Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33587

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Penas Boas, sito nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/035).

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Penas Boas, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 9.10.2018, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 13.5.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos de capacidade da súa solicitude, establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, Lei 8/2009). O 16.5.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 17.2.2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente na substitución da subestación colectora do parque por un centro de seccionamento, a inclusión da liña de evacuación, a substitución do modelo de aeroxerador, mantendo a potencia total do parque e o desprazamento das posicións dos aeroxeradores e da torre meteorolóxica.

O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Cuarto. O 26.10.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que seguir e os organismos que consultar durante a fase de información pública.

Quinto. O 15.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sexto. O 17.12.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Penas Boas á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para a continuación da tramitación.

Sétimo. Mediante o Acordo do 11 de marzo de 2021, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación someteu á información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Penas Boas, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.4.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 12.4.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga e Oza-Cesuras), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retegal, Cellnex Telecom, S.A.; Concello de Aranga, Concello de Oza-Cesuras, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e Deputación Provincial da Coruña.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (19.4.2021), Retegal (2.5.2021), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom (31.5.2021), Concello de Aranga (11.5.2022), Concello de Oza-Cesuras (22.4.2021), Augas de Galicia (31.5.2021), Axencia Galega de Infraestruturas (19.4.2021, 13.7.2022 e 22.2.2023) e Deputación Provincial da Coruña (22.9.2021).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Noveno. O 30.11.2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Aranga e Concello de Oza-Cesuras.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na eliminación do aeroxerador AE 4 e da torre de medición, na substitución do modelo dos aeroxeradores restantes, no cambio do acceso ao parque eólico e na adecuación de vieiros, gabias, plataformas e área de aprovisionamento, para o cal presentaron documentación complementaria (addenda ao estudo de impacto ambiental, proxecto de execución e proxecto de interese autonómico), o 10.1.2023.

Décimo primeiro. Cumprida a tramitación ambiental, o 11.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Penas Boas, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

Décimo segundo. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 1.2.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida: proxecto de execución con declaración responsable da técnica redactora, María Moreno Martínez, enxeñeira de minas colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas del Noroeste, asinado dixitalmente o 1.2.2023. Con data do 28.3.2023 presentou separatas do proxecto refundido, para o Concello de Coirós e para UFD Distribución Electricidad, S.A., e unha declaración responsable para o resto de separatas técnicas do expediente, que non sufriron modificacións derivadas da configuración definitiva.

Décimo terceiro. O 28.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Coirós e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Coirós (31.3.2023), UFD Distribución Electricidad, S.A. (3.4.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Décimo cuarto. O 21.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico (asinado dixitalmente o 1.2.2023 por María Moreno Martínez, colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16,8 MW, segundo o informe do xestor da rede do 8.6.2020.

Décimo sexto. O 22.2.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 28.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación no que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban contemplar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto despezamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Gato, Felga, Feás, Fontella e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «...unha cosa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación ao órgano competente para resolver este procedemento remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico corresponden á Administración Xeral do Estado, a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Aranga e Oza-Cesuras, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia informou o 31.5.2021 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións a tal efecto referidas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara a non afección ao dominio público hidráulico, deberán contemplarse as directrices sinaladas no informe así como as indicadas na documentación sometida a informe.

e) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 13.5.2022, que considera insuficiente a documentación aportada pola promotora. O 19.12.2022 a promotora presentou a documentación solicitada polo organismo.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 21.6.2021 que do estudo das ortofotografías aéreas do PNOA e da información proporcionada polo distrito dedúcese que os elementos do parque se instalarán sobre superficies de vocación e uso forestal dedicadas á produción de madeira ou sobre zonas rasas, sen afectar infraestruturas forestais relevantes, masas de especial valor de frondosas autóctonas, rodais selectos ou parcelas de experimentación.

De acordo coa información que consta no Servizo de Montes da Coruña, o parque eólico de Gato afectará os montes de utilidade pública de Gato de Oza (33) e Queimada (363). Para a execución do proxecto en montes pertencentes ao Catálogo de Montes de Utilidade Pública será preciso tramitar unha concesión administrativa (artigos 39 e 40, Lei 7/2012, de montes de Galicia) para o desenvolvemento da actividade, ou ben instruír o correspondente expediente para determinar a prevalencia da utilidade pública ou o interese social do proxecto respecto dos intereses públicos ou sociais correspondentes á clasificación deste monte.

O proxecto tamén afectará o MVMC de Gato de Fervenzas. A empresa promotora e a comunidade propietaria poden asinar de común acordo un acto de disposición (cesión, ocupación ou dereito de superficie) que non obrigue á expropiación das superficies afectadas. De acordo co artigo 6 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, no caso de que sexa necesario expropiar estes terreos sería preciso declarar previamente a prevalencia da utilidade pública ou interese social do novo equipamento público fronte ao interese do propio monte veciñal.

As afeccións virán determinadas polas superficies ocupadas directamente polos aeroxeradores mais polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo de acordo coa súa normativa específica, e ademais pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia e para a delimitación das faixas de xestión de biomasa, consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

g) No expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 15.7.2022 segundo o que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar os núcleos de poboación, as vías de comunicación, os miradoiros e as AEIP. Esta incidencia visual se ben non supón un impacto crítico, non poderá ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos rurais. A este respecto, e en relación coa directriz de paisaxe DX.20.c, na documentación achegada maniféstase a posibilidade de dispoñer pantallas vexetais nas proximidades dos núcleos de poboación de consenso cos seus habitantes, no caso de que exista preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores.

Para dar cumprimento ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG, deberase adaptar o contido do EIIP ás modificacións producidas no proxecto e incorporar os novos estudos realizados e as consideracións efectuadas nos informes emitidos por este organismo.

h) En relación á afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 12.8.2022 un informe favorable, debéndose ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

i) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 11 de marzo de 2021 da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Penas Boas, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña) (expediente IN408A 2018/35).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas nos Concellos de Aranga e Oza-Cesuras e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como no portal web de Transparencia e Goberno Aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, compre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

j) Con relación á considerada contaminación luminosa provocada polo balizamento do parque eólico, a exixencia de instalación destas balizas luminosas e as súas características vén establecida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea por motivos de seguridade aérea.

k) En canto ás alegacións sobre unha suposta ausencia de estudo de potencial eólico, o proxecto de execución das instalacións do parque eólico conteñen un estudo do potencial eólico da zona de implantación, así como un estudo económico-financeiro do investimento.

l) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, a promotora deberá repoñer os servizos existentes.

m) No que respecta á existencia de instalacións utilizadas polos medios de prevención dos incendios forestais, no caso de ser necesaria algunha actuación sobre esas instalacións, a promotora deberá seguir as indicacións que estableza a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

n) En canto ás posibles afeccións aos servizos de radiodifusión, e telecomunicacións, o informe do 30.7.2021 da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual considera que o proxecto do parque eólico non produce impacto importante respecto dos sistemas de radiocomunicacións, nin sobre a cobertura do servizo de difusión TDT, tanto pública como privada.

Non obstante, no caso de observarse perturbacións ou interferencias aos servizos de radiocomunicacións legalmente autorizados, causados polos aeroxeradores do parque eólico, a empresa promotora deberá responsabilizarse da eliminación das posibles interferencias, que deberán resolverse de común acordo coas compañías ou outras entidades responsables das infraestruturas de telecomunicación afectadas, para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos ditos servizos, no suposto de que se demostre a responsabilidade directamente atribuíble ás instalacións do parque eólico.

ñ) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como se recolle nos antecedentes de feito.

o) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15.10.2020, recóllese que logo de comprobar o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal de Aranga aprobado definitivamente o 16.12.2013; Plan xeral de ordenación municipal de Oza dos Ríos aprobado definitivamente o 29.10.2001 e as normas subsidiarias de planeamento municipais de Cesuras aprobadas definitivamente o 15.3.1978) e as coordenadas das posicións dos 4 aeroxeradores recollidas no punto 2.1 da memoria, conclúese que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

p) En canto ao carácter de supramunicipalidade do proxecto, é debido a que a importancia e efectos do proxecto transcenden claramente o ámbito municipal.

q) Con respecto aos beneficios para a sociedade xerados polo parque eólico que se proxecta, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa, e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do medio ambiente, a saúde e a economía.

r) En canto as intervencións sobre predios e os seus peches, principalmente os tradicionais de pedra, afectados polos accesos ás instalacións, as actuacións asociadas ao soterramento do cablaxe realizaranse evitando afección e repoñendo as infraestruturas viarias asociadas á rede ao seu estado orixinal.

s) En canto aos cambios nos usos do solo xerados pola aprobación do plan de interese autonómico, o artigo 34.4 da Lei 2/2016 do chan de Galicia non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

t) En canto á utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica, esta vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración será para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

u) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

v) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

w) En relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

x) En particular, en referencia á afección ás terras vinculadas á PAC, a instalación do parque no afecta a superficie agraria coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

y) En canto aos dereitos cinexéticos existentes en terreos afectados polo proxecto, de acordo á regulación vixente, os terreos non perderán a consideración de cinexéticos, podendo continuar a sociedade coa súa actividade.

z) Con respecto á afección en concreto ás fincas 64 e 65, esta limítase a 2.212 m2 en pleno dominio e servidume de paso, e outros 2.402 m2 en concepto de servidume de voo. A totalidade da afección sitúase na zona máis elevada do terreo, onde non existe plantación, polo que a suposta afección é practicamente nula.

A superficie afectada supón, unha porcentaxe insignificante en relación coa propiedade, en ningún caso implica ningún tipo de incompatibilidade con ningunha suposta explotación forestal existente ou gandeira futurible.

A promotora trata de acadar acordos cos titulares de bens e dereitos afectados, recorrendo á explotación forzosa só cando non existe outra opción.

O propietario poderá xustificar os danos e perdas que considere o proxecto ocasiona durante a fase de prezo xusto, e solicitar a correspondente indemnización.

aa) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

ab) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, compre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan Eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

ac) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, no seu caso procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Penas Boas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Penas Boas, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Penas Boas.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

Condicións ambientais:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Penas Boas, sito nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 15,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Penas Boas, composto polo documento sobre o proxecto de execución do parque eólico Penas Boas, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña), asinado dixitalmente o 1.2.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con declaración responsable da técnica competente proxectista.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Enderezo social: Praza María Pita, 10-1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Penas Boas.

Potencia instalada: 15,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 15,6 MW.

Produción neta: 45.390 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.910 h.

Concellos afectados: Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña).

Orzamento de execución material: 12.167.768 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

571.709

4.784.783

2

572.332

4.783.428

3

577.057

4.782.541

4

577.057

4.784.906

5

575.236

4.784.904

6

575.223

4.784.541

7

574.546

4.784.452

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

576.036

4.784.333

AE 02

576.133

4.783.874

AE 03

576.151

4.783.496

Coordenadas do centro de seccionamento e control do parque eólico:

Centro de seccionamento e control

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

576.140

4.784.178

ENV A

576.144

4.784.183

ENV B

576.146

4.784.178

ENV C

576.136

4.784.173

ENV D

576.134

4.784.178

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores Siemens Gamesa SG-145 5,2 MW ou similar, de 5,2 MW de potencia nominal unitaria, de 127,5 m de altura da buxa e 145 m de diámetro de rotor.

– 3 centros de transformación de 5.500 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 30/0,69 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 30/0,69 kV e o centro de seccionamiento e control, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV Al de distintas seccións (240 a 500 mm2).

– Centro de seccionamento e control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liña de 30 kV de 4.415 m de lonxitude de evacuación da enerxía xerada desde o centro de seccionamento e control ata a subestación transformadora, de 630 mm2 de sección.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, edificio do centro de seccionamento e control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 105.379 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, contemplada no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA ás que a promotora deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais