Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35998

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Monte do Couto, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, na parroquia de Salvaterra, do concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 19 de abril de 2023, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, Antonio Lorenzo González e María Jesús Lago Feijoo, representantes da CMVMC de Salvaterra, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 2.7.2021, a entidade Selga, S.L., en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño, presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada Monte do Couto. Achega como documentación un informe técnico con planimetría, informe de validación gráfica e certificación da asemblea da comunidade de aprobación da solicitude. Tamén documentación histórica (foto catastral do ano 1956 e relación de propietarios, certificación do Arquivo Histórico Provincial sobre o Catastro de Ensenada de 1752 e copia do expediente de excepción da venda de 1861 do Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra) para amosar o carácter veciñal da parcela solicitada de clasificación.

O 31.8.2021, o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente a parcela, que corresponde cunha parte de 204 m2 da parcela catastral 36050A03305380 que figura como titular «En investigación» e que no está clasificada (actualmente no Catastro figura como predio separado, denominado comunal, con referencia 36050A03305381 e cabida de 222 m2).

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 6.10.2021, incoar o correspondente expediente de clasificación da parcela do Couto a favor da Comunidade de Montes de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño.

O 9.11.2021 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992 do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. O 11.3.2022 recíbese o antedito informe do Servizo de Montes.

Terceiro. O Rexistro da Propiedade de Ponteareas, en escrito do 26.4.2022, certifica que non figura inscrito ningún predio denominada O Couto coas características indicadas.

Cuarto. O 9.5.2022 notifícase a apertura do trámite de audiencia á Comunidade de Montes de Salvaterra e ao Concello de Salvaterra de Miño, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto. Así mesmo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, que a realiza o 26.5.2022.

Quinto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 25.5.2022 o Anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abriu o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

O 2.6.2022, a Comunidade de Montes de Salvaterra achega documentación consistente na copia de escrituras da parcela lindeira e varias declaracións xuradas de veciños que afirman o aproveitamento veciñal da parcela do Couto.

Sexto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, a parcela obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra de Miño.

Parroquia: Salvaterra.

Nome do monte: Monte do Couto.

Cabida: 204 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A03305380.

Estremas:

Norte: herdeiros de Fernando Abril Moure.

Sur: herdeiros de Fernando Abril Moure.

Leste: herdeiros de Fernando Abril Moure.

Oeste: camiño asfaltado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes establece que a parcela está delimitada por estacas pintadas de vermello, restos de muro de pedra e estaca no vértice sueste. Tamén recolle que se atopa rozada e plantada con dous lárices, un castiñeiro, unha nespereira e unha oliveira e certifica a existencia de carteis que anuncian o «Monte Comunal de Salvaterra».

Cuarto. A Comunidade de Montes de Salvaterra presenta copia de diversas escrituras do predio lindeiro por tres ventos nas que recollen a existencia da parcela comunal do Couto. Tamén presenta varias declaracións xuradas de veciños que afirman o aproveitamento veciñal desta parcela.

Quinto. O Concello de Salvaterra de Miño non presentou alegacións contrarias á clasificación, o que supón o recoñecemento implícito do carácter veciñal desta parcela por parte do Concello. Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións opoñéndose á clasificación como monte veciñal en man común de terceiros que acreditasen un uso privativo desta parcela, demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Salvaterra.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado por unanimidade acorda: clasificar como veciñal en man común o monte denominado Monte do Couto a favor dos veciños da Comunidade de Montes de Salvaterra, do Concello de Salvaterra de Miño, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito sexto e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes a cal forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 16 de maio de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

ANEXO

missing image file