Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36553

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Rodeira, sito nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/04).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Rodeira.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Rodeira, sito nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra), e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 12,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 111.872 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 , o promotor deberá contar previo ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009 , do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico), para o parque eólico Rodeira, sito nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra).

2. O 21.2.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actual Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 5.3.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. O 22.4.2021, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico consistente: no cambio da poligonal do parque eólico, cambio de posicións dos aeroxeradores, torre de medición, cambio no número, potencia e características dos aeroxeradores e incorporación da subestación eléctrica Rodeira 30/132 kV como parte do proxecto.

O 10.5.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

4. O 1.6.2021, esta dirección xeral procedeu a solicitar o informe recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

5. O 8.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

6. O 26.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Rodeira á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

7. O 11.2.2022, Green Capital Power, S.L. solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Rodeira e achegando como anexo a relación de bens e dereitos afectados, o cal se remitiu a xefatura territorial.

8. Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Rodeira, emprazado nos concellos de Vila de Cruces e Lalín da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.6.2022 (DOG nº 124, do 30 de xuño) e no xornal Faro de Vigo do 30.6.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Vila de Cruces e Lalín), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Vila de Cruces, Concello de Lalín, Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, Retegal, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Axencia Galega de Infraestruturas, UFD Electricidad, S.A. e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 20.7.2022, Retegal o 6.7.2022, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 15.7.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 1.7.2022, UFD Electricidad, S.A. o 1.7.2022 e Dirección Xeral de Telecomunicacións o 30.7.2022 e o 23.10.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informe o 16.8.2022, en que, ademais de fixar o condicionado técnico e formular cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación. Ao respecto destas indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico, o promotor deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formuladas polo concello.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 16.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a xefatura territorial solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

11. O 29.12.2022, o promotor achega a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, requirida pola xefatura territorial.

12. O 4.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo, Augas de Galicia, Concello de Vila de Cruces e Concello de Lalín.

Cuberta a tramitación ambiental, o 16.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Rodeira, nos concellos de Lalín e Vila de Cruces (Pontevedra) (DOG nº 14, do 20 de xaneiro).

14. O 26.1.2022, o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 23.12.2021 para a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

15. O 9.2.2023, unha vez comprobada a documentación achegada polo promotor segundo o antecedente de feito décimo primeiro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a documentación refundida que describa a configuración definitiva do proxecto do parque eólico e responda aos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, en concreto, o condicionado emitido o 1.7.2022 pola Axencia Galega de Infraestruturas.

16. O 2.3.2023, Green Capital Power, S.L., en reposta ao requirimento desta dirección xeral, presenta documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA e achega novas separatas para: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Lalín, Concello de Vila de Cruces e Óscar González Arias (Granxa), e presenta escrito en que declara que para o resto dos organismos xa consultados non se requiren novas separatas.

17. O 8.3.2023, esta dirección xeral remite de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas polo promotor o 2.3.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Lalín, Concello de Vila de Cruces e Óscar González Arias (Granxa).

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 14.3.2023, Concello de Lalín o 9.3.2023 e Óscar González Arias (Granxa) o 6.4.2023.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informe, o 11.4.2023, no sentido xa manifestado nos informes emitidos para a primeira separata. O promotor deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo concello. Ao respecto do resto de cuestións expresadas polo concello, indicar o mesmo que o xa manifestado na contestación ao seu primeiro informe recollido no antecedente noveno.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

18. O 18.4.2023, o promotor como resposta ao requirimento da xefatura territorial do 3.4.2023 presentou novo proxecto do parque eólico Proxecto parque eólico Rodeira. Termo municipal de Lalín, Vila de Cruces (Pontevedra). Abril 2023, asinado o 17.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Sanz Osorio (colexiado nº 6.134 do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Aragón) e visado co nº VIZA233209 no referido colexio o 18.4.2023.

Ademais, segundo o propio documento, inclúense nel os condicionantes emitidos na declaración de impacto ambiental do parque eólico Rodeira e as respostas ás cuestións requiridas por esta xefatura territorial, así como a estimación das alegacións respecto á proximidade a vivendas e dá resposta á separata de Óscar Arias González, pola que se retiran do dito proxecto os aeroxeradores RO03 e RO04.

19. O 20.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW con data de acceso do 23.5.2019 e data de conexión do 19.2.2020.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais