Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32787

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/044).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Vilartoxo, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 13.6.2019, o promotor, Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 29.7.2019, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 14.12.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Vilartoxo, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores. O 27.1.2021, esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

Cuarto. O 4.2.2021, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 9.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que hai que seguir e se recollen os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

• O 21.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 8.6.2021 e 16.6.2021, o promotor, como resposta a un requirimento desta dirección xeral, achegou un novo estudo de impacto ambiental e as separatas técnicas do proxecto de execución.

Sexto. O 9.7.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Vilartoxo á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2019/044), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sétimo. O 3.8.2021, o promotor, como resposta a un requirimento da xefatura territorial, achegou documentación complementaria.

Oitavo. O 30.8.2021, a xefatura territorial ditou o acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (expediente IN408A 2019/044).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Baña e Val do Dubra) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a elas.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello da Baña, Concello de Val do Dubra, Dirección Xeral de Telecomunicacións, UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.10.2021, AXI o 28.9.2021, 28.3.2022 e 12.5.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 12.11.2021 e 23.12.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 21.10.2021, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 25.9.2021, e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 6.10.2021 e 26.10.2021. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Val do Dubra emitiu dous informes (un primeiro, o 22.10.2021, e un segundo de contestación á resposta do promotor, o 25.5.2022) e o Concello da Baña tamén (un primeiro, o 19.10.2021, e un segundo de contestación á resposta do promotor, o 25.5.2022) nos cales, ademais de fixaren o condicionado técnico, formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole, como as relativas ás distancias a núcleos de poboación ou ás afeccións. O promotor prestou a súa conformidade co condicionado técnico e deu resposta ao resto de cuestións. Ao respecto destas, hai que indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver).

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello da Baña, Concello de Val do Dubra, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

Décimo primeiro. Con datas 21.7.2022 e 4.8.2022, o promotor presentou a documentación técnica definitiva, coas adaptacións realizadas con base nas alegacións e informes recibidos durante a tramitación, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 17.8.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2019/044 e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, xuntando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 17.8.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

Así mesmo, xuntouse informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, emitido polos servizos técnicos da xefatura territorial o 5.8.2022, en que se conclúe que se emite informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Vilartoxo, para os efectos das autorizacións administrativas previa e de construción.

Décimo terceiro. O 21.9.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 25.11.2022, formular a DIA do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (clave: 2020/0018), que se fixo pública mediante o Anuncio do 28.11.2022, do órgano ambiental (DOG núm. 237, do 15.12.2022).

Décimo cuarto. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 20.2.2023 o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable en que indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para tres entidades (Concello da Baña, Concello de Val do Dubra e Augas de Galicia), para as que presenta novas separatas.

Décimo quinto. O 7.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas tres entidades (Concello da Baña, Concello de Val do Dubra e Augas de Galicia), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 3.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

O Concello de Val do Dubra emitiu informe, o 4.4.2023, no mesmo sentido que os informes emitidos para a primeira separata. O promotor prestou a súa conformidade co condicionado técnico e deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo Concello. Ao respecto destas cuestións, cabe indicar o mesmo que o xa manifestado en contestación aos seus primeiros informes.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, consonte o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 7.3.2023, esta dirección xeral solicitoulle á xefatura territorial o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido.

A xefatura territorial emitiu informe, o 15.3.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Vilartoxo, en que se conclúe que o informe emitido o 5.8.2022 segue tendo validez, coa única corrección do orzamento e da versión do proxecto.

Décimo sétimo. O parque eólico Vilartoxo conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo informes do xestor da rede de datas 11.9.2019, 15.4.2020 e 23.4.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014 (DOG núm. 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 24.2.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto PE Alvite, Barrosino e San Cosmeiro e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do RD 1183/2020, modifica o RD 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Vilartoxo comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Campelo, o que non impide que os dous parques que comparten evacuación teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

d) A exixencia de instalación de balizas luminosas e as súas características vén establecida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

e) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 7.5.2021 e 18.4.2022, que consideran satisfeitos os requisitos exixibles sobre os posibles impactos que puidesen ter unha repercusión na saúde humana.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informou, o 8.11.2021, que o parque non ocupará montes do Catálogo de montes de utilidade pública nin montes de xestión pública ou veciñais en man común. A modificación dos planeamentos municipais deberá limitarse ás superficies de afección directa dos elementos do parque, co obxecto de que a perda do potencial forestal dos terreos adxacentes sexa só a estritamente necesaria para asegurar a viabilidade e seguridade da infraestrutura.

g) No que respecta á afección á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio emitiu, o 1.10.2021 e 30.5.2022, informes en que se considera cumprido o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG. As medidas de integración paisaxística deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

A incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras agás nos núcleos rurais, non supón un impacto crítico.

h) Sobre a posible afección ás augas superficiais e soterradas, o organismo Augas de Galicia informou o 15.10.2021 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións a tal efecto referidas no seu informe.

i) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu, o 25.11.2021 e 10.10.2022, informe favorable sobre a documentación presentada polo promotor, debéndose ter en conta as medidas correctoras e compensatorias establecidas e o cumprimento de determinadas condicións.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.4.2021.

k) Neste sentido, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso urbanístico ou outro, senón permitir a aplicación complementaria dos réximes existentes co de protección de infraestruturas.

l) En particular, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 21.4.2021, recóllese que: «Comprobado o planeamento vixente dos concellos afectados polas coordenadas dos seis aeroxeradores recollidas no punto 3.1 da memoria (Plan xeral de ordenación municipal da Baña do 26.6.2003 e normas subsidiarias de planeamento de Val do Dubra do 15.4.1997), conclúese que todas elas cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

m) En relación coa falla de utilidade pública do proxecto, esta vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración será para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

n) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do RD 1183/2020 modifica o RD 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

o) No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador se fixarán as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

p) Sobre a perda de superficies agraria e forestal pola fragmentación de predios provocada polas servidumes do parque eólico, só se perderían superficies agrarias naqueles terreos en que realmente se instalen as infraestruturas do parque eólico (aeroxeradores, centro de seccionamento, gabia, vías...) e superficies forestais nos anteriores elementos e no voo dos aeroxeradores.

q) Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, como xa se indicou, non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, o promotor deberá chegar a un acordo cos propietarios ou ben iniciar un procedemento expropiatorio en que se fixarán as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En relación coa posible perda de sinal de televisión ou telecomunicacións, os repetidores de televisión e telefonía máis próximos atópanse a unha distancia o suficientemente afastada. De acordo cos informes emitidos polas entidades xestoras destes servizos, a posibilidade de producir interferencias é moi reducida ou nula. Serán as propias entidades xestoras destas instalacións as que corroboren este feito.

r) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) (expediente IN408A 2019/44).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos da Baña e Val do Dubra e nas xefaturas territoriais da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

s) No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

t) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

u) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

v) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

w) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, convén expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

x) En relación cos escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA do parque eólico Vilartoxo, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ao respecto da DIA das instalacións do parque eólico Vilartoxo, formulada polo órgano ambiental o 25.11.2022 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Vilartoxo, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Vilartoxo. Nos seus puntos 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EIA e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Vilartoxo, sito nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 27 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Vilartoxo, composto polo documento Proxecto refundido parque eólico Vilartoxo, asinado o 16.2.2023 polo enxeñeiro industrial Gustavo Javier de Domingo Sanz (colexiado núm. 1.109 do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Burgos e Palencia) e visado por este colexio, co núm. BU2000401 e data 16.2.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotor: Green Capital Power, S.L.

• Denominación: parque eólico Vilartoxo.

• Potencia instalada: 27 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 27 MW.

• Produción neta: 79.673 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 2.951 h.

• Concellos afectados: A Baña e Val do Dubra (A Coruña).

• Orzamento de execución material: 21.536.967,57 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Punto

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

523.719

4.759.820

P2

526.876

4.759.820

P3

526.876

4.754.727

P4

523.719

4.754.727

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

VI01

526.127

4.755.180

VI02

525.765

4.755.427

VI03

525.796

4.756.246

VI04

525.802

4.757.198

VI05

525.611

4.757.692

VI06

525.640

4.758.964

• Coordenadas da torre meteorolóxica e do centro de seccionamento do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

Torre meteorolóxica

525.806

4.756.800

Centro de seccionamento

525.823

4.755.652

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo Siemens-Gamesa SG145 de 4,5 MW de potencia unitaria, con velocidade e paso variable, altura ata a buxa de 127,5 m e un diámetro de rotor de 145 m.

– 6 centros de transformación montados en góndola, de potencia unitaria de 5.350 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Unha (1) torre meteorolóxica de 129,5 m de altura (127,5 m de altura da estrutura da torre máis 2,00 m de altura do pararraios).

– Un (1) centro de seccionamento formado por dous edificios prefabricados cun sistema de 30 kV, da seguinte maneira:

– Un edificio prefabricado de celas de media tensión, dedicado a albergar as celas de posición de liña, dúas (2) para a chegada das liñas de cada circuíto desde o parque eólico e unha (1) da saída de liña, unha (1) cela de transformador de servizos auxiliares e unha (1) cela de medida de tensión de barra. Tamén irá situado o transformador de servicios auxiliares de 50 kVA.

– Un edificio prefabricado de control, onde se instalarán os cadros de control, servizos auxiliares e proteccións correspondentes, xunto cos equipamentos de mando, control e protección de 30 kV e os servizos comúns.

– A superficie construída é de aproximadamente 32,28 m2.

• O sistema colector de media tensión está formado por dous (2) circuítos de 30 kV en instalación subterránea e ten como obxecto a canalización da enerxía xerada polas aeroturbinas ata o centro de seccionamento de 30 kV. O primeiro dos circuítos enlaza os aeroxeradores VI01 e VI02 co centro de seccionamento do parque, mentres que o segundo circuíto fai o mesmo cos restantes aeroxeradores.

• O tipo de cable utilizado para a rede colectora de media tensión será RHZ1-20L H16 Cu 18/30 kV AL sen armadura, de diferentes seccións (95, 150, 240 e 400 mm2).

• Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2, de modo que as instalacións electromecánicas e o centro de control do parque eólico forman un conxunto equipotencial. Na zona do centro de seccionamento, esta rede compleméntase cun tendido adicional a base de Cu-95 mm2.

• Pola mesma gabia das citadas liñas de media tensión instalarase unha rede de comunicacións que utilizará como soporte un cable de fibra óptica monomodo con 24 fibras de 9/125 µm, armado con fibra de vidro, e que se empregará para a monitorización e control do parque eólico.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Green Capital Power, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 161.500 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 215.334 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na DIA, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais