Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36610

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN408A 2020/086).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Colmo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 20 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora (Enel Green Power España, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 345.749,06 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 374.561,48 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir os requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na DIA, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial o 24.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 1.6.2020, a promotora, Enel Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Serra do Colmo, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. O 15.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 16.11.2020, o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. O 21.4.2021, a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico Serra do Colmo, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación consiste no cambio da posición de dous aeroxeradores, sen modificar o número deles nin a potencia nominal das instalacións. O 23.5.2022, esta dirección xeral notificoulle a promotora a admisión a trámite desta modificación substancial.

4. O 24.5.2022, esta dirección xeral solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) o informe referido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe o 21.6.2022, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

5. O 4.8.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra do Colmo á Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

6. O 22.9.2022, a xefatura territorial ditou o acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra do Colmo, nos concellos de Becerreá e Baralla.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Becerreá e Baralla) e nas dependencias da xefatura territorial, quen emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado a promotora, quen as contestou.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Telecomunicacións, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Dirección Xeral de Estradas.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 23.11.2022, Confederación Hidrográfica do Cantábrico o 24.11.2022, Deputación Provincial de Lugo o 13.11.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 5.12.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 7.12.2022. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Por outra banda, Retevisión I, S.A.U. (empresa do Grupo Cellnex Telecom, S.A.) presentou, o 11.11.2022, escrito de alegacións en que advirte da posibilidade de que o parque eólico afecte os servizos de difusión da TDT que presta, e indica que, aínda que non desexa manifestar oposición ao proxecto, si require o compromiso da promotora para solucionar as posibles deficiencias que o parque eólico poida producir nos referidos servizos. A promotora prestou a súa conformidade con este requirimento.

8. O 21.12.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, xuntando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 21.12.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Concello de Baralla, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galicia (Adega) e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

O 30.12.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 20.1.2023, formular a DIA do parque eólico Serra do Colmo, nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (clave 2022/0192), que se fixo pública mediante o Anuncio do 20.1.2023 do órgano ambiental (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

10. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle a promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 7.2.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable en que indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para dúas entidades (Concello de Becerreá e Concello de Baralla), para as que presenta novas separatas.

11. O 14.2.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas dúas entidades (Concello de Becerreá e Concello de Baralla), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

Ningunha destas entidades contestou, en consecuencia, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

12. O 14.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen, logo de detectar unha serie de cuestións a corrixir no proxecto, cursou varios requirimentos a promotora, que foron atendidos por este, sendo a súa última contestación do 24.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, o 24.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Serra do Colmo, de carácter favorable, recollendo, non obstante, a seguinte condición para complementar o proxecto con carácter previo ao inicio das obras: A promotora, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola subestación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

13. O parque eólico Serra do Colmo conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 35 MW, segundo informes do xestor da rede do 7.5.2020 e 13.10.2021.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación
Enerxética e Recursos Naturais