Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33679

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte do Cordal, sito no concello de Friol, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/033).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte do Cordal, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 31.7.2018 Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Monte do Cordal.

Segundo. O 17.1.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009. O 23.1.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 30.9.2019 remítese ao órgano ambiental o documento de inicio ambiental presentado pola promotora. O 12.2.2020, finalizado o período de consultas, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de novembro.

Cuarto. O 27.2.2020 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009.

A modificación substancial solicitada consiste, con carácter xeral, na redución do número de aeroxeradores de 4 a 3, o que supón unha redución na potencia total do parque eólico de 16,8 a 12,6 MW, e no desprazamento do centro de seccionamento.

Quinto. O 20.5.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sexto. O 26.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no que indica o procedemento ambiental que se vai seguir e os organismos que se van consultar durante a fase de información pública.

Sétimo. O 1.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 4.12.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monte do Cordal á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo (en diante, Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante Acordo do 30 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Monte do Cordal, no concello de Friol (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso o 4.5.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado de Friol e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Friol, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Naturgy, Retegal e Cellnex Telecom, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo) o 28.5.2021 e 17.6.2021, e Retegal, S.A. o 8.4.2021.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) emitiu un informe o 8.4.2021 en que sinala que o aeroxerador AE04 deberá situarse máis afastado da estrada LU-934, e o 12.4.2021 emitiu un condicionado para a realización das obras. A promotora contestou o 20.5.2021 que modificará a documentación técnica para cumprir co indicado pola AXI.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. O 8.6.2021 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo segundo. O 30.9.2021 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Friol e Sociedade Galega de Historia Natural.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o organismo de bacía, con data do 20.10.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación dun aeroxerador, o cambio do modelo e posición dos aeroxeradores, o traslado da posición do centro de seccionamento, a variación do trazado da gabia dos cables, e engádese unha zona de amoreamento, pasando a ser dúas.

Cumprida a tramitación ambiental, o 22.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Monte do Cordal, que fixo pública mediante Anuncio do 23 de novembro de 2022 (DOG núm. 234, do 12 de decembro).

Décimo cuarto. O 23.11.2022 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou unha addenda, dirixida a Axencia Galega de Infraestruturas para a conexión á estrada LU-934 do parque eólico Monte do Cordal.

A Axencia Galega de Infraestruturas o 12.4.2023 e, posteriormente, o 20.4.2023 informou á separata técnica do proxecto de execución do parque eólico, achegando neste último o correspondente condicionado técnico. Con data do 21.4.2023 a promotora achegou a súa aceptación ao indicado no informe e condicionado da AXI.

Décimo quinto. O 27.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 17.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Décimo sétimo. O 23.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido da liña de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo oitavo. O 6.3.2023 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo noveno. Con data do 9 de marzo de 2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte do Cordal, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., e por Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao dito parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Vixésimo. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto de interese autonómico achegado pola promotora o 17.2.2023, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable existentes.

Vixésimo primeiro. O 24.4.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou o «Proxecto de execución do parque eólico Monte do Cordal. Abril 2023», asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 21.4.2023 e visado polo COIMNE o 24.4.2023, no cal se recollen as modificación derivadas do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas do 20.4.2023.

O 24.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico, no cal conclúe que emite informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Monte do Cordal, condicionado a que, con carácter previo ao inicio das obras, se realicen as actuacións necesarias para garantir o cumprimento das distancias regulamentarias entre o aeroxerador 1 e a liña aérea que transcorre pola franxa de terreo afectada por este.

Vixésimo segundo. O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, ao respecto do documento «Valoración ambiental da alternativa de acceso ao parque eólico Monte do Cordal» que recolle a modificación do acceso exposta no proxecto de execución, informou do seguinte: «considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida pola promotora sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada. Con carácter previo ao inicio das obras deberán ser comunicados estes cambios nos accesos tanto á Dirección Xeral de Patrimonio Natural como á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que emitan un informe sobre os posibles efectos destes cambios».

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.11.2020. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 19.4.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

• «No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 22.11.2022, e onde se sinala que:

– A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), nun primeiro informe, do 9.4.2021, logo de examinar a documentación remitida: «Estudo de impacto ambiental parque eólico Monte do Cordal, no termo municipal de Friol (Lugo). Febreiro 2020» e «Proxecto sectorial parque eólico Monte do Cordal. Febreiro 2020» a vista do exposto, indica que constátase que dentro da poligonal do parque eólico e no seu contorno existen bens do patrimonio cultural que poden verse afectados polas obras da infraestrutura eólica, e informase do seguinte:

– Xérase un importante impacto visual o Camiño de Santiago. Aínda que se sitúan fóra do territorio histórico (BIC), pola súa excesiva altura deturpan a paisaxe e a súa proximidade o parque eólico de Friol agrava ese impacto visual e paisaxístico. Deberase modificar os aeroxeradores AE1 e AE2.

– Remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ficha individualizada con descritiva pormenorizada do ben arqueolóxico denominado Mámoa de Revolta Moura GA 27020 (2).

En contestación ao dito informe, a promotora achega o documento «Anexo á memoria de avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural parque eólico Monte do Cordal, concello de Friol Lugo. Marzo de 2022» sobre o cal a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indica que, logo da súa revisión, considérase que se dá resposta aos condicionantes do informe anterior coas modificacións do proxecto recollidas no documentación achegada pola promotora. Polo que respecta ao patrimonio arqueolóxico, aínda existen afeccións de impacto moderado, como é o caso de dous xacementos, Mámoa 1 do Cordal da Silvela GA 27020 (1) e Mámoa 2 do Cordal da Silvela GA 27020 (3) polo que se emite informe favorable, pero tendo en conta unha serie de consideracións e condicións como:

– Debera realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as obras de roza, implantación, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio da obras, a promotora elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural axustado o establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 150, do 6 de agosto). O proxecto deberá incorporar as medidas correctoras establecidas EsIA, no seu anexo 5, o cal deberá recoller as modificacións reflectidas no documento achegado e as derivadas das consideracións que se fan nos informes da DXPC. Incluiranse no anexo 5, as fichas de todos os bens que foron localizados na prospección próximos as infraestruturas, indicando a distancia a que se atopan as obras.

– Con carácter previo ao inicio das obras de construción do parque eólico, confirmarase a presenza da Mámoa 2 do Cordal de Silvela GA 27020 (3), realizarase unha roza de forma manual, sempre baixo control arqueolóxico. De confirmarse a súa natureza arqueolóxica, realizaranse as modificacións pertinentes para reducir e minimizar as obras de ancheamento e acondicionamento nos tramos das vías de acceso os aeroxeradores incluídos nos contornos de protección deste ben e revisaranse as cautelas arqueolóxicas onde se produzan os maiores movementos de terras. Haberá que actualizar ou ben anular a ficha correspondente nos arquivos de xacementos arqueolóxicos de Galicia da DXPC.

– Realizarase un especial seguimento da roza de vexetación e das obras nas zonas de cautela dos bens arqueolóxicos documentados e, especialmente, para as obras de acondicionamento das vías de acceso aos aeroxeradores e para a implantación e construción das plataformas e cimentacións destes, así como dos perfís e cortes que se xeren. Nos ámbitos indicados o seguimento será presencial, continuo e a pé de obra, para as rozas de vexetación e nos movementos de terra para a construción das plataformas dos aeroxeradores.

Realizaranse decapaxes mecánicas dos niveis artificiais intercalando limpezas manuais destes, así como dos perfís xerados nas superficies onde se proxectan as plataformas dos aeroxeradores (especialmente no AE01) que serán dirixidos e coordinados polo equipo arqueolóxico de seguimento, quen establecerá o ritmo no avance das remocións de terras para realizar unha correcta documentación e rexistro destes niveis. No caso de que se constatase a existencia de restos arqueolóxicos, primarase a conservación in situ destes, o que poderá dar lugar á modificacións e medidas protectoras e correctoras oportunas.

– Con carácter previo ao inicio das obras deberá presentarse unha avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural dos accesos ao parque eólico en que se concrete o itinerario de acceso desde a rede de estradas xerais e se detallen as actuacións necesarias para facilitar o paso do transporte especial.

Identificaranse os bens do patrimonio cultural que poidan verse afectados, tanto nos núcleos polos que se atravese como no resto do trazado ata chegar aos aeroxeradores e valorarase a posible afección aos elementos e os seus contornos, establecendo as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa salvagarda como indica no seu informe.

– No caso de aparecer novos bens ou indicios vinculados co patrimonio cultural, deberanse comunicar os achados á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que establecera medidas oportunas. Así mesmo, esta dirección xeral emitirá informe sobre calquera modificación do proxecto.

– Comunicaranse o concello de Friol os novos xacementos inventariados e este deberá integralos nos seus catálogos de bens culturais da súa normativa urbanística ademais de definir e cartografar os seus contornos de protección na planimetría de ordenación.

– A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite un informe sobre o EsIA no cal, tras un resumo dos antecedentes e da descrición do proxecto, fai unha análise da documentación recibida e indica, como conclusión, que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as condicións recollidas no informe e que se reflicten tamén no condicionado do punto 4 desta DIA. Nas súas conclusións salientase, que aínda que non se detectou presenza de Circus sp, detectáronse Accipiter gentilis e Buteo buteo en voo e moi próximas aos aeroxeradores. Deberanse implementar tecnoloxías de redución de impacto por colisión como sistemas de detección baseados en vídeo, o sistema deberá previr a colisión destas especies e as que se detecten durante os traballos de vixilancia.

– O Instituto de Estudos do Territorio emite un informe no cal, tras recoller uns antecedentes e o marco legal, efectúa unha descrición do proxecto, do contido do EsIA e das características da paisaxe afectada. De acordo coa disposición das infraestruturas do parque eólico, o atoparse en zonas elevadas confire unha visibilidade alta. Tamén analiza o contido do estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), os efectos do proxecto sobre a paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas, no cal se indica que o contido do EIIP é axeitado aos contidos exixidos salvo que non inclúe a xustificación de como se incorporaron ao proxecto as determinacións das directrices da paisaxe. Cómpre indicar que a avaliación faise tendo en conta o proxecto e o estudo coa configuración dos tres aeroxeradores.

Os principais impactos sobre a paisaxe produciranse aos núcleos de poboación derivado dos efectos sinérxicos que se producen pola existencia doutros proxectos eólicos na contorna e sobre o Camiño de Santiago, en que a afección é moi alta. Conclúe cunha serie de recomendacións para asegurar unha mellor integración paisaxística como son plantar unha barreira vexetal con especies arbóreas autóctonas no centro de seccionamento, respectando a directrices da paisaxe DX. 17 e DX. 20 (letras m), i) e o). Cumprirase o indicado nas directrices á hora de acondicionar e realizar as infraestruturas do parque DX. 25.b e DX. 22.i.

En contestación ao dito informe a promotora acepta o condicionado e achega o documento «Valoración paisaxística da proposta de modificación parque eólico Monte do Cordal, no termo municipal de Friol (Lugo) EXP IN408A 2018/33 e contestación ao requirimento do IET. Xullo 2022» no cal dá resposta o solicitado e informa da modificación do proxecto (redución de 3 a 2 dos aeroxeradores, entre outros).

O IET como resposta indica que a documentación achegada se adecúa ás consideracións efectuadas no informe e indica que deberán incorporarse ao EIIP segundo o establecido no artigo 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección de paisaxe de Galicia, para dar cumprimento ao disposto no artigo 11.2.d) da Lei 7/2008.

A modificación do proxecto non reduce de maneira substancial a superficie das cuncas visuais dos aeroxeradores, manténdose os principais impactos sinalados no informe. A incidencia visual non supón un impacto crítico, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos rurais (uso de pantallas vexetais DX.20.c).

– A Axencia de Turismo de Galicia emite un primeiro informe sobre o EsIA que consideraba tres aeroxeradores e no cal, tras analizar todos os posibles impactos que o proxecto puidese xerar, considera que, dado o alcance das actuacións, é necesario que o estudo de impacto turístico inclúa ou complete a información. A promotora achega aclaración a ese informe e o órgano emite unha resposta en que se conclúe que se produce un impacto turístico reducido.

– A Dirección Xeral de Saúde Pública expón que o informe se realizou avaliando a documentación achegada e se tiveron en conta, identificaron e valoraron os posibles impactos no ambiente con posible repercusión sobre a saúde humana. Recolle as observacións en relación cos seguintes puntos: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos, identificación das posibles vías de exposición, avaliación da necesidade de medición da exposición e do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

Polo tanto, e tras desenvolver as cuestións anteriores, conclúe nun primeiro informe que non se recolle información ou é insuficiente sobre varios aspectos (niveis sonoros, abastecemento, produtos perigosos etc.) que poden ter repercusións sobre a saúde da poboación, é necesaria a súa achega e consideración polos organismos competentes.

A promotora como contestación informa primeiro da modificación da alternativa escollida debido a varios informes desfavorables e, posteriormente, achega o documento «Contestación ao requirimento do servizo de sanidade ambiental relativo ao estudo de impacto ambiental do parque eólico Monte do Cordal, no termo municipal de Friol (Lugo). IN408A 2018/33. Abril 2022». Segundo a resposta dada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, tendo en conta as modificacións introducidas, considera satisfeitos a maioría dos requirimentos feitos no informe previo, salvo o referente á escintilación de sombras. O estudo do caso real achegado pola promotora, 3 dos receptores superan máis de 30 h/ano de sombra, e 12 receptores 8 h/ano. Deberase considerar para a toma de medidas o efecto de sombra nas vivendas que superen o limiar para o «caso real» de 8 h/ano, non 30 h/ano. Deberán incorporarse as correspondentes medidas protectoras, independentemente das medidas de mitigación que puidesen ser necesarias na fase de funcionamento.

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, emite un primeiro informe en que, logo de efectuar unha posta en antecedentes e citar a lexislación de aplicación, continúa o seu informe cunha análise do contido da Proxecto de execución e do EsIA do PE Monte do Cordal (centrándose na descrición do proxecto, nos posibles impactos sobre o medio hídrico, nas medidas correctoras e protectoras propostas no estudo e na avaliación dos efectos sinérxicos), para, a continuación, informar sobre a rede fluvial da área e a implicación do proxecto na demarcación hidrográfica Miño-Sil, xa expostas no punto 1.3 na epígrafe de hidrografía. Engade unhas consideracións sobre as actuacións susceptibles de causar afeccións ao medio hídrico e apunta unha serie de condicións para ter en conta no desenvolvemento do proxecto, como é a de modificar o trazado da gabia de cableado para evitar o cruzamento por un punto que non conta coa infraestrutura de paso onde o dito cruzamento se proxectaba nun primeiro momento.

Conclúe emitindo informe favorable pero condicionado a revisión da gabia de cableado e sempre que se teñan en conta as directrices expresadas no seu informe, así como as sinaladas na documentación sometida a informe. A promotora como resposta pronunciase de maneira favorable o condicionado e a revisión do trazado da gabia de cableado.

A declaración de impacto ambiental sinala tamén na epígrafe «Condicións particulares» que:

– No que respecta ao dito no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora deberá presentar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas pola dita dirección para garantir a minimización do impacto por colisión en quirópteros (restrición de rotación de pas por baixo da velocidade de réxime) e aves (pintado das pas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e sistema de detección baseado en vídeo), así como as actuacións que se van desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O inicio das obras estará condicionado a que a DXPN informe favorablemente.

O órgano substantivo achegará a este órgano ambiental, para a súa constancia no expediente, unha copia do dito informe e da documentación en que se basee, de acordo co requirido na condición 4.3.4 da DIA.

– En canto á posible afección do proxecto sobre a poboación e a saúde humana en relación co efecto escintilación de sombras (shadow flicker) durante a fase de funcionamento do parque, e en consonancia co recollido na documentación avaliada, nos potenciais receptores non se superarán as 8 horas/ano de exposición no caso real, téndose que adoptar as medidas mitigadoras oportunas (por exemplo, instalación de barreiras ou pantallas) ou programar paradas temporais dos aeroxeradores implicados no caso de que se supere o limiar recomendado.

Neste sentido, deberá contarse cun estudo do potencial impacto da escintilación de sombras que contará con informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública antes do inicio de obras. Levarase a cabo un seguimento da posible incidencia deste efecto sobre os receptores considerados, recollendo os seus resultados nos informes do programa de vixilancia ambiental segundo se indica no punto 5.3 da DIA.

Así mesmo, na súa epígrafe «condicións xerais» especifica que:

– Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque deberán cumprir coa normativa vixente, tendo en conta que no caso de que se superen os límites legalmente establecidos teranse que adoptar as medidas protectoras ou correctoras oportunas (emprego de mantas de goma durante as voaduras, incremento do illamento dos equipamentos, correcto mantemento das instalacións, pantallas de illamento acústico etc.).

Para tal fin, tanto na fase de obras como na de funcionamento do parque, a promotora deberá levar a cabo un plan de seguimento do nivel de ruído ao abeiro do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, de desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de ruído, a través de entidade acreditada polo organismo nacional de acreditación (ENAC) como laboratorio de ensaios acústicos ou como entidade acreditada, en ambos os casos, no ámbito do ruído ambiental, tendo en conta os aspectos que se indican no punto 5.2 desta DIA.

Con respecto á protección da fauna, vexetación e hábitats naturais, con carácter xeral, no desenvolvemento do proxecto garantirase que non se vexan afectados compoñentes protexidos do medio natural (tal que as especies da flora ou os hábitats naturais) que gocen dun réxime de protección legal, atendendo ao disposto nas leis 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, sen prexuízo de calquera outra normativa que lles resulte de aplicación.

Sinala tamén que, con respecto á avifauna e os morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.

Así mesmo, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros entre os parques eólicos que existan no contorno no momento en que este parque eólico entre en funcionamento (fosen ou non considerados na documentación avaliada).

Teranse en conta, así mesmo, as súas infraestruturas de evacuación de enerxía, se for o caso. Este seguimento realizarase mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

• A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 km respecto ao parque eólico de Monte do Cordal: PE Cova da Serpe, PE Friol e PE Peña Armada.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013 «no podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Friol, o que non impide que os parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que, ao mesmo tempo, supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

• En relación coa afección ao medio hídrico, recóllese informe da demarcación hidrográfica afectada polo proxecto:

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu con data do 6.7.2021 informe favorable condicionado á revisión do trazado da gabia de cableado evitando un cruzamento co leito innominado que non conta con infraestrutura de paso no punto onde o dito cruzamento se proxecta.

• No que respecta aos posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de data 25.5.2021, que considera que os principais impactos na paisaxe produciranse sobre o Camiño Norte a Santiago e sobre os núcleos de poboación máis próximos, estes últimos veranse agravados debido á incidencia visual acumulada con outros parques eólicos en funcionamento ou que se están a tramitar nas proximidades, algúns deles localizados a curta distancia do proxecto (PE Friol) e de acordo co resultado da análise do impacto do EIIP, as medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar o impacto sobre a paisaxe. Non obstante, deberán completarse de acordo co que se indica a seguir:

1. O EIIP do proxecto pode considerarse adecuado, ben que deberá completarse co contido a que fai referencia a epígrafe 2.d) do artigo 11 da Lei 7/2008 e o artigo 27.d) do Regulamento.

2. Así mesmo, deberanse ter en conta as normas e recomendacións das directrices de paisaxe que resulten de aplicación, entre as que cabe destacar neste caso as seguintes:

– No que atinxe á tipoloxía e características estéticas do centro de seccionamento, deberanse respectar as directrices de paisaxe DX.17 e DX.20.m. Así mesmo, co obxecto de amortecer o impacto, no perímetro da subestación disporase unha pantalla vexetal realizada con especies arbustivas autóctonas propias da zona, de acordo coas directrices de paisaxe DX.20.i e DX.20.o.

– De acordo coa directriz de paisaxe DX.25b, para as infraestruturas do parque dentro da bacía visual do Camiño Norte procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional (rede de camiños, cerramentos e semellantes).

– De acordo coa directriz de paisaxe DX.22.i, o acondicionamento dos camiños, o trazado das novas pistas e as obras de apertura de gabias deberán respectar, sempre que sexa posible, as sebes, os valados tradicionais e os aliñamentos de árbores, e calquera outro sistema de delimitación tradicional.

• Consta tamén no expediente informe de Turismo de Galicia, asinado polo xefe da Área de Obras e Mantemento, con data do 1.7.2021, que conclúe que as afeccións a explotacións de parques eólicos que poidan desvirtuar ou alterar o contorno da súa localización, modificando claramente a súa orixinalidade tanto nas características que o definen como nos intereses turísticos particulares e xerais creados no contorno, é importante ter presente tamén criterios concretos nalgún dos casos imposibles de salvar que serán respectados no cumprimento da normativa turística aprobada e tidos en conta e que tratan de fomentar non só os aspectos económicos da nosa comunidade autónoma senón tamén protexer a súa entidade como rexión histórica e diferenciada das demais, foco dun turismo diferenciado. Dado o alcance das actuacións que pretendese facer e segundo o estudo de impacto turístico achegado como documentación complementaria, pódese concluír que o impacto que terá o parque eólico Monte do Cordal no turismo rural local, así como na súa contorna é reducido e que deberán ser atenuados polas medidas compensatorias e correctivas a incluír na declaración de impacto ambiental.

• Con respecto ás alegacións a respecto da ausencia dun informe de repercusións sobre a Rede Natura, a promotora, na súa resposta con data do 23.6.2021 declara o seguinte: «No punto 5.1.2.5.– Espazos protexidos da Memoria do EIA xustifícase que a zona onde se localizará o parque eólico Monte do Cordal se encontra fóra da zona protexida por Rede Natura 2000 e do territorio da Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia de 2011 realizada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia».

• Sobre a falla de avaliación do posible éxodo poboacional e o despoboamento do rural como consecuencia da implantación masiva de parques eólicos a promotora manifesta na súa resposta con data do 23.6.2021 que: «No punto 6.4.15.– Impacto socioeconómico da memoria do estudo de impacto ambiental avalíanse os impactos respecto á estrutura económica ao longo das diferentes fases do proxecto, valorándose que a explotación do parque eólico poderá xerar emprego directo, derivado do funcionamento das instalacións, e indirecto a empresas subcontratadas en concepto de avarías, repostos, consumibles e mantemento das instalacións. A produción de enerxía eléctrica xerará uns ingresos económicos anuais na economía local, tanto de maneira directa a través das arcas municipais, en concepto de impostos e canon eólico, como polas rendas pagadas aos propietarios dos terreos en concepto de alugamento, que permitirán levar a cabo melloras en aspectos sociais o ambientais o polo menos un aumento nas rendas dos colectivos máis afectados. Ademais, en referencia ao sector terciario, cómpre sinalar que para completar o estudo de impacto ambiental e determinar se é necesario o establecemento de medidas que compensen a incidencia xerada no turismo local pola presenza do parque eólico Monte do Cordal realizouse un estudo de impacto turístico, que se achega como anexo nº 4, onde se analiza a posible afección provocada polo parque eólico sobre os recursos de interese turístico do contorno e se propoñen medidas para eliminalo, reducilo ou compensalo, concluíndose que a afección sobre los aloxamentos turísticos como baixa».

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo da Propiedade Forestal emitiu informe o 17.6.2021 favorable esta solicitude sempre que:

• A promotora realice un acto de disposición coa comunidade propietaria do monte, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

• Deberá tramitar as correspondentes afeccións en xestión pública en base ao estipulado na Lei 7/2012, de montes de Galicia.

• Deberá terse en conta o establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais para redes primarias e a xestión da biomasa.

• Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, cómpre indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

• En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

• Corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de 1.10.2020.

• No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos».

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de se o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte do Cordal, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 22.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte do Cordal, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte do Cordal.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte do Cordal, sito no concellos de Friol (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 12,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte do Cordal, composto polo documento «Proxecto de execución do parque eólico Monte do Cordal. Abril 2023», asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 21.4.2023 e visado polo COIMNE o 24.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, 10-1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Monte do Cordal.

Potencia instalada: 13,2 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 12,6 MW.

Produción neta: 40.120 MWh/ano.

Concellos afectados: Friol (Lugo).

Orzamento de execución material: 10.663.908 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

590.626,00

4.766.782,00

2

591.422,00

4.763.599,00

3

589.726,00

4.761.786,00

4

589.134,00

4.761.786,00

5

588.847,00

4.762.128,00

6

588.165,00

4.764.044,00

7

588.785,00

4.765.863,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

590.577,00

4.764.568,00

AE 02

590.289,00

4.765.722,00

Coordenadas do centro de seccionamento e control do parque eólico:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CS

590.483,00

4.764.848,00

Vértice 1

590.485,00

4.764.854,00

Vértice 2

590.486,00

4.764.842,00

Vértice 3

590.481,00

4.764.842,00

Vértice 4

590.480,00

4.764.854,00

Coordenadas de conexión do parque eólico Monte do Cordal na subestación do parque eólico Friol:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SF-2

588.473,40

4.763.894,24

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores Siemenes Gamesa SG155 ou similar, de 6,6 MW de potencia nominal unitaria, de 122,5 m de altura da buxa e 155 m de diámetro de rotor.

– 2 centros de transformación de 7.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 30/0,69 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento e control, e entre este e a subestación no parque eólico Friol, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV de 240 mm².

– Centro de seccionamento e control en edificio prefabricado no que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cableado.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 79.979,32 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización ou acreditación do cumprimento do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A promotora deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 4.2.7, 4.1.3 e 4.1.4 da declaración de impacto ambiental e co informe do 24.4.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

7. En cumprimento do disposto no informe emitido pola Xefatura Territorial con data 24.4.2023 para a autorización administrativa previa e de construción, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Certificación do cumprimento das distancias regulamentarias entre o aeroxerador 1 e a liña aérea que transcorre pola franxa de terreo afectada por este.

• Estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución acordo e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución públicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais