Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36941

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico San Cristovo, sito nos concellos de Monterroso, Portomarín e Taboada (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L.U. (expediente LU-11/117-EOL).

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Green Power España, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico San Cristovo, constan os seguintes,

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 29 de xaneiro de 2007, da Consellería de Innovación e Industria, publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006. Na citada resolución incluíase a instalación do parque eólico San Cristovo cunha potencia nominal de 30 MW.

Segundo. O 7.3.2007, Enel Green Power España, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Terceiro. O 20.3.2020, Red Eléctrica de España outorgou permiso de acceso á rede de transporte para a referida instalación na subestación Chantada 220 kV, para unha potencia de 28 MW.

Cuarto. O 13.10.2020, Enel Green Power España, S.L. presentou unha solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Quinto. O 6.3.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais require a promotora acordo de solape co parque eólico As Lúas (Naturgy Renovables, S.L.U). O 7.7.2021 Enel Green Power España, S.L., como resposta ao requirimento e ante a imposibilidade de conseguir acordo solicitado, presentou unha nova solicitude de modificación substancial.

Sexto. O 12.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Sétimo. O 12.5.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Oitavo. Mediante o Acordo do 13 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sométense á información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico San Cristovo, nos concellos de Monterroso e Taboada.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21 de outubro de 2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Monterroso, Portomarín e Taboada) e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Concello de Monterroso, Concello de Taboada, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Estradas, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Red Eléctrica España, S.A. e Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) (15.12.2022), Concello de Taboada (7.11.2022), Deputación Provincial de Lugo (23.11.2022), Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional (14.11.2022), Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (1.12.2022), Red Eléctrica España, S.A. (29.11.2022); Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A. (20.11.2022) e Dirección Xeral de Telecomunicacións (29.3.2023)

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade das condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non recibirse estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Monterroso e Concello de Taboada.

Cumprida a tramitación ambiental, o 20.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 20 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade y Cambio Climático (DOG nº 15, do 23 de xaneiro).

Décimo primeiro. O 16.2.2023, a promotora presenta o proxecto refundido de execución do parque San Cristovo. Termo municipal de Monterroso e Taboada (Lugo), asinado o 15.2.2023 polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonde (colexiado nº 1151 do Colexio de Enxeñeiros de Galicia), incluídas as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

Décimo segundo. O 14.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Concello de Taboada, Concello de Monterroso, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Dirección Xeral de Ordenación Forestal (13.4.2023) e Concello de Taboada (12.4.2023).

Para o resto de organismos que non contestaron e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Con data do 21.4.2023 e logo do requirimento técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo, Enel Green Power España S.L. presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico San Cristovo. Termo municipal de Monterroso e Taboada (Lugo), asinado o 20.4.2023 polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonde (colexiado nº 1151 do Colexio de Enxeñeiros de Galicia) e visado o 21.4.2023 con número de visado 20231279.

Décimo cuarto. O 24.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 28 MW, segundo o informe do xestor da rede do 20.3.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro); pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio; pola Lei 5/2017, do 19 de outubro; pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con data do 9.3.2023, a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta ás alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, do cal se transcribe o seu contido:

«A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria) Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban contemplar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, incluídos os impactos provocados pola futura LAT 220 kV SET PE Picato-Cotorroso-SE Chantada-SEC Soilán y SEC Penachas de evacuación do parque eólico San Cristovo e dos parques eólicos Picato-Cotorroso e Ligonde-San Simón. Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido das mesmas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «...non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións. No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico San Cristovo comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Picato-Cotorroso e Ligonde-San Simón, o que non impide que os 3 teñan carácter unitario e que podan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

• No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, compre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei». Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente esixibles. Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 18 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concello de Taboada, Deputación Provincial de Lugo, direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Sociedade Galega de Historia Natural.

• En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 30.12.2022 informe favorable dos documentos do estudo de impacto ambiental do parque eólico San Cristovo 2021 e proxecto sectorial do parque eólico San Cristovo. Febreiro de 2022, nos termos municipal de Monterroso e Taboada (Lugo), coas medidas protectoras e correctoras indicadas no anexo IX do ESIA, e sempre e cando se cumpran unha serie de condicións e consideracións indicadas.

En relación coa afección ao medio hídrico, recollese informes das demarcacións hidrográficas afectadas polo proxecto:

• Augas de Galicia informou o 15.12.2022 favorablemente, concluíndo que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no dito informe.

• A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu informe favorable condicionado o 7.12.2022, establecendo as cuestións que hai que considerar antes da execución do proxecto.

• Con respecto a posible vulneración das normas de conservación dos Hábitats Naturais e da fauna e flora silvestres, a «Á vista dos antecedentes e da análise da documentación presentada considérase que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, e por tanto, emítese informe favorable, sempre e cando se eliminen os dous aeroxeradores situados máis ao sur (WTG1 y WTG2) e, supeditado a que se autorice coas seguintes condicións especificadas». A este mesmo respecto na DIA emitida en data 20.1.2023 confirma dito cambio, de xeito que se eliminarán os dous aeroxeradores mencionados.

En relación cos efectos sinérxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural confirma ademais que tras a análise do espazo afectado polos aeroxeradores dentro da ADE das ADE veciñas, o aumento de densidade de aeroxeradores non producirá efectos sinérxicos significativos.

• No que respecta os posibles prexuízos significativos e incompatibles coa Paisaxe e co Turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) en relación co impacto e integración paisaxística, no cal se conclúe que principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que serán visibles dende unha ampla extensión de terreos e a longas distancias, esta incidencia perdurará mentres estean os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Deben implementarse as medidas especificadas e ademais deben recollerse no EIIP (estudo de impacto e integración paisaxística) medidas preventivas e correctoras que permitan concluír que a incidencia visual producida polos aeroxeradores non supón un impacto crítico.

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 1.12.2022: «De acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe emitido polo Distrito Forestal VIII, as obras afectan a montes veciñais en man común e montes xestionados pola administración, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre compatibilidade e prevalencia de ambas utilidades públicas. Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o proxecto propón unha modificación das formulacións municipais dos concellos afectados. Procedería declarar as superficies afectadas polas infraestruturas do parque eólico como chan rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre supoñer a nova clasificación á de protección forestal de forma, que en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que, para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa das infraestruturas, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores». Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou ou 20.12.2022: «Tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais...», infórmase favorablemente a realización do parque eólico San Cristovo, situado nos concellos de Monterroso e Taboada, na provincia de Lugo».

• Asemade, en relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras (epígrafe 9), indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de 12.5.2022. [...]».

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013 de 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 20.1.203, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, no seu caso procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico San Cristovo formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico San Cristovo, considerando que o proxecto, segundo a documentación aportada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico San Cristovo.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico San Cristovo, sito nos concellos de Monterroso, Portomarín e Taboada (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 18 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico San Cristovo, composto polo documento do proxecto de execución. Parque eólico San Cristovo. Termo municipal de Monterroso e Taboada (Lugo), asinado o 20.4.2023 polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonde (colexiado nº 1151 do Colexio de Enxeñeiros de Galicia) e visado o 21.4.2023 con número de visado 20231279.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Enel Green Power España, S.L.

Domicilio social: rúa Ribeira do Loira 60, 28042 Madrid.

Denominación: parque eólico San Cristovo.

Potencia instalada: 18 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 18 MW.

Produción neta: 54.951 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.372 h.

Concellos afectados: concellos de Monterroso e Taboada (Lugo).

Orzamento de execución material: 28.438.981,18 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

598.447,10

4.737.067,67

2

603.875,32

4.737.067,67

3

603.875,32

4.732.785,67

4

598.875,30

4.732.785,64

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SC 03

600.159,00

4.735.282,00

SC 04

599.423,00

4.735.486,00

SC 05

600.614,00

4.735.830,00

SC 06

600.323,00

4.736.368,00

Torre de medición do parque eólico:

Torre medición

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PMM

599.780,00

4.735.359,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

601.173,00

4.735.235,00

S1

601.212,00

4.735.279,00

S2

601.232,00

4.735.233,00

S3

601.136,00

4.735.191,00

S4

601.116,00

4.735.237,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• Dous aeroxeradores Siemmens Gamesa SG-6.6-170 de 5 MW de potencia nominal unitaria, de 100 m de altura da buxa, de 170 m de diámetro de rotor.

• Un aeroxerador Siemmens Gamesa SG-2.1-114 de 2 MW de potencia nominal unitaria, de 80 m de altura da buxa, de 114 m de diámetro de rotor.

• Un aeroxerador Siemmens Gamesa SG-6.0-155 de 6 MW de potencia nominal unitaria, de 102,50 m de altura da buxa, de 155 m de diámetro de rotor.

• Catro centros de transformación instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, formados por celas de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Rede eléctrica soterrada a 33 kV, con condutor tipo Al HEPRZ1 18/30 kV para a evacuación da enerxía xerada e a interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV.

• Subestación San Cristovo 33/220 kV. A SET San Cristovo recibirá a enerxía xerada do parque eólico por medio de liñas soterradas de media tensión (33 kV).

• Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, subestación, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 276.451,89 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), Enel Green Power España, S.L. efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), a promotora deberá dispoñer con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Axencia de Turismo de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, punto 4 da declaración de impacto ambiental.

6. Tal e como se menciona no informe emitido polo Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo o 24.4.2023, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola instalación, ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita instalación, coa xustificación ou, se procede, modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto autorizado. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

9. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais