Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36483

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Neme, sito nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN661A 2007/04).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Neme.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Monte Neme, sito nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña) e promovido por Enel Green Power España, S.L., para unha potencia de 16 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 138.442,22 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a acreditación do cumprimento do condicionado de Retevision I, S.A.U.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos números 4.1.3, 4.1.4, 4.1.5 e 2.2 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico,que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, a Xunta de Galicia publicou a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite, entre as cales figura o parque eólico Monte Neme, cunha potencia de 16,9 MW.

2. O 6.3.2007 Enel Green Power España, S.L. iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 16 MW de potencia total nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña), composto por 8 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria.

3. O 9.3.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a declaración de impacto ambiental para o parque eólico, que se fixo pública mediante Resolución do 23 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 67, do 12.4.2010).

4. O 17.2.2012 Enel Green Power España, S.L. comunicou a fusión por absorción entre Enel Green Power España, S.L. (como sociedade absorbente) e Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (como sociedade absorbida).

5. Con data 11.12.2019 Enel Green Power España, S.L. presentou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico Monte Neme, consistente de forma xeral na redución no número de aeroxeradores, de oito a catro, unha maior potencia unitaria e un modelo máis actualizado.

6. O 4.9.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

7. O 16.12.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no cal indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.

8. O 1.2.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e onde se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

9. O 20.8.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monte Neme á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.

10. Mediante o Acordo do 24 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Monte Neme, nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 9.3.2022 e no xornal La Voz de Galicia do 9.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Carballo e Malpica de Bergantiños) e nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, estivo exposto no portal web desta consellería, onde puido accederse á documentación do proxecto.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Retevision I, S.A.U., Concello de Carballo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Telefónica Móviles de España, S.A.U., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L.U., Retegal, S.A., Vodafone España, S.A., e Sección de Minas da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 5.4.2022; Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña), o 11.5.2022, Telefónica de España, S.A.U., o 11.3.2022; Orange España Comunicaciones Fijas, S.L.U.. o 15.6.2022, e Retegal, S.A., o 29.3.2022.

O Concello de Carballo remitiu informe o 12.4.2022, debe indicarse que este se referiu así mesmo, a cuestións que pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver).

Retevisión I, S.A.U. emitiu informe con data 22.4.2022, onde sinala que a construción do parque eólico provocaría unha relevante afectación aos servizos de difusión e transporte de sinal de TDT, e solicita que se adopten as medidas correctoras sinaladas no informe ou, na súa falta, se adoptan outras medidas alternativas que consigan os mesmos fins e eliminen as posibles afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión na actualidade, con carácter previo á instalación do parque. Neste sentido a promotora manifestou a conformidade co contido do informe de Retevisión e, tras as correspondentes análises e estudos técnicos e de campo que se realicen en colaboración con Retevisión I, S.A.U. e demais organismos afectados, adoptara, de ser o caso, e ao seu cargo e polo súa conta, as medidas necesarias.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

12. O 3.1.2023 a xefatura territorial emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

13. O 5.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

14. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia, Concello de Carballo e Sociedade Galega de Historia Natural

Formalizada a tramitación ambiental, o 16.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 17 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro de 2023).

15. O 1.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. O 16.3.2023 e o 22.3.2023 Enel Green Power España, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Monte Neme non modifican as afeccións xa sometidas a informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Estas modificacións están motivadas para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e consisten, en esencia, na eliminación do aeroxerador WTG02 e das súas infraestruturas asociadas.

O 3.4.2023 a promotora presentou un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental.

17. Con data 4.4.2023 a dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, comunicoulle o informe ao órgano ambiental.

18. O 17.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16 MW, segundo o informe do xestor da rede do 27.8.2019. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais