Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33705

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte do Cordal, sito no concello de Friol, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A/2018/033).

A continuación recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte do Cordal.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Monte do Cordal, sito no concellos de Friol (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 12,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 79.979,32 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización ou acreditación do cumprimento do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 4.2.7, 4.1.3 e 4.1.4 da declaración de impacto ambiental e co informe do 24.4.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

7. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial con data 24.4.2023 para a autorización administrativa previa e de construción, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Certificación do cumprimento das distancias regulamentarias entre o aeroxerador 1 e a liña aérea que transcorre pola franxa de terreo afectada por este.

• Estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución acordo e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

Primeiro. O 31.7.2018 Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Monte do Cordal.

Segundo. O 17.1.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009. O 23.1.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 30.9.2019 remítese ao órgano ambiental o documento de inicio ambiental presentado polo promotor. O 12.2.2020, finalizado o período de consultas, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de novembro.

Cuarto. O 27.2.2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009.

A modificación substancial solicitada consiste, con carácter xeral, na redución do número de aeroxeradores de 4 a 3, o que supón unha redución na potencia total do parque eólico de 16,8 a 12,6 MW, e no desprazamento do centro de seccionamento.

Quinto. O 20.5.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sexto. O 26.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no que indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos a consultar durante a fase de información pública.

Sétimo. O 1.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeneradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 4.12.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monte do Cordal á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo (en diante, Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante Acordo do 30 de marzo de 2021 da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Monte do Cordal, no concello de Friol (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso o 4.5.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado de Friol e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Friol, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Naturgy, Retegal e Cellnex Telecom, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo) o 28.5.2021 e 17.6.2021, e Retegal, S.A. o 8.4.2021.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) emitiu un informe o 8.4.2021 en que sinala que o aeroxerador AE04 deberá situarse máis afastado da estrada LU-934, e o 12.4.2021 emitiu un condicionado para a realización das obras. A promotora contestou o 20.5.2021 que modificará a documentación técnica para cumprir co indicado pola AXI.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. O 8.6.2021 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo segundo. O 30.9.2021 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Friol e Sociedade Galega de Historia Natural.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o organismo de bacía, con data 20.10.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación dun aeroxerador, o cambio do modelo e posición dos aeroxeradores, o traslado da posición do centro de seccionamento, a variación do trazado da gabia do cableado, e engádese unha zona de amoreamento, pasando a ser dúas.

Cumprida a tramitación ambiental, o 22.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Monte do Cordal, que fixo pública mediante Anuncio do 23 de novembro de 2022 (DOG núm. 234, do 12.12.2022).

Décimo cuarto. O 23.11.2022 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou unha addenda, dirixida a Axencia Galega de Infraestruturas para a conexión á estrada LU-934 do parque eólico Monte do Cordal.

A Axencia Galega de Infraestruturas o 12.4.2023 e, posteriormente, o 20.4.2023 informou á separata técnica do proxecto de execución do parque eólico, achegando neste último o correspondente condicionado técnico. Con data 21.4.2023 a promotora achegou a súa aceptación ao indicado no informe e condicionado da AXI.

Décimo quinto. O 27.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 17.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Décimo sétimo. O 23.2.203 Greenalia Wind Power, S.L.U. achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido da liña de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo oitavo. O 6.3.2023, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo noveno. Con data 9 de marzo de 2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte do Cordal, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., e por Resolución do 28 de marzo de 2023 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao dito parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Vixésimo. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto de interese autonómico achegado polo promotor o 17.2.2023, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable existentes.

Vixésimo primeiro. O 24.4.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U., presentou o «Proxecto de execución do parque eólico Monte do Cordal. Abril 2023», asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 21.4.2023 e visado polo COIMNE o 24.4.2023, en que se recollen as modificación derivadas do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas do 20.4.2023.

O 24.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico, en que conclúe que informa favorablemente proxecto de execución do parque eólico Monte do Cordal, condicionado a que con carácter previo ao inicio das obras se realicen as actuacións necesarias para garantir o cumprimento das distancias regulamentarias entre o aeroxerador 1 e a liña aérea que transcorre pola franxa de terreo afectada por este.

Vixésimo segundo. O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, ao respecto do documento «Valoración ambiental da alternativa de acceso ao parque eólico Monte do Cordal» que recolle a modificación do acceso exposta no proxecto de execución, informou do seguinte: «considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida polo promotor sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada. Con carácter previo ao inicio das obras deberán ser comunicados estes cambios nos accesos tanto á Dirección Xeral de Patrimonio Natural como á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que emitan un informe sobre os posibles efectos destes cambios».

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.11.2020. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais