Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Fial das Corzas, sito nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2020/065).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Fial das Corzas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Fial das Corzas, sito nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense), cunha potencia de 41,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fial das Corzas, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 299.809 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Confederación Hidrográfica del Duero, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.112022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.4.2020, a promotora, Iberdrola Renovables Galicia, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Fial das Corzas, sito nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense).

2. O 18.6.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 22.3.2021, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 25.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

4. O 23.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

5. O 23.9.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Fial das Corzas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

6. Mediante o Acordo do 1 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Vilar de Barrio e Laza, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/65).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2021 (DOG núm. 197). Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Laza e Vilar de Barrio), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Ourense remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Ourense, Concello de Laza e Concello de Vilar de Barrio.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 20.10.2021, Retevisión I, S.A.U. o 4.11.2021, Confederación Hidrográfica del Duero o 15.10.2021, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 22.11.2022 e Deputación de Ourense o 30.11.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

8. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica del Duero, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Laza e Concello de Vilar de Barrio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 231, do 5 de decembro).

9. O 7.2.2023 Fial das Corzas, S.L. presentou a documentación técnica refundida resultante coa configuración final do parque, incorporando os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública. A modificación consiste na eliminación de 3 aeroxeradores (F4.4, F4.6 e F4.10), o desprazamento doutros 3 (F4.2, F4.7 e F4.9), así como a repotenciación dos aeroxeradores pasando de 4,5 MW a 5,2 MW.

Presentou, entre outra documentación, o Proxecto de execución parque eólico Fial das Corzas, visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, con núm. 20230318, o 3.2.2023, e separatas técnicas para: Concello de Laza, Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación hidrográfica Miño-Sil, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., así como unha declaración responsable sobre as separatas para a Deputación de Ourense e o Concello de Vilar de Barrio de non ser necesario novo informe. Asemade, achegou documento de validación ambiental dos cambios.

10. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a valoración da documentación presentada pola promotora no antecedente de feito anterior e a ratificación da validez da declaración de impacto ambiental, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021.

11. O 15.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 7.2.2023, onde se recolle a eliminación e a relocalización dos diferentes aeroxeradores.

12. O 20.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Laza, Confederación Hidrográfica del Duero, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.U.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Laza o 31.3.2023, Confederación Hidrográfica del Duero o 21.3.2023, e Retegal, S.A. o 17.3.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

13. O 9.3.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Fial das Corzas (expediente IN408A 2020/065), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., e pola Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Fial das Corzas (expediente IN408A 2020/065), o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

14. O 15.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se conclúe que «no que se refire ás coordenadas dos 8 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

15. O 30.3.2023, a promotora remitiulle a esta dirección xeral o proxecto de execución refundido denominado Proxecto técnico administrativo construtivo modificado parque eólico Fial das Corzas, asinado polo enxeñeiro industrial Javier Regueira Miguéns e visado polo Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 30.3.2023 (visado núm. 20230980), xunto cunha declaración responsable de que o proxecto non supón modificación ningunha respecto ao presentado o 7.2.2023, modificando o visado do proxecto respecto ao presentado o antecedente de feito noveno. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu esta documentación á Xefatura Territorial de Ourense.

16. O 10.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito anterior.

17. O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informes á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural achegando a addenda de valoración ambiental remitida por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. recollida no antecedente de feito noveno.

O 20.4.2022 e o 21.4.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respectivamente, emitiron os informes solicitados.

18. O 21.4.2023, esta dirección xeral remitiu os informes do antecedente de feito anterior á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, para incorporalos á solicitude de validación de DIA do 9.2.2023, recollido no antecedente de feito décimo.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe no que indica que: «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Fial das Corzas e dos informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo tales informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte da promotora dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,5 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.3.2020 e do 24.3.2021.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais