Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32775

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Energética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Troitomil, sito nos concellos da Baña e Negreira, promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/024).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Troitomil.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Troitomil, sito nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 30 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 195.369 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) a promotora deberá previamente ao inicio das obras, obter informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e presentar un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme se indica no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Con carácter previo ao inicio das obras a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. do 25.1.2023.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, ou nas estacións radioeléctricas afectadas directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Green Capital Power, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade, de acordo co recollido no condicionado técnico da Dirección Xeral de Telecomunicacións do 23.12.2023, así como os condicionados das empresas Retegal, S.A. e Movistar, S.A.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017 a promotora, Green Capital Power, S.L. (en diante, a promotora) solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Troitomil (en diante, o parque eólico), sito nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña).

O 5.4.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 1.6.2018 a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

2. O 3.3.2020 a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial do proxecto do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, na redución do número de aeroxeradores, no desprazamento das súas posicións e no cambio do modelo (maior altura, diámetro e potencia unitaria). Así mesmo, desprázanse as posicións da torre meteorolóxica e da subestación. A potencia total do parque eólico redúcese de 31,185 a 30 MW. O 19.6.2020 notificóuselle á promotora a admisión a trámite da modificación solicitada.

O 23.7.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009, conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. O 1.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 26.10.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

5. O 17.12.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Troitomil á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación.

6. O 15.2.2021 mediante Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Troitomil, nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña) (expediente IN408A 2017/24).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 34, do 19.2.2021) e no xornal El Correo Gallego do 19.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Baña e Negreira), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O 3.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, cuxo contido se transcribe:

«a) Ambientais.

• Fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes. División artificiosa. Fraude de lei.

• Vulneración da Directiva 92/43/CEE, conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestres.

• Prevalencia da protección ambiental da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

• Impactos ambientais severos: paisaxísticos, ecolóxicos e ecosistémicos.

• Falla de retorno social e licenza social.

• Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e á súa coherencia. Falla de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas.

• Prexuízos significativos para os solos e o ambiente.

• Afección a turbeiras.

• Impacto acústico moi severo.

• Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa contorna e co ambiente. Presión industrial excesiva.

• Afección á fauna e á flora.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

• Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie.

• Afección á escribenta das canaveiras.

• Carencias respecto do estudo preoperacional de quirópteros e do plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental.

• Afección severa sobre diferentes recursos hídricos: ríos, masas de augas soterradas, acuíferos e captacións de auga para consumo humano, así como humidais, charcas e brañas.

• Vulneración da Directiva marco da auga coa ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

• Non se define o tratamento das augas de drenaxe.

• Impacto sobre a saúde das persoas.

• O nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores e as liñas non é recollido, nin o seu impacto sobre a saúde dos habitantes da zona nin sobre a fauna.

• O efecto sombra das pas sobre a saúde das persoas e a fauna provoca alto nivel de estrés, ataques en persoas epilépticas, así como alteración das especies de fauna.

• Impacto moi severo sobre as áreas de especial interese paisaxístico.

• Incremento do feísmo paisaxístico.

• Impacto arqueolóxico moi severo.

• Afección ao Camiño de Santiago-Fisterra.

• Existencia de diversos conxuntos románicos como as igrexas de Santa Baia de Lañas e Santa María de Portor e a ponte románica da Ponte Maceira.

• Vulneración da Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ao acceso do público á información ambiental, e o Convenio de Aarhus de 1998 sobre o acceso á información, a participación do público e o acceso á xustiza en materia de ambiente, que garanten o acceso público á información ambiental.

• Proxecto incompleto ao non incluír as infraestruturas de evacuación.

b) Urbanísticas.

• Incumprimento da distancia mínima de 500 metros, indicada no plan sectorial eólico, a diversos núcleos de poboación.

• Que se varíe a localización da subestación para aumentar a distancia con respecto ao núcleo de Vilar da Torre, evitando todos os prexuízos en canto a radiacións e perigo de accidentes.

• Afeccións a centros educativos sen avaliar.

• Non se asegura a preservación dos camiños.

• Imposibilidade de recualificación do uso do solo por estar afectado por incendios forestais.

• Afección severa ás explotacións agrogandeiras e forestais.

• Proxecto incompatible coa apicultura e coas explotacións apícolas.

• Importancia micolóxica da área de afección das instalacións.

c) Utilidade pública.

• Falla de utilidade pública e interese social do parque.

d) Outras.

• Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) obsoleto, non democrático e vulnera o Convenio Europeo da Paisaxe.

• Solicita a inaplicación do Psega con base na súa ilegalidade.

• Ausencia de planificación eólica actualizada e coherente co escenario actual de tramitación masiva de instalacións eólicas.

• Galicia é excedentaria na produción de enerxía eléctrica e a capacidade de acollida en Galicia xa está saturada.

• Non é certo que a instalación de parques eólicos xere beneficios económicos nos concellos que albergan as infraestruturas.

• Erros na toponimia dos planos empregados e carencia de referencias catastrais.

• Parte da documentación está en inglés, que non é un idioma oficial en Galicia.

• Proxecto incompleto ao non incluír as infraestruturas de evacuación.

• O parque non ten garantida a evacuación da enerxía producida.

• Ausencia de estudo do potencial eólico.

• Existencia de fontes e captacións de auga que dan servizo os veciños.

• Poderanse producir interferencias televisivas con perdas de detalles, son e imaxe. Igualmente, pode ocasionar problemas coas comunicacións, e coas comunicacións da internet, que afecten ao desenvolvemento profesional.

• Non se teñen en conta as afeccións ao tráfico aéreo.

• Vulnérase a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes, coa eliminación da multifuncionalidade do monte».

7. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión, S.A., Unión Fenosa Distribución Electricidad S.A., Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Concello da Baña, Concello de Negreira e Deputación Provincial da Coruña.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 26.3.2021, Concello de Negreira o 7.4.2021, Augas de Galicia o 9.4.2021, Deputación Provincial da Coruña o 26.5.2021, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 16.4.2021 e o 23.12.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 24.9.2020 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Baña e Concello de Negreira.

10. O 19.11.2020 a empresa, en resposta aos informes emitidos durante a tramitación, presentou unha addenda ao proxecto de execución do parque eólico Troitomil (Novembro 2021), en que se modificaban as vías do parque eólico e as zonas de amoreamento, as plataformas dos aeroxeradores, a superficie da subestación e o trazado da rede eléctrica.

11. O 8.4.2022 Green Capital Power, S.L. presentou os documentos definitivos adaptados, de acordo co prescrito no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

12. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 19.5.2022 de mellora do proxecto definitivo a promotora presenta o 27.5.2022 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 8.4.2022, e que ten a seguinte denominación: Proxecto refundido do parque eólico Troitomil (versión 01 maio 2022).

13. O 30.5.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, que é favorable para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Formalizada a tramitación ambiental, o 4.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 222, do 22 de novembro).

15. O 10.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida (proxecto de execución, separatas técnicas, proxecto de interese autonómico, arquivos shape e excel coa configuración definitiva do parque eólico) resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. O 18.11.2022 Green Capital Power, S.L. presentou declaración responsable ante esta dirección xeral, en que indicaba que a documentación refundida é a presentada no antecedente de feito décimo segundo. O 9.3.2023 a promotora presentou unha corrección de erros da dita declaración.

17. O 9.12.2022 Green Capital Power, S.L. presentou as separatas técnicas do proxecto de execución refundido.

18. O 14.12.2022 a promotora achega novamente o arquivo shape e unha declaración responsable na cal aclara que non son necesarias novas separatas para as empresas Retegal, S.A. e Retevisión, S.A., posto que non se producen novas afeccións. Ademais, no caso de Retevisión, a promotora asinou un acordo de colaboración para a implantación de medidas correctoras que eviten as posibles afeccións do parque eólico aos servizos prestados por esta entidade.

19. O 13.12.2022, esta dirección xeral remite, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegada pola promotora o 9.12.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Movistar, S.A., Concello da Baña, Concello de Negreira e Deputación Provincial da Coruña.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Telecomunicacións o 23.12.2023, Augas de Galicia o 13.1.2023, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 25.1.2023 e Movistar, S.A. o 20.2.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,19 MW, segundo o informe do xestor da rede do 23.4.2020.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais