Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33608

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Penas Boas, sito nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/035).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Penas Boas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Penas Boas, sito nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. e para unha potencia de 15,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 105.379 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a seguir as condicións establecidas na DIA ás que a promotora deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico e obtéñense os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 9.10.2018 Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

2. O 13.5.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos de capacidade da súa solicitude, establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, Lei 8/2009). O 16.5.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

3. O 17.2.2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente na substitución da subestación colectora do parque por un centro de seccionamento, a inclusión da liña de evacuación, a substitución do modelo de aeroxerador mantendo a potencia total do parque e o desprazamento das posicións dos aeroxeradores e da torre meteorolóxica.

O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. O 26.10.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que seguir e os organismos que consultar durante a fase de información pública.

5. O 15.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 17.12.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Penas Boas á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para a continuación da tramitación.

7. Mediante o Acordo do 11 de marzo de 2021, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Penas Boas, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.4.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 12.4.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga e Oza-Cesuras), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

8. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retegal, Cellnex Telecom, S.A.; Concello de Aranga, Concello de Oza-Cesuras, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e Deputación Provincial da Coruña.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (19.4.2021), Retegal (2.5.2021), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom (31.5.2021), Concello de Aranga (11.5.2022), Concello de Oza-Cesuras (22.4.2021), Augas de Galicia (31.5.2021), Axencia Galega de Infraestruturas (19.4.2021, 13.7.2022 e 22.2.2023) e Deputación Provincial da Coruña (22.9.2021).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

9. O 30.11.2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

10. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Aranga e Concello de Oza-Cesuras.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación do aeroxerador AE 4 e da torre de medición, na substitución do modelo dos aeroxeradores restantes, no cambio do acceso ao parque eólico e na adecuación de vieiros, gabias, plataformas e da área de aprovisionamento, para o cal presentaron documentación complementaria (addenda ao estudo de impacto ambiental, proxecto de execución e proxecto de interese autonómico), o 10.1.2023.

11. Cumprida a tramitación ambiental, o 11.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Penas Boas, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

12. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 1.2.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida: proxecto de execución con declaración responsable da técnica redactora, María Moreno Martínez, enxeñeira de minas, colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas del Noroeste, asinado dixitalmente o 1.2.2023. Con data do 28.3.2023 presentou separatas do proxecto refundido, para o Concello de Coirós e para UFD Distribución Electricidad, S.A., e unha declaración responsable para o resto de separatas técnicas do expediente, que non sufriron modificacións derivadas da configuración definitiva.

13. O 28.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Coirós e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Concello de Coirós (31.03.2023) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (3.4.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade das condicións emitidas.

14. O 21.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico (asinado dixitalmente o 1.2.2023 por María Moreno Martínez, colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

15. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16,8 MW, segundo o informe do xestor da rede do 8.6.2020.

16. O 22.2.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais