Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33639

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Touriñán III-2, emprazado nos concellos da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. (expediente IN661A 2011/13-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Touriñán III-2.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Touriñán III-2, emprazado nos concellos da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., para unha potencia de 24 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 164.768 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 29.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido nos puntos 4.1.2 e 4.1.5 da DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Touriñán III-2, cunha potencia de 24 MW, promovido por Beltaine Renovables, S.L.

2. O 27.6.2011, Beltaine Touriñán, S.L., sociedade filial unipersoal de Beltaine Renovables, S.L., en virtude da redacción nese momento vixente do artigo 36.1. e da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

3. O 24.9.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 17 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 14, do 21.1.2019).

4. Mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra) e promovido por Beltaine Touriñán, S.L.

5. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Touriñán III-2, resultante da adquisición por parte de Greenalia Wind Power, S.L.U. da sociedade Beltaine Touriñán, S.L., titular da instalación, e posterior cambio de denominación desta a Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U.

6. O 9.9.2021, a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico Touriñan III-2. Posteriormente, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 25.10.2021, o 8.11.2021 e o 12.11.2021, a promotora achegou documentación complementaria.

7. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de setembro de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico e, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 17 de setembro de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

8. O 3.12.2021 notificouse á promotora o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación do parque eólico mencionada no antecedente de feito sexto.

9. O 15.12.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

10. O 12.1.2022, de acordo co disposto no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

11. Mediante a Resolución do 3 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, e posterior corrección de erros do 5.5.2022, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Faro de Vigo, ambos do 1.6.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro) e nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

12. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro, Concello de Cuntis, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Meteogalicia, Enel Green Power España, S.L. e Compañía Logística de Hidrocarburos Exolum, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 9.6.2022, Concello de Campo Lameiro o 6.6.2022, Concello da Estrada o 10.6.2022, Meteogalicia o 27.5.2022, Retevisión I, S.A.U. o 5.7.2022 e Retegal, S.A. o 31.5.2022.

Os Concellos da Estrada e Campo Lameiro emitiron informes en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afección á rede viaria municipal, cumprimento do código técnico, entre outros). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Meteogalicia emitiu informe relativo ao impacto sobre o radar meteorolóxico de Monte Xesteiras e considera viable a realización do parque logo da adopción dunha serie de medidas compensatorias que se citan no propio informe. O 16.6.2022, o promotor aceptou o contido do informe de Meteogalicia.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

13. O 25.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe en virtude do artigo 33.16 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico. Así mesmo, o 29.11.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

14. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro, Concello de Cuntis, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cuberta a tramitación ambiental, o 29.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 30 de decembro de 2022 da dita dirección xeral (DOG nº 9, do 13 de xaneiro de 2023).

15. O 3.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. O 9.2.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Touriñán III-2 non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Nesta mesma data a promotora achega o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, a que fai referencia o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

17. O 11.4.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., en resposta a un requirimento da xefatura territorial, presentou o documento Proxecto de execución do parque eólico Touriñán III-2. Febreiro 2023, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña o 30.3.2023 (visado nº 761/21-FE) e asinado polo técnico Miguel Lemus Barros.

18. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 25 MW, segundo os informes do xestor da rede do 27.4.2020 e do 22.3.2021.

20. O 20.4.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. presentou un acordo de solapamento coa empresa Vento Continuo Galego, S.L., pola que esta última manifesta que modificará o trazado da LAT 132 kV subestación Monte Arca-subestación Touriñan III-2, de forma que manteña a distancia regulamentaria cos aeroxeradores do parque eólico Touriñán III-2.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais