Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36523

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Rodeira, sito nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/04).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Rodeira, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico), para o parque eólico Rodeira, sito nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra).

Segundo. O 21.2.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actual Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 5.3.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 22.4.2021, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico consistente: no cambio da poligonal do parque eólico, cambio de posicións dos aeroxeradores, torre de medición, cambio no número, potencia e características dos aeroxeradores e incorporación da subestación eléctrica Rodeira 30/132 kV como parte do proxecto.

O 10.5.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Cuarto. O 1.6.2021, esta dirección xeral procedeu a solicitar o informe recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

Quinto. O 8.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sexto. O 26.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Rodeira á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Sétimo. O 11.2.2022, Green Capital Power, S.L. solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do PE Rodeira, e achega como anexo a relación de bens e dereitos afectados, o cal se remitiu á xefatura territorial.

Oitavo. Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Rodeira, emprazado nos concellos de Vila de Cruces e Lalín da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.6.2022 (DOG núm. 124, do 30 de xuño) e no xornal Faro de Vigo do 30.6.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Vila de Cruces e Lalín), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Vila de Cruces, Concello de Lalín, Deputación de Pontevedra, Augas de Galicia, Retegal, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Axencia Galega de Infraestruturas, UFD Electricidad, S.A., e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 20.7.2022, Retegal o 6.7.2022, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 15.7.2022, Axencia Galega de Infraestruturas 1.7.2022, UFD Electricidad, S.A. 1.7.2022, e Dirección Xeral de Telecomunicacións o 30.7.2022 e o 23.10.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informe o 16.8.2022, en que, ademais de fixar o condicionado técnico e formular cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación. Ao respecto destas indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico, o promotor deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formulados polo concello.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 16.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a xefatura territorial solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. O 29.12.2022, o promotor achega a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, requirida pola xefatura territorial.

Décimo segundo. O 4.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo, Augas de Galicia, Concello de Vila de Cruces e Concello de Lalín.

Cuberta a tramitación ambiental, o 16.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Rodeira, nos concellos de Lalín e Vila de Cruces (Pontevedra) (DOG núm. 14, do 20.1.2023).

Décimo cuarto. O 26.1.2022, o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 23.12.2021 para a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo quinto. O 9.2.2023, unha vez comprobada a documentación achegada polo promotor segundo o antecedente de feito décimo primeiro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a documentación refundida que describa a configuración definitiva do proxecto do parque eólico e responda aos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, en concreto, o condicionado emitido o 1.7.2022 pola Axencia Galega de Infraestruturas.

Décimo sexto. O 2.3.2023, Green Capital Power, S.L., en reposta ao requirimento desta dirección xeral, presenta documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA e achega novas separatas para: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Lalín, Concello de Vila de Cruces e Óscar González Arias (Granxa), e presenta escrito en que declara que para o resto dos organismos xa consultados non se requiren novas separatas.

Décimo sétimo. O 8.3.2023, esta dirección xeral remite de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas polo promotor o 2.3.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Lalín, Concello de Vila de Cruces e Óscar González Arias (Granxa).

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 14.3.2023, Concello de Lalín o 9.3.2023 e Óscar González Arias (Granxa) o 6.4.2023.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informe o 11.4.2023, no sentido xa manifestado nos informes emitidos para a primeira separata. O promotor deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo concello. Ao respecto do resto de cuestións expresadas polo concello, indicar o mesmo que o xa manifestado na contestación ao seu primeiro informe recollido no antecedente noveno.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Décimo oitavo. O 18.4.2023, o promotor como resposta ao requirimento da xefatura territorial do 3.4.2023 presentou novo proxecto do parque eólico Proxecto parque eólico Rodeira. Termo municipal de Lalín, Vila de Cruces (Pontevedra). Abril 2023, asinado o 17.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Sanz Osorio (colexiado nº 6.134 do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Aragón) e visado co nº VIZA233209 no referido colexio o 18.4.2023.

Ademais, segundo o propio documento, inclúense nel os condicionantes emitidos na declaración de impacto ambiental do parque eólico Rodeira e as respostas ás cuestións requiridas por esta xefatura territorial, así como a estimación das alegacións respecto á proximidade a vivendas e da resposta á separata de Óscar Arias González, pola que se retiran do dito proxecto os aeroxeradores RO03 e RO04.

Décimo noveno. O 20.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW con data de acceso do 23.5.2019 e data de conexión do 19.2.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 20.4.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«Respecto das alegacións que refiren á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997 e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, define ao Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio. Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante, ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Respecto das alegacións que se refiren á fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible, mediante o fraccionamento, evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico Rodeira conta cun estudo de efectos acumulativos e sinérxicos incluído no estudo de impacto ambiental en que se avalía todas as infraestruturas existentes nos 15 km ao redor do parque eólico Rodeira. Así mesmo, o estudo inclúe un estudo de efectos acumulativos de todas as infraestruturas do Nó Silleda pertencentes ao promotor ou empresas do grupo, así como outros proxectos non pertencentes ao promotor nun radio de estudo de 5 km cuxo eixe central correspóndese coas infraestruturas do nó.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11.12.2013 cando di que «(…) unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11.12.2013, «no se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

A enerxía xerada no parque eólico Rodeira evacuarase a través dunha liña aérea de alta tensión a 132 kV, desde a subestación do parque eólico Rodeira ata a subestación SET colectora Silleda. Este tramo denomínase LAT 132 SET PE Rodeira-SET colectora Silleda.

Neste tramo entronca unha liña aérea de alta tensión a 132 kV que procede desde a subestación do parque eólico Cunca, denominada LAT 132 kV SET PE Cunca-LAT 132 kV SET PE Rodeira/SET colectora Silleda. Na SET colectora Silleda 132/400 kV transfórmase de 132 kV a 400 kV e evacúa a través dunha liña de enlace á subestación de Red Eléctrica España SET Silleda 400 kV. Este tramo denomínase LAT 400 kV SET colectora Silleda-SET Silleda.

O conxunto de liñas aéreas de alta tensión a 132 kV, a subestación colectora 132/400 kV e a liña de enlace de 400 kV forman parte do proxecto independente, en tramitación, denominado Solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Cunca e Rodeira.

En cumprimento da normativa de aplicación e tendo en conta as alegacións presentadas en relación coa fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas, cómpre subliñar que se someteu a información pública a solicitude das referidas instalacións de evacuación para o coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos podan presentar as súas alegacións:

Mediante a Resolución do 24.3.2021 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, do proxecto do parque eólico Cunca, que inclúe como parte da instalación a subestación transformadora 132/30 kV.

Mediante a Resolución do 6.4.2022 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública en concreto, do proxecto de solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Cunca e Rodeira, que inclúe as liñas de evacuación dos parques eólicos Cunca e Rodeira, a subestación colectora 132/400 kV e a liña de enlace á subestación de Red Eléctrica España SET Silleda.

Mediante a Resolución do 14.6.2022 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Rodeira, que inclúe como parte da instalación a subestación transformadora 132/30 kV.

En resposta a aquelas alegacións que se refiren á existencia de infraestruturas compartidas co parque eólico Mesada, cómpre dicir que a evacuación da enerxía xerada no parque eólico Mesada se realiza a través dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 220 kV co orixe na subestación do propio parque e final nun punto de interconexión ca liña, xa existente, 220 kV Monte Carrio-subestación de Portodemouros.

Respecto ás alegacións sobre a falta de difusión e claridade da información pública, a resolución pola que se someta a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Rodeira, así como as resolucións do parque eólico Cunca e a liña de evacuación dos parques eólicos Cunca e Rodeira, publicáronse no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública, para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se considerasen prexudicadas nos seus dereitos puidesen presentar as alegacións que estimasen oportunas.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluídas nas resolucións de información pública, para que as persoas notificadas puideran presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que consideren oportunas.

Asemade, a documentación obxecto da información pública estivo dispoñible para a súa consulta, mediante cita previa, nas dependencias desta xefatura territorial ou a través da páxina web da anterior Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como nas instalacións dos concellos afectados, de acordo co requirido por esta xefatura territorial.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, cómpre indicar que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e incumprimento da lexislación de aplicación, indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Así mesmo, respecto da avaliación do recurso eólico, cómpre indicar que o proxecto técnico de execución e de xeito resumido o estudo de impacto ambiental recollen os recursos eólicos presentes cuantificándoos nunha produción neta anual estimada de 60.553 MWh, equivalentes a 2.725 horas de funcionamento.

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, a contaminación acústica, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural, posibles efectos acumulativos ou sinérxicos e impacto turístico, indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do que, o 16.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, e considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que se debe desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes das seguintes administracións: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite, o 7.12.2022, un primeiro informe en que conclúe que o estudo de impacto ambiental presenta carencias que impiden dar por válida a identificación, descrición, análise e/ou cuantificación feita dos posibles efectos significativos do proxecto sobre o conxunto de elementos do patrimonio natural e a biodiversidade.

Por canto, require a corrección dos defectos atopados e a mellora dos seu contido, tendo en conta unha serie de directrices para, entre outros, a caracterización da comunidade faunística, o estudo da vexetación e hábitats e a xestión da biomasa, así como as medidas previstas para a redución do impacto por colisións en aves e quirópteros, incluídas as actuacións que se van desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficiencia das ditas medidas.

En contestación ao requirido, o promotor achega nova documentación (Documento de resposta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. PE Rodeira. Decembro 2022). Tras realizar a avaliación da documentación achegada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural conclúe que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre que se garanta o cumprimento das medidas que se recollen na documentación presentada e as consideracións feitas, entre outras, sobre a protección dos hábitats de interese comunitario, das especies protexidas e da avifauna e quirópteros.

A DIA recolle, no punto 4.1 Condicións particulares 2, a obriga do promotor de elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no seu segundo informe para garantir a minimización do impacto por colisión de aves e quirópteros, así como ás actuacións que se van desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Asemade, reflicte que, cando corresponda, no programa de vixilancia se incluirán as actuacións de estudo e seguimento do lobo.

En relación coas alegacións que se refiren ás afeccións a espazos naturais protexidos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural informa que o lugar onde se localiza o proxecto non hai ningunha figura de espazos naturais protexidos das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. Asemade, revisado o Inventario de humidais de Galicia, creado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidades protexidos e se crea o inventario de humidais de Galicia, conclúe que o proxecto non afecta ningunha zona húmida inventariada.

Así mesmo, recolle que a poligonal do proxecto, parcialmente, e o aeroxerador RO03 afectan áreas prioritarias para avifauna ameazada e/ou zonas de protección da avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión, segundo o establecido na Resolución do 18.10.2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liña eléctrica de alta tensión.

Indica que na zona de actuación e onde solo afecta o aeroxerador RO04 identificáronse hábitats naturais de interese comunitario, como os brezais orodmediterráneos endémicos con toxo, e impón que, en ningún caso, os hábitats de interese comunitario existentes na contorna, fóra da zona de actuación, se vexan afectados.

Así mesmo, recolle que non están presentes árbores ou formacións incluídas no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de arbores senlleiras, e conclúe que o ámbito de actuación do proxecto se corresponde cunha área de distribución en que se atopan especies incluídas no Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas. En ningún momento poderán ser danadas, de xeito que, con carácter previo ao inicio dos traballos, será comprobada a ausencia de especies protexidas, e de demostrarse a existencia de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, está prohibida calquera actuación que lles afecte, comunicándose tal feito ao Servizo de Patrimonio Natural para tomar as medidas oportunas.

Á vista das anteditas afeccións producidas polos aeroxeradores RO03 e RO04, subliñar que, con posterioridade á emisión deste último informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a entidade promotora presenta unha nova configuración do parque eólico pola que se retiran os aeroxeradores RO03 e RO04.

En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite, o 24.11.2022, informe favorable do estudo de impacto ambiental. Parque eólico Rodeira. Agosto 2021 e o proxecto sectorial. Parque eólico Rodeira. Abril 2021, e deberanse ter en conta as consideracións e condicionantes que recolle o seu informe.

En concreto, refire que o deseño de parque eólico, respecto do documento de inicio informado por esa dirección xeral dentro do trámite de consulta de avaliación ambiental ordinaria, afástase do BIC Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, da igrexa de Santiago e do poboado mineiro de Fontao, diminuíndo de xeito significativo, a pesar do incremento de altura, a afección visual desde estes bens.

Así mesmo, conclúe que de acordo cos arquivos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e consultada diversa cartografía e fotografías aéreas, así como o Plan básico autonómico, os visores do Instituto de Estudos do Territorio e o planeamento municipal, constatase que na zona de afección existen bens integrantes do patrimonio cultural que se poderían ver afectados polas obras e que o promotor identifica no estudo de impacto ambiental. Non así no referido ao acceso ao parque eólico fóra da poligonal nin as actuación para condicionar ese acceso.

Esa dirección xeral exixe a realización da totalidade dos traballos de construción baixo control arqueolóxico, así como un seguimento especial naquelas zonas que non puideron ser prospectadas axeitadamente, e no caso de que se constate a existencia de novos bens arqueolóxicos se avaliarán o seu interese e os impactos sobre eles primando a súa conservación. Así mesmo, require unha avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural dos accesos ao parque eólico.

Subliñar, que con posterioridade á emisión deste informe, a entidade promotora presenta unha nova configuración do parque eólico pola que se retiran os aeroxeradores RO03 e RO04, eliminando as afeccións visuais sobre distintos bens integrantes do patrimonio cultural.

En relación coas alegacións que se refirenás afeccións á paisaxe e integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio, logo da presentación por parte da entidade promotora dunha mellora do contido do estudo impacto e integración paisaxísticas (en diante, EIIP) segundo as consideracións feitas no seu primeiro informe, emite, o 28.10.2022, informe favorable en relación co estudo de impacto ambiental que se completa coas medidas de integración paisaxística ás cales se refire no seu informe.

O Instituto de Estudos do Territorio conclúe que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual das infraestruturas do parque, principalmente os aeroxeradores, que pola súa forma e altura, e situarase en posicións elevadas, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual, cabe destacar os núcleos de poboación máis próximos situados a menos de 1.000 m, as áreas de especial interese paisaxístico (en diante, AEIP) e os miradoiros da súa contorna. Esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos rurais e as vías, non supón un impacto crítico.

Respecto do Camiño de Santiago, ao cal se refiren algunhas das alegacións, o Instituto de Estudos do Territorio soamente refire que o parque eólico se sitúa a 8,9 km ao norte da ruta xacobea Camiño Vía da Prata e a 16 km ao sur da ruta xacobea Camiño Francés. Os aeroxeradores son visibles desde o Camiño de Santiago, na súa ruta Camiño Vía da Prata ao longo dun percorrido duns 12 km.

Conclúe que as medidas de integración paisaxística que presenta o proxecto poden considerarse adecuadas para reducir ou mitigar os impactos sobre a paisaxe, ben que deben completarse coas propostas por dito organismo.

En relación coa afección ao medio hídrico, Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe.

Destaca que entre as principais afeccións se atopan ao Rego de Oirós o cruzamento da gabia de media tensión que conecta a torre meteorolóxica co aeroxerador RO03, a localización da torre meteorolóxica na zona de policía do leito e a afección á zona de policía por parte da vía de acceso a torre meteorolóxica; e a afección á zona de policía do rego innominado tributario do rego de Orza por parte da vía de acceso ao aeroxerador RO01.

De xeito que o órgano de bacía require que para a execución dos novos camiños de acceso, modificacións dos existentes ou a construción de gabias na zona de dominio público hidráulico ou en zona de policía deberase solicitar autorización administrativa.

No seu informe pon de manifesto que o proxecto non atravesa ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Asemade, indica que existen tres zonas de captación subterránea para abastecemento humano próxima ás actuacións previstas (considerando unha distancia de 500 m ao redor das obras). Pendente outra captación de ratificación.

Non se detectaron zonas protexidas a nivel internacional, próximas ás actuacións previstas. Non refire afeccións graves a zonas de especial conservación (en diante, ZEC).

Respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia refire que constan seis captacións na contorna de ámbito de actuación inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia. Exixe que no caso de afectar algunha das captacións de augas inscritas, como consecuencia das actuacións propostas, debe recollerse a súa reposición. Consideracións ás cales o promotor dá a súa conformidade.

En todo caso, reitera a necesidade de que toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na zona de servidume e policía de leitos, incluíndo zonas de fluxo preferente e zonas asolegables, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de cunca competente, previa ao inicio das obras. Consideracións ás que o promotor dá a súa conformidade.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, require o cumprimento das directrices sinaladas no seu informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

A DIA recolle que nas zonas onde poida existir risco de desencadeamento de procesos erosivos, de incorporación de sólidos ás augas e/ou modificación do réxime hídrico, extremaranse as precaucións na execución e control das obras, así como a adopción das medidas protectoras, correctoras e de vixilancia que recolle o estudo de impacto ambiental, así como as indicadas polo órgano de conca.

Asemade, están prohibidas a verteduras directas ou indirectas e a acumulación de substancias que podan constituír un perigo de contaminación das augas do dominio público hidráulico ou a degradación do seu contorno.

Cómpre indicar que, con posterioridade á emisión deste informe por parte de Augas de Galicia, a entidade promotora presenta unha nova configuración do parque eólico pola que se retiran os aeroxeradores RO03 e RO04.

Sobre a falta de restauración das superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras, a DIA recolle a obrigatoriedade da restauración e revexetación da zona en función do tipo de terreo co obxecto de favorecer a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático recolle as consideracións a ter en conta durante a execución dos traballos de restauración.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana, a través do ambiente, en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos; ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores; residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalacións e no seu mantemento e os residuos xerados na súa eliminación; electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto Shadow Flicker ou efecto pestanexo.

A Dirección Xeral recolle no seu informe a existencia de deficiencias na documentación e informa favorablemente o proxecto condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información relativa ás consideracións feitas sobre o efecto do ruído e das vibracións, o seguimento e control dos vertidos e o efecto pestanexo.

Respecto do ruído refire que o estudo preoperacional e de modelización non recolle as medidas nas vivendas que se atopan máis próximas aos aeroxeradores. O estudo preditivo dos niveis acústicos operacionais non coinciden cos datos que se recollen no estudo de modelización. O plan de vixilancia non fixa a periodicidade nin executa as medidas nas vivendas máis próximas.

Respecto dos campos electromagnéticos, o promotor presenta un estudo dos campos eléctricos sen describir como se desenvolveu. Tampouco menciona o cumprimento dos aeroxeradores con respecto ao establecido na Directiva 2014/30/EU en materia de compatibilidade electromagnética.

Respecto do efecto pestanexo de sombras, refire que para valorar a zona de influencia a empresa promotora analizou posicións situadas a máis de 1.800 m, pero non se fan en vivendas que están máis próximas aos aeroxeradores. Non inclúe medidas preventivas nin correctoras, nin un plan de vixilancia. Tampouco fai unha estimación dos posibles efectos sinérxicos ou acumulativos en relación con outros parques.

En canto a esta posible afección do proxecto sobre a poboación e a saúde humana en relación co efecto pestanexo de sombras durante a fase de funcionamento do parque, exixe que nos potenciais receptores non superen os limiares de exposición que establece a normativa de aplicación, tendo que adoptar as medidas mitigadoras oportunas ou programar paradas temporais dos aeroxeradores implicados no caso de que se supere o limiar recomendado.

Se o promotor non presentase a documentación e información requirida por este organismo ou non o fai no prazo indicado, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario. Atendendo ao requirido por esta dirección xeral e en contestación ás alegacións que refiren á falta de estudos das afeccións sobre a saúde da poboación nas proximidades aos aeroxeradores, a entidade promotora realizou un estudo acústico e un estudo de pestanexo de sombras adicionais, tendo en conta as vivendas illadas, os lugares poboados e explotacións máis próximas aos aeroxeradores.

Respecto das emisións de po e partículas ás cales se refiren algunhas alegacións, o estudo de impacto ambiental identifica estas emisións durante as fases de construción e desmantelamento, e a DIA recolle as medidas correctoras que se van aplicar co fin de minimizar os efectos sobre a atmosfera.

Respecto á contaminación lumínica derivada das balizas luminosas e afeccións ás observacións astronómicas dos obxectos celestes, subliñar que os aeroxeradores que compoñen o parque eólico, polas súas dimensións, se consideran obstáculos para a navegación aérea e, por tanto, resulta obrigado o seu balizamento luminoso, tanto diúrno como nocturno, para garantir a seguridade do tráfico aéreo.

Para evitar riscos para a navegación aérea, de conformidade co establecido no Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, sobre as servidumes aeronáuticas en territorio nacional espazo aéreo e augas xurisdicionais, toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (en diante, AESA), entidade encargada do seu control, que solicitará o propio promotor ante AESA quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

En calquera caso, os efectos producidos sobre a saúde, aos cales se refiren varias alegacións, en vivendas e centros de traballo nas proximidades dos aeroxeradores, veranse considerablemente reducidos como consecuencia da decisión da promotora de modificar o deseño do parque polo que retiran os aeroxeradores RO03 e RO04.

En relación co impacto económico negativo xerados polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras, forestais, madeireiras e establecementos turísticos e de hostalaría, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, de non se chegar a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No caso de afeccións ás infraestruturas ou instalacións existentes como consecuencia das actuacións propostas, como as referidas polos alegantes na explotación avícola situada na contorna do aeroxerador RO03, tenderase ao acordo entre as partes para evitar posibles danos e prexuízos ao normal funcionamento destas e de non ser posible evitar a afección o promotor comprométese a adoptar unha solución técnica viable que permita restablecer o seu funcionamento.

Respecto da liña de alta tensión de titularidade particular á cal se refiren varias alegacións afectada pola proximidade do aeroxerador RO03, cómpre indicar que a entidade promotora decide modificar o deseño do parque polo que retiran os aeroxeradores RO03 e RO04. Respecto ás afeccións no turismo rural local e na súa contorna, a Axencia de Turismo de Galicia informa dun impacto no turismo rural, así como na súa contorna reducida, e que deberán ser atenuados polas medidas compensatorias e correctivas que se incluirán na declaración de impacto ambiental.

No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra emite informe o 29.9.2022, onde indica que o parque eólico non afecta montes de utilidade pública, nin montes patrimoniais, nin montes de veciños en man común (en diante, MVMC) clasificados, nin sociedade de fomento forestal (en diante, Sofor), afectando exclusivamente propietarios particulares sen instrumento de xestión nin certificación forestal.

Establece que as superficies de afección do parque ao medio forestal virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polo xerador de enerxía eólica e as demais infraestruturas do parque eólico, polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei de montes de Galicia e mais da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión de biomasa.

As obras proxectadas e as servidumes xeradas pola instalación do parque, indicadas anteriormente suporán a eliminación de arborado. A localización dos aeroxeradores e demais infraestruturas necesarias para o seu funcionamento deben evitar a súa corta innecesaria para non romper a continuidade das masas forestais e para que o valor forestal destes montes non se vexa afectado.

En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, concretase o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

Respecto das posibles afeccións das sinais de televisión dixital, telefonía móbil e transmisión analóxica, cómpre indicar que no trámite de solicitude de informes a distintas administración ou organismos afectados, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos remitiuse separata do proxecto aos seguintes organismos Cellnex-Retevisión e Retegal.

Retegal emite condicionado técnico en que conclúe que se ben non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto en algunha entidade de poboación da contorna do parque eólico.

Por canto, exixe compromiso do promotor da instalación para a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de proceder á comprobación de que non se produce perda o degradación dela. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión de cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT, ao que o promotor manifestou a súa conformidade.

Pola súa banda, Retevisión refire que o parque eólico Rodeira afecta os servizos de difusión da TDT pública a 269 habitantes e da TDT privada a 33 habitantes. Considera que non existe ningún reemisor afectado pola construción do parque eólico e non afecta os radioenlaces da rede de transporte de Cellnex Telecom.

Por canto, conclúe que a construción do parque eólico provocaría una relevante afectación aos servizos de difusión do sinal de TDT, tanto pública como privada, e unha considerable degradación na recepción do sinal de televisión ou a non recepción da dita sinal para os habitantes da zona. Deste modo, Retevisión oponse á construción do parque eólico mentres non se adopten as medidas correctoras sinaladas no seu informe ou, na súa falta, outras medidas alternativas que consigan o mesmo obxecto e eliminen as posibles afeccións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión.

Á vista de todo o anterior, a entidade promotora mediante Acordo de intencións asinado con Retevisión, comprométese a executar ao seu cargo as actuacións necesarias para solucionar as afeccións e interferencias que as instalacións do parque eólico Rodeira podan producir sobre o sinal de Retevisión.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, serán tidas en conta para a emisión do informe a que se refire o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

En relación coas alegacións que refiren incumprimentos nas distancias a núcleos de poboación, o proxecto conta cun informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 8.7.2021, en que se recolle que: «Comprobados os planeamentos vixentes no concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (NSP do concello de Vila de Cruces do 12.3.1993 e PXOM do Concello de Lalín do 5.2.1999), e as coordenadas dos catro aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

Por mor das alegacións presentadas que refiren distancia menor dos 500 m a vivendas residenciais e centros de traballo, o promotor propón novo deseño polo que se retiran os aeroxeradores RO03 e RO04.

En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública e a RBDA; erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, se é o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondente á fase de levantamento de actas previa, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características.

No que respecta ás compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, en caso de que non se chegara a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En relación coas parcelas que se van incluír na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44, da Lei 8/2009, especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública, incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

Por último, as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 de devandita lei.

Respecto de aquelas alegacións que refiren defectos na tramitación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do referido proxecto, de ser o caso, serán tidas en conta na resolución de autorización».

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 16.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Rodeira, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023, e recollida nesta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Rodeira, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Rodeira.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Rodeira, nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra), e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 12,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Rodeira, composto polo documento: Proxecto parque eólico Rodeira. Termo municipal de Lalín, Vila de Cruces (Pontevedra). Abril 2023, asinado o 17.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Sanz Osorio (colexiado nº 6.134 do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Aragón) e visado co nº VIZA233209 no referido colexio o 18.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Domicilio social: Torre Serrano, r/ Marqués de Villamagna, 3, andar 5, 28001 Madrid.

Denominación: parque eólico Rodeira.

Potencia instalada: 12,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 12,6 MW.

Produción neta: 24.189MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 1.920 h.

Concellos afectados: Vila de Cruces e Lalín (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 14.070.363,51 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscribe as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

559.875,08

4.735.286,49

P2

566.375,08

4.737.286,00

P3

566.375,08

4.733.786,49

P4

562.875,08

4.733.786,49

P5

562.875,08

4.734.286,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

R01

566.165,00

4.736.283,00

R02

565.653,00

4.735.941,00

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

TM

566.054,00

4.735.225,42

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

SET Rodeira

564.656,99

4.735.236,23

Coordenadas da envolvente da subestación:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

564.608,56

4.735.259,90

P2

564.736,22

4.735.300,20

P3

564.756,19

4.735.238,55

P4

564.628,14

4.735.199,44

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Dous (2) aeroxeradores modelo General Electric GE158 o similar, de 6.300 kW de potencia nominal unitaria, de 161 m de altura de buxe e 158 m de diámetro de rotor.

– Dous (2) centros de transformación de potencia aparente 7.500 kVA e tensión 0,69/30 kV, situados no interior dos aeroxeradores.

– Unha (1) torre meteorolóxica de 161 m de altura.

– Rede de media tensión de 30 kV soterrada, formada por un (1) circuíto trifásico con cables RHZ1 2OL 18/30 kV Al de 95 e 240 mm2 segundo o tramo, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora. A mesma gabia incluirá cables de terra de Cu de 50 mm2.

– Subestación de transformación 30/132 kV, con edificio de control, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador de potencia de 25/30 MVA ONAN/ONAF e un transformador de servizos auxiliares 30/0,40 de 50 kVA cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 111.872 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 , o promotor deberá contar previamente ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009 , do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais