Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36933

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), promovido por Enel Green Power España, S.L. (IN408A 2020/081).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra da Piñeira.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 35 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Enel Green Power España, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 246.639 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 328.852 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, a contar desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial con data do do 20.4.2023 para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial o documento técnico relativo ao cálculo mecánico das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (ITC-RAT 20.3) e, ademais, contar co seu informe favorable.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, contemplada no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Con data do 28.5.2020, o promotor, Enel Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, Lei 8/2009).

2. Con data do 15.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en adiante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, con data do 16.11.2020, o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. Con data do 7.7.2021, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Serra da Piñeira, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de dous aeroxeradores, sen modificar o número deles nin a potencia nominal da instalacións. Con data do 27.10.2021, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta nova modificación substancial.

4. Con data do 17.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, no que se conclúe que tres aeroxeradores non compren coa distancia mínima de 500 m respecto dos núcleo rurais da Piñeira (aeros SP01 e SP02) e Sixirei (aero SP04).

5. Con data do 14.12.2021, o promotor solicitou unha nova modificación substancial do parque eólico Serra da Piñeira, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de tres aeroxeradores que non cumprían coa distancia mínima a núcleos rurais. Con data do 7.6.2022, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta nova modificación substancial.

6. Con data do 9.6.2022, esta dirección xeral solicitou á DXOTU o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe con data do 21.6.2022, no que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

7. Con data do 2.8.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra da Piñeira á Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en adiante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

8. Con data do 20.9.2022, a xefatura territorial ditou Acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra da Piñeira, nos concellos de Becerreá, Láncara e Baralla.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Becerreá, Láncara e Baralla) e nas dependencias da xefatura territorial, quen emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a estas.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico aos seguintes entidades: Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Concello de Láncara, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Sección de Minas da xefatura territorial, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 23.11.2022, Deputación Provincial de Lugo o 20.10.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 18.12.2022, Sección de Minas da xefatura territorial o 26.10.2022 e 2.12.2022, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 22.11.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 7.12.2022 e 2.3.2023. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

A AXI emitiu informe desfavorable con data do 4.11.2022. O promotor aceptou as condicións recollidas neste informe e comprometeuse a presentar a documentación exixida.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Por outra banda, Retevisión I, S.A.U. (empresa do Grupo Cellnex Telecom, S.A.) presentou, con data do 2.11.2022, escrito de alegacións no que advirte da posibilidade de que o parque eólico afecte os servizos de difusión da TDT que presta, e indicando que, aínda que non desexa manifestar oposición ao proxecto, si require o compromiso do promotor para solucionar as posibles deficiencias que o parque eólico poida producir nos referidos servizos. O promotor prestou a súa conformidade a este requirimento.

10. Con data do 2.1.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado do mesmo a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, con data do 2.1.2023, no que se recolle un resumo da tramitación.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galicia (ADEGA), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Federación Ecoloxista Galega, Servizo Galego de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Concello de Láncara, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Asociación Sociocultural O Iribio.

Con data do 5.1.2023, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, con data do 23.1.2023, formular a DIA do parque eólico Serra da Piñeira, nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (clave 2020/0258), que se fixo pública mediante o Anuncio do 23.1.2023 do órgano ambiental (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

12. Con data do 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, con data do 16.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas sobre as que xa se emitiu informe, agás para catro entidades (AXI, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Baralla e Concello de Láncara), para as que presenta novas separatas.

13. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas catro entidades (AXI, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Baralla e Concello de Láncara), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A continuación, relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 4.4.2023 e a AXI o 7.3.2023 e 18.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

14. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, con data do 15.3.2023, no que se conclúe que todos os aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

15. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen logo de detectar unha serie de cuestións a corrixir no proxecto, cursou o correspondente requirimento ao promotor, quen presentou a súa resposta con data do 19.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, con data do 20.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Serra da Piñeira, no que conclúe que o contido do proxecto de execución é conforme coa normativa de aplicación, cumprindo co disposto na DT6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, agás para o dito a continuación: «con relación ao mencionado requirimento quedan pendentes de corrección e pospostos á súa entrega antes do inicio das obras, os seguintes puntos: solicitarase novamente o cálculo mecánico das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto. (ITC-RAT 20.3)».

16. O parque eólico Serra da Piñeira conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 35 MW, segundo informes do xestor da rede de datas 7.5.2020 e 13.10.2021.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais