Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36592

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN408A 2020/086).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Green Capital Power España, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Colmo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 1.6.2020 a promotora, Enel Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 15.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 16.11.2020, o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 21.4.2021, a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico Serra do Colmo, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de dous aeroxeradores, sen modificar o número deles nin a potencia nominal das instalacións. O 23.5.2022, esta dirección xeral notificoulle a promotora a admisión a trámite desta modificación substancial.

Cuarto. O 24.5.2022, esta dirección xeral solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe o 21.6.2022, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

Quinto. O 4.8.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra do Colmo á Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sexto. O 22.9.2022, a xefatura territorial ditou o acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra do Colmo, nos concellos de Becerreá e Baralla.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Becerreá e Baralla) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado a promotora, quen as contestou.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Telecomunicacións, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Dirección Xeral de Estradas.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 23.11.2022, Confederación Hidrográfica do Cantábrico o 24.11.2022, Deputación Provincial de Lugo o 13.11.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 5.12.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 7.12.2022. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Por outra banda, Retevisión I, S.A.U. (empresa do Grupo Cellnex Telecom, S.A.) presentou, o 11.11.2022, un escrito de alegacións en que advirte da posibilidade de que o parque eólico afecte os servizos de difusión da TDT que presta, e indica que, aínda que non desexa manifestar oposición ao proxecto, si require o compromiso da promotora para solucionar as posibles deficiencias que o parque eólico poida producir nos referidos servizos. A promotora prestou a súa conformidade con este requirimento.

Oitavo. O 21.12.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, xuntando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 21.12.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galicia (Adega) e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

O 30.12.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 20.1.2023, formular a DIA do parque eólico Serra do Colmo, nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (clave 2022/0192), que se fixo pública mediante o Anuncio do 20.1.2023 do órgano ambiental (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

Décimo. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle a promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 7.2.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para dúas entidades (Concello de Becerreá e Concello de Baralla), para as que presenta novas separatas.

Décimo primeiro. O 14.2.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas dúas entidades (Concello de Becerreá e Concello de Baralla), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

Ningunha destas entidades contestou; en consecuencia, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 14.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen, logo de detectar unha serie de cuestións que había que corrixir no proxecto, cursou varios requirimentos a promotora, que foron atendidos por este, sendo a súa última contestación do 24.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, o 24.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Serra do Colmo, de carácter favorable, en que recolleu, non obstante, a seguinte condición para complementar o proxecto con carácter previo ao inicio das obras: A promotora, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola subestación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

Décimo terceiro. O parque eólico Serra do Colmo conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 35 MW, segundo os informes do xestor da rede do 7.5.2020 e 13.10.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG núm. 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 13.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación, do 10.3.2023, en que se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«[...]

• A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria) Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 20 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, incluídos os impactos provocados pola futura LAT 220 kV SET PE Chao do Marco – SE Belesar (REE) e SEC Soilán de evacuación do parque eólico Serra do Colmo e dos parques eólicos Chao do Marco, Serra do Furco, Serra da Piñeira e A Pena.

Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “ non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Serra do Colmo comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Chao do Marco, Serra do Furco, Serra da Piñeira e A Pena, o que non impide que os cinco teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cabe indicar que estas se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Deputación Provincial de Lugo, direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Sociedade Galega de Historia Natural.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

• En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu, o 18.1.2023, informe favorable dos documentos, estudo de impacto ambiental e proxecto de interese autonómico parque eólico Serra do Colmo, sempre e cando se eliminen os aeroxeradores SC02 e SC03; en todo caso, deberase cumprir o resto das condicións e consideracións do devandito informe. A este mesmo respecto, na DIA emitida o 20.1.2023 confírmase o dito cambio, de xeito que se eliminarán os dous aeroxeradores mencionados.

• En relación coa afección ao medio hídrico, recóllense informes das demarcacións hidrográficas afectadas polo proxecto:

– A Confederación Hidrográfica do Cantábrico, O.A. Augas de Galicia emitiu, o 23.11.2022, informe favorable, concluíndo que “Revisada a documentación presentada, dela non se deduce que se vaian producir variacións nas afeccions e impactos sobre as augas polo parque eólico Serra do Colmo, polo que se considera que o proxecto, aplicando as medidas preventivas e correctoras propostas, que se consideran adecuadas, non producirá un impacto significativo sobre o ámbito competencial deste organismo”.

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu informe favorable condicionado o 23.11.2022, establecendo as cuestións que se deben considerar antes da execución do proxecto.

• Con respecto á posible vulneración das normas de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no seu informe sobre o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Serra do Colmo, do 15.1.2023, indica que a “Á vista dos antecedentes e da análise da documentación presentada, considérase que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, pois é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe favorable, supeditado a que se autorice coas condicións detalladas” .

En relación cos efectos sinérxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analiza e valora os posibles efectos acumulativos e sinérxicos do parque a raíz da confluencia na mesma área de desenvolvemento eólico (ADE) de máis instalacións eólicas.

Segundo a análise da documentación presentada, esta dirección xeral conclúe que o presente proxecto non provoca efectos sinérxicos incompatibles no ámbito das súas competencias.

• No que respecta aos posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET), do 23.11.2022, en relación co impacto e integración paisaxística, no cal se conclúe que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores sobre o miradoiro de Pena Maior, a autovía A-6, a estrada nacional N-VI e os núcleos de poboación máis próximos. Esta incidencia visual, ben que non supón un impacto crítico, non pode ser mitigado con medidas correctoras. En relación cos edificios previstos relacionados coa subestación do parque, e de acordo coa directriz de paisaxe DX.17.c.4, deberase procurar a mellor integración cromática e textural e prever plantacións arbóreas ao bordo da instalación, realizadas con especies autóctonas, que suavicen a súa incidencia visual.

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou, o 2.11.2022: “De acordo cos datos do Servizo de Montes e co informe emitido polo Distrito Forestal VIII, as obras e infraestruturas non afectan montes de xestión pública nin montes veciñais en man común. Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o proxecto propón unha modificación dos planeamentos municipais dos concellos afectados. Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños e infraestruturas do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre supoñer a nova clasificación á de protección forestal, de forma, que en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa das infraestruturas, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores”.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 14.11.2022: “tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais,…), emítese informe favorable sobre o parque eólico Serra do Colmo, situado nos concellos de Becerreá e Baralla, na provincia de Lugo.”

• Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, cómpre indicar que acreditou a capacidade legal, técnica e económica para realizar o proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

• No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.6.2022”.

[...]

En relación coas alegacións presentadas por Retevisión […], visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

• A promotora do parque eólico emite declaración responsable asumindo a obriga de restablecer ás condicións previas de calidade os servizos de TDT en caso de que, unha vez executada a obra, se constate a existencia de danos ocasionados como consecuencia do proxecto do parque eólico Serra do Colmo».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Serra do Colmo, formulada polo órgano ambiental o 20.1.2023 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra do Colmo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra do Colmo. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 20 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra do Colmo, denominado Proxecto de execución parque eólico Serra do Colmo. Termos municipais de Becerreá e Baralla. Provincia de Lugo, asinado o 20.4.2023 polo enxeñeiro industrial Alberto Belmonte Izquierdo (colexiado núm. 1.151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio co núm. 20231278 e data 21.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotora: Enel Green Power España, S.L.

• Denominación: parque eólico Serra do Colmo.

• Potencia instalada: 20 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 20 MW.

• Produción neta: 48.179 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 2.409 h.

• Concellos afectados: Becerreá e Baralla (Lugo).

• Orzamento de execución material: 26.969.632,09 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

646.148,27

4.750.163,00

2

647.748,00

4.750.163,00

3

648.500,00

4.749.000,00

4

648.500,00

4.745.400,00

5

645.206,11

4.745.400,00

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

SC-01

647.089

4.749.503

Becerreá

SC-04

645.840

4.747.564

Baralla

SC-05

646.644

4.746.882

Becerreá

SC-06

646.537

4.747.176

Becerreá

• Coordenadas da torre de medición:

Nome

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PMM

646.207

4.747.509

• Coordenadas da envolvente que conforman a subestación:

Vértice poligonal subestación

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

646.900

4.749.813

2

646.944

4.749.910

3

646.997

4.749.886

4

646.953

4.749.789

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Catro (4) aeroxeradores Siemens-Gamesa SG 6.0-155 de potencia nominal 5,00 MW, cun diámetro de rotor de 155 m e altura de buxa de 102,5 m.

– Catro (4) centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 6.500 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,69/30 kV, celas de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Torre de medición permanente do parque, auto soportada, de 118 m de altura.

– Rede colectora soterrada, conformada polos cables de evacuación de enerxía a 30 kV, con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación eléctrica do parque, os cables de fibra óptica para comunicacións e os cables de terra.

– Subestación eléctrica tipo convencional, dunha posición de transformación e dúas posicións de liña, unha de entrada e outra de saída, constituída por:

• Un edificio de celas coa aparellaxe interior de 30 kV, cadros de proteccións e manobra, servizos auxiliares e sala de control.

• Un edificio de control coas salas de operación e monitorización das instalacións, oficinas, aseos e vestiarios e un almacén para actividades de taller e almacenamento de material.

• Un edificio de residuos para almacenaxe de residuos xerados durante a operación das instalacións.

• Parque exterior de intemperie: recinto valado onde se atopa o transformador de potencia e a aparellaxe do nivel de tensión de 220 kV. Posición de transformador de potencia, elevador, con saída ríxida de liña. Trifásico, en baño de aceite, AT/MT con relación de transformación 220/30 kV e potencia nominal 37 MVA. No parque exterior alóxase tamén o grupo electróxeno para subministración de enerxía de emerxencia, de 160 kVA, 400V-50 Hz.

– Obra civil consistente en rede viaria de acceso ao parque e aos aeroxeradores, cimentacións e plataformas dos aeroxeradores, gabias para tendido de cablaxe de media tensión, comunicacións e rede de terras e obras auxiliares.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora (Enel Green Power España, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 345.749,06 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 374.561,48 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na DIA, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial o 24.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais