Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33672

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/007).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Suime.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 26,40 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Greenalia Wind Power, S.L.U.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 281.902 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 305.395 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 5.2.2018, o promotor, Greenalia Power, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. O 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 12.4.2018, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. O 7.2.2019, esta dirección xeral procedeu a tomar razón do cambio de denominación social de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power, S.L.U. (en diante, promotor).

4. O 24.4.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Suime e achega a documentación técnica correspondente, que completou o 16.6.2020 coa achega de documentación complementaria. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores, na redución do seu número (pasan de 8 a 6), no desprazamento das súas posicións e da SET e na supresión da torre meteorolóxica, supoñendo unha redución da potencia total (de 33,6 a 30 MW). O 6.8.2020, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

5. O 5.11.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

• O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en adiante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que se seguirá e se recollen os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

6. O 5.4.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Suime á Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación do expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

7. O 19.10.2021, a xefatura territorial ditou Resolución pola que se someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico Suime, no concello de Rodeiro.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.11.2021 e no xornal Faro de Vigo do 18.11.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Rodeiro) e nas dependencias da xefatura territorial, os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a elas.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Concello de Rodeiro, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.), Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), UFD Distribución Electricidad, S.A., Telefónica Móviles España, S.A.U., Orange Espagne, S.A. e Vodafone España, S.A.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: AXI o 4.11.2021, o 13.3.2023 e o 20.4.2023, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 25.11.2021, Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 24.11.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 18.11.2021, Telefónica de España, S.A.U. o 15.9.2022 e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 12.8.2022. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Rodeiro presentou escrito de alegacións o 30.12.2021, en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións ou plan eólico de Galicia, entre outras). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ao conxunto de alegacións.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33.14 da Lei 8/2009.

9. O 16.2.2022, o promotor desistiu da solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Suime, con base no informe emitido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra.

10. O 4.1.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 4.1.2023, en que se recolle un resumo da tramitación.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Concello de Rodeiro e Sociedade Galega de Historia Natural.

O 5.1.2023, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 13.1.2023, formular a DIA do parque eólico Suime, no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (clave: 2019/0124), que se fixo pública mediante o Anuncio do 16.1.2023 do órgano ambiental (DOG nº 13, do 19.1.2023).

12. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, se é o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 13.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución definitivo, xunto coa declaración responsable en que se indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, polo que non cómpre solicitar novos informes aos devanditos organismos.

13. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, o 15.3.2023, en que se conclúe que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

14. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen emitiu informe, o 20.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Suime, de carácter favorable.

15. O parque eólico Suime conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 30 MW, segundo informes do xestor da rede do 26.11.2018 e do 17.6.2021.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais