Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36966

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Chao do Marco, sito no concello de Becerreá e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente LU-11/144-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Green Power España, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Chao do Marco, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 48 MW e promovido por Enel Green Power España, S.L. (en diante, o promotor).

Segundo. O 28.6.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. O 13.10.2020, Enel Green Power España, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con carácter xeral, a modificación consiste na substitución do modelo de aeroxerador respecto ao presentado na solicitude inicial. Con data 20.5.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

Cuarto. O 25.11.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), promovido por Enel Green Power España, S.L., e mediante a Resolución do 30 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), promovido por Enel Green Power España, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Quinto. Con data 10.6.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en se indica que «as súas posicións non cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación: en concreto, o aeroxerador CM01 non cumpre a distancia de 500 m coa delimitación de solo de núcleo rural do núcleo de Vilares, no concello de Baralla».

Sexto. O 5.7.2022, Enel Green Power España, S.L. presentou unha nova solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Chao do Marco (expediente LU-11/144-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con carácter xeral, a modificación consiste na eliminación do aeroxerador CM01, da repotenciación do resto dos aeroxeradores e do axuste da posición da subestación. Con data 28.7.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

Sétimo. Con data 2.9.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no cal se indica que «as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Oitavo. Con data 9.9.2022, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Chao do Marco á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante o Acordo do 28 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Chao do Marco, no concello de Becerreá (Lugo) (expediente LU-11/144-EOL).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.10.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Becerreá) e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Xefatura Territorial de Lugo, remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Confederación Hidrográfica del Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Becerreá e Deputación Provincial de Lugo.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A., o 25.10.2022; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 7.12.2022; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 2.11.2022; e Deputación Provincial de Lugo, o 28.10.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Chao do Marco declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito terceiro, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con data 30.11.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Becerreá.

Formalizada a tramitación ambiental, o 4.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 9 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro de 2023).

Décimo terceiro. Con data 5.1.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Chao do Marco, asinado electronicamente por Alberto Izquierdo Belmonte o 4.1.2023, e as separatas técnicas para a emisión do condicionado técnico resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo cuarto. Con data 7.2.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou declaración responsable como contestación a un requirimento desta dirección xeral do 26.1.2023, na cal comunicou que «confirmo que a documentación entregada en data 5.1.2023, incluíndo o proxecto de execución, as súas separatas asociadas, o proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Chao do Marco segue sendo a documentación definitiva e, polo tanto, non é necesario entregar nova documentación refundida.

Confirmo que as afeccións recollidas no proxecto entregado non modifican as afeccións xa sometidas a informe durante a tramitación aos organismos listados e, polo tanto, non é necesario solicitar un nuevo informe ás seguintes entidades: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, AESA, UFD, Deputación de Lugo e Retegal».

Esta dirección xeral remitiulle ao Concello de Becerreá, con data 23.2.023, a separata técnica presentada por Enel Green Power España, S.L. o 5.1.2023.

De acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Chao do Marco declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito terceiro, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo quinto. Con data 21.4.2023, e tras requirimento técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo de data 4.4.2023, Enel Green Power España, S.L. presentou o proxecto de execución refundido do parque eólico Chao do Marco asinado electronicamente por Alberto Izquierdo Belmonte, o 21.4.2023, e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 20231280, do 21.4.2023.

Décimo sexto. O 24.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito décimo quinto para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo sétimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48 MW, segundo os informes do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo de 2022); no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro de 2022, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, débese indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Chao do Marco (LU-11/144-EOL) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.»

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deben recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas de evacuación situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos o a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientales».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao se reduciren as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Respecto ás alegacións relativas á proximidade de oito (8) dos aeroxeradores do parque eólico aos núcleos, débese indicar, tal e como se recolle no antecedente de feito quinto, que con data 2.9.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 4.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Chao do Marco, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo segundo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Chao do Marco, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Chao do Marco.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Chao do Marco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 48 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Chao do Marco, composto polo documento Parque eólico Chao do Marco. Termo municipal de Becerreá. Provincia de Lugo, asinado polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado nº 1.151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 20231280, do 21.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Enel Green Power España, S.L.

Domicilio social: rúa Ribera del Loira, 60, 28042 Madrid.

Denominación: parque eólico Chao do Marco.

Potencia instalada: 48 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 48 MW.

Produción neta: 167.556 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.491 h.

Concellos afectados: Becerreá (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 53.451.550,43 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

649.906,00

4.755.554,00

2

653.257,00

4.750.767,00

3

651.238,00

4.749.354,00

4

647.887,00

4.754.141,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

CM02

649.620,00

4.753.696,00

CM03

649.774,00

4.753.201,00

CM04

650.092,00

4.752.774,00

CM05

651.282,00

4.751.791,00

CM06

651.963,00

4.751.469,00

CM07

652.347,00

4.750.942,00

CM08

652.757,00

4.750.765,00

CM09

651.391,00

4.750.368,00

Coordenadas da torre de medición do parque eólico:

Torre de medición

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

PMM

651.578,00

4.751.512,00

Coordenadas da envolvente da subestación do parque eólico:

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

651.090,29

4.752.325,07

2

651.173,89

4.752.263,02

3

651.144,41

4.752.223,30

4

651.060,81

4.752.285,35

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

Oito (8) aeroxeradores do fabricante Siemens-Gamesa modelo 6.0-170 de 6.0 MW de potencia nominal unitaria con 115 m de altura da buxa e 170 m de diámetro de rotor.

Oito (8) centros de transformación, situados no interior de cada un dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 6.500 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, co seu correspondente equipamento de manobra, protección e demais elementos auxiliares.

Rede eléctrica soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os aeroxeradores e a subestación transformadora 30/220 kV, composta por tres circuítos con condutores tipo RH5Z1 18/30 kV e seccións de 240, 400 e 630 mm2 de aluminio. Na gabia da liña colectora tamén se colocarán os cables de terras e os de fibra óptica para comunicacións.

1 torre meteorolóxica de 118 m de altura.

Subestación transformadora 30/220 kV do PE Chao do Marco. Estará composta por un edificio de operación, un edificio de celas, unha caseta de residuos, un transformador principal 30/220 kV de 50 MVA e un transformador de servizos auxiliares cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 400.886,63 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 4.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo aos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

Tal e como se menciona no informe emitido polo Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo o 24.4.2023, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola instalación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o cal se vai a asentar a dita instalación, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto autorizado. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo.

Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais