Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32750

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Troitomil, sito nos concellos da Baña e Negreira, promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/024).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Troitomil, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 26.10.2017 a promotora, Green Capital Power, S.L. (en diante, a promotora) solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Troitomil (en diante, o parque eólico), sito nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña).

O 5.4.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 1.6.2018 a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Segundo. O 3.3.2020 a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial do proxecto do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, na redución do número de aeroxeradores, no desprazamento das súas posicións e no cambio do modelo (maior altura, diámetro e potencia unitaria). Así mesmo, desprázanse as posicións da torre meteorolóxica e da subestación. A potencia total do parque eólico redúcese de 31,185 a 30 MW. O 19.6.2020 notificóuselle á promotora a admisión a trámite da modificación solicitada.

O 23.7.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009, conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Terceiro. O 1.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. O 26.10.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

Quinto. O 17.12.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Troitomil á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación.

Sexto. O 15.2.2021 mediante Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Troitomil, nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña) (expediente IN408A 2017/24).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 34, do 19 de febreiro de 2021 e no xornal El Correo Gallego do 19.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Baña e Negreira), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O 3.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, cuxo contido se transcribe:

«a) Ambientais.

• Fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes. División artificiosa. Fraude de lei.

• Vulneración da Directiva 92/43/CEE, de conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestres.

• Prevalencia da protección ambiental da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

• Impactos ambientais severos: paisaxísticos, ecolóxicos e ecosistémicos.

• Falla de retorno social e licenza social.

• Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e á súa coherencia. Falla de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas.

• Prexuízos significativos para os solos e o ambiente.

• Afección a turbeiras.

• Impacto acústico moi severo.

• Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa contorna e co ambiente. Presión industrial excesiva.

• Afección á fauna e á flora.

• Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación, e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

• Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie.

• Afección á escribenta das canaveiras.

• Carencias respecto do estudo preoperacional de quirópteros e do plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental.

• Afección severa sobre diferentes recursos hídricos: ríos, masas de augas soterradas, acuíferos e captacións de auga para consumo humano, así como humidais, charcas e brañas.

• Vulneración da Directiva marco da auga coa ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

• Non se define o tratamento das augas de drenaxe.

• Impacto sobre a saúde das persoas.

• O nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores e as liñas non é recollido, nin o seu impacto sobre a saúde dos habitantes da zona nin sobre a fauna.

• O efecto sombra das pas sobre a saúde das persoas e da fauna provoca alto nivel de estrés, ataques en persoas epilépticas, así como alteración das especies de fauna.

• Impacto moi severo sobre as áreas de especial interese paisaxístico.

• Incremento do feísmo paisaxístico.

• Impacto arqueolóxico moi severo.

• Afección ao Camiño de Santiago-Fisterra.

• Existencia de diversos conxuntos románicos como as igrexas de Santa Baia de Lañas e Santa María de Portor e a ponte románica da Ponte Maceira.

• Vulneración da Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ao acceso do público á información ambiental, e o Convenio de Aarhus de 1998 sobre o acceso á información, a participación do público e o acceso á xustiza en materia de ambiente, que garanten o acceso público á información ambiental.

• Proxecto incompleto ao non incluír as infraestruturas de evacuación.

b) Urbanísticas.

• Incumprimento da distancia mínima de 500 metros, indicada no Plan sectorial eólico, a diversos núcleos de poboación.

• Que se varíe a localización da subestación para aumentar a distancia con respecto ao núcleo de Vilar da Torre, evitando todos os prexuízos en canto a radiacións e perigo de accidentes.

• Afeccións a centros educativos sen avaliar.

• Non se asegura a preservación dos camiños.

• Imposibilidade de recualificación do uso do solo por estar afectado por incendios forestais.

• Afección severa ás explotacións agrogandeiras e forestais.

• Proxecto incompatible coa apicultura e coas explotacións apícolas.

• Importancia micolóxica da área de afección das instalacións.

c) Utilidade pública.

• Falla de utilidade pública e interese social do parque.

d) Outras.

• Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) obsoleto, non democrático e vulnera o Convenio europeo da paisaxe.

• Solicita a inaplicación do Psega con base na súa ilegalidade.

• Ausencia de planificación eólica actualizada e coherente co escenario actual de tramitación masiva de instalacións eólicas.

• Galicia é excedentaria na produción de enerxía eléctrica e a capacidade de acollida en Galicia xa está saturada.

• Non é certo que a instalación de parques eólicos xere beneficios económicos nos concellos que albergan as infraestruturas.

• Erros na toponimia dos planos empregados e carencia de referencias catastrais.

• Parte da documentación está en inglés, que non é un idioma oficial en Galicia.

• Proxecto incompleto ao non incluír as infraestruturas de evacuación.

• O parque non ten garantida a evacuación da enerxía producida.

• Ausencia de estudo do potencial eólico.

• Existencia de fontes e captacións de auga que dan servizo os veciños.

• Poderanse producir interferencias televisivas con perdas de detalles, son e imaxe. Igualmente, pode ocasionar problemas coas comunicacións, e coas comunicacións da internet, que afecten o desenvolvemento profesional.

• Non se teñen en conta as afeccións ao tráfico aéreo.

• Vulnérase a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes, coa eliminación da multifuncionalidade do monte».

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión, S.A., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Concello da Baña, Concello de Negreira e Deputación Provincial da Coruña.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 26.3.2021, Concello de Negreira o 7.4.2021, Augas de Galicia o 9.4.2021, Deputación Provincial da Coruña o 26.5.2021, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 16.4.2021 e o 23.12.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 24.9.2020 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Baña e Concello de Negreira.

Décimo. O 19.11.2020 a empresa en resposta aos informes emitidos durante a tramitación presentou unha addenda ao proxecto de execución do parque eólico Troitomil (Novembro 2021), en que se modificaban as vías do parque eólico e as zonas de amoreamento, as plataformas dos aeroxeradores, a superficie da subestación e o trazado da rede eléctrica.

Décimo primeiro. O 8.4.2022 Green Capital Power, S.L. presentou os documentos definitivos adaptados, de acordo co prescrito no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo segundo. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 19.5.2022 de mellora do proxecto definitivo, a promotora presenta o 27.5.2022 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 8.4.2022, e que ten a seguinte denominación: Proxecto refundido do parque eólico Troitomil (versión 01 maio 2022).

Décimo terceiro. O 30.5.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, que é favorable ao proxecto, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo cuarto. Formalizada a tramitación ambiental, o 4.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 222, do 22 de novembro).

Décimo quinto. O 10.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida (proxecto de execución, separatas técnicas, proxecto de interese autonómico, arquivos shape e excel coa configuración definitiva do parque eólico), resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 18.11.2022 Green Capital Power, S.L. presentou declaración responsable ante esta dirección xeral, en que indicaba que a documentación refundida é a presentada no antecedente de feito décimo segundo. O 9.3.2023 a promotora presentou unha corrección de erros da dita declaración.

Décimo sétimo. O 9.12.2022 Green Capital Power, S.L. presentou as separatas técnicas do proxecto de execución refundido.

Décimo oitavo. O 14.12.2022 a promotora achega novamente o arquivo shape e unha declaración responsable, na cal aclara que non son necesarias novas separatas para as empresas Retegal, S.A. e Retevisión, S.A., posto que non se producen novas afeccións. Ademais, no caso de Retevisión, S.A., a promotora asinou un acordo de colaboración para a implantación de medidas correctoras que eviten as posibles afeccións do parque eólico aos servizos prestados por esta entidade.

Décimo noveno. O 13.12.2022, esta dirección xeral remite, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegado pola promotora o 9.12.2022 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Movistar, S.A., Concello da Baña, Concello de Negreira e Deputación Provincial da Coruña.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Telecomunicacións o 23.12.2023, Augas de Galicia o 13.1.2023, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 25.1.2023 e Movistar, S.A. o 20.2.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,19 MW, segundo o informe do xestor da rede do 23.4.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, resumidas no antecedente de feito sexto, o 3.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, “as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que estean a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 quilómetros dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Campo Pequeno, Vilamartiño, Santa Comba, Barrosino e Vilartoxo e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou de distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións. No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto nos fundamentos de dereito. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) En canto á evacuación da enerxía producida, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

d) A instalación ten concedida a conexión na subestación Lousame 220 kV de REE.

e) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos da Baña e Negreira e direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

f) En relación coas metodoloxías de seguimento e recomendacións para reducir o impacto ambiental, as recollidas no proxecto están adaptadas ao contexto específico.

g) O organismo Augas de Galicia informou o 9.4.2022 de que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán considerarse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas no documento sometido a informe.

h) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29.3.2022 e do 25.4.2022, que consideran que, de cumprírense os estándares e medidas de seguimento referidas, deberíase asegurar a ausencia de efectos significativos sobre o ambiente, dos que poidan derivar afeccións á saúde da poboación.

i) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 31.5.2021 de que: “os aeroxeradores do parque eólico non afectarán montes veciñais en man común, montes pertencentes ao Catálogo de montes de utilidade pública nin outros montes de xestión pública. Do estudo da ortofotografía aérea PNOA dedúcese que os elementos do parque se instalarán na súa maior parte sobre superficies de vocación e uso forestal dedicadas á produción de madeira”.

j) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 16.4.2021 e 19.1.2022 nos cales se indica que os principais impactos sobre a paisaxe derivan da proximidade dos aeroxeradores aos núcleos de poboación, o que, sumado ás dimensións que acadan as infraestruturas nestas zonas elevadas e para os efectos acumulativos dos outros parques, autorizados, en funcionamento ou en tramitación, provoca unha alta incidencia visual na contorna. Ademais, o parque terá incidencia visual sobre o miradoiro de Santa Mariña e o Camiño de Santiago (Camiño Fisterra-Muxía), que discorre próximo aos aeroxeradores máis meridionais.

Pode considerarse cumprido o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e no artigo 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008. Lémbrase que, de acordo co artigo 30.3 do Regulamento da Lei 7/2008, as medidas correctoras determinadas no EIIP deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

k) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu o 24.6.2021 un informe favorable, debéndose levar a cabo as medidas correctoras establecidas no anexo III do estudo de impacto ambiental, e tendo en conta as condicións establecidas no informe.

l) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Troitomil, nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña) (expediente IN408A 2017/24).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos da Baña e Negreira e na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

m) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.10.2020.

n) En particular, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.10.2020, recóllese que: logo de comprobar o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal da Baña aprobado definitivamente o 26.6.2003 e Plan xeral de ordenación municipal de Negreira aprobado definitivamente o 18.5.1999), e as coordenadas UTM ETRS 89, fuso 29, recollidas no número 3.1 da memoria das posicións dos 5 aeroxeradores, conclúese que cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

ñ) Os planos contidos na documentación están realizados a partir de cartografía oficial, e imaxes de satélite. É coñecida, en particular, a existencia de erros na toponimia no caso destas últimas, cuestión que non pode imputarse á promotora do proxecto, pero que non impide a correcta identificación da localización das instalacións do parque eólico.

o) En canto ao idioma de redacción dalgún documento, os anexos ao proxecto presentado pola promotora que conteñen documentos xerais de equipamentos inclúense tal e como están entregados polos tecnólogos ou subministradores de equipamentos, sen que isto implique unha falla de información, xa que os datos contidos neles necesarios para a elaboración do proxecto xa están reflectidos no propio proxecto.

p) En relación coa suposta ausencia de estudo do potencial eólico, o potencial da zona de implantación deste parque está analizado no anexo V do proxecto: Avaluación enerxética.

q) En canto a posibles interferencias aos repetidores de televisión e telefonía máis próximos, a promotora deberá garantir a implantación das medidas correctoras necesarias para resolver as interferencias, asumindo o custo das instalacións alternativas que sexan precisas para asegurar o servizo que se estivese prestando, nas mesmas condicións de calidade.

r) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración serao para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, compre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos, a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o Acordo publicouse no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

u) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

v) Respecto á saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como á solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar una ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Troitomil, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Troitomil, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Troitomil.

Nos números 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Troitomil, sito nos concellos da Baña e Negreira (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 30 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Troitomil, composto polo documento Proxecto refundido do parque eólico Troitomil (versión 01 maio 2022), asinado polo enxeñeiro industrial Gustavo Javier de Domingo Sanz (colexiado nº 1.109 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Burgos y Palencia) e visado no referido colexio co nº BU2200114, do 26.5.2022.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Enderezo social: Edificio Serrano, rúa Marqués de Villamagna, 41, 28001 Madrid.

Denominación: parque eólico Troitomil.

Potencia instalada: 30 MW.

Potencia autorizada: 30 MW.

Produción neta: 103.585 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.453 h.

Concellos afectados: A Baña e Negreira (A Coruña).

Orzamento de execución material: 26.049.178,78 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

524.875,08

4.752.786,49

P2

524.875,08

4.756.786,49

P3

521.166,08

4.756.786,49

P4

521.166,08

4.753.207,49

P5

523.415,08

4.752.127,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Municipio

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

T1

523.218

4.756.036

A Baña

T2

522.879

4.753.785

A Baña

T3

523.313

4.753.512

A Baña

T4

523.589

4.753.083

A Baña

T5

523.590

4.752.535

A Baña

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

522.719

4.754.223

Coordenadas do centro da subestación:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET Troitomil

523.134

4.754.931

Coordenadas da envolvente da subestación:

Envolvente subestación Troitomil

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

523.119,14

4.754.979,08

P2

523.190,90

4.754.973,72

P3

523.185,39

4.754.900,02

P4

523.113,21

4.754.899,54

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores de 6 MW de potencia unitaria, con velocidade e paso variable, altura ata a buxa de 135 m e un diámetro de rotor de 170 m.

– 5 centros de transformación montados en góndola, de potencia unitaria de 6.500 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora proxectada, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-2OL H16Cu 18/30 kV Al.

– Subestación, SET Troitomil, con transformador de potencia en intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 80/100 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 30/132 kV. Esta subestación está deseñada para a transformación e evacuación da enerxía eléctrica producida polos parques eólicos de PE Barrosino (IN408A 2019/30), PE Vilartoxo (IN408A 2019/44) e PE Troitomil e distribuída do seguinte modo:

◦ Parque de 132 kV en intemperie con configuración de baía conxunta liña transformador, cos seguintes elementos:

▪ Posición liña/transformador:

• Tres autoválvulas na entrada da liña AT de 132 kV.

• Tres transformadores de tensión de 132 kV.

• Un seccionador tripolar con posta a terra de 132 kV.

• Un interruptor trifásico automático de 132 kV con mando unipolar.

• Tres transformadores de intensidade de 132 kV.

• Tres autoválvulas para protección do transformador de potencia de 132 kV.

• Un transformador de potencia de 80/100 MVA e relación de transformación 132/30kV (ONAN/ONAF) con grupo de conexión Ynd11.

◦ Parque de intemperie 30kV en simple barra que inclúe:

• Barras transformador.

• Tres autoválvulas de protección.

• Illadores soporte.

• Embarrado con tubo de cobre.

• Unha reactancia de posta a terra de 500/30s.

• Un seccionador de protección da reactancia.

◦ Parque interior 30 kV:

• Barras media tensión.

• Una cela de protección de transformador.

• Posición de medida de tensión en barras.

• Cinco celas de liña 30kV para os embarrados de media tensión (3 PE Troitomil, 1 PE Vilartoxo, 1 PE Barrosino).

• Unha cela de servizos auxiliares.

• Unha cela de batería de condensadores.

• No edificio tamén se situará o centro de control, coas comunicacións, proteccións e un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 50kVA e relación de transformación 30/0,4 kV.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2, de modo que as instalacións electromecánicas e centro de control do parque eólico forman un conxunto equipotencial. Na zona de operación de MT do edificio da subestación, esta rede compleméntase cun tendido adicional a base de Cu-95 mm2.

– 1 torre meteorolóxica de medición de 135 metros.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 195.369 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), a promotora deberá previamente ao inicio das obras, obter informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e presentar un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme se indica no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral acreditación do cumprimento do condicionado de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. do 25.1.2023.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, ou nas estacións radioeléctricas afectadas, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Green Capital Power, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade, de acordo co recollido no condicionado técnico da Dirección Xeral de Telecomunicacións do 23.12.2023, así como os condicionados das empresas Retegal, S.A. e Movistar, S.A.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais