Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38920

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Fial das Corzas, sito nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2020/065).

Examinado o expediente iniciado a solicitude de Iberdrola Renovables Galicia, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Fial das Corzas, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.4.2020, a promotora, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense).

Segundo. O 18.6.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicou á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 22.3.2021, a promotora presentou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 25.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Cuarto. O 23.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

Quinto. O 23.9.2021, esta dirección xeral remitiu a documentación técnica do proxecto do parque eólico Fial das Corzas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Sexto. Mediante o Acordo do 1 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Vilar de Barrio e Laza, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/65).

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2021 (DOG núm. 197). Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Laza e Vilar de Barrio), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Ao mesmo tempo, esta resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Ourense remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Ourense, Concello de Laza e Concello de Vilar de Barrio.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 20.10.2021, Retevisión I, S.A.U. o 4.11.2021, Confederación Hidrográfica del Duero o 15.10.2021, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 22.11.2022 e Deputación de Ourense o 30.11.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica del Duero, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Laza e Concello de Vilar de Barrio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sotibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 231, do 5 de decembro).

Noveno. O 7.2.2023, Fial das Corzas, S.L. presentou a documentación técnica refundida resultante coa configuración final do parque, incorporando os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública. A modificación consiste na eliminación de 3 aeroxeradores (F4.4, F4.6 e F4.10), o desprazamento doutros 3 (F4.2, F4.7 e F4.9), así como a repotenciación dos aeroxeradores pasando de 4,5 MW a 5,2 MW.

Presentou, entre outra documentación, o Proxecto de execución parque eólico Fial das Corzas, visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, con núm. 20230318, o 3.2.2023, e separatas técnicas para: Concello de Laza, Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., así como unha declaración responsable sobre as separatas para a Deputación de Ourense e o Concello de Vilar de Barrio de non ser necesario novo informe. Ao mesmo tempo, presentou documento de validación ambiental dos cambios.

Décimo. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a valoración da documentación presentada pola promotora no antecedente de feito anterior e a ratificación da validez da declaración de impacto ambiental, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021.

Décimo primeiro. O 15.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias, conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009, nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 7.2.2023, onde se recolle a eliminación e a recolocación dos diferentes aeroxeradores.

Décimo segundo. O 20.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Laza, Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.U.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Laza o 31.3.2023, Confederación Hidrográfica del Duero o 21.3.2023, Retegal, S.A. o 17.3.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 9.3.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Fial das Corzas (expediente IN408A 2020/065), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., e pola Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Fial das Corzas (expediente IN408A 2020/065), o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento común, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo cuarto. O 15.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que «no que respecta ás coordenadas dos 8 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Décimo quinto. O 30.3.2023, a promotora remitiu a esta dirección xeral o proxecto de execución refundido denominado Proxecto técnico administrativo construtivo modificado parque eólico Fial das Corzas, asinado polo enxeñeiro industrial Javier Regueira Miguéns e visado polo Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 30.3.2023 (visado núm. 20230980) xunto cunha declaración responsable de que o proxecto non supón modificación ningunha respecto ao presentado o 7.2.2023, modificando o visado do proxecto respecto ao presentado o antecedente de feito noveno. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu esta documentación á Xefatura Territorial de Ourense.

Décimo sexto. O 10.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito anterior.

Décimo sétimo. O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informes á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural presentando a addenda de valoración ambiental remitida por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. recollida no antecedente de feito noveno.

O 20.4.2022 e o 21.4.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respectivamente, emitiron os informes solicitados.

Décimo oitavo. O 21.4.2023, esta dirección xeral remitiu os informes do antecedente de feito anterior á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, para incorporalos á solicitude de validación de DIA do 9.2.2023, recollido no antecedente de feito décimo.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático emitiu informe en que indica que: «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Fial das Corzas e os informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os devanditos informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte da promotora dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,5 MW, segundo o informe do xestor da rede de 17.3.2020 e de 24.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentados durante a tramitación do expediente, con data do 10.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas das mesmas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Con todo, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento…), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, que foi feita pública no Anuncio do 21 de novembro de 2022 (DOG núm. 231, do 5 de decembro), e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Polo que afecta as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica del Duero e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

3. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no expediente.

4. No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23 de xullo de 2021, recóllese que: “Comprobado o plan vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Laza do 26.2.2008), e as coordenadas dos 11 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable”.

5. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Con todo, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento común de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Por tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deben prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Por tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos Castrelo do Val e Rebordechao.

É preciso sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das devanditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evasión de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa banda, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Por tanto, de acordo con esta definición, pode deducirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

6. En relación co órgano competente para resolver este procedemento, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

7. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 22 de novembro de 2021: “As superficies de afección virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polos elementos de apoio, construcións complementarias e as superficies determinadas polas distancias de servidume establecidas na normativa que regula as obras de produción e transporte de enerxía eléctrica e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e demais normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión de biomasa. Será necesario constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que transporten enerxía eléctrica de maneira aérea, de ser o caso.

Detectouse unha posible afección a un punto de auga para a extinción de incendios forestais con medios aéreos que se atopa a 200 m do aeroxerador FC5. Por esta razón este servizo considera que o proxecto debería contar co informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Tanto este coma os puntos de auga para carga de medios terrestres deberán quedar completamente operativos.

Con base no anterior e considerando que se trata dun uso permitido en solo rústico e sempre que se cumpra o condicionado anterior e a normativa citada, emítese informe favorable sobre a realización da actuación descrita desde as competencias relacionadas co interese ou valor forestal dos montes, sen prexuízo dos informes que correspondan a outros organismos en virtude das súas competencias”.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 26 de outubro de 2022: “Con base no anterior e tendo en conta os condicionantes recolleitos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais…), emítese informe favorable sobre a realización do parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Laza e Vilar de Barrio, na provincia de Ourense”.

8. Ao mesmo tempo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis aló das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

9. Respecto á saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, convén expoñer que, recentemente, a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

10. Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, hai que indicar que acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

11. Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ás diferentes publicacións do Acordo do 1 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Vilar de Barrio e Laza, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/65).

Así mesmo, esta resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron ao dispor de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense) e nas xefaturas territoriais de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Inovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

12. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, é necesario subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, é preciso lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles. Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, é necesario manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cabe ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Con todo, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos».

Polo que respecta ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir, recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Fial das Corzas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático o 18.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Fial das Corzas, nos concellos de Vilar de Barrio e Laza, promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Fial das Corzas.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., para unha potencia de 41,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Fial das Corzas, composto polo documento Proxecto técnico administrativo construtivo modificado parque eólico Fial das Corzas, asinado polo enxeñeiro industrial Javier Regueira Miguéns e visado polo Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 30.3.2023 (visado núm. 20230980).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Dirección social: rúa Circunvalación 17, 32350 A Rúa (Ourense).

Denominación: parque eólico Fial das Corzas.

Potencia instalada: 41,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 41,6 MW.

Produción neta: 105.455 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.535 h.

Concellos afectados: Laza e Vilar de Barrio (Ourense).

Orzamento de execución material (sen IVE): 28.862.063,87 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

V01

625.525

4.669.085

V02

627.997

4.669.085

V03

629.595

4.665.874

V04

629.578

4.665.450

V05

629.719

4.665.544

V06

629.919

4.665.495

V07

631.997

4.662.285

V08

628.880

4.662.285

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

F8.1

626.844

4.668.686

F8.2

627.325

4.668.108

F8.3

627.548

4.666.986

F8.5

628.210

4.666.102

F8.7

629.129

4.665.838

F8.8

629.664

4.665.264

F8.9

629.865

4.664.505

F8.11

630.341

4.663.434

Coordenadas da subestación:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro

627.612

4.667.468

V01

627.539

4.667.504

V02

627.623

4.667.548

V03

627.685

4.667.430

V04

627.601

4.667.387

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 8 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG 5.0-145 de 5,2 MW de potencia unitaria, cunha altura de buxa de 107,5 m e 145 m de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia nacelle dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 5.500 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV e os correspondentes equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque (SET), composta por catro circuítos con condutores tipo HEPRZ1 18/30 kV Al, de sección variable segundo o tramo; o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores F8.1 e F8.2 coa SET, o circuíto 2 para a interconexión dos aeroxeradores F8.3 e F8.5 coa SET, o circuíto 3 para a interconexión dos aeroxeradores F8.7 e F8.8 coa SET e o circuíto 4 para a interconexión dos aeroxeradores F8.9 e F8.11 coa SET.

– Subestación SET PE Fial das Corzas 220/30 kV coa seguinte configuración: i) Parque a nivel de 220 kV en intemperie con aparellaxe convencional en configuración de simple barra, coas seguintes posicións: dúas posicións de liña convencional de intemperie con interruptor, unha posición de transformador convencional de intemperie con interruptor. ii) Transformador de potencia de 125 MVA de instalación en exterior, illados en aceite mineral, con sistema de regulación de carga e r/t 220 kV/30 kV. iii) Sistema a 30 kV presenta configuración de simple barra que os seguintes módulos de celas normalizadas: posición de transformador blindada de interior con interruptor (para alimentación ao embarrado), posición de transformador blindada de interior con interruptor (posición de reserva), unha posición de medida tensión en barras blindada de interior sen interruptor, instalada na cela física correspondente á posición de SSAA, unha posición de alimentación ao transformador de SSAA, de 250 kVA r/t 30/0,420 kV, catro posicións de liña blindadas de interior con interruptor, unha posición de liña blindada de interior con interruptor para alimentación ao equipo de compensación de enerxía reactiva BC. iv) Instalación de cadro de control e armarios de protección, control, medida e demais elementos auxiliares.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Conforme o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fial das Corzas, S.L. constituirá, con carácter previo ao comezo das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, en 299.809 euros.

Esta fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental con data do 18.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao comezo das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Confederación Hidrográfica del Douro, o Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos apartados 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao comezo das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora dispoñerá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais