Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33804

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 14 de maio de 2023 polo que se somete a información pública o borrador da guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Infesta (Monterrei, Ourense).

Procedemento: fomento da mobilización de terras a través do Programa de aldeas modelo.

Expediente: AM-20-02.

Antecedentes:

1. Mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 12 de novembro de 2019, foi declarada a seguinte zona de actuación para a aplicación dun proxecto de mobilización de terras, denominada abreviadamente «aldea modelo»:

Nº de expediente

Denominación

Data de aprobación

AM-20-02

Zona de actuación para o proxecto de aldea modelo de Infesta (Monterrei, Ourense)

12.11.2019

2. De conformidade co previsto no artigo 47.ter 5 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, iniciouse a elaboración da guía de ordenación produtiva da citada aldea modelo, que se encontra en fase de borrador.

Consideracións legais e técnicas:

1. Este procedemento réxese polo disposto na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nas demais disposicións normativas de aplicación.

2. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con CIF Q-1500273F, creouse mediante a disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro), como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (artigo derrogado pola disposición derrogatoria 1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no sucesivo Lofaxga).

Ten a condición de entidade pública instrumental do sector público autonómico e de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 47 en relación co artigo 45.a) da Lofaxga.

Da disposición transitoria terceira da Lofaxga deriva que as normas de organización e funcionamento da Axencia deberán adecuarse ao disposto nesta lei para as axencias públicas autonómicas.

A disposición transitoria segunda da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras (DOG núm. 206, do 26 de novembro), atribúelle o exercicio das funcións xestoras do Banco de Terras de Galicia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co disposto na disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, na súa redacción dada pola disposición derradeira terceira da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

3. A Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro), modificou a redacción do artigo 47.ter da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, engadiu o artigo 47.quater, derrogou as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nela (disposición derrogatoria única), pero non estableceu un réxime transitorio dos procedementos en curso. Debe acudirse ao Código civil estatal, en particular o seu artigo 2.3 (as leis non terán efecto retroactivo se non dispuxesen o contrario, en relación co artigo 9.3 da Constitución, que incide sobre a exixencia de seguridade xurídica e prohibe a retroactividade, entendida como a incidencia da nova lei nos efectos xurídicos xa producidos de situacións anteriores) e 3.1 (as normas interpretaranse segundo o sentido propio das súas palabras, en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos e a realidade social do tempo en que deben ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ao espírito e finalidade daquelas).

Debemos lembrar que o principio da irretroactividade se asenta «nos desexos de certeza e seguridade xurídica e o respecto dos dereitos adquiridos e ás situacións xurídicas beneficiosas» (Sentenza do Tribunal Supremo do 30 de maio de 1984), o que supón que a interpretación das normas de dereito transitorio se debe realizar en sentido restritivo. Agora ben, o Tribunal Constitucional, en sentenzas do 10 de abril de 1986 e 29 de novembro de 1988, limita o alcance do principio de irretroactividade, ao sinalar que «non hai retroactividade cando unha lei regula de maneira diferente e pro futuro situacións xurídicas creadas e cuxos efectos non se consumaron, pois unha norma é retroactiva, para os efectos do artigo 9.3 da Constitución, cando incide sobre relacións consagradas e afecta situacións esgotadas, xa que o que prohibe o artigo citado é a retroactividade, entendida como incidencia da nova lei nos efectos xurídicos xa producidos de situacións anteriores, de xeito que a incidencia nos dereitos, en canto á súa proxección cara ao futuro, non pertence ao campo estrito da irretroactividade». No mesmo sentido o Tribunal Constitucional (Sentenza do 4 de febreiro de 1983) di que o «principio da irretroactividade non pode presentarse como defensa dunha inadmisible petrificación do ordenamento xurídico». Con rotunda claridade pronúnciase a Sentenza do 16 de xullo de 1987, ao establecer que «a prohibición da retroactividade só é aplicable aos dereitos consolidados, asumidos e integrados no patrimonio do suxeito, e non aos pendentes, futuros e condicionados ou ás expectativas». Posteriormente, a doutrina xurisprudencial distinguiu entre dous tipos de retroactividade: a retroactividade propia, auténtica ou de grao máximo, que é aquela que supón a aplicación da nova normativa a situacións xa xuridicamente consolidadas, que anoa «efectos a situacións de feito producidas ou desenvolvidas con anterioridade» á súa entrada en vigor, cando incide sobre os «efectos xurídicos xa producidos» de situacións xurídicas nadas baixo a norma anterior, ou «situacións esgotadas» conforme a lexislación antiga; e a denominada retroactividade impropia, e é a «incidencia nos dereitos, en canto á súa proxección cara ao futuro», ou sobre «situacións ou relacións xurídicas actuais aínda non concluídas».

A STC 126/1987, do 16 de xullo, sinala a dita distinción claramente, ao establecer a maneira de «superar» a imposibilidade de aplicar os efectos retroactivos «entre aquelas disposicións legais que con posterioridade pretenden anoar efectos a situacións de feito producidas ou desenvolvidas con anterioridade á propia lei e as que pretenden incidir sobre situacións ou relacións xurídicas actuais aínda non concluídas. No primeiro suposto –retroactividade auténtica–, a prohibición da retroactividade operaría plenamente e só exixencias cualificadas do ben común poderían impoñerse excepcionalmente a tal principio; na segundo –retroactividade impropia–, a licitude ou ilicitude da disposición resultaría dunha ponderación de bens levada a cabo caso por caso tendo en conta, dunha parte, a seguridade xurídica e, doutra, os diversos imperativos que poden conducir a unha modificación do ordenamento xurídico-tributario, así como as circunstancias concretas que concorren no caso».

Aplicada a interpretación realizada polo Tribunal Constitucional á retroactividade que emana da Sentenza do Tribunal Supremo do 11 de setembro de 2019, supoñería que nos atopariamos ante unha retroactividade impropia, salvable a condición de que se realice unha ponderación de bens, tendo en conta, dunha parte, a seguridade xurídica e, doutra, os diversos imperativos que poden conducir a unha modificación do ordenamento xurídico, así como as circunstancias concretas que concorren no caso.

Tendo en conta que nos procedementos que nos ocupan estamos ante situacións ou relacións xurídicas aínda non concluídas, ao non se teren producido efectos xurídicos, e que non se causa prexuízo a terceiros, procede concluír que ou non hai retroactividade, por canto coa nova redacción do artigo 47.ter e a introdución do artigo 47.quater se regulan de maneira diferente e pro futuro situacións xurídicas creadas e cuxos efectos non se consumaron, ou hai unha retroactividade impropia, e que, en todo caso, se debe reaxustar a tramitación dos procedementos en curso aos novos mandatos legais.

4. Os artigos 47.ter e quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, regulan o procedemento administrativo que se deberá seguir nos procedementos para o fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo. En todo o non regulado nelas observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por aplicación da súa disposición adicional primeira.

5. O artigo 47.quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, dispón que «2. Os borradores de guías de ordenación produtiva serán sometidos a un trámite de información pública durante o prazo dun mes mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios do concello en que se sitúe a aldea e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, onde estará dispoñible toda a documentación. Concluído o trámite de información pública, avaliaranse todas aquelas alegacións presentadas e incorporaranse, se for o caso, as modificacións procedentes no contido do borrador da guía de ordenación produtiva. 3. O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, concluída a tramitación anterior e por proposta da persoa titular da súa dirección xeral, aprobará a guía de ordenación produtiva. A dita aprobación será publicada no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos dos concellos onde se sitúe a aldea modelo e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural».

6. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) poderanse verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve

7. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición lle atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que a debe exercer, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes lles corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderalle ao superior xerárquico común destes».

Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a identificación e declaración de zonas de actuación para a aplicación de proxectos de mobilización de terras e para o fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo, para a integración cautelar de predios, a aprobación ou formulación da declaración de aldea modelo e do proxecto ou guía de ordenación produtiva é o Consello de Dirección da Axencia, que ten delegada a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, en virtude do Acordo do Consello de Dirección da Axencia do 23 de xuño de 2020, publicado mediante a Resolución do 30 de xuño de 2020 (DOG núm. 136, do 9 de xullo).

O artigo 10.2.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, establece que lle corresponde ao director xeral xestionar a Axencia e render contas ante o Consello de Dirección.

Por todo o exposto,

ACORDO:

De conformidade co disposto no artigo 47.quater.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, someter ao trámite de información pública durante o prazo dun mes mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios do concello en que se sitúe a aldea e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/ ou https://agader.xunta.gal/es/recuperacion-de-tierras/aldeas-modelo), onde estará dispoñible toda a documentación, o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Infesta (Monterrei), con CVE: owhwR5nbBZD4, aodBhwKpdv46, rs3wlJkd9I61.

Durante este prazo poderanse realizar as achegas e alegacións que se consideren oportunas, mediante escrito dirixido á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o cal non cabe recurso ningún. Poderase unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento. Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou acto administrativo, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se considere procedente.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural