Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/28).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Vacaloura, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 26.10.2017, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).

Segundo. Con data do 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actual Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 7.2.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. Con data do 18.2.2020 o promotor desiste da declaración de utilidade pública e solicita que se continúe co expediente.

Cuarto. Con data do 4.3.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no cambio de modelo de aeroxerador, cambio de posicións dos aeroxeradores, entre outros. Con data do 1.6.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Quinto. Con data do 18.6.2021 esta dirección xeral solicitou informe recollido nos artigos 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia do territorio.

Sexto. Con data do 12.7.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sétimo. Con data do 13.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Vacaloura á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Oitavo. Mediante o Acordo do 24 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.4.2022 (DOG núm. 78, do 25 de abril). Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Monterroso e Portomarín), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Estradas Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 2.5.2022, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 13.9.2022, Retegal, S.A. o 10.4.2022, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 11.4.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 28.5.2022 e o 4.11.2022.

O Concello de Monterroso emitiu un informe o 7.6.2022 en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental. O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, débese indicar o seguinte: o procedemento ambiental foi resolto coa formulación da DIA e o seu condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor. Para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 14.12.2022 a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Decimo primeiro. Con data do 26.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a Xefatura Territorial solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 4.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 5.1.2023 o promotor achégalle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009 requirida pola Xefatura Territorial.

Décimo cuarto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal.

Formalizada a tramitación ambiental o 23.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 23.1.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín, Lugo (DOG núm. 16, do 24.1.2023).

Décimo quinto. Con data do 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor unha declaración responsable relativa a se a documentación remitida en data 5.1.2023 se corresponde á configuración final vixente do parque eólico e co recollido na antedita declaración de impacto ambiental.

Con data do 23.2.2023, Green Capital, S.L., en resposta ao requirimento desta dirección xeral, achega documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA, achega novas separatas para Augas de Galicia, Concello de Monterroso, Concello de Portomarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e presenta escrito en que declara que para o resto dos organismos xa consultados non se requiren novas separatas.

Décimo sexto. Con data do 27.2.2023 esta dirección xeral remíteselles, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas polo promotor o 23.2.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Monterroso e Concello de Portomarín.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 23.3.2023; Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 14.3.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. Con data do 15.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

Décimo oitavo. En resposta ao requirimento da xefatura territorial do 28.3.2023 de mellora do proxecto definitivo, o promotor presenta o 15.4.2023 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 23.2.2023 e que ten a seguinte denominación: Proxecto refundido do parque eólico Vacaloura. Lugo (España), asinado electronicamente o 14.4.2023 e visado o 14.4.2023 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Burgos e Palencia.

Décimo noveno. O 18.4.2023 a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Vixésimo. Con data do 19.4.2023 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 17.4.2023 para a instalación do parque eólico, e establécese o correspondente condicionado.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,185 MW, segundo o informe do xestor da rede.

Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 3.4.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental débese indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Augas de Galicia e Sociedade Galega de Historia Natural.

• A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

• O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 15 km de todos os parques eólicos: As Lúas, Farelo, Ligonde-San Simón, Maxal, Monte Cabeza, Pes Monterroso, Picato Cotorroso, San Cristóbal, Serra das Penas.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración de competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao reducir as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Vacaloura evacúa a través da LAT 132 kV evacuación PE Vacaloura, que se conecta co apoio 21 da LAT 132 kV Maxal-Belesar 132 kV (UFD). A través desta última evacuarán compartindo infraestruturas os parques eólicos:

• Parque eólico Prado Vello, cunha potencia total de evacuación de 9 MW, nas provincias de Lugo e Pontevedra.

• Parque eólico Vacaloura, cunha potencia total, de evacuación de 31.185 MW, na provincia de Lugo (obxecto do presente informe).

• E o parque eólico Maxal, cunha potencia total de evacuación de 40,5 MW, nas provincias de Lugo e Pontevedra.

Esta circunstancia non impide que cada un dos parques, así como a citada infraestrutura de evacuación, sexa un proxecto individual e independente, de funcionamento plenamente autónomo e mesmo, se se dese o caso de que a evacuación se produza nunha mesma subestación, con celas de evacuación independentes.

• Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1 Resumo da tramitación, no cal se recollen as diferentes publicacións do Acordo do 24 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (expediente IN408A 2017/028). Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

• En relación coas afeccións ao patrimonio cultural, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2. Resumo da análise técnica do expediente, no cal «A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nun segundo informe (20.1.2023), volve facer unha análise da documentación achegada, onde describe as modificacións propostas, considerando que tanto a posición dos aeroxeradores como o trazado das gabias supoñen unha menor afección ao patrimonio cultural. Porén considera escasa a documentación achegada e a avaliación realizada. Por último, emite informe de xeito desfavorable sobre as seguintes obras:

• As modificacións proxectadas na curva do vieiro de acceso ao aeroxerador V07, así como calquera modificación deste vieiro no contorno de protección das medorras de Pena Porreira e dos petróglifos de Pena Porreira.

• Plataforma do aeroxerador V07.

• Gabia no contorno de protección da medorra da Vacaloura 5.

• Modificacións previstas no vieiro no contorno de protección da medorra da Vacaloura 4.

• Modificacións previstas no vieiro no contornos da medorra da Portela.

Por outra banda, deixa pendente de avaliar por persoal técnico competente (persoas arqueólogas) as novas posicións de infraestruturas propostas nesta resposta e, por tanto, estas tamén quedan pendentes de aprobación, en concreto:

• A nova posición do aeroxerador V02, vieiros e gabias asociadas.

• A nova posición do aeroxerador V03, vieiros e gabias asociadas.

Para o resto de infraestruturas emítese informe favorable coas medidas protectoras e correctoras sobre o patrimonio cultural recollidas no anexo 3 que acompaña o EIA do PE Vacaloura, e deberanse ter en conta unha serie de consideracións, das cales cabe destacar:

• Deberá verificarse a correcta situación das medorras de Pena Porreira, e revisarase a zona marcada nas fichas históricas, especialmente no contorno do punto visible na fotografía aérea, entre os anos 2002 e 2017, situado nas coordenadas UTM (ERTS89 fuso 29N) X: 602.583 Y: 4.740.343.

• Na zona das medorras de Vacaloura será necesario verificar a correcta localización destas sobre o terreo, cando menos daquelas que se atopen afectadas na súa área de protección por futuras obras, como a medorra da Vacaloura 4 e a medorra da Vacaloura 5.

• Do mesmo xeito que se solicita nos puntos anteriores, realizarase un labor de localización e verificación sobre o terreo de todos os xacementos que se sitúan no contorno de 200 metros das obras, e asegurarase de que estes non estean noutro punto da poligonal. Finalizada a comprobación, daranse oficialmente por desaparecidos aqueles que se consideren como tales.

• Por outra banda, ao non concretarse os accesos ao parque eólico fóra da poligonal, nin as actuacións que serán necesarias para acondicionar estes accesos, lémbrase que resulta preceptiva a realización dunha prospección arqueolóxica de todo o ámbito afectado por obras relacionadas con estes accesos ao parque desde fóra da poligonal.

Esta intervención arqueolóxica deberán realizala por arqueólogas/os competentes autorizadas/os por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

• No que respecta ás posibles afeccións ao turismo derivadas da execución do proxecto, Turismo de Galicia emitiu informe o 25.4.2022: «Dado o alcance das actuacións que se pretendesen facer e segundo o estudo de impacto turístico achegado como documentación complementaria, pódese concluír que o impacto que terá o parque eólico Vacaloura no turismo rural local, así como na súa contorna, é reducido, e que deberán ser atenuados polas medidas compensatorias e correctivas para incluír na declaración de impacto ambiental, de tal xeito que as afeccións a elementos arqueolóxicos existentes deben ser analizados desde o punto de vista patrimonial».

• No que respecta ás posibles afeccións aos recursos hídricos, zonas húmidas ou brañas e lugares higrófilos e vulneración flagrante da Directiva marco da auga (DMA), cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2. Resumo da análise técnica do expediente, en que Augas de Galicia, no seu informe do 2.5.2022, comeza expoñendo o obxecto do proxecto, os antecedentes e a lexislación aplicable, para logo facer unha análise da documentación do expediente. A continuación informa sobre diferentes aspectos.

Respecto á rede fluvial, indica que discorren próximos ás actuacións rego de Trascastro, rego de Toxide e rego de Silgar, así como os seus afluentes. Sinala, ademais, que non hai encoros próximos na zona de implantación do parque. Continúa o informe indicando a ausencia de zonas protexidas recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa e a presenza dunha zona de captación para abastecemento humano localizada a menos de 500 m das obras. Respecto dos espazos protexidos, cómpre indicar que a 6,8 km da posición inicial do VC-03 transcorre un tramo de interese de especies ameazadas do río Ulla e que a 8,5 km ao noroeste do aeroxerador VC-01 se sitúa un perímetro de augas minerotermais. Respecto das zonas inundables, informa das afeccións causadas polo proxecto e da lexislación aplicable. Por último, resaltan unha serie de actuacións susceptibles de causar afeccións ao medio hídrico e enumera unha serie de condicións particulares, para rematar concluíndo que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental e as consideracións para tal efecto referidas no informe, das cales cabe destacar as seguintes:

• Para os traballos que se van realizar en zona de servidume, así como os movementos de terras previstas, disporase de barreiras de retención de sedimentos e entre estas e os leitos disporase un pano de xeotéxtil chantado ao terreo. Revisaranse periodicamente para repoñelas no caso de deterioración.

• No caso da execución dos camiños de servizo, explanación de vellos camiños ou calquera obra de movemento de terras en zona de policía, a empresa adxudicataria das obras deberá solicitar a correspondente autorización de obras.

• Rematadas as obras, en todas aquelas zonas que dalgún xeito sufrisen unha degradación (tránsito de maquinaria en zona de policía) realizarase a súa rehabilitación ata conseguir a reposición dos terreos ao estado primitivo.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o 12.9.2022, logo de repasar os antecedentes e a configuración e localización do proxecto con respecto da hidrografía da súa competencia, informa sobre as afeccións ao réxime e aproveitamento das augas continentais, os usos permitidos en terreos de dominio público hidráulico e zonas de servidume e policía e realiza unha serie de recordatorios en que a verteduras, autorizacións e usos das diferentes zonas da súa competencia respecta. Finalmente, pronúnciase sobre diversos aspectos para rematar realizando informe en sentido favorable sobre o proxecto, condicionado ao disposto ao longo do informe».

• No que respecta ás posibles afeccións a patrimonio natural, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2. Resumo da análise técnica do expediente, en que «Nas súas conclusións, a Dirección Xeral indica que da análise da documentación e das achegas do seu Servizo Provincial da Coruña considera que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e unha serie de consideracións, das cales cabe destacar as seguintes:

• Previamente ao inicio dos traballos, será comprobada a ausencia, na zona obxecto das actuacións, de especies protexidas que poidan ser danadas. De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA), prohíbese calquera actuación que as afecte. Neste suposto, comunicaráselle ao Servizo de Patrimonio Natural de Lugo para tomar as medidas oportunas e, de ser o caso, solicitar a correspondente autorización administrativa, segundo recolle o artigo 11 do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

• En ningún momento os hábitats existentes na contorna se poderán ver afectados directamente polos traballos nin indirectamente por tarefas asociadas a eles (tránsito de maquinaria, depósito de subprodutos, remoción do solo...).

• Non obstante o anterior, cabe facer énfase na importancia da aplicación de accións para a protección da avifauna e os quirópteros, polo que se fai oportuno que o proxecto incorpore medidas adicionais que garantan a minimización do impacto por colisión, por exemplo:

Para os quirópteros:

– Restrinxirase a rotación das pas das turbinas o máis posible por debaixo da velocidade de réxime, determinando a velocidade do vento en buxa por baixo da cal os aeroxeradores permanecerán parados.

– No plan de vixilancia ambiental informarase sobre os tempos que a velocidade do vento foi inferior ao limiar establecido e a porcentaxe en que os aeroxeradores permaneceron parados por este motivo.

Para as aves:

– Implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisións como sistemas de detección baseados en vídeo (DtBird ou similar), que son sistemas que traballan de forma independente para facer un seguimento das aves e mitigar a mortalidade nos lugares de turbinas eólicas. O sistema detecta as aves automaticamente e pode adoptar dúas medidas independentes para mitigar o risco de colisión das aves: activar sons de alerta ou parar a turbina eólica. Considerando as aves rapaces identificadas no EIA e no informe provincial (Buteo buteo) e a sensibilidade destas a sufrir unha colisión, o sistema deberá previr este risco. Se, durante os traballos de vixilancia ambiental, se detectase un aumento da frecuencia doutras especies de rapaces, o sistema deberá ampliar o seu paraugas de protección a estas.

– Como medida disuasoria pasiva, o pintado dunha das aspas de cada un dos aeroxeradores. O plan de vixilancia ambiental medirá a mortalidade observada neste parque e compararaa coa mortalidade dos parques lindeiros xa existentes (con aeroxeradores sen pintar) para informar se a medida é ou non eficaz, e para que especies.

O plan de vixilancia ambiental avaliará tanto o impacto do parque eólico por colisión sobre as aves e os morcegos, como a efectividade das medidas requiridas nos parágrafos anteriores.

O promotor, como resposta ao informe da dirección xeral, no seu escrito do 12.1.2023, mostra a súa conformidade co seu contido».

• No que respecta ás posibles afeccións á saúde derivadas da execución do proxecto, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2. Resumo da análise técnica do expediente, no cal indica « A Dirección Xeral de Saúde Pública emite un extenso informe o 12.12.2022 en que realiza unha avaliación do proxecto desde os seguintes puntos de vista: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos e identificación das posibles vías de exposición. O informe conclúe que sobre o proxecto se pode emitir informe en sentido favorable coa condición de presentar previamente ao inicio das obras información ou documentación definida no propio informe, ao respecto do ruído e do pestanexo de sombras».

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.2. Resumo da análise técnica do expediente, no cal indica «A Dirección Xeral de Defensa do Monte, no seu informe do 13.10.2022, indica que existen determinadas obrigas de xestión de biomasa para instalacións de produción de enerxía eléctrica eólica, indicadas no artigo 20 bis, letra c) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, onde se sinala que deberá xestionarse a biomasa na superficie afectada de pleno dominio e voo ao redor de cada aeroxerador. Así mesmo, nos camiños interiores das ditas instalacións a xestión da biomasa vexetal, no estrato arbustivo e subarbustivo, farase nos 5 m desde a aresta exterior do camiño. A persoa responsable do proxecto será a encargada da retirada da biomasa. Con base no anterior e tendo en conta os condicionantes recollidos, a Dirección Xeral emitiu informe favorable sobre a realización do proxecto. Así mesmo, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, logo de facer un resumo do proxecto, indica que as superficies afectadas pola obra afectarán cinco montes veciñais en man común, e que existe incompatibilidade entre as actuacións e actividades previstas neste proxecto e a finalidade produtiva dos montes establecida nos convenios, polo que deberían romperse previamente os convenios das superficies afectadas polas obras, así como as superficies achegadas en que se vexa comprometida a supervivencia e/ou viabilidade das masas forestais existentes e a súa multifuncionalidade. No informe sectorial, este servizo emite informe favorable sobre o proxecto sempre e cando o promotor realice un acto de disposición coa comunidade de propietarios do monte, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992».

• Así mesmo, en relación coas explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, débese indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• No Informe da Comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia recoñécese a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, o EIA do proxecto avalía todos os impactos preceptivos por lei (paisaxístico, cultural, faunístico…). Así mesmo, o proxecto obtivo os informes previos preceptivos, como é o caso do informe favorable sobre o cumprimento de distancias a delimitacións de solos de núcleo rural, solo urbano e urbanizable, emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

• Así mesmo, en relación coas explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, débese indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

• Tal e como sinala a análise do impacto socioeconómico do proxecto que consta no EIA, desde o punto de vista da sinerxía, recaen sobre o sector económico de maneira positiva, creando emprego e xerando riqueza na zona. A execución do proxecto fomentará o cumprimento dos obxectivos xerais da Lei 45/2007 para o desenvolvemento sustentable do medio rural, tales como o de manter e ampliar a base económica do medio rural, mediante a preservación de actividades competitivas e multifuncionais e diversificación da economía coa incorporación de novas actividades compatibles cun desenvolvemento sustentable, manter e mellorar o nivel da poboación, etc.

• No que respecta á non inclusión como receptores de impacto das persoas que de facto residen e/ou traballan no centro penitenciario de Monterroso, o promotor, na súa contestación do 22.6.2022 á dita alegación, indica: «En primeiro lugar cómpre salientar que o número de habitantes a que fai referencia o alegante correspóndense cos datos do Instituto Nacional de Estatística no ano 2019. Ademais, o numero de afectados a que este fai referencia o alegante correspóndese cos habitantes dos núcleos de poboación do ámbito de estudo do estudo de pestanexo de sombras (anexo 8 do EIA), tal e como se di neste estudo: «Parteuse da definicición dun ámbito de estudo delimitado pola superficie delimitada por un buffer de 10 veces o diámetro de rotación. Creouse unha capa de coberturas con todo o planeamento existente no dito ámbito conforme á cartografía de catastro; identificáronse vivendas que se asocian ás entidades recollidas no seguinte cadro [...]. Outros lugares identificados segundo o nomenclátor municipal do Plan básico autonómico de Galicia son: A Casilla de Narón (Narón), A Silva (Narón), A Uceira (Pol), Ariese (Trascastro), Lama Retorta (Trascastro), O Castro (A Covadela), O Vilar (Vilar de Abaixo), Pousada (Vigo) e San Miguel (Pol). Identificáronse tamén o Centro Penitenciario de Monterroso e varias explotacións agrogandeiras diseminadas (Vacaloura Granxa)».

De ser o caso, as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

De ser o caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 24.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Vacaloura, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Vacaloura, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Vacaloura.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa das instalacións do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 31,185 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Vacaloura, composto polo documento Proxecto refundido do parque eólico Vacaloura Lugo (España), asinado electronicamente o 14.4.2023 polo enxeñeiro industrial Gustavo Javier de Domingo Sanz (colexiado nº 1.109 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Burgos e Palencia) e visado no referido colexio co nº BU2000428, do 14.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Domicilio social: Torre Serrano, r/ Marqués de Villamagna, 3, andar 5, 28001 Madrid.

Denominación: parque eólico Vacaloura.

Potencia instalada: 35 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 31,185 MW.

Produción neta: 88.809 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.537 h.

Concellos afectados: Monterroso e Portomarín (Lugo).

Orzamento de execución material: 27.090.927,79 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

597.875,00

4.742.786,49

P2

603.875,00

4.742.786,49

P3

603.875,00

4.738.434,49

P4

598.311,00

4.738.434,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

VC01

599.752,00

4.741.157,00

VC02

600.050,00

4.739.662,00

VC03

600.176,00

4.741.021,00

VC04

600.498,00

4.739.491,00

VC05

602.266,00

4.741.066,00

VC06

602.443,00

4.740.686,00

VC07

602.712,00

4.740.118,00

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

TM

602.817,00

4.739.848,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

SET Vacaloura

601.597,80

4.740.583,84

Coordenadas da envolvente da subestación:

Envolvente subestación Vacaloura

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

601.551,25

4.740.538,70

P2

601.559,83

4.740.633,44

P3

601.646,53

4.740.625,59

P4

601.637,95

4.740.530,85

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa G145 ou similar, de 5 MW de potencia nominal unitaria; estarán limitados no xerador individualmente a unha potencia unitaria de 4,455 MW. Os aeroxeradores terán unha altura de buxa de 127,5 m e de 90 m os aeroxeradores VC04 e VC05, e diámetro de rotor de 145 m.

– 7 centros de transformación de potencia unitaria 5.350 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, cos seus correspondentes celas de protección e manobra dos circuítos de 30 kV.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque de 30/132 kV, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-2OL H16CU 18/30 kV de seccións 95, 240 e 400 mm2 de aluminio.

– Unha torre meteorolóxica de 129,5 m de altura (127,5 m de altura da estrutura da torre máis 2,00 m de altura do pararraios), con función de torre permanente do parque e con capacidade autoportante, que estará conectada co sistema de control e monitorización do parque eólico mediante fibra óptica.

– Subestación, SET Vacaloura 30/132 kV, de 35 MVA, que permitirá a evacuación á rede de transporte da enerxía eléctrica procedente do parque eólico, e elevará a súa tensión de xeración de 30 kV mediante unha posición de transformador, a 132 kV de tensión de evacuación. O transformador de potencia será de 30/35 MVA (ONAN/ONAF) e será alimentado por celas de liña de 30 kV procedentes do parque eólico. A parte de alta tensión do transformador de potencia conectarase á rede de evacuación en 132 kV. A posición de liña de 132 kV conéctase coa subestación SET Belesar 30/132 kV.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2.

– Obra civil consistente en camiños de acceso ao parque e interiores de acceso aos aeroxeradores, plataformas de montaxe, subestación, cimentacións e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 202.188,37 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus números 4.1.2, 4.1.4, 4.1.5 e 4.1.6, o promotor deberá contar previamente ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

5. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral informe de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifesten perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009 , do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Con data do 23.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais