Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33714

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Felga, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/019).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Felga, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26.10.2017 a promotora, Greenalia Power, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Felga, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 5.2.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en adiante, esta dirección xeral) notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 6.2.2018, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 7.2.2019 esta dirección xeral tomou razón do cambio de denominación social de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power, S.L.U. (en adiante, promotora).

Cuarto. O 12.2.2020 a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico Felga. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste na incorporación ao proxecto dun centro de seccionamento e control. O 14.5.2020 esta dirección xeral notificoulle á promotora a admisión a trámite desta modificación.

Quinto. O 19.5.2020 esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 25.6.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe referido no artigo 33.5 da Lei 8/2009, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

• O 26.6.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe referido no artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal se indica o procedemento ambiental que se seguirá e se recollen os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

Sexto. O 3.9.2020 e o 7.9.2020 a promotora, como resposta a un requirimento desta dirección xeral, achegou documentación técnica complementaria e o xustificante de pagamento da taxa de tramitación do proxecto sectorial.

Sétimo. O 9.9.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Felga á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación do expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. O 14.10.2020 a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Felga, nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 11.11.20201. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga, Coirós e Oza-Cesuras) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado á promotora, quen presentou a súa contestación a elas.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Concello de Aranga, Concello de Coirós, Concello de Oza-Cesuras, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) e Dirección Xeral de Defensa do Monte.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Coirós o 28.1.2021, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 18.1.2021, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 4.12.2020, Retevisión I, S.A.U. o 5.3.2021, o 12.4.2021 e o 31.5.2021, e Dirección Xeral de Defensa do Monte o 16.2.2023. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Aranga emitiu dous informes, o 28.12.2020 e o 3.5.2021, e o Concello de Oza-Cesuras un informe, o 22.12.2020, nos cales, ademais de fixar o condicionado técnico, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole, como as relativas ás afeccións. A promotora prestou a súa conformidade co condicionado técnico e deu resposta ao resto de cuestións. A respecto destas, hai que indicar que pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver).

Décimo. O 10.11.2021 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, e xuntou o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 10.11.2021, no cal se recolle un resumo da tramitación.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Aranga, Concello de Coirós, Concello de Oza-Cesuras, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

O 6.6.2022 esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 4.11.2022, formular a DIA do parque eólico Felga, nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (clave 2018/0043), que se fixo pública mediante o Anuncio do 8 de novembro de 2022 do órgano ambiental (DOG núm. 223, do 23.11.2022).

Décimo segundo. O 2.2.2023 esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle á promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, se é o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 14.2.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas sobre as cales xa se emitiu informe, polo que non cómpre solicitar novos informes aos devanditos organismos.

Décimo terceiro. O 23.2.2023 esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen cursou un requirimento á promotora para corrixir ou completar a documentación técnica, que foi atendido por este o 23.3.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe o 24.3.2023 (remitido a esta dirección xeral o 28.3.2023), de carácter desfavorable, onde se pon de manifesto a existencia de afeccións a novos organismos (reflectidas no proxecto ou detectadas en visita de campo).

Esta dirección xeral deulle traslado á promotora do dito informe da xefatura territorial o 11.4.2023, requiríndolle a presentación das separatas reflectidas nel, quen contestou, o 12.4.2023 e o 13.4.2023, achegando as novas separatas do proxecto de execución refundido para os seguintes organismos: Augas de Galicia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U.

Décimo cuarto. O 24.2.2023 a promotora presentou o acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación Mesón do Vento 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U., de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Décimo quinto. O 22.3.2023 esta dirección xeral solicitoulle o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, o 5.4.2023, no cal se conclúe que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Décimo sexto. O 13.4.2023 e o 14.4.2023, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do referido parque eólico ás novas entidades (Augas de Galicia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U.).

Todas estas entidades emitiron os correspondentes condicionados técnicos nas datas indicadas a seguir: Augas de Galicia o 18.4.2023, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o 20.4.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 19.4.2023 e Telefónica de España, S.A.U. o 17.4.2023. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Décimo sétimo. O 21.4.2023 esta dirección xeral deulle traslado á xefatura territorial da documentación integrante da tramitación realizada para as novas separatas, para os efectos de que emita novamente o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, tendo en conta a documentación trasladada.

A xefatura territorial emitiu o referido informe o 24.4.2023 (remitido a esta dirección xeral na mesma data), no cal se conclúe o seguinte: «[...] non se atopan impedimentos para que se continúe coa tramitación do parque segundo o recollido no Proxecto de execución do parque eólico Felga, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) (febreiro 2023), supeditado a que se cumpran os condicionados expostos nos informes dos organismos afectados».

Décimo oitavo. O parque eólico Felga conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo informes do xestor da rede do 11.3.2019 e do 8.6.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG núm. 92, do 15 de maio), na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 13.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación, do 13.3.2023, no cal se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas a avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 quilómetros dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Gato, Seselle, Feás, Penas Boas e Fontella e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois isto comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras, direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

c) En canto ás afeccións ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia emitiu informe favorable o 23.12.2021, sempre que se teñan en conta os condicionantes contidos no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán considerarse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas no documento sometido a informe.

d) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 15.4.2021 que consideran que «Na análise da documentación sobre o estudo de impacto ambiental desenvolvida no noso informe, compróbase que a promotora recolle aqueles impactos ambientais que poden ter repercusión sobre a saúde das persoas e refire medidas protectoras, correctoras e de seguimento ambiental deles. No referente ao estudo de afeccións electromagnéticas e do efecto da escintilación de sombras, valorada a documentación presentada, as referencias bibliográficas e normativas mencionadas e consultada unha revisión de regulacións e guías de diferentes países sobre o impacto da escintilación de sombras, considérase que, de se cumpriren os estándares e medidas de seguimento referidos, deberíase de asegurar a ausencia de efectos significativos sobre a saúde da poboación.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 19.11.2020 e 18.1.2021 de que o parque eólico afecta 2 montes de utilidade pública e un monte veciñal en man común.

De acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe emitido polo Distrito Forestal II, as obras causarán afeccións ao monte Gato de Ois, propiedade do Concello de Coirós, e ao monte Gato, propiedade do Concello de Oza-Cesuras. Ambos os montes pertencen ao Catálogo de montes de utilidade pública. Debido á natureza demanial destes montes, que resultarán nunha porción da súa superficie afectados pola construción do parque eólico, será preciso tramitar concesións administrativas para o desenvolvemento da actividade ou ben instruír os correspondentes expedientes para determinar a prevalencia da utilidade pública ou o interese social do proxecto respecto dos intereses públicos ou sociais correspondentes ás clasificacións destes dous montes.

Respecto ás afeccións ao monte veciñal en man común Do Gato, de Pena Branca e Pena Fondoira, da Cantarela, Penas Boas e Penas do Castelo, é necesario lembrar que se trata de terreos que forman parte dun ben indivisible, inalienable, imprescritible e inembargable. De acordo co artigo 6 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, no caso de que sexa necesario expropiar estes terreos sería preciso declarar previamente a prevalencia da utilidade pública ou interese social do novo equipamento e infraestruturas fronte ao interese do propio monte veciñal. A empresa promotora e a comunidade propietaria do monte veciñal poden asinar de común acordo un acto de disposición (cesión, ocupación ou dereito de superficie) que non obrigue á expropiación das superficies afectadas.

Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no proxecto proponse unha modificación dos planeamentos municipais dos concellos afectados polo parque. De acordo coa modificación proposta, reflectida nos planos 4.2.1, 4.2.2 e 4.2.3, procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal e, especialmente, dos montes do Catálogo de montes de utilidade pública e dos veciñais en man común, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

Arredor do aeroxerador e das demais estruturas do proxecto deberase cumprir a normativa de prevención de incendios forestais.

f) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 14.12.2020 en que se indica que o proxecto incorpora un EIIP, cuxo contido se axusta formalmente ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 25 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008.

Os principais impactos sobre a paisaxe derivan da apertura de novos camiños de acceso entre as máquinas, que alterarán a topografía das ladeiras e afectarán os afloramentos rochosos presentes nestes montes, e da proximidade dos aeroxeradores aos núcleos de poboación, á autovía A-6 e á estrada nacional N-VI, o que, sumado ás dimensións que acadan as infraestruturas nestas zonas elevadas e aos efectos acumulativos dos outros parques en tramitación, provoca unha certa incidencia visual na contorna.

As medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar os impactos do proxecto, ben que para asegurar unha mellor integración paisaxística recoméndanse adoptar unha serie de criterios e recomendacións.

g) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 10.8.2022 un informe favorable, debéndose ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

h) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do acordo da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Felga nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) (expediente IN408A 2017/19).

Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Coirós, Oza-Cesuras e Aranga, na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

i) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, a promotora deberá repoñer os servizos existentes.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

k) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25.6.2020, recóllese que «revisado o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal de Coirós aprobado definitivamente o 19.9.2002, Plan xeral de ordenación municipal de Oza dos Ríos aprobado definitivamente o 29.10.2001, normas subsidiarias do planeamento municipal de Cesuras aprobadas definitivamente o 3.3.1997 e Plan xeral de ordenación municipal de Aranga aprobado definitivamente o 16.12.2013) e as coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 recollidas no número 2.1.1 da memoria, comprobouse que as posicións dos 5 aeroxeneradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

l) O interese autonómico do proxecto xustifícase por constituír un desenvolvemento do Plan eólico de Galicia, co que a importancia e efectos do proxecto transcenden claramente o ámbito municipal.

Os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

m) En canto aos réximes do solo aplicable, o artigo 34.4 da Lei 2/2016 do solo de Galicia non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

n) En canto á afección a terreos adscritos á PAC, só quedarían excluídos do dereito para recibir axudas da PAC aqueles terreos en que efectivamente se atopen instaladas as infraestruturas do parque eólico, da liña de evacuación e nas zonas en que haxa servidumes dalgún tipo. A posible perda de renda deberá ser compensada polo promotor, de acordo coa Lei de expropiación forzosa, con independencia do valor dos terreos afectados.

ñ) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

o) En relación coa suposta ausencia de estudo de potencial eólico, o anexo 3 do proxecto de execución do parque eólico contén un estudo do potencial eólico da zona de implantación.

p) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración serao para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

q) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis aló das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

r) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

u) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

v) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Felga, formulada polo órgano ambiental o 4.11.2022 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Felga, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Felga. Nos seus números 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EsIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Felga, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 20,8 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Felga, denominado Proxecto de execución do parque eólico Felga, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña). Febreiro 2023, asinado o 23.3.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada número 3.229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotora: Greenalia Wind Power, S.L.U.

• Denominación: parque eólico Felga.

• Potencia instalada: 20,8 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 20,8 MW.

• Produción neta: 64.680 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 3.110 h.

• Concellos afectados: Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña).

• Orzamento de execución material: 15.140.379,46 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

571.152

4.787.000

2

571.426

4.786.782

3

571.119

4.786.360

4

571.893

4.785.342

5

572.098

4.784.505

6

571.434

4.784.505

7

570.375

4.785.595

8

570.292

4.786.173

9

570.298

4.786.543

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

AE 01

570.621

4.785.925

Coirós

AE 02

571.201

4.785.829

Coirós

AE 03

571.313

4.785.488

Coirós

AE 04

571.516

4.785.202

Coirós

• Coordenadas do centro de seccionamento e control do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro de seccionamento e control

571.449

4.785.161

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 4 aeroxeradores, modelo Siemens Gamesa 145 de 5,2 MW de potencia, 127,5 m de altura de buxa e 145 m de diámetro de rotor e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 5.500 kVA de relación de transformación de 0,69/30 kV, montados sobre torre tubular de aceiro cónica e coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV composta por:

• 2 circuítos colectores constituídos por cables unipolares tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al) 3×(1× 240) mm2: circuíto 1, de 2.524 m de lonxitude, entre os centros de transformación dos aeroxeradores 01, 02 e 03 ata o centro de control e seccionamento/colector do parque eólico; circuíto 2, de 141 m, que une o aeroxerador 04 e o centro de control e seccionamento/colector do parque eólico.

• 1 circuíto de saída de 640 m de lonxitude constituído por cables unipolares tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al) 3×(1× 630) mm2, con orixe no centro colector proxectado e final na SET Gato, proxectada no expediente do parque eólico Gato (IN408A 2017/04, en fase de tramitación).

– Centro de control e seccionamento/colector en envolvente prefabricada que conterá un trafo para servizos auxiliares de 50 kVA e 6 celas coa seguinte configuración: cela protección servizos auxiliares, cela de entrada (circuíto 1), cela de entrada (circuíto 2), cela de entrada (reserva), cela de protección xeral e cela de medida e saída de evacuación.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2, de xeito que as instalacións electromecánicas e centro de control/colector do parque eólico forman un conxunto equipotencial.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora (Greenalia Wind Power, S.L.U.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 118.624,67 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 158.166,22 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Augas de Galicia e Instituto de Estudos do Territorio.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais