Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33615

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao proxecto do parque eólico Touriñán III-2, emprazado nos concellos da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. (expediente IN661A 2011/13-4).

Examinado o expediente por solicitude de Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2 (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Touriñán III-2, cunha potencia de 24 MW, promovido por Beltaine Renovables, S.L.

Segundo. O 27.6.2011, Beltaine Touriñán, S.L., sociedade filial unipersoal de Beltaine Renovables, S.L., en virtude da redacción nese momento vixente do artigo 36.1.e da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 24.9.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 17 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 14, do 21.1.2019).

Cuarto. Mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra) e promovido por Beltaine Touriñán, S.L.

Quinto. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Touriñán III-2, resultante da adquisición por parte de Greenalia Wind Power, S.L.U. da sociedade Beltaine Touriñán, S.L., titular da instalación, e posterior cambio de denominación desta a Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U.

Sexto. O 9.9.2021, a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico Touriñan III-2. Posteriormente, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 25.10.2021, o 8.11.2021 e o 12.11.2021, a promotora achegou documentación complementaria.

Sétimo. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de setembro de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico e, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 17 de setembro de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Oitavo. O 3.12.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación do parque eólico mencionada no antecedente de feito sexto.

Noveno. O 15.12.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo. O 12.1.2022, de acordo co disposto no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Décimo primeiro. Mediante a Resolución do 3 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, e posterior corrección de erros do 5.5.2022, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Faro de Vigo, ambos do 1.6.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro) e nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo segundo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro, Concello de Cuntis, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Meteogalicia, Enel Green Power España, S.L. e Compañía Logística de Hidrocarburos Exolum, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 9.6.2022, Concello de Campo Lameiro o 6.6.2022, Concello da Estrada o 10.6.2022, Meteogalicia o 27.5.2022, Retevisión I, S.A.U. o 5.7.2022 e Retegal, S.A. o 31.5.2022.

Os concellos da Estrada e Campo Lameiro emitiron informes en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afección á rede viaria municipal, cumprimento do código técnico, entre outros). A promotora deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Meteogalicia emitiu informe relativo ao impacto sobre o radar meteorolóxico de Monte Xesteiras considera viable a realización do parque logo da adopción dunha serie de medidas compensatorias que se citan no propio informe. O 16.6.2022, a promotora aceptou o contido do informe de Meteogalicia.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. O 25.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe en virtude do artigo 33.16 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico. Así mesmo, o 29.11.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro, Concello de Cuntis, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cuberta a tramitación ambiental, o 29.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 30 de decembro de 2022 da dita dirección xeral (DOG núm. 9, do 13 de xaneiro de 2023).

Décimo quinto. O 3.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 9.2.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Touriñán III-2 non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Nesta mesma data a promotora achega o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, a que fai referencia o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo sétimo. O 11.4.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. en resposta a un requirimento da xefatura territorial, presentou o documento Proxecto de execución do parque eólico Touriñán III-2. Febreiro 2023 visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña o 30.3.2023 (visado nº 761/21-FE) e asinado polo técnico Miguel Lemus Barros.

Décimo oitavo. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 25 MW, segundo os informes do xestor da rede do 27.4.2020 e do 22.3.2021.

Vixésimo. O 20.4.2023, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. presentou un acordo de solapamento coa empresa Vento Continuo Galego, S.L., pola que esta última, manifesta que modificará o trazado da LAT 132kV subestación Monte Arca-subestación Touriñán III-2, de forma que manteña a distancia regulamentaria cos aeroxeradores do parque eólico Touriñán III-2.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG núm. 92, do 15 de maio), pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«‒ No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, hai que lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

‒ Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

‒ Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Touriñán III-2 (IN661A 2011/13-4) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías, incluído no estudo de impacto ambiental, cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles, os parques eólicos Rosa dos Ventos, Pico Touriñán, Campo das Rosas, Monte Arca e Nesa Monte Arca sur e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Touriñán III-2 comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Rosa dos Ventos e tamén cos parques Monte Arca, Nesa Monte Arca norte, Nesa Monte Arca sur, Nesa Monte Arca oeste e ampliación Monte Arca II, o que non impide que os sete teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

‒ Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como da solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

‒ No que respecta ao exceso de parques proxectados na zona e a súa distribución, indicar que a elección da situación do parque eólico a realiza a promotora con base na existencia de recurso eólico e de acordo coa lei eólica vixente.

‒ En relación coa alegación que se refire ao solapamento co parque eólico Rosa dos Ventos, pola localización do aeroxerador AE-01 do parque Touriñán III-2, cabe sinalar que o artigo 31.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica que as solicitudes non se poderán solapar salvo que exista un acordo entre os titulares dos parques eólicos afectados. A promotora contesta a alegación, dí que ten asinado a tales efectos o correspondente acordo con Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U. e que, polo tanto, non incumpre os requisitos das solicitudes de autorización previa e de construción de parques eólicos.

‒ Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

‒ Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe referirse á resolución desta xefatura territorial de Pontevedra pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Touriñán III-2 para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, puidesen presentar as súas alegacións.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, no xornal Faro de Vigo, na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e remitiuse aos concellos afectados da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro para a súa exposición ao público nos taboleiros de anuncios, segundo o recollido no antecedente primeiro deste informe.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública aos titulares recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluída na resolución de información pública, para que as persoas notificadas puidesen presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que considerasen oportunas.

‒ En relación co uso do idioma inglés na documentación sometida a información pública, dicir que só están en inglés as follas técnicas dos aeroxeradores, que son documentación orixinal do fabricante Siemens Gamesa, incluídas no punto 2.5 da memoria do proxecto de execución, e que o resto deste documento, redactado en castelán, fai referencia ás distintas características dos aeroxeradores necesarias para a descrición do parque eólico.

‒ No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos

‒ Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental, indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O estudo de impacto ambiental sometido ao tramite de información pública, de agosto de 2021, como resultado das consultas realizadas aos distintos organismos, recibiu varios informes condicionados. O 19.10.2022, a promotora presentou unha addenda ao estudo de impacto ambiental, de setembro de 2022, coas correccións e a documentación adicional requirida neses informes.

‒ No relativo ás alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cabe indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do cal, o 29.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, e considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que se debe desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

‒ Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións sobre o patrimonio cultural, cómpre dicir que, o 22.7.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou de xeito favorable o estudo de impacto ambiental do parque eólico Touriñán III-2 e estableceu unha serie de condicións para levar a cabo as medidas correctoras do anexo 6 do dito estudo.

Entre as condicións impostas está a modificación da posición da cimentación e plataforma do aeroxerador AE-01 e a vía denominada eixe-03 para que se sitúen fóra da área de protección da Mámoa/Cista de Monte dos Cregos.

Os traballos de construción do parque eólico realizaranse baixo control e seguimento arqueolóxico. No caso de que se constate a existencia de restos arqueolóxicos, primarase a súa conservación.

‒ En relación coas alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considera, no informe emitido o 22.7.2022, que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos e é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas previstas no estudo de impacto ambiental e se teñan en conta unha serie de consideracións que fai sobre especies protexidas, hábitats de interese comunitario existentes na contorna, contaminación de augas, verteduras, medidas para a protección da avifauna e os quirópteros e relativas ao lobo, entre outras.

‒ No que respecta ás alegacións sobre afeccións ao medio hídrico, o informe de Augas de Galicia do 9.6.2022 sobre o estudo de impacto ambiental conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no propio informe, en especial, a obriga de cumprir a normativa do Plan hidrolóxico Galicia Costa no que atinxe ao dimensionamento das obras de drenaxe.

Con carácter previo á autorización das obras por parte de Augas de Galicia, a promotora deberá adoptar as medidas precisas para evitar a afección á zona de servidume e ao dominio público hidráulico do regueiro Ponte dos Fornos polo noiro do terraplén da vía de acceso cara aos aeroxeradores AE-03, AE-04 e AE-05.

Respecto dos aproveitamentos hídricos, e salvo erro ou omisión, constan 5 captacións de auga inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia na contorna do ámbito de actuación (considerando unha distancia de 500 metros ao redor das obras). No caso de que as actuacións propostas afecten algunha captación de auga inscrita, debe preverse a súa reposición.

‒ En relación coas alegacións sobre o impacto na paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), logo dun primeiro informe para requirirlle á promotora que completase o estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), conclúe, no seu informe do 15.7.2022, que o contido do dito estudo se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (RLPPG).

O IET sinala tamén que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias e, entre as zonas afectadas, o seu informe destaca as áreas de especial interese paisaxístico (AEIP), miradoiros, rutas de sendeirismo e os núcleos de poboación. O IET conclúe que esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras agás nos núcleos rurais, non supón un impacto crítico. A este respecto, considera adecuada a medida recollida no EIIP, relacionada coa directriz de paisaxe DX.20.c, de prever a execución de pantallas vexetais nos núcleos de poboación de existir unha manifesta preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores.

‒ No relativo ao impacto sobre o turismo, a Axencia Turismo de Galicia conclúe, no seu informe do 1.8.2022 que o impacto que terá o parque eólico Touriñán III-2 no turismo rural local, así como na súa contorna, é reducido, e que deberá ser atenuado polas medidas compensatorias e correctivas que se van incluír na declaración de impacto ambiental.

‒ No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto podería ter sobre a saúde das persoas, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía se no estudo de impacto ambiental se tiveron en conta, se identificaron e se valoraron os posibles impactos do proxecto no ambiente que, segundo a evidencia científica dispoñible, puidesen ter repercusión na saúde humana. A dita avaliación realízase en tres fases: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos perigos potenciais e identificación das posibles vías de exposición.

Os perigos potenciais asociados á actividade do proxecto que se analizan son, entre outros, a presenza de contaminantes, o ruído e as vibracións orixinados durante a construción das infraestruturas e os producidos polo funcionamento das turbinas eólicas, os residuos perigosos e non perigosos xerados, os produtos perigosos empregados nas instalación (aceites minerais, combustibles, SF6), a electrocución, os campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o pestanexo de sombras (shadow flicker).

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite un primeiro informe o 29.6.2022 en que lle require documentación adicional á promotora e un segundo informe o 6.9.2022 en que considera satisfeitos os requirimentos feitos no informe previo.

‒ En relación co ruído producido polos aeroxeradores, fíxose unha modelaxe tomando para os datos de cálculo as características das máquinas (109,3 dBA e 106 dBA a 15 m/s de velocidade do vento). A estimación de valores na fase de funcionamento obtén niveis sonoros que están por debaixo dos límites máximos permitidos na lexislación vixente.

‒ Respecto dos campos electromagnéticos, non se considera necesario levar a cabo medidas de restrición nin de seguimento, debido a que os valores obtidos nas simulacións informáticas están moi por debaixo dos límites máximos establecidos na normativa vixente. No estudo non se incluíron os aeroxeradores porque o seu fabricante, Siemens Gamesa, dispón de certificado de que cumpren co establecido na Directiva 2014/30/EU en materia de compatibilidade electromagnética.

‒ En canto á posible afección do proxecto sobre a poboación e a saúde humana en relación co pestanexo de sombras, durante a fase de funcionamento do parque non se poderán superar, nos potenciais receptores, os límites de exposición que en cada momento estableza a autoridade competente ou normas que o regulen, téndose que adoptar medidas mitigadoras, como a instalación de barreiras ou pantallas, ou programar paradas temporais dos aeroxeradores implicados no caso de que se supere o límite recomendado.

‒ En relación coas alegacións sobre a contaminación luminosa producida polo balizamento dos aeroxeradores, cómpre dicir que as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espazo aéreo e augas xurisdicionais, son as que indica o Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas, e toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), entidade encargada do seu control. A promotora ten que solicitarlle a dita autorización a AESA, quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

‒ En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

‒ No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

‒ No relativo ás distancias a núcleos de poboación, o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15.12.2021 conclúe, logo de analizar a posición dos 5 aeroxeradores, que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Moitas das alegacións fan referencia a que o proxecto non cumpre a condición de que a distancia entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación sexa 5 veces a altura total do aeroxerador. A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, di que a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Estes requisitos de distancia aplícanse ás novas solicitudes de autorización de parques eólicos admitidas a trámite despois da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, segundo establece a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro. A solicitude de autorización do parque eólico Touriñán III-2 é anterior, polo que, neste caso, só é exixible que esa distancia sexa de 500 metros.

‒ No que atinxe ás alegacións sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

Á marxe do anterior, en relación coa compatibilidade dos aproveitamentos forestal e eólico o Servizo de Montes de Pontevedra, no seu informe do 1.7.2022, indica que as obras afectan montes veciñais en man común, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas. Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, ese servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

‒ No que atinxe ás alegacións que se refiren ao risco de incendios forestais provocados polas turbinas dos aeroxeradores, cómpre sinalar que a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou favorablemente o proxecto sectorial do parque eólico o 11.7.2022, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas (mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais).

‒ En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico e á relación de bens e dereitos afectados (erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto), cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características.

No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

‒ Por último, as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental (DIA) non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

Respecto daquelas en que se alega contra o Anuncio do 30 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Touriñán III-2, a canle para recorrer a avaliación de impacto ambiental efectuada será tras a autorización administrativa previa e de construción».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Touriñán III-2, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 29.12.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Touriñán III-2, considera que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Touriñán III-2.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Touriñán III-2, emprazado nos concellos da Estrada, Cuntis e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., para unha potencia de 24 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Touriñán III-2, composto polo documento Proxecto de execución do parque eólico Touriñán III-2. Febreiro 2023, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña o 30.3.2023 (visado nº 761/21-FE) e asinado polo técnico Miguel Lemus Barros.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U.

Domicilio social: praza de María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Touriñán III-2.

Potencia instalada: 24 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

Produción neta: 92.786 MWh/ano.

Concellos afectados: A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 21.969.001 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

541.205,00

4.716.024,00

2

541.806,00

4.715.820,00

3

541.871,00

4.715.084,00

4

541.337,00

4.713.350,00

5

540.475,00

4.712.900,00

6

539.935,00

4.713.927,00

7

540.165,00

4.714.373,00

8

539.989,00

4.714.651,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE01

540.920,00

4.714.227,00

AE02

540.718,00

4.713.700,00

AE03

540.943,00

4.715.170,00

AE04

541.461,00

4.715.081,00

AE05

541.343,00

4.715.596,00

Coordenadas da subestación e da súa envolvente:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

540.626,00

4.713.226,00

1

540.624,00

4.713.270,00

2

540.648,00

4.713.231,00

3

540.656,00

4.713.236,00

4

540.675,00

4.713.205,00

5

540.628,00

4.713.177,00

6

540.588,00

4.713.242,00

7

540.590,00

4.713.250,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

‒ Cinco (5) aeroxeradores modelo Siemens Gamesa: tres aeroxeradores SG 5.0-145 de 5 MW de potencia unitaria (AE-02, AE-04 e AE-05) con 90 m de altura de buxa e 145 m de diámetro de rotor, e dous aeroxeradores SG 5.0-132 de 5 MW (AE-01 e AE-03) con 84 m de altura de buxa e 132 m de diámetro de rotor, estando limitado AE01 a 4 MW para axustarse á potencia do parque.

‒ 5 centros de transformación, grupo de conexión Dyn11 e tensión 30/0,69 kV situados no interior dos aeroxeradores, celas de 30 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

‒ Rede soterrada composta por dous circuítos eléctricos en condutor RHZ1-OL 18/30 kV Al e sección variable de 240 e 400 mm2, de interconexión dos centros de transformación e destes coa subestación transformadora.

‒ Subestación de transformación formado principalmente por:

• Un transformador de 40/50 MVA ONAN/ONAF en 30/220 kV con dúas posición de liña en 220 kV (entrada-saída), para a evacuación do parque eólico Touriñan III-2 e do parque eólico Rosa dos Ventos, para una potencia total de 39 MW.

• Un transformador de 64/80 MVA ONAN/ONAF en 132/220 kV para a evacuación da enerxía eléctrica procedente dos parques de Monte Arca, para unha potencia total de 78 MW.

• Dous transformadores de servizos auxiliares 30.000/400-230 kV de 50 kVA e un grupo electróxeno de 50 kVA, 400/230 V, 50 Hz.

• Posicións de 30 kV, sistema de control, protección e outras instalación complementarias.

‒ Unha liña aérea de alta tensión en 220 kV en dobre circuíto de 54,03 m, con condutor de aluminio-aceiro tipo LA-280 (242-AL 1/39-ST1A). Disporá de dous apoios intermedios entre a subestación e a liña existente de entroncamento LAT 220 kV SET Pico Touriñán-SET Tibo (proxecto independente).

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 164.768 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 29.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido nos puntos 4.1.2 e 4.1.5 da DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais