Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36913

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), promovido por Enel Green Power España, S.L. (IN408A 2020/081).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Green Power España, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra da Piñeira, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 28.5.2020 o promotor, Enel Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, Lei 8/2009).

Segundo. Con data do 15.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en adiante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, con data do 16.11.2020, o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. Con data do 7.7.2021, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Serra da Piñeira, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de dous aeroxeradores, sen modificar o número deles nin a potencia nominal da instalacións. Con data do 27.10.2021, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta nova modificación substancial.

Cuarto. Con data do 17.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, no cal se conclúe que tres aeroxeradores non cumpren coa distancia mínima de 500 m respecto dos núcleo rurais da Piñeira (aeros SP01 e SP02) e Sixirei (aero SP04).

Quinto. Con data do 14.12.2021, o promotor solicitou unha nova modificación substancial do parque eólico Serra da Piñeira, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de tres aeroxeradores que non cumprían coa distancia mínima a núcleos rurais. Con data do 7.6.2022, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta nova modificación substancial.

Sexto. Con data do 9.6.2022, esta dirección xeral solicitou á DXOTU o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe con data do 21.6.2022, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

Sétimo. Con data do 2.8.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra da Piñeira á Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en adiante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. Con data do 20.9.2022, a xefatura territorial ditou Acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra da Piñeira, nos concellos de Becerreá, Láncara e Baralla.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Becerreá, Láncara e Baralla) e nas dependencias da xefatura territorial, quen emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a estas.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico aos seguintes entidades: Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Concello de Láncara, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Sección de Minas da xefatura territorial, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 23.11.2022, Deputación Provincial de Lugo o 20.10.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 18.12.2022, Sección de Minas da xefatura territorial o 26.10.2022 e 2.12.2022, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 22.11.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 7.12.2022 e 2.3.2023. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

A AXI emitiu informe desfavorable con data do 4.11.2022. O promotor aceptou as condicións recollidas neste informe e comprometeuse a presentar a documentación exixida.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Por outra banda, Retevisión I, S.A.U. (empresa do Grupo Cellnex Telecom, S.A.) presentou, con data do 2.11.2022, escrito de alegacións no que advirte da posibilidade de que o parque eólico afecte os servizos de difusión da TDT que presta, e indicando que, aínda que non desexa manifestar oposición ao proxecto, si require o compromiso do promotor para solucionar as posibles deficiencias que o parque eólico poida producir nos referidos servizos. O promotor prestou a súa conformidade a este requirimento.

Décimo. Con data do 2.1.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, con data do do 2.1.2023, no cal se recolle un resumo da tramitación.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galicia (ADEGA), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Federación Ecoloxista Galega, Servizo Galego de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Concello de Láncara, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Asociación SocioCultural O Iribio.

Con data do 5.1.2023, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, con data do do 23.1.2023, formular a DIA do parque eólico Serra da Piñeira, nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (clave 2020/0258), que se fixo pública mediante o Anuncio do 23.1.2023 do órgano ambiental (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

Décimo segundo. Con data do 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, con data do do 16.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas sobre as que xa se emitiu informe, agás para catro entidades (AXI, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Baralla e Concello de Láncara), para as que presenta novas separatas.

Décimo terceiro. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas catro entidades (AXI, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Baralla e Concello de Láncara), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 4.4.2023 e a AXI o 7.3.2023 e 18.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo cuarto. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, con data do do 15.3.2023, no que se conclúe que todos os aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Décimo quinto. Con data do 27.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen logo de detectar unha serie de cuestións a corrixir no proxecto, cursou o correspondente requirimento ao promotor, quen presentou a súa resposta con data do do 19.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, con data do do 20.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Serra da Piñeira, no que conclúe que o contido do proxecto de execución é conforme coa normativa de aplicación, cumprindo co disposto na DT6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, agás para o dito a continuación: «con relación ao mencionado requirimento quedan pendentes de corrección e pospostos á súa entrega antes do inicio das obras, os seguintes puntos: Solicitarase novamente o cálculo mecánico das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (ITC-RAT 20.3)».

Décimo sexto. O parque eólico Serra da Piñeira conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 35 MW, segundo informes do xestor da rede de datas 7.5.2020 e 13.10.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014 (DOG núm. 92, do 15 de maio), do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 22.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación, de data 22.3.2023, no que se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Deputación Provincial de Lugo, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Sociedade Galega de Historia Natural. Polo que atinxe as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 20 km de todos os parques eólicos:

1. En funcionamento, autorizados ou en obras: Montes de Abella Modificación, Oribio, Serra da Lagoa, Serra do Punago, Serra don Punago-Vacariza.

2. En tramitación: Chao do Marco, Monteiro, Navallos, Reboiro, Restelo, Rodeiras, Serra do Colmo, Serra do Furco.

3. Sen acceso a rede de evacuación: Latrisa, Montelora, Montes de Abella, Pena do Pico e toda as liñas de alta tensión (LAT) de 220 y 400 kV dentro dun área envolvente de 20 km na entorna ao proxecto do parque eólico Serra da Piñeira».

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na dita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto o parque eólico Serra da Piñeira comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Chao do Marco, Serra do Furco, Serra do Colmo, Serra da Piñeira e A Pena, trátase da futura LAT 220 kV SET PE Chao do Marco-SE Belesar (REE) e SEC Soilán, a conexión á rede xeral será a través do nó de evacuación de Belesar. Esta circunstancia non impide que cada un dos parques, así como a citada infraestrutura de evacuación, sexa un proxecto individual e independente, de funcionamento plenamente autónomo e mesmo, se se dese o caso de que a evacuación se produza nunha mesma subestación, con celas de evacuación independentes.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1 Resumo da tramitación, no cal se recollen as diferentes publicacións do Acordo do 20 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra da Piñeira, no concello de Becerreá (expediente IN408A2020/081). Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo) e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

En relación coa afección ao patrimonio cultural, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2 Resumo da análise técnica do expedinte, no que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nun segundo informe (20.1.2023), estima que coas modificacións no deseño deste parque eólico reflectidas na documentación presentada, este parque pódese considerar compatible coa protección e a conservación do patrimonio arqueolóxico, ben que, lembra o obrigado cumprimento das medidas protectoras e correctoras indicadas no EIA, así como o resto de condicións e consideracións incluídas no seu informe anterior. Finalmente emite informe favorable coa seguinte consideración: dentro da contorna de protección do xacemento Madorra de Montouto 1, as obras de reacondicionamento das vías de acceso ao aeroxerador SP06 cinguiranse ao largo da caixa da vía existente.

No que respecta ás posibles afeccións a saúde derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou o 20.12.2022 «Sen prexuízo do cumprimento das consideracións recollidas en cada unhs das epígrafes do apartado de avaliación de este informe e das competencias atribuídas a outros departamentos e organismos na materia, logo da análise da documentación achegada en relación co estudo de impacto ambiental do parque eólico Serra da Piñeira, logo da valoración dos aspectos relativos á saúde ambiental emítese informe como favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información dos aspectos que se relacionan a continuación: non refire emprego do hexafluoruro de xofre (SF6). No caso de utilización nos equipamentos eléctricos, debe achegar recomendacións e medidas de xestión que se recollían nos estándares internacionais ao respecto. Con respecto ao estudo acústico, deberá achegar información sobre os niveis operacionais previstos ou estimados (a partir dos valores reais tomados in situ nos puntos identificados nos núcleos reflectidos no estudo de ruídos preoperacional) e a súa comparación cos limiares establecidos pola lexislación vixente e así poder establecer a súa influencia sobre a poboación máis próxima ao parque eólico, indicado, de ser o caso, as medidas preventivas, correctoras ou mitigadoras que se van acometer, de forma que se estableza a suma ou superposición dos valores acadados in situ no estudo preoperacional máis o valor de simulación do parque eólico en operación. Para a comparativa deberá empregar a táboa B1 do anexo III do Real decreto 1367/2007. Ademais, debe presentar resultados dos posibles efectos sinérxicos cos parques da contorna. Con respecto ao campo electromagnético xerado nestas instalacións, deberá presentar simulación ou cálculos para poder valorar o dito efecto nas edificacións máis próximas. Con respecto ao efecto escintileo, as medidas correctoras indicadas aplicaranse no caso de superar o limiar establecido de 8h/ano, así como de non ser suficientes esas medidas propostas, considerar a posibilidade de acometer paradas técnicas para garantir o cumprimento dos limiares. Deberá, ademais, presentar valores para comprobar que non existe efecto sinérxico cos parques da contorna en referencia ás poboacións máis próximas».

No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 17.11.2022: «de acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe emitido polo Distrito Forestal VIII, as obras afectan montes veciñais en man común e montes xestionados pola Administración, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre compatibilidade e prevalencia de ambas utilidades públicas. Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o proxecto propón unha modificación dos planeamentos municipais dos concellos afectados. Procedería declarar as superficies afectadas polas infraestruturas do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes recorda que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre supoñer a nova clasificación á de protección forestal de forma, que en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa das infraestruturas, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores».

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 21.11.2022: «con base no anterior e tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais...), emítese informe favorable sobre a realización do parque eólico Serra da Piñeira, situado nos concellos de Becerreá, Baralla e Láncara, na provincia de Lugo».

No informe da Comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia recoñécese a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, o EIA do proxecto avalía todos os impactos preceptivos por lei (paisaxístico, cultural, faunístico…). Así mesmo, o proxecto obtivo os informes previos preceptivos, como é o caso do informe favorable sobre o cumprimento de distancias a delimitacións de solos de núcleo rural, solo urbano e urbanizable, emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.6.2022, recóllese que: «comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (PXOM do Concello de Láncara, aprobado definitivamente o 22.2.2013; NSP do Concello de Becerreá, aprobadas definitivamente o 28.4.1995; e NSP do Concello de Baralla, aprobadas definitivamente o 18.6.1986) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado».

Así mesmo, en relación coas explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Tal e como sinala a análise do impacto socioeconómico do proxecto que consta no EIA, desde o punto de vista da sinerxia, recaen sobre o sector económico de maneira positiva, creando emprego e xerando riqueza na zona. A execución do proxecto fomentará o cumprimento dos obxectivos xerais da Lei 45/2007 para o desenvolvemento sustentable do medio rural tales como o de manter e ampliar a base económica do medio rural, mediante a preservación de actividades competitivas e multifuncionais e diversificación da economía coa incorporación de novas actividades compatibles cun desenvolvemento sustentable, manter e mellorar o nivel da poboación etc.

Relativo ao trámite de audiencia previa á declaración da compatibilidade entre as indicadas instalacións eléctricas proxectadas e a concesión directa de explotación núm. LU/C/06057 Canpesa da sección C) do titular Canteira do Penedo, S.A. (Canpesa), emite informe o Servizo de Minas da Xefatura Territorial de Lugo, en que indica: «de acordo co disposto no punto 1 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental:

«Se, solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico, se opuxese á declaración deste a persoa titular doutro interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e a subseguinte instalación do parque eólico prexudicarían a este, procederase a determinar a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados, declarándose, en caso de incompatibilidade, a prevalencia dun deles».

E tendo en conta a resposta do promotor en escrito de data 14.9.2022 (2022/2267539), ao requirimento realizado desde esta xefatura territorial, onde se cita: «de conformidade co previsto no artigo 94 da Lei 39/2015, esta parte desiste da declaración de utilidade pública interesada na solicitude inicial de autorización», as afeccións a dereitos mineiros vixentes da provincia de Lugo reflectidas no informe emitido por esta xefatura territorial con data do 26 de outubro de 2022 teranse en conta, prevalecendo estes en canto non sexa solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico.

Tendo en conta todo o que antecede, non procede iniciar trámite de audiencia previa á declaración da compatibilidade entre as indicadas instalacións eléctricas proxectadas a concesión directa de explotación núm. LU/C/06057 Canpesa da sección C) do titular Canteira do Penedo, S.A. (Canpesa), conforme o estipulado polo artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prevalecendo o antedito dereito mineiro en canto non sexa solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico de acordo co disposto no punto 1 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Serra da Piñeira, formulada polo órgano ambiental o 23.1.2023 (á que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra da Piñeira, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra da Piñeira. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra da Piñeira, sito nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 35 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra da Piñeira, denominado «proxecto de execución parque eólico Serra da Piñeira. Concellos de Becerreá, Baralla e Láncara. Provincia de Lugo», asinado o 5.4.2023 polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado núm. 1.151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia) e visado por este colexio co núm. 20231140 e data 12.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Promotor: Enel Green Power España, S.L.

Denominación: parque eólico Serra da Piñeira.

Potencia instalada: 35 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 35 MW.

Produción neta: 95.389 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.725 horas.

Concellos afectados: Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo)

Orzamento de execución material: 32.885.248,53 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

645.375

4.748.835

2

645.375

4.743.205

3

641.867

4.743.205

4

641.867

4.748.835

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

SP01

642.655

4.748.117

SP02

642.898

4.747.775

SP03

643.313

4.747.432

SP04

643.635

4.747.320

SP05

644.754

4.744.865

SP06

645.121

4.743.873

Coordenadas da torre de medición:

Nome

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

PMM

645.348

4.743.542

Coordenadas da envolvente que conforman a subestación:

Vértice poligonal subestación

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

643.140

4.747.772

2

643.207

4.747.693

3

643.164

4.747.657

4

643.097

4.747.736

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Constará de 6 aeroxeradores da plataforma S6.0-170 que están dispoñibles en diferentes potencias nominais, en particular: 5 aeroxeradores de 6,00 MW e 1 aeroxerador de 5,00 MW.

– O dito parque eólico disporá dunha subestación de transformación Serra da Piñeira 33/220 kV de 37 MVA, encargada de colleitar a enerxía producida polas turbinas e transformala, que se dimensionará para que sexa ampliable en previsión dunha potencial evacuación doutros parques na zona.

– O parque disporá dunha rede colectora subterránea en 33 kV que conectará as turbinas, en diferentes circuítos, coa subestación. Da subestación sairá unha liña de alta tensión de 220 kV. A dita liña de alta tensión non forma parte do presente proxecto.

– Instalarase, ademais, unha torre de medición permanente auto soportada.

– Obra civil consistente en camiños de acceso ao parque e interiores de acceso aos aeroxeradores, zonas de montaxe e localización da maquinaria necesaria para as montaxes, plataformas de montaxe, subestación, cimentacións e gabias de cableado.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Enel Green Power España, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 246.639 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 328.852 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial con data do 20.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial o documento técnico relativo ao cálculo mecánico das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (ITC-RAT 20.3) e, ademais, contar co seu informe favorable.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais