Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36464

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Neme, sito nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN661A 2007/04).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., na actualidade Enel Green Power España, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Neme, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, a Xunta de Galicia publicou a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite, entre as cales figura o parque eólico Monte Neme, cunha potencia de 16,9 MW.

Segundo. O 6.3.2007 Enel Green Power España, S.L. iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 16 MW de potencia total nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña), composto por 8 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria.

Terceiro. O 9.3.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a declaración de impacto ambiental para o parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 23 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 67, do 12.4.2010).

Cuarto. O 17.2.2012 Enel Green Power España, S.L. comunicou a fusión por absorción entre Enel Green Power España, S.L. (como sociedade absorbente) e Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (como sociedade absorbida).

Quinto. Con data do 11.12.2019 Enel Green Power España, S.L. presentou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico Monte Neme, consistente de forma xeral na redución no número de aeroxeradores, de oito a catro, unha maior potencia unitaria e un modelo máis actualizado.

Sexto. O 4.9.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Sétimo. O 16.12.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no cal indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.

Oitavo. O 1.2.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e onde se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Noveno. O 20.8.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monte Neme á Xefatura Territorial de A Coruña para a continuación da tramitación.

Décimo. Mediante o Acordo do 24 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Monte Neme, nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 9.3.2022 e no xornal La Voz de Galicia do 9.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Carballo e Malpica de Bergantiños), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía Industria e Innovación da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, estivo exposto no portal web desta consellería, onde puido accederse á documentación do proxecto.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público:

Augas de Galicia, Retevision I, S.A.U., Concello de Carballo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Telefónica Móviles de España, S.A.U., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L.U., Retegal, S.A., Vodafone España, S.A., e Sección de Minas da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 5.4.2022; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña), o 11.5.2022; Telefónica de España, S.A.U., o 11.3.2022; Orange España Comunicaciones Fijas, S.L.U., o 15.6.2022; e Retegal, S.A., o 29.3.2022.

O Concello de Carballo remitiu informe o 12.4.2022, débese indicar que este se referiu, así mesmo, a cuestións que pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver).

Retevisión I, S.A.U. emitiu informe con data do 22.4.2022, en que sinala que a construción do parque eólico provocaría unha relevante afectación aos servizos de difusión e transporte de sinal de TDT, e solicita que se adopten as medidas correctoras sinaladas no informe ou, na súa falta, que se adopten outras medidas alternativas que consigan os mesmos fins e eliminen as posibles afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión na actualidade, con carácter previo á instalación do parque. Neste sentido, a promotora manifestou a conformidade co contido do informe de Retevisión, e, tras as correspondentes análises e estudos técnicos e de campo que se realicen en colaboración con Retevisión I, S.A.U. e demais organismos afectados, adoptará, de ser o caso, e ao seu cargo e pola súa conta, as medidas necesarias.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 3.1.2023 a xefatura territorial emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo terceiro. O 5.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia, Concello de Carballo e Sociedade Galega de Historia Natural.

Formalizada a tramitación ambiental, o 16.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que fixo pública mediante o Anuncio do 17 de xaneiro de 2023 (DOG número 14, do 20 de xaneiro de 2023).

Décimo quinto. O 1.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas, polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 16.3.2023 e o 22.3.2023 Enel Green Power España, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Monte Neme non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Estas modificacións están motivadas para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e consisten, en esencia, na eliminación do aeroxerador WTG02 e das súas infraestruturas asociadas.

O 3.4.2023 a promotora presentou un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental.

Décimo sétimo. Con data do 4.4.2023 a dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, comunicoulle o informe ao órgano ambiental.

Décimo oitavo. O 17.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16 MW, segundo o informe do xestor da rede do 27.8.2019. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio; pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro; e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 2.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a eles, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria. Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fracionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Pedrarrubia e Monteagudo e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura a rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na dita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, a marxedo seu maior impacto ambiental, podería supoñer una alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se vai perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. O feito de que a evacuación do parque se prevexa sobre instalacións en tramitación en ningún caso condiciona as posibles autorizacións administrativas previa e de construción da instalación, sen prexuízo de que non se poida autorizar a explotación do parque eólico mentres esas instalacións de evacuación non estean en funcionamento.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental e, débese indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, do Instituto de Estudos do Territorio, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) En relación coa afección ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 5.4.2022 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

e) En relación coa perda de validez da declaración de impacto ambiental publicada no DOG do 14.4.2010, cómpre indicar que o proxecto en tramitación constitúe unha modificación substancial do avaliado anteriormente, polo que se tramitou un novo procedemento de avaliación de impacto ambiental que rematou coa declaración de impacto ambiental do 16.1.2023.

f) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9.12.2022, que emite informe favorable sobre o proxecto condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, de determinada documentación.

g) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes emitiu informe o 11.5.2022 de que existen afeccións aos montes veciñais en man común Neme e Longo, Carballeiras e Neme de Oza, cos cales o promotor poderá asinar un acto de disposición de común acordo. Recomenda que as restricións ao uso forestal se limiten á superficie de voo dos aeroxeradores.

h) En relación coa afección á paisaxe, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 7.4.2022 en que se indica que o estudo de impacto e integración paisaxística deberá completarse coa xustificación de como se incorporaron ao proxecto as determinacións das directrices de paisaxe. Tamén se deberá completar o estudo de visibilidade con infografías desde os núcleos máis próximos, Vernes e O Rodo, así como desde Carballo, A Laracha, Coristanco e Malpica.

O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias. Respecto aos núcleos rurais, no caso de que exista unha manifesta preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores, deberán adoptarse as medidas necesarias para reducir ou mitigar o seu impacto visual, e estudiarase a posibilidade de realizar plantacións arbóreas con especies autóctonas nas proximidades dos núcleos, en consenso cos seus habitantes, para reducir a visibilidade dos aeroxeradores.

i) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 19.12.2022 un informe favorable, e deberanse ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.2.2021.

k) En particular, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.2.2021 recóllese que: «Logo de comprobar o planeamento vixente no concello afectado (Plan xeral de ordenación municipal de Carballo do 4.2.2016) e as coordenadas recollidas no número 2.2. da memoria, conclúese que as posicións de todos os aeroxeneradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

l) En relación coa normativa aplicable que aparece citada no proxecto sectorial, este contén referencias á normativa vixente no momento da súa redacción, con independencia da data de visado. As referencias á normativa derrogada entenderanse realizadas á normativa vixente que a substitúe.

m) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, correspóndelle á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento..), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

n) En relación coa posible colisión de parte do ámbito do parque eólico co proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro Monte Neme, cómpre indicar que o proxecto de parque eólico non afecta a superficie ocupada polos labores mineiros do denominado Grupo Mineiro Monte Neme.

o) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que: «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

p) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Por tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013 do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo daqueles que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte Neme, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Neme, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que, exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Neme.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

– 4.1. Condicións particulares.

– 4.2. Condicións xerais.

– 4.2.1. Protección da atmosfera.

– 4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

– 4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

– 4.2.4. Xestión de residuos.

– 4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

– 4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

– 4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental

– 5.1. Aspectos xerais.

– 5.2. Aspectos específicos.

– 5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Neme, sito nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 16 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Neme, composto polo documento Proxecto modificado parque eólico Monte Neme, marzo de 2023, asinado polo enxeñeiro industrial David Gavin Asso (colexiado nº 2207 do Colegio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja), visado no referido colexio co número VD0118323A, do 21.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Enel Green Power España, S.L.

Domicilio social: rúa Ribera del Loira, 60, 28042 Madrid.

Denominación: parque eólico Monte Neme.

Potencia instalada: 18 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 16 MW.

Produción neta: 63.665 MWh/ano.

Concellos afectados: Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña).

Orzamento de execución material: 14.512.281 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

V1

522.030,00

4.788.864,00

V2

521.875,00

4.788.786,00

V3

521.630,00

4.789.030,00

V4

521.753,00

4.789.430,00

V5

520.679,00

4.790.237,00

V6

521.508,00

4.791.492,00

V7

522.857,00

4.790.732,00

V8

523.226,00

4.789.479,00

V9

522.265,00

4.789.128,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

WTG01

521.431,00

4.790.433,00

WTG03

522.351,00

4.790.385,00

WTG04

522.562,00

4.789.892,00

Coordenadas dos vértices da explanada da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

522.566,23

4.789.655,28

2

522.593,89

4.789.626,25

3

522.521,66

4.789.557,43

4

522.494,00

4.789.586,46

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29ETRS89)

X

Y

TM

521.672,00

4.790.790,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores de 6,00 MW de potencia unitaria, cun sistema de regulación que se configurará para limitar a potencia activa máxima do parque a 16 MW de forma permanente, de acordo coa potencia admisible no punto de conexión. Aeroxeradores con velocidade variable e paso variable, unha altura de buxa de 115 m e un diámetro de rotor de 170 m.

– 3 centros de transformación tipo seco en góndola de potencia unitaria de 6.500 kVA e relación de transformación de 0,69/33 kV, coas súas correspondentes celas de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque de 30/66 kV, composta por 1 circuíto con condutores tipo RH5 Z1 18/30 kV de seccións de 150, 400 e 630 mm2 de aluminio.

– Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e a subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial.

– Rede de comunicacións constituída por condutor de fibra óptica que interconectará os aeroxeradores co centro de control situado na SET do parque.

– Unha torre meteorolóxica de 115 metros de altura.

– Subestación con transformador de potencia en intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 20 MVA ONAN, relación de transformación 66/33 kV, distribuído da seguinte forma:

• Parque de 66 kV en intemperie cunha posición ríxida de liña-trafo con regulación en carga.

• Un conxunto de celas de 30 kV formado por celas blindadas illadas en SF6 con configuración de simple barra e relés de protección incorporados, constituído por: 2 posicións de chegada de liña 30 kV dos aeroxeradores PE Monte Neme (1 das celas é de reserva), 1 posición de batería de condensadores, 1 posición de transformador lado 30 kV, 1 posición de transformador de servizos auxiliares. Nese edificio tamén está o transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 160 kVA e relación de transformación 33/0,42 kV.

• Nos edificios proxectados situarase tamén o centro de control, xunto coas comunicacións e proteccións.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 138.442,22 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado de Retevision I, S.A.U.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos números 4.1.3, 4.1.4, 4.1.5 e 2.2 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais