concello de Padrón (A Coruña) e Pontecesures, Valga e A Estrada (Pontevedra), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Castro Valente.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Castro Valente, sito nos concellos de Padrón (A Coruña) e Pontecesures, Valga e A Estrada (Pontevedra) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., para unha potencia de 18 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Castro Valente, composto polos documentos Proxecto técnico administrativo construtivo modificado. Parque Eólico Castro Valente, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 30.3.2023 e visado no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20230983 do 30.3.2023 e a «Addenda proxecto técnico administrativo construtivo modificado. Parque eólico Castro Valente» asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) o 14.4.2023 e visado no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20231175 do 14.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Domicilio social: r/ Circunvalación, 17, 32350 A Rúa (Ourense).

Denominación: parque eólico Castro Valente.

Potencia instalada: 18 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 18 MW.

Produción neta: 59.429 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.302 h.

Concellos afectados: A Estrada, Pontecesures e Valga (Pontevedra) e Padrón (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 11.007.631,56 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

C-01

531.375

4.731.785

C-02

531.450

4.732.048

C-03

531.832

4.732.208

C-04

534.039

4.731.096

C-05

534.835

4.729.350

C-06

531.534

4.728.214

C-07

531.375

4.728.555

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PV-8.1

531.606

4.731.827

6

PV-8.2

531.910

4.731.511

6

PV-8.4

532.415

4.730.342

6

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro

532.512

4.729.952

V01

532.458

4.729.989

V02

532.522

4.730.011

V03

532.555

4.729.913

V04

532.491

4.729.891

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG 6.0-155 de 6 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 102,5 m, diámetro de rotor de 155 m, cos seus correspondentes centros de transformación, con potencia unitaria de 6.500 kVA e relación de transformación de 0.69/30 kV.

– Rede subterránea de media tensión (30 kV), con condutor de aluminio tipo HEPRZ1 18/30 kV de diferentes seccións, para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e a subestación 30/66 kV denominada SET Castro Valente 66 kV.

– Subestación transformadora 30/66 kV, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 55 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 250 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,42-0,242 kV, equipamentos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-70 mm².

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 124.000 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e Instituto de Estudos do Territorio de acordo aos puntos 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral as autorizacións da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, así como o condicionado técnico favorable de Red Eléctrica de España, S.A. para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais