Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33647

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/007).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Suime, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 5.2.2018, o promotor, Greenalia Power, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 12.4.2018, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 7.2.2019, esta dirección xeral procedeu a tomar razón do cambio de denominación social de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power, S.L.U. (en diante, promotor).

Cuarto. O 24.4.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Suime e achega a documentación técnica correspondente, que completou o 16.6.2020 coa achega de documentación complementaria. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores, na redución do seu número (pasan de 8 a 6), no desprazamento das súas posicións e da SET e na supresión da torre meteorolóxica, supoñendo unha redución da potencia total (de 33,6 a 30 MW). O 6.8.2020, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

Quinto. O 5.11.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme á Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

• O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que se seguir e se recollen os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

Sexto. O 12.3.2021, o promotor, como resposta a un requirimento desta dirección xeral, achegou documentación técnica complementaria e o xustificante de pagamento da taxa de tramitación do proxecto sectorial.

Sétimo. O 5.4.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Suime á Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación do expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. O 8.7.2021, o 4.8.2021 e o 15.10.2021, o promotor, en resposta a varios requirimentos da xefatura territorial, achegou documentación técnica complementaria.

Noveno. O 19.10.2021, a xefatura territorial ditou Resolución pola que se someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico Suime, no concello de Rodeiro.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.11.2021 e no xornal Faro de Vigo do 18.11.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Rodeiro) e nas dependencias da xefatura territorial, os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación e elas.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Concello de Rodeiro, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.), Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), UFD Distribución Electricidad, S.A., Telefónica Móviles España, S.A.U., Orange Espagne, S.A. e Vodafone España, S.A.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: AXI o 4.11.2021, 13.3.2023 e 20.4.2023, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 25.11.2021, Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 24.11.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 18.11.2021, Telefónica de España, S.A.U. o 15.9.2022 e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 12.8.2022. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Rodeiro presentou escrito de alegacións o 30.12.2021, en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións ou plan eólico de Galicia, entre outras). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ao conxunto de alegacións.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33.14 da Lei 8/2009.

Undécimo. O 16.2.2022, o promotor desistiu da solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Suime, con base no informe emitido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra.

Duodécimo. O 4.1.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 4.1.2023, en que se recolle un resumo da tramitación.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Concello de Rodeiro e Sociedade Galega de Historia Natural.

O 5.1.2023, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 13.1.2023, formular a DIA do parque eólico Suime, no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (clave: 2019/0124), que se fixo pública mediante o Anuncio do 16.1.2023 do órgano ambiental (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

Décimo cuarto. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, se é o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 13.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución definitivo, xunto coa declaración responsable en que indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, polo que non cómpre solicitar novos informes aos devanditos organismos.

Décimo quinto. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, o 15.3.2023, en que se conclúe que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Décimo sexto. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen emitiu informe, o 20.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Suime, de carácter favorable.

Décimo sétimo. O parque eólico Suime conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 30 MW, segundo informes do xestor da rede do 26.11.2018 e do 17.6.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 94, do 16 de maio), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG nº 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 27.3.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación, do 24.3.2023, en que se recolle a resposta a elas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«Alegacións de carácter ambiental, por afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, e alegacións sobre a saúde e a calidade de vida:

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cómpre indicar que o proxecto foi sometido ao correspondente trámite de avaliación de impacto ambiental, resultado do que, o 13.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é viable desde un punto de vista ambiental, sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación validada, as condicións en que se debe desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, e Sociedade Galega de Historia Natural.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental, indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 10.1.2023, despois de dous informes previos sobre o estudo de impacto ambiental e unha addenda a este, por mor dos defectos atopados no documento orixinal e a mellora do contido dos estudos de avifauna e quirópteros e dos inventarios de flora e doutros grupos faunísticos, emite un novo informe en que conclúe que, á vista dos antecedentes e da análise da documentación achegada, se valora adecuada a resposta do promotor e se considera que este proxecto é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade xa que non é previsible que este xere efectos significativos, nin sinérxicos, sobre os valores naturais, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas e as condicións previstas na documentación achegada e as consideracións feitas en relación coa protección dos hábitats de interese comunitario, as especies protexidas, a minimización do impacto por colisión das aves e quirópteros e a protección do lobo.

Por outra banda, no seu informe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural refire, entre outros, que na zona onde se desenvolve o proxecto non ten ningunha figura de espazos naturais protexidos, das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, nin na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. Asemade, recolle que a zona de actuación non está comprendida dentro dos límites de ningunha área protexida por instrumentos internacionais nin afecta zonas húmidas recollidas no Inventario de humidais de Galicia. Así mesmo, conclúe que no ámbito de actuación non están presentes árbores ou formacións incluídas no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

En relación á afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, logo dos informes emitidos o 28.12.2021 e o 13.9.2022, coas correspondentes respostas do promotor, emite un novo informe o 29.11.2022 en que se informa de xeito favorable o deseño do parque eólico desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural, co cumprimento das medidas correctoras, xerais e específicas, establecidas na avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural, que constitúe o anexo IX do EIA, sempre que se complete a documentación nuns aspectos, e se teñan en conta unha serie de medidas, que se expoñen no referido informe.

O 22.12.2022, o promotor responde que acepta o informe.

En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio emite un informe en que se indica que o estudo de impacto ambiental (EsIA), de acordo co artigo 11.1 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, tiña que incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) e o seu contido deberá axustarse ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008. Asemade, facíanse unha serie de consideracións e recomendacións encamiñadas a minimizar os impactos e acadar unha mellor integración paisaxística do proxecto.

Posteriormente, o 21.2.2022, o IET envía un novo informe en que indica que para atenuar as afeccións á paisaxe deberanse adoptar, ademais das medidas preventivas e correctoras propostas pola empresa promotora, aqueloutras medidas de integración paisaxística que se sinalan no informe do IET sobre o proxecto técnico.

O promotor envía un escrito en que mostra a súa conformidade.

En relación coas afeccións aos recursos hídricos, o organismo Augas de Galicia emite un informe en que, vista a documentación achegada en relación co proxecto do parque eólico Suime, no concello de Rodeiro (Pontevedra), no relativo aos aspectos sobre os que se solicita informe, se conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas neste informe.

Tamén, no referido informe, Augas de Galicia subliña que as instalacións do parque eólico non presentan afeccións ao dominio público hidráulico, e non afectan ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Asemade, destaca que a documentación presentada polo promotor non recolle afeccións a captacións de augas, pero que revisado o libro rexistro de Augas de Galicia constan oito captacións inscritas na contorna do ámbito de actuación (considerando unha distancia de 500 metros ao redor das obras). Augas de Galicia exixe que, no caso de afectar algunha captación de augas inscrita, deberase prever a súa reposición. O promotor responde que acepta as condicións.

Finalmente e como conclusión o informe indica que, durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara a non afección ao dominio público hidráulico, deberán preverse as directrices sinaladas neste informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

O promotor responde que acepta as condicións.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que, o 24.8.2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite un informe en que avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana, a través do ambiente, en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son:

• Presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos.

• Ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas, e funcionamento dos aeroxeradores.

• Residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalacións e no seu mantemento e os residuos xerados na súa eliminación.

• Electrocución.

• Campos electromagnéticos xerados polas instalacións.

• Efecto Shadow Flicker.

Neste informe, a DX de Saúde Pública conclúe que na documentación avaliada non se recolle información ou esta é insuficiente sobre uns aspectos que poden ter repercusións sobre a saúde da poboación, e que se estima necesario se aporten para a súa consideración por este organismo.

O promotor responde ao informe e presenta documentación adicional.

O 31.10.2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite un novo informe coa seguinte conclusión:

Vista a documentación remitida polo promotor en contestación ao informe previo desta dirección xeral, sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais e dentro do ámbito da saúde pública, considéranse satisfeitos os requirimentos feitos no informe previo, polo que se emite informe favorable.

Alegacións por fraccionamento das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais e efectos acumulativos sen avaliar:

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Suime (IN408A 2018/07) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «troceamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

Segundo a documentación do proxecto, nun radio de 15 km de distancia aos aeroxeradores, atópanse: parques eólicos en funcionamento (8), en tramitación (7), sen acceso a rede de evacuación (1), antenas de telecomunicación (6), así como diversas liñas eléctricas de media e alta tensión. E no anexo VI do estudo de impacto ambiental inclúese un estudo de efectos sinérxicos, cunha zona de estudo nun radio de 10 km, co obxectivo de obter unha visión completa dos posibles impactos.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013 «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, a enerxía xerada polos aeroxeradores sae da subestación do parque mediante unha LAT de 132 kV que finaliza na SET de Portodemouros.

Alegacións sobre as distancias aos núcleos de poboación:

No que respecta ás alegacións sobre distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1 de febreiro de 2021, recóllese que: «Logo de comprobar o planeamento vixente no concello de Rodeiro (Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 2.3.2009) e as posicións dos 6 aeroxeradores, conclúese que todas elas cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

Alegacións sobre o impacto socioeconómico:

En canto ás alegacións sobre a falta de beneficios socioeconómicos para os concellos que albergan as estruturas eólicas, o que provoca, entre outros impactos negativos, o éxodo poboacional, lembrar que a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, prevé no seu artigo 23 a creación do Fondo de Compensación Ambiental para a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial, estando afectado, de acordo ao artigo 25 da devandita lei, á realización de gastos nos entes locais que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

O dito artigo 25 da Lei 8/2009 prevé destinar, como mínimo, o 50 % da contía do fondo, ás entidades en que o termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico, ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión, para a realización de:

• Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

• Actuacións de impulso da eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables.

• Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

Os custos elixibles, para os efectos de distribución do fondo, son, entre outros:

• Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións. Cando no investimento participase directamente persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal empregado.

• Custos do proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

• Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de que se empregase persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal empregado.

Alegacións relacionadas coa recualificación do solo e sobre a vulneración da Lei 7/2012 de montes de Galicia:

En canto ás alegacións sobre unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal, e sobre a vulneración da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural remitiu á XTPO informe do 24.11.2021 do Servizo de Montes desta consellería en que se indica o seguinte:

As superficies de afección do parque ao medio forestal virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polo xerador de enerxía eólica e as demais infraestruturas do parque eólico, polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei de montes de Galicia e mais da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión da biomasa. Será necesario constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que produzan, almacenen ou transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo e das edificacións e camiños que se constrúan.

De acordo cos datos do Servizo de Montes e este informe, as obras non afectan montes veciñais en man común, polo que non será necesario o informe do Servizo de Montes sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas.

Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

Ao redor do aeroxerador e das demais estruturas do proxecto deberase cumprir a normativa de prevención de incendios forestais. No parque eólico existirán, ademais, diversas instalacións que comportan certo risco de ocasionar un incendio forestal, como os propios aeroxeradores ou o transformador.

Con base nos usos permitidos en terreos forestais e no anteriormente exposto neste informe, considérase que é viable o uso das parcelas para a instalación do parque eólico Suime, no termo municipal de Rodeiro desde o punto de vista forestal.

Indicar tamén que, na epígrafe de Consideracións legais e técnicas deste informe, se inclúe, entre outras, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, concretamente, os artigos 58 Uso e actividade forestal, artigo 59 Cambio de uso forestal, artigo 66 Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e sobre o plan urbanístico, artigo 66 Distancias das repoboacións, artigo 68.bis Adecuación das masas arboradas e das novas plantacións ás distancias mínimas establecidas pola normativa forestal e de defensa contra os incendios forestais, e o anexo II Distancias mínimas que deben respectar as novas repoboacións.

Alegacións en relación coa solicitude de declaración de utilidade pública (DUP):

En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública e a RBDA, afeccións a parcelas afectadas polas infraestruturas do parque eólico Suime, afección a concentración parcelaria Val de Camba, aínda en proceso, erros de titularidade, solicitudes de comunicación de toda información sobre a DUP aos propietarios de parcelas afectadas, oposición ao procedemento de expropiación forzosa que leva implícita a DUP, indicar que:

• O 16.2.2022, o promotor do parque remitiu escrito á Xefatura Territorial de Pontevedra en que expón que, recibido o informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural, desiste do trámite de solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Suime.

• No mencionado informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, indícase que o prexuízo alegado por este servizo non se refire á propia instalación do proxecto nin á incompatibilidade da concentración parcelaria de Val de Camba (Rodeiro-Pontevedra) con el, senón a que, neste momento do procedemento en que se atopa a concentración parcelaria, tanto os novos predios como a rede de camiños non están á disposición dos futuros adxudicatarios co fin de que poidan exercer os seus dereitos ao respecto (artigo 37.8 da Lei 10/1985 de concentración parcelaria para Galicia), ademais de que se poidan ver modificados polos recursos ou obras pendentes.

Alegacións formuladas no informe do Concello de Rodeiro:

No que respecta á alegación 53 relativa ao incumprimento da lexislación ambiental por non estar sometido o Plan sectorial eólico de Galicia ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, cómpre subliñar que o citado plan segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que: «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o Acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

No que respecta á alegación 54 relativa ao incumprimento da distancia mínima a solo de núcleo rural, cómpre remitirse a resposta dada anteriormente ás alegacións 29 e 30 relativas á distancia aos núcleos de poboación, en que se fai referencia ao expresado no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1 de febreiro de 2021.

No que respecta ás alegacións relativas á calidade do Estudo de Impacto Ambiental:

[...]

Insistir en que o proxecto foi declarado ambientalmente viable pola dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, logo de consideración dos informes dos organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, e Sociedade Galega de Historia Natural, polo que hai que considerar que o dito estudo cumpre, no seu contido, coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

No que respecta á alegación 63 relativa a que a localización de 5 aeroxeradores do parque eólico non é coherente co índice de sensibilidade ambiental segundo a Memoria de zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, indicar que o obxectivo do citado documento é elaborar un instrumento que permita identificar, desde o punto de vista ambiental, as áreas do territorio que presentan maiores condicionantes ambientais para a implantación destes proxectos a nivel nacional, mediante a obtención dun modelo territorial da zona de implantación do proxecto, que permita establecer unha zonificación do nivel de sensibilidade ambiental existente. Como se expón no propio documento, os resultados deste modelo tomaranse como unha recomendación, xa que se trata dunha simplificación da realidade para poder coñecer desde un enfoque xeral, o territorio, o cal non exime do pertinente trámite de avaliación ambiental, e de que se concreten os impactos de cada caso particular. E, neste senso, o documento tamén aclara que os resultados do modelo non prexulgan o resultado dunha declaración de impacto ambiental. Polo tanto, as zonas que resulten cunha sensibilidade ambiental de menor grao segundo o modelo territorial resultante, non implican directamente que calquera proxecto desta tipoloxía vaia obter unha resolución ambiental favorable. De igual maneira, que un proxecto se sitúe nunha zona con moitos condicionantes ambientais, non significa que vaia obter necesariamente unha resolución ambiental desfavorable, xa que as especificacións concretas de desenvolvemento do proxecto poden conseguir evitar os impactos que puideran ser significativos, mediante unha adecuada selección da alternativa das localizacións, con solucións adaptadas ás necesidades dos valores ambientais concretos, adoptando medidas preventivas e correctoras específicas, etc.

No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade:

[...]

Remitirse novamente ao informe do 10.1.2023 da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en que, despois de 2 informes previos e unha addenda do promotor ao estudo de impacto ambiental, considera que é adecuada a resposta do promotor ás cuestións formuladas nos informes anteriores, e considera que o proxecto é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas e as condicións previstas na documentación achegada.

No que respecta á alegación 68 relativa ás afeccións que o parque eólico pode xerar no ámbito da reestruturación/concentración parcelaria de Val de Camba, remitirse á resposta dada anteriormente ás alegacións 39 á 52 relacionadas coa solicitude de declaración de utilidade pública (DUP) e a RBDA.

No que respecta á alegación 69 relativa aos impactos no medio socioeconómico, remitirse á resposta dada anteriormente ás alegacións 31 á 35 relativas ao impacto socioeconómico.

[...]

No que respecta á ausencia do estudo do potencial eólico entre a documentación sometida a exposición pública, o referido estudo atópase no anexo nº 3 «Estudo do potencial eólico» do proxecto de execución do parque eólico Suime de setembro de 2021.

[...]

No que respecta á documentación do proxecto en lingua non oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, a dita alegación refírese ás especificacións en lingua inglesa do fabricante dos aeroxeradores, incorporadas no proxecto de execución, e a certas partes do anexo III «Estudo de ruídos» do estudo de impacto ambiental, tamén en lingua inglesa. Cómpre indicar que estes documentos son informacións de carácter eminentemente técnico, que son facilitados por tecnólogos ou expertos nun campo concreto da técnica ou dunha tecnoloxía. Segundo indica o promotor na resposta a esta alegación, o motivo de presentar os ditos documentos na súa lingua orixinal foi darlle un carácter oficial aos datos presentados que non ofrecese dúbidas sobre a fonte destes datos. En calquera caso, o carácter puramente técnico da documentación mencionada, fai que sexa prescindible, ao noso xuízo, para unha comprensión global do proxecto, e do seu impacto e afeccións, para o público en xeral.

[...]

En relación á afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións agro-gandeiras da área de afección do proxecto, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais, máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable. Subliñar, en calquera caso, que o promotor desistiu do trámite de solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Suime, mediante escrito do 16.2.2022 dirixido á Xefatura Territorial de Pontevedra, sen prexuízo de que a solicite nunha fase de tramitación posterior.

[...]

Respecto da saturación na capacidade de acollida de novos proxectos de parques eólicos en Galicia, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Suime, formulada polo órgano ambiental o 13.1.2023 (a que se fai referencia nos antecedentes desta resolución):

a) O órgano ambiental resolveu: formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Suime, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Suime. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EsIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Suime, sito no concello de Rodeiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 26,40 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Suime, denominado Proxecto de execución do parque eólico Suime, no termo municipal de Rodeiro (Pontevedra). Abril 2023, asinado o 18.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada nº 3.229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste) e visado por este colexio con data do 19.4.2023 (folio 19 e asento 149).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotor: Greenalia Wind Power, S.L.U.

• Denominación: parque eólico Suime.

• Potencia instalada: 26,4 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 26,4 MW.

• Produción neta: 75.280 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 2.852 h.

• Concellos afectados: Rodeiro (Pontevedra).

• Orzamento de execución material: 20.393.686 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

585.338

4.726.605

2

589.462

4.726.347

3

588.557

4.723.791

4

587.179

4.723.274

5

586.225

4.723.304

6

584.875

4.723.876

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

586.363

4.725.643

AE 02

586.680

4.725.477

AE 03

587.023

4.725.304

AE 05

587.456

4.726.025

• Coordenadas do centro de control e da subestación do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro de control e subestación

586.267

4.725.312

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 4 aeroxeradores modelo SG170 6,6MW do fabricante Siemens Gamesa de 6.6 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 115 m e cun diámetro de rotor de 170 m.

– 4 centros de transformación, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, formados por transformadores de 7.000 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,69/30 kV de illamento, celas de 30 kV.

– Dúas redes subterráneas a 30 kV, con condutor tipo RHZ1-OL 18/30kV, para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e a subestación transformadora 30/132 kV. O circuíto 1 está integrado polos aeroxeradores AE5 e AE1, conectados coa subestación; e o circuíto 2 está integrado polos aeroxeradores AE3 e AE2, conectados coa subestación.

– Subestación transformadora 30/132 kV, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 30/35 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 50 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV, equipos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Greenalia Wind Power, S.L.U.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 281.902 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 305.395 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais