Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35985

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Monte da Laxe, a favor dos veciños e veciñas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, na parroquia de Salvaterra, do concello de Salvaterra de Miño.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 19 de abril de 2023 baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos e das vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das comunidades de montes veciñais en man común da provincia; Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia; Antonio Lorenzo Gonzalez e María Jesús Lago Feijoo, representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra; e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 5.7.2021, a entidade Selga, S.L., en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño, presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada Monte da Laxe. Achega como documentación un informe técnico con cartografía dixital, informe de validación gráfica e certificación da asemblea da comunidade de aprobación da solicitude. Tamén documentación histórica (foto catastral do ano 1956 e relación de propietarios, certificación do Arquivo Histórico Provincial sobre o Catastro de Ensenada de 1752 e copia do expediente de excepción da venda de 1861 do Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra) para amosar o carácter veciñal da parcela solicitada de clasificación.

Con data do 31.8.2021 o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente a parcela, que está dividida en dúas partes: Monte da Laxe norte, de 2.760 m2 e que afecta tres parcelas catastrais de titularidades comunal, en investigación, e particular, respectivamente; e Monte da Laxe sur, de 13.469 m2 e que afecta total ou parcialmente nove parcelas catastrais, cuxas titularidades son: dúas da Comunidade de Montes, unha en investigación, unha do Concello de Salvaterra e catro de particulares. Segundo o esbozo da carpeta-ficha, este monte da Laxe non está clasificado e está separado do resto dos terreos clasificados.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 6.10.2021, incoar o correspondente expediente de clasificación do monte da Laxe a favor da Comunidade de Montes de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño.

O 9.11.2021 solicítaselle ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data do 21.3.2022 recíbese o antedito informe do Servizo de Montes.

Terceiro. O 21.4.2022 solicítaselle información ao Rexistro da Propiedade de Ponteareas, que en escrito de data 5.5.2022 certifica que non figura inscrito ningún predio coas características indicadas, aínda que con algunhas coincidencias figura inscrita o predio Laxe, de 13.030 m2, a nome do Concello de Salvaterra de Miño.

Cuarto. O 24.5.2022 notifícaselles a apertura do trámite de audiencia á Comunidade de Montes de Salvaterra e ao Concello de Salvaterra de Miño, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto correspondente. Así mesmo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, que a realiza o 3.6.2022.

Quinto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 10.6.2022 o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abriu o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Con data do 17.6.2022 o Concello de Salvaterra de Miño presenta escrito de alegacións en que se opón á clasificación da parcela da Laxe. Achega certificación do Rexistro da Propiedade de Ponteareas da inscrición da parcela da Laxe e certificación da inscrición desta parcela no Inventario de bens municipais.

Con data do 21.6.2022 Mª Paz Rodríguez Moure presenta escrito de alegacións en que se opón á clasificación da parcela da Laxe por declararse propietaria dunha das parcelas da Laxe Norte. Achega copia de partillas e escrituras.

Con data do 6.7.2022, a Comunidade de Montes de Salvaterra achega diversa documentación (declaracións xuradas de lindeiros e veciños, copias de escrituras de parcelas lindeiras, relación de regantes da Poza da Laxe e documentación da asociación de regantes) para confirmar o aproveitamento veciñal das parcelas da Laxe Norte e da Laxe Sur.

Sexto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, a parcela obxecto do presente expediente responde á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra de Miño.

Parroquia: Salvaterra.

Nome do monte: Monte da Laxe.

Cabida: 16.228 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Enriqueta Porto, Manuel González González, Agustín Piñeiro Moure, Emilio Lorenzo Porto, Herminio Piñeiro, Ángela Lorenzo Porto, camiño.

Sur: camiño, Camilo Otero Abril, Antonio Romero Vaqueiro.

Leste: comunal ocupado, herdeiros Germán Fuentes, Antonio Sobrado González, Manuel Rodríguez Rodríguez, Esperanza Porto Rodríguez, Ermitas Antonio Lorenzo Lorenzo, Elmiro Couto Pacheco, Atilano Alonso Lorenzo, Camilo Otero, Luis Diéguez Diéguez.

Oeste: camiño, Antonio Lorenzo Alonso, Antonio Souto González, Rosa Serodio, Víctor González Lago, Máximo Rivas Guillade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, na vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes establece que a parcela da Laxe Norte «inclúe unha pequena presa que dá lugar a unha zona encorada (...) fóra da zona inundada obsérvase un eucalipto de gran porte, algún loureiro e carballo sen practicamente estrato arbustivo, excepto por carrizos na zona oeste (...) Compróbase a existencia de carteis que anuncian o monte comunal de Salvaterra».

En canto á parcela da Laxe Sur, o informe recolle que se atopa «nunha ladeira suave con escasa vexetación arbustiva e arbórea con algún alto fuste de eucalipto e piñeiro pinaster (...) Está cuberta por vexetación herbácea con grandes afloramentos rochosos (...) Obsérvanse verteduras, restos de corta e madeira amoreada de eucalipto. No momento da inspección encontrábanse dúas vacas pastando».

Cuarto. A Comunidade de Montes de Salvaterra presenta abundante documentación histórica para probar o carácter veciñal das parcelas. Tamén achega diversa documentación (declaracións xuradas de lindeiros e veciños, copias de escrituras de parcelas lindeiras, relación de regantes da Poza da Laxe e documentación da asociación de regantes) para confirmar o aproveitamento veciñal das dúas parcelas.

Quinto. O Concello de Salvaterra de Miño presenta documentación dunha parcela que non identifica catastralmente, inda que polas dimensións alegadas podería ser parte da parcela 36050A002080030000PT. Achega certificación do Rexistro da Propiedade de Ponteareas da inscrición da parcela da Laxe e certificación da inclusión desta parcela no Inventario de bens municipais. Curiosamente, a parcela rexistrada ten unha cabida de 9.600 m2 e a inscrita no Inventario municipal conta con 8.311 m2. Maior incongruencia atopamos en que a certificación do Inventario de bens e dereitos municipais recolle que a natureza de dominio é «patrimonial de propios», mentres que o título establece que é por «prescrición inmemorial», o que pode ser indicio da orixe veciñal da parcela. Finalmente, esta pretendida parcela municipal consta a nome dunha persoa particular como titular catastral.

Sexto. Mª Paz Rodríguez Moure, para demostrar que é propietaria da parcela da Laxe Norte, de referencia 36050A003001150000PL, presenta documentación de partillas e escrituras de diversos anos en que hai notables diverxencias tanto na descrición dos terreos como na súa cabida, que nunca acadan a extensión catastral actual. En todo caso, as escrituras amosan coherencia na sucesión de propietarios e recollen a súa condición de lindeiras coa Poza da Laxe. Recoñece que viu o cartel da Comunidade de Montes e que a Comunidade lle limpou a parcela, pero non consta a súa oposición a estes feitos.

Sétimo. Considérase que, en termos xerais, queda acreditada a procedencia histórica comunal e o uso actual polos veciños da maior parte dos terreos solicitados. Porén, as alegacións de Mª Paz Rodríguez Moure, malia as incongruencias amosadas, poden ser indicios dun uso privativo desta parcela, polo que debe excluírse da clasificación. Do mesmo xeito, inda que a documentación presentada polo Concello de Salvaterra de Miño sobre a parcela de referencia 36050A002080030000PT, fundamentadas en cuestións relativas á propiedade, non desvirtúan o carácter histórico veciñal da parcela alegada, o feito de que parte do terreo se usase como depósito de madeira e material de construción por parte dunha empresa madeireira con autorización do concello, feito recoñecido pola propia Comunidade de Montes, demostra que non existe un aproveitamento aberto, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Salvaterra.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte da Laxe Norte, correspondente ás parcelas catastrais 36050A003001130000PQ e 36050A003001140000PP, cun total de 1.505 m2; e o monte da Laxe Sur, correspondente ás parcelas catastrais 36050A002001870000PE, 36050A034003800000PJ e 36050A034003870000PA, cun total de 4.686 m2, a favor dos veciños da Comunidade de Montes de Salvaterra, do Concello de Salvaterra de Miño, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito sexto e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución; e non clasificar as parcelas catastrais 36050A002080030000PT e 36050A003001150000PL.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición, con carácter potestativo, perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 16 de maio de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

missing image file