Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38812

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta da comisión de mediación prevista no artigo 57 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) (Diario Oficial de Galicia número 29, do 12.2.2020), promovido no sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada de Galicia (expediente AGA 51/23).

Visto o texto da acta da comisión de mediación prevista no artigo 57 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) (DOG número 29, do 12.2.2020) promovido no sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada de Galicia (expediente AGA 51/23), que se subscribiu o 6 de maio de 2023, entre a representación empresarial de Fegatravi, Transgacar, Fegabus e Anetra-Galicia e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

En Santiago de Compostela o 6 de maio de 2023, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, ao abeiro do procedemento establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) promovido no sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada de Galicia (expediente AGA 51/23), e en presenza do mediador designado, Demetrio Fernández López, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo, reúnense as persoas que se enumeran a seguir, sendo esta a cuarta xuntanza logo das desenvolvidas os pasados 26 de abril, 2 e 4 de maio.

Parte empresarial:

Javier de Bidegaín García (Fegatravi).

José Carlos García Cumplido (Transgacar).

Eugenio Geijo Carril (Fegabus).

Manuel Maneiro López (Anetra-Galicia).

Parte sindical:

María Iglesias Pacheco (CIG).

Xesús María Pastoriza Santamarina (CIG).

Juan Pereira Miramontes (CC.OO.).

José Raúl Rodríguez Vila (CC.OO.).

Martín Martínez Figueiro (UGT).

Miguel Ángel Campos Vázquez (UGT).

Na última xuntanza, a parte sindical formulou unha última proposta consistente en:

– Incremento salarial para o ano 2023 do 8 % desde o 1 de xaneiro de 2023, e 4,20 % que se aboará en decembro de 2023, cos atrasos correspondentes desde xaneiro de 2023, en ambos os casos. Todo iso incorpórase ás táboas salariais definitivas de 2023.

– Incremento salarial para o ano 2024, IPC real de 2023.

Ante esta proposta, a última da parte empresarial consistía en:

– Incremento salarial para o ano 2023: 7 %.

– Incremento salarial para o ano 2024: 6 %.

– Incremento salarial para o ano 2025: 2 %.

Na noite do 5 de maio de 2023 a parte empresarial remite escrito en que acepta a última proposta sindical.

Iniciada a xuntanza, aínda que a parte sindical considera que a súa proposta non está totalmente completa, ambas as partes unise sensibilidades e acordan:

1. Incremento salarial para o ano 2023 do 8 % desde o 1 de xaneiro de 2023, e 4,20 % que se aboará en decembro de 2023, cos atrasos correspondentes desde xaneiro de 2023, en ambos os casos. Todo iso incorpórase ás táboas salariais definitivas de 2023.

Incremento salarial para o ano 2024, IPC real de 2023.

No caso da provincia de Lugo, no período 2018-2020 quedará aberto a que se acorde no ámbito provincial.

2. A Mesa Galega do Transporte constituída en agosto de 2017 segue aberta, non no marco da mediación, pero nos locais e marco do CGRL para abordar outras cuestións formuladas.

3. A parte sindical someterá este preacordo ás asembleas e, en caso de ratificación, suporá a desconvocatoria da folga convocada a partir do 8 de maio de 2023.

A parte empresarial manifesta que, sendo consciente das dificultades que arrastran os empregados polo incremento do IPC destes anos, asume as peticións económicas da representación sindical, aínda que superen o marco xeral dos convenios dos últimos anos e do acordo adoptado entre as centrais sindicais e a CEOE, xa que agardan que as partes asinantes contribuirán con todo o empeño en apoiar o obxectivo formulado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de modificación do marco legal, para os efectos de propiciar as modificacións contractuais que permitan complementar a cantidade de 21 millóns de euros comprometidos para os efectos de garantir o mantemento do sistema de transporte de Galicia.

Non tendo máis asuntos que tratar, finaliza a xuntanza ás 14.35 do día sinalado no encabezamento, e os asistentes asinan en proba de conformidade.