Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Legre, sito nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2020/097).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Legre, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 18.6.2020, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Legre, sito nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña).

Segundo. Con data do 1.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 2.12.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. Con data do 16.4.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no cambio da SET, cambio da torre de medición e da poligonal. Con data do 18.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Cuarto. Con data do 25.10.2021, esta dirección xeral solicitou o informe recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

Quinto. Con data do 17.11.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sexto. Con data do 4.5.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Legre á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Sétimo. Mediante o Acordo do 22 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.7.2022 (DOG núm. 126, do 4 de xullo). Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mesía e Oza-Cesuras) e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Oza-Cesuras, Deputación Provincial da Coruña, D. X. do Instituto Xeográfico Nacional-Subd. X. de Xeodesia e Cartografía (IXN), Enagás Transporte, S.A.U., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Red Electrica de España SA, Retegal, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA) e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 27.10.2022, D.X. do Instituto Xeográfico Nacional-Subd. X. de Geodesia e Cartografía o 22.07.2022, Enagás Transporte, S.A.U. o 21.7.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 30.11.2022, Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF) o 11.08.2022, Red Electrica de España, S.A. o 20.9.2022, Retegal, S.A. o 30.7.2022 e Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 27.7.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Mesía emitiu dous informes (un primeiro, en data 17.8.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, en data 9.11.2022) e o Concello de Oza-Cesuras emitiu dous informes (un primeiro, en data 23.8.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, en data 18.10.2022) nos cales, ademais de fixar o condicionado técnico, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole. O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, débese indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación; outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. Con data do 8.7.2022 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea de data 11.4.2022 para a instalación do parque eólico e establecen o correspondente condicionado.

Décimo. O 12.12.2022 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 30.12.2022 o promotor achega a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009 requirida pola Xefatura Territorial con data do 12.12.2022.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mesía, Concello de Oza-Cesuras, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Subdirección Xeral de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Deputación da Coruña, Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña da Dirección Xeral Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal.

Formalizada a tramitación ambiental, o 10.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 19 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña) (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

Décimo terceiro. Con data do 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor unha declaración responsable relativa a se a documentación remitida en data 30.12.2022 se corresponde coa configuración final vixente do parque eólico e co recollido na antedita declaración de impacto ambiental.

Décimo cuarto. Con data do 23.2.2023 Green Capital, S.L. en reposta ao requirimento desta dirección xeral, achega documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA. Presentou escrito en que declara que: «non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos xa informados durante o trámite de información pública: Administrador de Infraestructuras Ferroviarias, Enagás, REE, UFD Distribución, Retevisión, Retegal, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Augas de Galicia, IXN, Concello de Oza-Cesuras, Concello de Mesía».

Décimo quinto. Con data do 10.3.2023 o promotor presentou novo proxecto do parque eólico en que corrixe unha serie de deficiencias detectadas no documento recollido no antecedente de feito quinto. Con data do 17.3.2023 remíteselle á Xefatura Territorial para os efectos de que emita o informe actualizado relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. Con data do 30.3.2023 a Xefatura Territorial, unha vez revisada a documentación técnica, requiriulle ao promotor separata técnica para Nedgia, S.A., empresa titular do gasoduto afectado polo parque eólico, a cal non foi identificada correctamente durante o trámite de información pública.

Décimo sétimo. Con data do 12.4.2023 a Xefatura Territorial remítelle a Nedgia, S.A. a separata achegada polo promotor o 11.4.2023.

Décimo oitavo. Con data do 18.4.2023 o promotor achega un novo proxecto do parque eólico Proxecto de execución parque eólico Legre (concellos de Mesía e Oza-Cesuras). Abril de 2023», asinado o 14.4.2023 polo enxeñeiro industrial Salvador Camarasa Segura (colexiado núm. 04901 do CEIV) e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja co núm. VD01613-23A, do 18.4.2023, para adecuarse a un informe de Nedgia, S.A., no cal indicaba a non conformidade ao proxecto (o informe tamén foi achegado polo promotor), do cal se dá traslado á Xefatura Territorial o 19.4.2023.

Os cambios que recolle o novo proxecto achegado polo promotor son os seguintes: elimínanse os aeroxeradores LEG-01 e LEG-02 por incompatibilidade co gasoduto, aumentouse a potencia dos aeroxeradores restantes, pasando de 6 MW (limitados a 5,42 MW ou 5,43 MW) a 6,6 MW sen limitación, para un total de potencia do parque de 33 MW.

Décimo noveno. O 21.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de A Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, condicionado ao informe favorable ao proxecto por parte de Nedgia, S.A. con carácter previo á emisión da autorización administrativa previa e de construción.

Vixésimo. Con data do 21.4.2023 a Xefatura Territorial remitiu nova separata a Nedgia, S.A., achegada polo promotor o 21.4.2023 conforme a nova documentación técnica. Con data do 24.4.2023 Nedgia, S.A. remitiu o seu condicionado, que foi aceptado polo promotor.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,95 MW con data de acceso 3.10.2018 e data de conexión 8.6.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 5.4.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos e sinerxías incluído como apéndice 02 ao estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo de 5 km (...).

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratarlos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao reducir as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, correspondelle á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, débese indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 10.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Mesía e Oza-Cesuras, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia emitiu informe o 11.10.2022 sobre as afeccións ao dominio público hidráulico das instalacións do parque eólico e a súa liña de evacuación, onde mostraba a súa conformidade sempre que se teñan en conta as consideracións feitas no seu informe.

e) No expediente consta Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29.11.2022, favorable, condicionado á presentación previamente ao inicio das obras de documentación e información en relación co ruído e vibracións ao estudo de campo electromagnético.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes emitiu informe o 16.11.2022 sobre que o parque ocupará exclusivamente montes privados ou particulares, sen que resulten afectados montes públicos demaniais ou patrimoniais, montes veciñais en man común.

Para a determinación das afeccións deberanse ter en conta as distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia, en concreto, 2 metros para as especies de frondosas e 6 metros para o resto no caso das vías interiores, así como a delimitación das faixas de xestión de biomasa consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe o 9.11.2022 favorable, pero tendo en conta os condicionantes de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais...).

g) No expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 21.9.2022 en que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual xerada polos aeroxeradores. Esta incidencia non supón un impacto crítico.

O proxecto incorpora un EIIP que se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG, ben que debe completarse coas indicacións contidas no informe.

h) En relación con afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 29.11.2022 un informe favorable, e deberanse ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

i) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 22 de xuño de 2022 da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña), (expediente IN408A 2020/097).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

j) En canto ás alegacións sobre unha suposta ausencia de estudo de potencial eólico, o proxecto de execución das instalacións do parque eólico exposto ao público contén, como anexo 8, unha avaliación de recurso eólico da zona de implantación en función de modelos teóricos e datos obtidos en torres de medición.

k) Con respecto á non consideración da repotenciación como alternativa, esta só é posible no caso de parques eólicos xa existentes, cuestión que non sucede no caso deste proxecto.

l) No que respecta ao emprego de instalacións de evacuación doutros proxectos de parque eólico, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modificado polo Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

m) En relación co modelo de aeroxerador considerado, os proxectos construtivos de instalacións de xeración están sempre suxeitos a posibles cambios nas características dos equipamentos comerciais, que serán admisibles sempre que non se modifiquen as características básicas do parque e se reflictan na correspondente dirección de obra.

n) Con respecto á potencia total do parque, tendo en conta a potencia unitaria de deseño dos aeroxeradores, tal e como se indica no proxecto de execución, os aeroxeradores estarán limitados no xerador individualmente a potencias unitarias de 5,42 MW para acadar unha potencia total instalada de 37,95 MW, que coincide coa potencia recollida no permiso de conexión.

ñ) En canto ao nivel de tensión eléctrica en que evacuará a instalación de xeración, este vén establecido polo punto de conexión con capacidade para absorber a enerxía xerada, asignado polo xestor de rede, con independencia da existencia doutras redes de distribución eléctrica sen capacidade suficiente.

o) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

p) No que respecta á existencia de instalacións utilizadas polos medios de prevención dos incendios forestais, no caso de ser necesaria algunha actuación sobre esas instalacións, o promotor deberá seguir as indicacións que estableza a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

q) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

r) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, o proxecto foi admitido a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Por conseguinte, resulta de aplicación a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da antedita lei, polo que a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado será de 500 m.

No Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 17.11.2021 recóllese que, comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal de Mesía, aprobado definitivamente o 26.12.2012, e as Normas subsidiarias de planeamento do concello de Cesuras, aprobadas definitivamente o 3.3.1997) e as coordenadas dos 7 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

s) Con respecto aos beneficios para a sociedade xerados polo parque eólico que se proxecta, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa, e polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

t) En relación co tamaño da poligonal do PE, esta é soamente unha referencia da superficie en que se sitúan as instalacións, sen que implique unha afección ao terreo nas zonas sen instalacións ou vías.

u) En canto aos cambios nos usos do solo xerados pola aprobación do plan de interese autonómico, o artigo 34.4 da Lei 2/2016 do solo de Galicia non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

v) En relación coa superficie delimitada pola poligonal do PE, esta é soamente unha referencia da superficie en que se sitúan as instalacións, sen que implique unha afección ao terreo nas zonas sen instalacións ou vías.

A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vieiros.

w) Con respecto ao uso das pistas existentes, para o desenvolvemento do proxecto empregarase en todo o posible a rede viaria existente, minimizando a construción de novos accesos, que no futuro servirán para o uso dos veciños, e respectando os accesos xa existentes aos predios.

x) De acordo coa regulación, os terreos que teñan a consideración de cinexéticos non a perderán, polo que poderán continuar a actividade de caza nas condicións preexistentes.

y) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, débese indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

z) En particular, en referencia á afección ás terras vinculadas á PAC, a instalación do parque no afecta a superficie agraria, coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

aa) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración serao para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

No que respecta a este proxecto, en particular, o promotor non solicitou a declaración da utilidade pública, en concreto, para os efectos da ocupación dos terreos necesarios para a implantación da infraestrutura, polo que non tivo que achegar ningunha relación de bens e dereitos afectados.

En todo caso, para a construción das instalacións proxectadas, o promotor deberá acadar acordos cos propietarios dos terreos, sen prexuízo da posibilidade de solicitar con posterioridade a ocupación dos terreos para os cales non acade os ditos acordos, para o que se tramitará o preceptivo expediente segundo o procedemento establecido na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e a Lei de expropiación forzosa de 1954.

ab) En todo caso, as afeccións xeradas polo proxecto aos propietarios particulares deberán ser adecuadamente compensadas polo promotor.

ac) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente esixibles.

ad) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira Lei de avaliación ambiental estratéxica, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Por tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

ae) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, débese expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

De ser o caso, as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013 de 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

De darse o caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 10.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Legre, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 10.1.2023, e recollida nesta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Legre, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Legre.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Legre, nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 33 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Legre, composto polo documento «Proxecto de execución do parque eólico Legre (concellos de Mesía e Oza-Cesuras). Abril de 2023», asinado o 14.4.2023 polo enxeñeiro industrial Salvador Camarasa Segura (colexiado núm. 04901 do CEIV) e visado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja co núm. VD01613-23A, do 18.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Domicilio social: Torre Serrano, r/ Marqués de Villamagna 3, andar 5, 28001 Madrid.

Denominación: parque eólico Legre.

Potencia instalada: 33 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 33 MW.

Produción neta: 89.535 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.713 h.

Concellos afectados: Mesía e Oza-Cesuras (A Coruña).

Orzamento de execución material: 21.666.428,75 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

562.274

4.779.285

P2

563.910

4.779.285

P3

564.466

4.778.741

P4

566.374

4.778.741

P5

566.374

4.776.370

P6

565.566

4.776.370

P7

565.566

4.772.851

P8

566.374

4.772.851

P9

566.374

4.771.101

P10

562.358

4.771.101

P11

562.358

4.772.851

P12

557.966

4.775.360

P13

562.273

4.776.894

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

LEG-03

564.033

4.775.573

LEG-04

563.793

4.778.640

LEG-05

564.617

4.778.217

LEG-06

565.168

4.778.348

LEG-07

566.162

4.777.826

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre

meteorolóxica

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

LEG-TP

559.685

4.775.192

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

(parque eólico Legre)

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

SET

562.801,96

4.776.571,44

Coordenadas da envolvente da subestación:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

SET-01

562.765,26

4.776.540,86

SET-02

562.767,75

4.776.546,31

SET-03

562.770,92

4.776.552,82

SET-04

562.773,03

4.776.560,04

SET-05

562.775,51

4.776.570,18

SET-06

562.778,70

4.776.585,65

SET-07

562,780,27

4.776.593,21

SET-08

562.782,56

4.776.603,36

SET-09

562.783,97

4.776.611,94

SET-10

562.784,50

4.776.621,74

SET-11

562.784,32

4.776.635,08

SET-12

562.889,23

4.776.616,42

SET-13

562,852,42

4.776.484,89

SET-14

562.840,20

4.776.492,63

SET-15

562.827,59

4.776.500,65

SET-16

562.816 ,11

4.776.508,00

SET-17

562.806,84

4.776.514,04

SET-18

562.799,17

4.776.519,18

SET-19

562.792,04

4.776.524,09

SET-20

562.784,49

4.776.529,32

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores modelo SG170 ou similar de 6,6 MW. A potencia total do parque será 33 MW. Os aeroxeradores terán unha altura de buxa de 115 m e diámetro de rotor de 170 m.

– 5 centros de transformación tipo seco de potencia unitaria aproximada 7.200 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, coas súas correspondentes celas de protección e manobra dos circuítos de 30 kV.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque de 30/132 kV, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-2OL 18/30 kV de seccións 95 e 630 mm2 de aluminio.

– Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e subestación do parque eólico formen un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores será mediante cable de acompañamento de cobre de 50 mm2 de sección, irá instalado na mesma gabia que a rede eléctrica soterrada de 30 kV e conectarase ás pletinas de posta á terra dos aeroxeradores e das celas de media tensión da subestación, este condutor en contacto directo co terreo actuará como electrodo horizontal. Para realizar a rede de terras da subestación, enterrarase unha malla básica de electrodos de cobre espido de sección 95 mm2, paralelos en dirección lonxitudinal e transversal ao recinto, formando retículas practicamente uniformes en contacto co terreo natural.

– Rede de comunicacións constituída por condutor de fibra óptica.

– Unha torre meteorolóxica de 117 m.

– A subestación Legre 30/132 kV, con edificio de control, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador de potencia de 35/45 MVA ONAN/ONAF e un transformador de servizos auxiliares 30/0,40 de 50 kVA cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 205.600 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus números 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4, o promotor deberá contar previamente ao inicio das obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifesten perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 10.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que considera pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais