Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36456

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/28).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Vacaloura.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 31,185 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 202.188,37 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus puntos 4.1.2, 4.1.4, 4.1.5 e 4.1.6, o promotor deberá contar previamente ao inicio das obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

5. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral informe de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 23.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 26.10.2017, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).

2. Con data do 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actual Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 7.2.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. Con data do 18.2.2020 o promotor desiste da declaración de utilidade pública e solicita que se continúe co expediente.

4. Con data do 4.3.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no cambio de modelo de aeroxerador, cambio de posicións dos aeroxeradores, entre outros. Con data do 1.6.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

5. Con data do 18.6.2021 esta dirección xeral solicitoulle o informe recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

6. Con data do 12.7.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. Con data do 13.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Vacaloura á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

8. Mediante o Acordo do 24 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.4.2022 (DOG núm. 78, do 25 de abril). Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Monterroso e Portomarín) e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Direccion Xeral de Estradas Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 2.5.2022; Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 13.9.2022; Retegal, S.A. o 10.4.2022; Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 11.4.2022; Dirección Xeral de Telecomunicacións o 28.5.2022 e o 4.11.2022.

O Concello de Monterroso emitiu un informe o 7.6.2022 en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental. O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, débese indicar o seguinte: o procedemento ambiental foi resolto coa formulación da DIA e o seu condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 14.12.2022 a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

11. Con data do 26.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas á xefatura territorial, solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

12. O 4.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

13. O 5.1.2023 o promotor achégalle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009 requirida pola xefatura territorial.

14. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronselles informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 23.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante Anuncio do 23.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín, Lugo (DOG núm. 16, do 24.1.2023).

15. Con data do 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor unha declaración responsable relativa a se a documentación remitida en data 5.1.2023 se corresponde á configuración final vixente do parque eólico e co recollido na antedita declaración de impacto ambiental.

Con data do 23.2.2023 Green Capital, S.L. en reposta ao requirimento desta dirección xeral, achega documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA, achega novas separatas para Augas de Galicia, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e presenta escrito en que declara que para o resto dos organismos xa consultados non se requiren novas separatas.

16. Con data do 27.2.2023 esta dirección xeral remite, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas polo promotor o 23.2.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Monterroso e Concello de Portomarín.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 23.3.2023; Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 14.3.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

17. Con data do 15.3.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

18. En resposta ao requirimento da xefatura territorial do 28.3.2023 de mellora do proxecto definitivo, o promotor presenta o 15.4.2023 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 23.2.2023, e que ten a seguinte denominación: Proxecto refundido parque eólico Vacaloura. Lugo (España), asinado electronicamente o 14.4.2023 e visado o 14.4.2023 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Burgos e Palencia.

19. O 18.4.2023 a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

20. Con data do 19.4.2023 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea de data 17.4.2023 para a instalación do parque eólico, e estableceuse o correspondente condicionado.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,185 MW, segundo o informe do xestor da rede.

Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais