Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36514

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alvite II, sito nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/016).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alvite II.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Alvite II, sito no concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 17,7 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 82.925,53 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización e acreditación do cumprimento do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 20.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 4.1.2 a 4.1.5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 18.3.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alvite II.

2. O 18.6.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude, de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 1.7.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 30.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, por petición da promotora, solicitoulle ao órgano ambiental a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, ao abeiro do artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Finalizado o período de consultas, o 18.8.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental.

5. O 9.2.2021, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente, con carácter xeral, no cambio de posicións dos aeroxeradores.

6. O 19.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substanciais.

7. O 8.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, de acordo co artigo 33.7 da Lei 8/2009.

8. O 11.2.2022, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico Alvite II, xunto coa documentación correspondente.

9. O 10.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Alvite II á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.

10. Mediante o Acordo do 5 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alvite II, nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2.8.2022 e no xornal La Voz de Galicia do 2.8.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mazaricos, Negreira e Santa Comba), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública.

Así mesmo, o acordo e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, concellos de Negreira, Mazaricos e Santa Comba, Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitales), Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 23.9.2022 e o 15.12.2022, Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais o 14.10.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 3.11.2022, Retegal, S.A. o 31.8.2022, Retevisión I, S.A. o 7.9.2022.

O informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), do 9.8.2022, realiza unha serie de consideracións sobre afeccións, accesos, cruzamentos subterráneos e paralelismos subterráneos ás estradas autonómicas que o proxecto debe de incluír ou adaptar. O promotor respondeu o 5.9.2022 que acepta o contido do informe e que está a traballar nun documento de resposta, onde se terá en conta todas as consideración realizadas pola AXI no seu informe.

O Concello de Negreira emitiu un informe, o 14.9.2022, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (acumulación de proxectos na zona, afeccións sobre o sistema de vías e sobre as actividades socioeconómicas da zona, entre outros). O promotor deu resposta o 11.10.2022 a estas cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar que algunhas cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución é dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 24.5.2022, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

13. O 20.12.2022, a Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe sobre a solicitude de autorización administrativa da instalación de produción de enerxía eólica e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

14. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira, Concello de Santa Comba, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Servizo de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Adega, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Instituto de Estudos do Territorio, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral, na eliminación dos aeroxeradores da aliñación sur (AL-04, AL-05 e AL-06), as vías de acceso e gabias de cableado asociadas, e a substitución do modelo de aeroxerador proposto de 4,5 MW a 5,9MW de potencia nominal unitaria.

Cumprida a tramitación ambiental, o 20.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Alvite II, a cal a fixo pública mediante o Anuncio do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

15. O 30.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. O 20.2.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

17. O 8.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira, Concello de Santa Comba, e UFD Distribución Electricidad, S.A.U.

O 16.3.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A.U. emitiu o correspondente condicionado técnico. O 4.4.2023, a promotora respondeu e prestou a súa conformidade ao indicado no informe de UFD Distribución Electricidad, S.A.U.

En resposta ao informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) do 15.3.2023, en que se realiza unha serie de consideracións sobre afeccións, accesos, cruzamentos subterráneos e paralelismos subterráneos ás estradas autonómicas que o proxecto debe de incluír ou adaptar, a promotora presentou unha nova separata do proxecto de execución cos cambios indicados no seu informe.

O 12.4.2023, AXI informou favorablemente a nova separata técnica do proxecto de execución parque eólico Alvite II establecendo unha serie de condicións a introducir na mesma e indicando a necesidade de previo a execución das obras de que o promotor solicite a preceptiva autorización do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña. O 17.4.2023, a promotora deu a súa conformidade ao indicado no condicionado da AXI.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

18. O 17.3.2023, a Deputación Provincial da Coruña emitiu condicionado técnico, solicitado o 2.8.2022, no que respecta á rede de estradas da súa titularidade, sinalando a necesidade de incluír no proxecto de construción as condicións indicadas no seu informe. O 4.4.2023, a promotora respondeu que coa derradeira modificación do proxecto, na que se eliminaron as posicións AL-04, AL-05 e AL-06, as infraestruturas da Deputación Provincial da Coruña deixaron de verse afectadas por este.

19. O 31.3.2023, a promotora a requirimento da Xefatura Territorial presenta o Proxecto de execución parque eólico Alvite II, marzo 2023, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel María Abad León (colexiado núm. 2011 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Xaén) e visado no referido colexio co núm. 1220783-70 do 31.3.2023, no que tamén se inclúen as modificacións solicitadas polo informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 15.3.2023.

20. O 5.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de A Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27MW, segundo o informe do xestor da rede do 23.4.2020.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais