Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36584

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Legre, sito nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2020/097).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Legre.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Legre, sito nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 33 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 205.600 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus números 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 , o promotor deberá contar previo ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data 10.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 18.6.2020, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Legre, sito nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña).

2. Con data do 1.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 2.12.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. Con data do 16.4.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no cambio da SET, cambio da torre de medición e da poligonal. Con data do 18.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. Con data do 25.10.2021 esta dirección xeral solicitou o informe recollido nos artigos 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

5. Con data do 17.11.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

6. Con data do 4.5.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Legre á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

7. Mediante o Acordo do 22 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.7.2022 (DOG núm.126, do 4 de xullo de 2022). Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mesía e Oza-Cesuras) e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Oza-Cesuras, Deputación Provincial da Coruña, D.X. do Instituto Xeográfico Nacional-Subd. X. de Xeodesia e Cartografía (IXN), Enagás Transporte, S.A.U., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Red Electrica de España, S.A., Retegal, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA) e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 27.10.2022; D.X. do Instituto Xeográfico Nacional-Subd. X. de Xeodesia e Cartografía (IXN), o 22.7.2022; Enagás Transporte, S.A.U., o 21.7.2022; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 30.11.2022; Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o 11.8.2022; Red Electrica de España, S.A., o 20.9.2022; Retegal, S.A., o 30.7.2022 e Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 27.7.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Mesía emitiu dous informes (un primeiro, en data 17.8.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, en data 9.11.2022) e o Concello de Oza-Cesuras emitiu dous informes (un primeiro, en data 23.8.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, en data 18.10.2022) nos cales, ademais de fixar o condicionado técnico, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole. O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, débese indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver), e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

9. Con data do 8.7.2022 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea de data 11.4.2022 para a instalación do parque eólico e establecendo o correspondente condicionado.

10. O 12.12.2022 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

11. O 30.12.2022 o promotor achega a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009 requirida pola Xefatura Territorial con data 12.12.2022.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronselles informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mesía, Concello de Oza-Cesuras, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Subdirección Xeral de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Deputación Provincial da Coruña, Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña da Dirección Xeral Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal.

Formalizada a tramitación ambiental, o 10.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o anuncio do 19.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña) (DOG núm. 13, do 19.1.2023).

13. Con data do 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor unha declaración responsable relativa a se a documentación remitida con data do 30.12.2022 se corresponde á configuración final vixente do parque eólico e co recollido na antedita declaración de impacto ambiental.

14. Con data do 23.2.2023 Green Capital, S.L. en reposta ao requirimento desta dirección xeral achega documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA. Presentou escrito en que declara que «non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos xa sometidos a informe durante o trámite de información pública: Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, Enagás, REE, UFD Distribución, Retevisión, Retegal, Deputación da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Augas de Galicia, IXN, Concello de Oza-Cesuras, Concello de Mesía».

15. Con data do 10.3.2023 o promotor presentou novo proxecto do parque eólico en que corrixe unha serie de deficiencias detectadas no documento recollido no antecedente de feito quinto. Con data do 17.3.2023 remíteselle á Xefatura Territorial para o efectos de que emita o informe actualizado relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do artigo 33.16 da Lei 8/2009.

16. Con data do 30.3.2023 a xefatura territorial, unha vez revisada a documentación técnica, requiriulle ao promotor separata técnica para Nedgia, S.A., empresa titular do gasoduto afectado polo parque eólico, a cal non foi identificada correctamente durante o trámite de información pública.

17. Con data do 12.4.2023 a xefatura territorial remítelle a Nedgia, S.A. a separata achegada polo promotor o 11.4.2023.

18. Con data do 18.4.2023 o promotor achega un novo proxecto do parque eólico «Proxecto de execución do parque eólico Legre (concellos de Mesía e Oza-Cesuras). Abril 2023», asinado o 14.4.2023 polo enxeñeiro industrial Salvador Camarasa Segura (colexiado núm. 04901 do CEIV) e visado no Colegio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja co núm. VD01613-23A, do 18.4.2023, para adecuarse a un informe de Nedgia, S.A. en que indicaba a non conformidade co proxecto (o informe tamén foi achegado polo promotor), do cal se dá traslado á xefatura territorial o 19.4.2023.

Os cambios que recolle o novo proxecto achegado polo promotor son os seguintes: elimínanse os aeroxeradores LEG-01 e LEG-02 por incompatibilidade co gasoduto, aumentouse a potencia dos aeroxeradores restantes, pasando de 6 MW (limitados a 5,42 MW ou 5,43 MW) a 6,6 MW sen limitación, para un total de potencia do parque de 33 MW.

19. O 21.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, condicionado ao informe favorable ao proxecto por parte de Nedgia, S.A. con carácter previo á emisión da autorización administrativa previa e de construción.

20. Con data do 21.4.2023 a xefatura territorial remitiu nova separata a Nedgia, S.A. achegada polo promotor o 21.4.2023 conforme a nova documentación técnica. Con data do 24.4.2023 Nedgia, S.A. remitiu o seu condicionado que foi aceptado polo promotor.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,95 MW con data de acceso do 3.10.2018 e data de conexión do 8.6.2020.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais