Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35992

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Monte do Con, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilaboa, na parroquia de Vilaboa, do concello de Vilaboa (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 19 de abril de 2023, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, José Luis López García e Bruno Vence Ruibal, representantes da CMVMC de Vilaboa, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 3.4.2019, José Luis López García, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilaboa, concello de Vilaboa, presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común do terreo denominado Monte do Con, integrado polas parcelas O Con e A Cavada Vella. Achega como documentación un informe técnico con planimetría, certificacións catastrais e relación de estremas. Tamén documentación histórica, outra sobre expropiación de parte das parcelas polo Ministerio de Fomento para obras na estrada N-554 e diversos documentos sobre traballos silvícolas realizados pola comunidade de montes nas citadas parcelas.

O 19.1.2021, o Servizo de Montes emite informe previo en que indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente as parcelas, non están clasificadas e a Comunidade de Montes de Vilaboa consta como titular catastral de ambas as dúas. Tamén informa que na parcela O Con existe unha ocupación de 625 m2.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 4.2.2021, incoar o correspondente expediente de clasificación do Monte do Con a favor da Comunidade de Montes de Vilaboa, concello de Vilaboa.

O 22.2.2021 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data 17.6.2021 recíbese o antedito informe do Servizo de Montes.

Terceiro. O Rexistro da Propiedade nº 2 de Pontevedra, en escrito do 5.10.2021, certifica que non figura inscrito ningún predio denominado Monte do Con coas características indicadas.

Cuarto. O 8.4.2022 notifícase a apertura do trámite de audiencia á Comunidade de Montes de Vilaboa e ao Concello de Vilaboa, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto.

Quinto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 3.5.2022 o Anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abriu o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

O 6.5.2022, a Comunidade de Montes de Vilaboa achega informe con documentación acreditativa dos usos e aproveitamentos pola comunidade das anteditas parcelas nos últimos anos.

O 2.6.2022, Jorge Filgueira Acuña, residente nun terreo estremeiro coa parcela O Con, presenta escrito en que declara ser o usuario exclusivo do terreo de 625 m2 estremeiro coa súa vivenda. Alega que este terreo está ocupado por un invernadoiro, un hórreo e un galiñeiro da súa propiedade. Achega fotografías do terreo e declaracións xuradas de varios veciños. Solicita a exclusión deste terreo da clasificación como monte veciñal en man común.

O 21.6.2022, o Concello de Vilaboa presenta escrito en que certifica a exposición pública do edicto e anuncia a apertura do período de audiencia.

O 29.6.2022, a Comunidade de Montes de Vilaboa presenta alegacións opoñéndose ao solicitado por Jorge Filgueira Acuña e pide a clasificación íntegra de toda a parcela O Con, incluíndo o citado terreo de 625 m2. Achega documento de dilixencias preliminares do 3.7.2018 do Xulgado número 1 de Cangas, no que, ante a demanda da Comunidade de Montes alegando o carácter veciñal da parcela ocupada pola vivenda de Jorge Filgueira Acuña, este recoñece non ter documentación acreditativa da propiedade deste terreo, que alega foi unha cesión do Concello ao seu pai e que soamente pode presentar a documentación acreditativa da construción da vivenda.

Sexto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, a parcela obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:

Concello: Vilaboa.

Parroquia: San Martiño de Vilaboa.

1. Monte: O Con.

Cabida: 7.833 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36058A051002660000LF.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titulares

Norte

51

51

51

51

51

51

265

261

245, 246

244

248

354

María del Pilar Herrero Blanco

Dolores Montes Suárez

Ángel Venancio Regueira Rivas

María Nieves Regueira Acuña

José Ramón Carro Garrido

Autoestradas del Atlántico

Sur

52

---

9004

-----

En investigación, artigo 47 da Lei 33/2003

Camiño de Mancueiro e parcela Cavada Vella

Leste

---

52

51

---

51

-----

9003

268

E303114

267

Noiro, estrada N-554 de Cangas a Pontevedra e camiño de Mancueiro

Xunta de Galicia

Jorge Filgueira Acuña

María Consuelo Chantada Garrido

Ángel Filgueira Blanco

Oeste

52

9004

En investigación, artigo 47 da Lei 33/2003

2. Monte: A Cavada Vella.

Cabida: 2.679 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36058A052001360000LB.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titulares

Norte

---

52

----

9004

Camiño de Mancueiro e parcela O Con

En investigación, artigo 47 da Lei 33/2003

Sur

52

1

Wenceslao Acuña Acuña

Leste

52

9003

Xunta de Galicia

Oeste

52

433

En investigación, artigo 47 da Lei 33/2003

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989 do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes establece que a parcela O Con está ocupada por unha superficie central asfaltada e «...nos seus bordos hai dúas plantacións lineais do xénero Betula... Cara á estrada N-554 presenta un cartel da Comunidade de Montes de Vilaboa con varias prohibicións baixo sanción. Ao seu lado hai un merendeiro colocado pola comunidade de montes cunha mesa e dous bancos de pedra. Nesta zona están plantadas varias árbores froiteiras dos xéneros Citrus, Prunus e Malus... Unha parte dela emprégase como zona de depósito, ocupándoa uns troncos de madeira amoreados, postes de madeira e uns bloques de pedra granítica». Pola súa parte, a parcela Cavada Vella «...ten unha pequena plantación do xénero Castanea, con algún pé do xénero Quercus e do xénero Pinus... Ten uso forestal, co cultivo de castañas».

Cuarto. A Comunidade de Montes de Vilaboa ten presentada abondosa e variada documentación que demostra a súa xestión das parcelas O Con e A Cavada Vella (titularidade catastral, expropiación parcial polo Ministerio de Fomento, autorizacións escritas a veciños para o depósito temporal de madeira e pedra) e os usos e aproveitamentos veciñais con documentación sobre traballos silvícolas como rozas, venda de madeira, etc.

Quinto. O Concello de Vilaboa non presentou alegacións contrarias á clasificación, o que supón o recoñecemento implícito do carácter veciñal desta parcela por parte do Concello.

Sexto. Tendo en conta o recollido nos puntos anteriores, considérase probado o aproveitamento veciñal das parcelas O Con e A Cavada Vella pola Comunidade de Montes de Vilaboa, agás no terreo de 625 m2 estremeiro coa vivenda de Jorge Filgueira Acuña. Recoñécese que este alegante non presentou ningunha documentación que acredite a súa propiedade do terreo, e da documentación achegada parece deducirse unha posible ocupación de terreo hai anos para a construción da vivenda, autorizada ou consentida polo Concello, ocupación que se estendeu posteriormente ao terreo estremeiro de 625 m2. Malia a que este terreo consta no Catastro a nome da Comunidade de Montes de Vilaboa, do seu estado actual dedúcese que é obxecto de ocupación polo alegante, como ben recoñece a propia Comunidade, e non ten hoxe aproveitamento veciñal, polo que debe excluírse da clasificación da parcela O Con.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado por unanimidade acorda: clasificar como veciñal en man común o monte denominado Monte do Con, integrado polas parcelas O Con e A Cavada Vella a favor dos veciños da CMVMC de Vilaboa (Vilaboa), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito sexto, excluíndo da parcela O Con o terreo de 625 m2, recollido na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes a cal forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 16 de maio de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra