Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36983

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Chao do Marco, sito no concello de Becerreá e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente LU-11/144-EOL).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Chao do Marco.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Chao do Marco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., cunha potencia de 48 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 400.886,63 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 4.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo aos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

6. Tal e como se menciona no informe emitido polo Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo o 24.4.2023, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola instalación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita instalación, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta a terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto autorizado. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifesten perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

10. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 48 MW e promovido por Enel Green Power España, S.L. (en diante, o promotor).

2. O 28.6.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

3. O 13.10.2020, Enel Green Power España, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con carácter xeral, a modificación consiste na substitución do modelo de aeroxerador respecto ao presentado na solicitude inicial. Con data 20.5.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

4. O 25.11.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), promovido por Enel Green Power España, S.L., e mediante a Resolución do 30 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), promovido por Enel Green Power España, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

5. Con data 10.6.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que «as súas posicións non cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación: en concreto, o aeroxerador CM01 non cumpre a distancia de 500 m coa delimitación de solo de núcleo rural do núcleo de Vilares, no concello de Baralla».

6. O 5.7.2022, Enel Green Power España, S.L. presentou unha nova solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con carácter xeral, a modificación consiste na eliminación do aeroxerador CM01, da repotenciación do resto dos aeroxeradores e do axuste da posición da subestación. Con data 28.7.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

7. Con data 2.9.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que «as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

8. Con data 9.9.2022 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Chao do Marco á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

9. Mediante o Acordo do 28 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto parque eólico Chao do Marco, no concello de Becerreá (Lugo) (expediente LU-11/144-EOL).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.10.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Becerreá) e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Xefatura Territorial de Lugo, remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Becerreá e Deputación Provincial de Lugo.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A., o 25.10.2022; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 7.12.2022; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 2.11.2022, e Deputación Provincial de Lugo o 28.10.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Chao do Marco declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito terceiro, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

11. Con data 30.11.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Becerreá.

Formalizada a tramitación ambiental, o 4.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 9 de xaneiro de 2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro de 2023).

13. Con data 5.1.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Chao do Marco, asinado electronicamente por Alberto Izquierdo Belmonte o 4.1.2023, e as separatas técnicas para a emisión do condicionado técnico resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

14. Con data 7.2.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou declaración responsable como contestación a un requirimento desta dirección xeral do 26.1.2023, en que comunicou que «confirmo que a documentación entregada en data 5.1.2023, incluíndo o proxecto de execución, as súas separatas asociadas, o proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Chao do Marco, segue sendo a documentación definitiva e, polo tanto, non é necesario entregar nova documentación refundida.

Confirmo que as afeccións recollidas no proxecto entregado non modifican as afeccións xa sometidas a informe durante a tramitación aos organismos listados e, polo tanto, non é necesario solicitar un novo informe ás seguintes entidades: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, AESA, UFD, Deputación de Lugo e Retegal».

Esta dirección xeral remitiulle ao Concello de Becerreá con data 23.2.023 a separata técnica presentada por Enel Green Power España, S.L. o 5.1.2023.

De acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Chao do Marco declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito terceiro, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

15. Con data 21.4.2023, e tras requirimento técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo do 4.4.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Chao do Marco, asinado electronicamente por Alberto Izquierdo Belmonte o 21.4.2023, e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 20231280, do 21.4.2023.

16. O 24.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito décimo quinto para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009 do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

17. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48 MW, segundo os informes do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais